Produto xénico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un produto xénico é a molécula bioquímica, que pode ser ARN ou proteína, que é o resultado final da expresión dun xene. Un xene exprésase inicialmente transcribíndose a ARN; despois este ARN pode traducirse a proteínas ou non, segundo os casos. Ás veces utilízase a medida da cantidade de produto xénico para estimar o grao de actividade dun xene. As cantidades anormais de produto xénico poden correlacionarse coa aparición de doenzas causadas por alelos alterados ou anormais, como os que producen a sobreactividade dos oncoxenes que causan o cancro.[1][2] O xene defínese como "unha unidade hereditaria de ADN que é necesaria para producir un produto funcional".[3] Entre os elementos regulatorios dos xenes están os seguintes: rexión promotora, caixa TATA, secuencias de poliadenilación e amplificadores ou enhancers. Estes elementos funcionan en combinación cun marco aberto de lectura para crear un produto funcional. Este produto pode ser transcrito e ser un ARN directamente funcional, ou ser un ARNm que será traducido nos ribosomas para orixinar unha proteína funcional.