heroe na guerra de Troia From Wikipedia, the free encyclopedia
Aquiles (en grego antigo Ἀχιλλεύς / Akhilleús) é un heroe lendario da guerra de Troia, fillo de Peleo (rei de Ptía en Tesalia) e de Tetis, unha das Nereidas, (ninfa mariña). Os textos refírense a el frecuentemente co nome de Pelida (polo seu pai, Peleo), pero tamén como Eácida (polo seu avó Éaco), epítetos que remontan aos seus devanceiros.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | sen valor |
Morte | sen valor Troia, Turquía |
Lugar de sepultura | Achilleion (en) |
Rei dos Mirmídones (pt) | |
Datos persoais | |
Relixión | Relixión da Grecia antiga |
Actividade | |
Carreira militar | |
Conflito | Guerra de Troia |
Celebración | Mitoloxía grega |
Familia | |
Cónxuxe | Deidamia Helena |
Parella | Patroclo Briseis Pentesileia Diomede Helena |
Fillos | Euforião () Helena Neptólemo () Deidamia |
Pais | Peleo e Tetis |
Descrito pola fonte | Enciclopedia de Otto Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Literary Encyclopedia 1929—1939 (en) , |
Un dos feitos da súa lenda que máis o marcan vén do desexo da súa nai de convertelo en inmortal. En seguida, os relatos difiren. Segundo Licofrón, Tetis ten sete fillos de Peleo, e guinda seis ao lume, porque non son inmortais e por despeito cara ao matrimonio forzado con Peleo. O escoliasta de Homero afirma máis ben que os puxo no lume para que este consumise a parte mortal dos nenos (unha lenda semellante está asociada con Isis, na mitoloxía exipcia, ou a Demofonte de Eleusis). Segundo o gramático Xoán Tzetzes, esfrégao con ambrosía e mergúllao no lume pola noite.
Finalmente, a variante máis popular amósanola mergullando o seu fillo nas augas da lagoa Estixia, o río dos Infernos, suxeitándoo polo talón. Así convértese en invulnerábel, coa excepción do talón polo que o sostivera a súa nai, cousa que deu lugar á expresión «talón de Aquiles», que significa «sitio vulnerábel, punto sensíbel». Porén, non hai nada n’A Ilíada que permita asegurar que Aquiles é insensíbel aos golpes. Na Continuación de Homero de Quinto de Esmirna, resulta ferido polo príncipe etíope Memnón (II, 410–411). Cómpre notar, polo demais, que Aquiles non é o único heroe grego considerado (case) invulnerábel: os Antigos conceden tamén ese privilexio a Áiax o Grande.
Aquiles aprende de Fénix, o fillo de Amíntor, a arte da elocuencia e o manexo das armas. Recibe leccións de medicina do centauro Quirón, quen o alimenta con entrañas de animais para lle conferir a súa forza, e con mel pola dozura.
Ante as advertencias de súa nai, quen lle augura unha vida curta e brillante ou unha vida longa pero escura, responde que prefire a primeira. Aos nove anos, o adiviño Calcas predí que a súa fermosura e a súa coraxe, así como a protección de Hera e de Atenea, o fan indispensábel aos gregos para obteren a vitoria sobre Troia. A súa nai, temendo pola súa vida, disfrázao de muller e escóndeo entre as fillas de Licomedes, rei de Esciros, a fin de substraelo á presión dos guerreiros. Nesta ocasión leva o nome de Pirra. Dunha filla de Licomedes, Deidamia, coa que ha casar máis tarde, ten un fillo, Neoptólemo, tamén alcuñado Pirro, e que participará igualmente na guerra de Troia.
Unha argucia de Ulises obrígao a seguir aos gregos: disfrazado de comerciante, o rei de Ítaca proponlles ás fillas de Licomedes que proben uns tecidos preciosos e unhas armas. Aquiles descóbrese ao ser o único que probou as armas [1] Polo contrario, segundo Homero (Ilíada IX, 439), Aquiles é enviado directamente por Peleo, á fronte dos seus Mirmidóns.
Ávido de gloria e de fazañas, segue, pois, xunto co seu inseparábel amigo Patroclo, aos dous heroes gregos Ulises e Néstor e únese ao asedio de Troia. Ao inicio da guerra, segundo o Pseudo-Apolodoro, Aquiles ten quince anos, cousa que fai deste un dos máis novos guerreiros aqueos.
