Expresión xénica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A expresión xénica é o proceso por medio do cal a información dun xene se utiliza para sintetizar un produto xénico funcional. Estes produtos son moitas veces proteínas, pero tamén existen xenes que non codifican proteínas, como os xenes dos ARN ribosómicos, ARN transferentes ou ARN nucleares pequenos, nos que o produto sintetizado é un ARN funcional. O proceso de expresión xénica utilízano todas as formas de vida coñecidas: eucariotas (tanto os unicelulares coma os pluricelulares), procariotas (bacterias e arqueas), para xerar as macromoléculas necesarias para a vida. Poden modularse varias fases do proceso da expresión xénica, como a transcrición, o splicing de ARN, a tradución, e a modificación postraducional dunha proteína. A regulación da expresión xénica dálle á célula o control sobre a súa estrutura e funcións, e é a base para a diferenciación celular, morfoxénese e a versatilidade e adaptabilidade dun organismo. A regulación xénica pode tamén servir como substrato para o cambio evolutivo, xa que o control do momento, localización, e cantidade de expresión dun xene pode ter un profundo efecto nas funcións (accións) do xene na célula ou nun organismo pluricelular.
En xenética, a expresión xénica é o nivel máis fundamental no que o xenotipo orixina o fenotipo. O código xenético do ADN é "interpretado" por medio da expresión xénica, e as propiedades da expresión dan lugar ao fenotipo do organismo. Os fenotipos a miúdo exprésanse pola síntese de proteínas que controlan a forma do organismo, ou que actúan como encimas que catalizan vías metabólicas específicas características de cada organismo.