![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/73/Glycolysis-gl.svg/langgl-640px-Glycolysis-gl.svg.png&w=640&q=50)
Glicólise
vía metabólica para converter a glicosa en piruvato para obter enerxía para a célula. / From Wikipedia, the free encyclopedia
A glicólise (do grego glycos, azucre e lysis, rotura), é a vía metabólica encargada de converter a glicosa en piruvato para obter enerxía para a célula. Consta de 10 reaccións encimáticas consecutivas que converten a glicosa en dúas moléculas de piruvato, o cal pode seguir outras vías metabólicas nas que cederá enerxía á célula.[1]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/73/Glycolysis-gl.svg/640px-Glycolysis-gl.svg.png)
O tipo de glicólise máis común e máis coñecida é a vía de Embden-Meyerhof, explicada inicialmente por Gustav Embden e Otto Fritz Meyerhof . O termo pode incluír outras vías alternativas, como a vía de Entner-Doudoroff. Porén, glicólise úsase con grande frecuencia como sinónimo de vía de Embden-Meyerhof. É a vía inicial do catabolismo (degradación) de carbohidratos.
Durante a glicólise obtense un rendemento neto de dúas moléculas de ATP e dúas de NADH; o ATP pode usarse como fonte de enerxía para realizar traballo metabólico, mentres que o NADH pode ter diferentes destinos. Pode usarse como fonte de poder redutor en reaccións anabólicas; se hai osíxeno, pode oxidarse na cadea respiratoria, obténdose tres ATP por cada NADH; se non hai osíxeno, úsase para reducir o piruvato a lactato (fermentación láctica), ou a CO2 e etanol (fermentación alcohólica), sen obtención adicional de enerxía.
As funcións da glicólise son:
- Xeración de moléculas de alta enerxía (ATP e NADH) como fonte de enerxía celular en procesos de respiración aeróbica (presenza de osíxeno) e fermentación (ausencia de osíxeno).
- Xeración de piruvato que pasará ao ciclo de Krebs, como parte da respiración aeróbica.
- Produción de intermediarios de 6 e 3 carbonos que poden ser utilizados noutros procesos celulares.
En eucariotas e procariotas, a glicólise ocorre no citosol da célula. En células vexetais, algunhas das reaccións glicolíticas danse tamén no ciclo de Calvin, que ocorre dentro dos cloroplastos. A ampla conservación evolutiva desta vía inclúe os organismos filoxeneticamente máis antigos, e por isto considérase unha das vías metabólicas máis antigas.[2]