Cando chegou a Troia, unha vez os Troianos parapetados tras das súas murallas, Aquiles dedícase a cortar o aprovisionamento da cidade. Á fronte das súas naves, ataca e reduce así once cidades de Asia Menor, tributarias de Troia. É nunha desas cidades, no décimo ano de sitio, cando recibe como botín a Briseida, mentres que Agamenón recibe a Criseida tras o saqueo de Tebas.
Neste momento é cando empeza a narración da Ilíada. Unha peste asola o campamento grego e Calcas, incitado por Aquiles, revela que Apolo castigou a Agamenón por lle negar ao seu sacerdote, Crises, a devolución da súa filla Criseida. Obrigado a ceder, Agamenón, furioso, reclama outra parte de botín. Aquiles protesta e Agamenón, para humillalo, decide substituír a Criseida e toma a Briseida, a bela prisioneira de Aquiles. Enfadado, este último retírase á súa tenda e xura sobre o cetro de Agamenón, regalo de Zeus, non volver ao combate. Implora á súa nai que lle pida a Zeus que os troianos tomen vantaxe, en tanto el estea ausente do campo de batalla. Zeus concédello. Isto é o que resumen os primeiros versos da Ilíada:
«Canta, deusa, a cólera do Pelida Aquiles,
maldita, que causou moitas dores aos aqueos
E fixo baixar ao Hades tantas vidas valorosas
De heroes, e eles mesmos serviron de pasto para os cans
E banquete para as aves: así cumpríase o plan de Zeus»
Privados do seu apoio, os gregos sofren derrota tras derrota, e cando os gregos están acurralados e os troianos ameazan con queimaren as súas naves, o vello sabio Néstor convence a Patroclo, o amigo e amante de Aquiles, para que o substitúa. Patroclo obtén o permiso de Aquiles para salvar os gregos levando as súas armas. A manobra ten éxito pero Patroclo, malia a súa promesa a Aquiles, emprende a persecución. É matado por Heitor, que toma as armas de Aquiles como botín. Furioso e humillado -enganado por Patroclo-, Aquiles decide vingarse, malia as advertencias da súa nai: enfrontárase con Heitor, el ha morrer pouco tempo despois. Hefesto fórxalle novas armas, coas que sae á procura de Heitor.
Revestido coa súa armadura divina, traba outra vez combate e abate un gran número de troianos ao seu paso, ata tal punto que as augas do Escamandro están ateigadas de cadáveres. Ofendido, o Escamandro houbo de afogar a Aquiles. Por fin atopa a Heitor, desafíao e mátao coa axuda de Atenea. Arrastra os seus restos tres veces ao redor da cidade, cun carro que habitualmente guiaba Automedonte e cada día ao redor da tumba de Patroclo.
Aquiles accede á súplica do rei Príamo que lle vén reclamar o corpo do seu fillo para lle ofrecer uns funerais dignos[2]. Obedece así á súa nai, enviada polos deuses, descontentos polo trato inflixido as restos do heroe. Organiza deseguido os funerais e os xogos fúnebres do seu amigo Patroclo.
Pero os días de Aquiles están contados, morre pouco despois, ao pé das murallas de Troia, co talón, o seu punto débil, furado por unha frecha disparada por Paris (guiada por Apolo) ou polo mesmo Apolo. Varios mitos diverxen en canto á súa morte: ben que tivo lugar no campo de batalla, ben no templo de Apolo, ao dispoñerse a traizoar os gregos para desposar a Políxena, filla do rei Príamo, da que se namorara. Os seus funerais cóntanolos no canto XXIV da Odisea a alma de Agamenón, así como no libro III das Posthoméricas de Quinto de Esmirna. As súas cinzas mesturáronse coas de Patroclo e de Antíloco nunha urna de ouro. Foi enterrado, en medio de choros e de xemidos, na ribeira do Helesponto e non coñeceu, xa que logo, a vitoria final dos gregos.
Homero, na Odisea, represéntao reinando sobre o prado do asfódelo no Hades, e moi desenganado. A Ulises, que o felicita por reinar entre os mortos, respóndelle (XI, 488–491):
«Non tentes abrandarme a morte, nobre Ulises!
Preferiría estar na terra doméstica dun labrego,
Mesmo sen patrimonio e case sen recursos,
Que reinar aquí entre as sombras consumidas...»
Nunha variante do mito, unha des epopeas do Ciclo Troiano, A Etiópida, sae representado tras a súa morte como vivindo a vida ideal do guerreiro, na Illa Branca, en medio de innúmeros combates e de festíns eternos, casado con Medea, con Helena, con Ifixenia ou mesmo con Políxena. Píndaro, nas Nemeas (IV, 49-50), evoca pola súa banda unha illa «brillante» situada no Ponto Euxino. Eurípides retoma igualmente esta versión na súa Andrómaca (v. 1259–1262).
