Vía metabólica
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioquímica, unha vía metabólica ou ruta metabólica é un conxunto de reaccións químicas de tipo encimático, que teñen lugar unha detrás da outra e van transformando pouco a pouco un substrato inicial, que orixina ao final da vía un ou varios produtos finais. A vía progresa a través dunha serie de metabolitos intermediarios, de modo que o produto final dunha reacción da vía é o substrato inicial da seguinte reacción [1]. Por exemplo, nunha vía metabólica que inclúa a seguinte secuencia de reaccións:
A é o substrato inicial, E é o produto final, e B, C, D son os metabolitos intermediarios da vía metabólica. En cada unha das reaccións interviría un encima.
Unha mutación xenética nun xene que codificaba un dos encimas da vía pode facer que a vía non funcione ben o que orixinará un trastorno, que pode ser moi grave.
Moitas destas rutas son moi complexas e implican unha modificación paso a paso da substancia inicial para darlle a forma do produto coa estrutura química desexada. Xeralmente cada encima introduce só pequenas modificacións no substrato. As reaccións encimáticas da ruta son na súa maioría reversibles e próximas ao equilibrio, pero nas condicións celulares están desprazadas nun dos sentidos, aínda que as rutas inclúen tamén algunhas reaccións irreversibles.
Todas as rutas metabólicas están interconectadas e moitas non teñen sentido illadamente; porén, dada a enorme complexidade do metabolismo, a súa subdivisión en series relativamente curtas de reaccións facilita moito a súa comprensión. Moitas rutas metabólicas entrecrúzanse e existen algúns metabolitos que son importantes encrucilladas metabólicas, como o acetil-CoA.
As rutas metabólicas están perfectamente reguladas para que se produzan as substancias precisas nas cantidades precisas e nos momentos axeitados. Existen encimas reguladores, xeralmente alostéricos, situados ao principio ou nalgún punto chave da vía, que controlan o funcionamento de toda a vía. É frecuente a regulación por retroalimentación negativa ou inhibición por feed-back (cando se formou produto final dabondo nunha ruta, este produto inhibe os encimas da ruta).
Nos eucariotas as vías do anabolismo e catabolismo xeralmente funcionan independentemente e mesmo adoitan estar separadas fisicamente en compartimentos celulares ou orgánulos distintos [2]. Por exemplo, a síntese dos ácidos graxos ten lugar fundamentalmente no citosol, entanto que a beta-oxidación dos ácidos graxos ten lugar fundamentalmente nas mitocondrias.