Aquiles frecuentemente é chamado «Pelida» ou «Eácida», epítetos que nos recordan a súa ascendencia. O nome de Aquiles propiamente dito é de etimoloxía descoñecida. No seu Dictionnaire étymologique de la langue grecque, Pierre Chantraine fai unha listaxe das numerosas hipóteses avanzadas ao longo dos séculos. A cuestión en efecto xa se suscitou na antigüidade: o Pseudo-Apolodoro explica así que o seu nome significa «o que non ten labios» (dun α privativo e de χεῖλος / kheĩlos, «labio»), «porque nunca aproximara os seus labios a un peito» (Biblioteca, III, 13, 6). Con todo, esta etimoloxía popular non ten base ningunha.
Unha das hipóteses máis convincentes, emitida por Leonard Palmer, dá ao nome do heroe o senso de «aquel cuxo exército está aflixido», de ἀχός / akhós, «a pena, a aflición», e de λαός / laós, «o exército, a tropa dos guerreiros». En efecto, a figura de Aquiles está estreitamente ligada coa pena: a que experimentaron os aqueos cando Aquiles se retira da batalla, e logo cando morre.
Malia o seu carácter receoso, Aquiles «o dos pés lixeiros» é considerado polos gregos igual ca un semideus, e venerado en templos que lle foron dedicados en Esparta e na Élide. Ten numerosas aventuras e atribúenselle numerosos amores.
Aquiles é obxecto dun culto heroico en varias rexións do Mediterráneo. É difícil saber como naceu o culto, pois os cultos heroicos focalízanse polo xeral sobre a tumba do heroe. Así, os restos de Aquiles suponse que se atopan nas ribeiras do Helesponto, non lonxe de Troia: na Ilíada (XXIII), Patroclo é enterrado nese lugar, e o seu fantasma pídelle a Aquiles que as súas cinzas se enterren no mesmo sitio. A Odisea no seu canto XXIV confirma a cuestión.
Aquiles é venerado no Quersoneso de Tracia, na rexión de Olbia e en Tendra, así como en Leucé, illa identificada coa Illa Branca. Aí, os contos dos mariñeiros evocan aparicións do heroe. Esta asociación de Aquiles non debe estrañarnos: Aquiles é fillo dunha Nereida.
Ten templos dedicados (heróons) e con culto, especialmente en Esparta e na Élide. Certos poemas imaxínano seguindo unha radiante vida póstuma, ben na Illa Branca, no esteiro do Danubio, ben nos Campos Elisios, rodeado de divindades coas que comparte a existencia e os praceres dentro dunha eterna ledicia, entrecortada con festíns e numerosos combates.
Algunhas inscricións a el dedicadas testemuñan un culto na rexión do mar Negro desde o século V a.C. ata o período romano, onde é coñecido co nome de «Pontarca» (en grego, rei do Ponto). Un fragmento de Alceo (354 LP), recollendo a fraseoloxía destas inscricións, evoca a Aquiles reinando sobre Escitia (Ἀχιλλεύς ὀ τὰς Σκυθίκας / Akhilleús ho tàs Skuthíkas).
Aquiles é un heroe exemplar. Así Alexandre o Grande compárase con el, laiándose por non ter atopado un Homero para cantar as súas propias fazañas. Na compaña do seu amante Hefestión, o conquistador sacrifica mesmo sobre a tumba de Aquiles e de Patroclo.
Atopámolo nas artes pero tamén na filosofía. Así por exemplo, Sócrates dedícase a relativizar a rectitude moral (a falta dunha envergadura intelectual suficiente, Aquiles non tería sido capaz de enganar a outro) por medio dunha comparación entre Ulises e Aquiles, dedicándose a demostrar que se Ulises era mentireiro, Aquiles non o era menos, só que menos hábil. Ao contrario, Píndaro loa a súa rectitude nunha das súas Nemeas.
Aquiles é o heroe da Ilíada, pero tamén doutras epopeas do Ciclo. Pódense citar A Memnónida e A Etiópida de Arctino de Mileto, con influencias da primeira sobre a segunda, ao falar de Aquiles cando mata o heroe Memnón para vingar ao seu amigo Antíloco, tema moi comparábel ao combate contra Heitor para vingar a Patroclo. Estas dúas epopeas son probabelmente anteriores a Homero.
É tamén o heroe d’A Aquileida, un poema en latín inacabado de Estacio, que relataba a súa infancia.
Aquiles foi encarnado no cine por:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.