From Wikipedia, the free encyclopedia
A epiderme é a capa máis externa da pel,[1] que está situada encima da segunda capa da pel, chamada derme. Trátase dun epitelio estratificado escamoso ou pavimentoso,[2] composto por células chamadas queratinocitos, que están mortas na parte superior da epiderme e que proliferan na parte inferior. A epiderme actúa como unha eficaz barreira protectora contra a penetración de patóxenos no organismo, facendo da pel unha barreira natural contra a infección.[3] Tamén regula as perdas de auga do corpo cara á atmosfera por medio da perda de auga transepidérmica, que ten escaso control fisiolóxico (distinta da suoración).[4]
Nos humanos, a epiderme máis fina é a das pálpebras (0,05 mm) e a máis grosa a das palmas da man e plantas dos pés (1,5 mm).[5]
As cristas da rede [6]) son engrosamentos epidérmicos que se estenden inferiormente entre as papilas dérmicas.[7] Debaixo da epiderme hai capilares sanguíneos conectados a arteriolas e vénulas.
A súa orixe embrionaria é ectodérmica.
A epiderme non ten nervios nin vasos sanguineos, e nútrese por difusión desde a derme. Está constituída por un 95% de queratinocitos [2] pero tamén contén melanocitos, células de Langerhans, células de Merkel,[1] e células inflamatorias.
A epiderme está composta por 4 ou 5 capas dependendo da rexión da pel que se considere.[8] Ditas capas en orde descendente son:[3]:
O termo capa de Malpighio (stratum malpighi) defínese normamente como o conxunto dos estratos basal e espiñoso.[2]
A epiderme está separada da derme que está debaixo por unha membrana basal.
O epitelio estratificado escamoso mantense grazas ás divisións celulares do estrato basal ou xerminativo. As células en diferenciación formadas preto da membrana basal son desprazadas a capas sucesivamente superiores á vez que se transforman pasando por múltiples estadios, ata chegaren ao estrato córneo, onde perden o seu núcleo e orgánulos, morren e descámanse unidas en láminas escamosas. Os queratinocitos en diferenciación producen gran cantidade de queratina. Na pel normal a produción de queratinocitos na capa basal iguala a descamación na capa superficial,[2] e unha célula tarda dúas semanas en pasar do estrato basal ao inicio do córneo, e algunhas semanas máis en cruzar o estrato córneo.[3] Pode dicirse que todo a nosa pel se nova nun período duns 48 días.[11]
A diferenciación dos queratinocitos a través da epiderme está en parte mediada por un gradiente de calcio, que se incrementa desde o estrato basal ata as partes externas do estrato granuloso, onde chega ao seu máximo, e a partir de alí decrece en dirección ao estrato córneo. A concentración de calcio no estrato córneo é moi baixa en parte porque esas células relativamente secas teñen pouca capacidade para disolver ións. Este gradiente de calcio correspóndese coa diferenciación dos queratinocitos e considérase que é un factor regulador chave na formación das capas epidérmicas.[4]
A elevación das concentracións de calcio extracelular induce un incremento nas concentracións intracelulares de calcio libre.[12] Parte do incremento do calcio intracelular débese á liberación de calcio dos seus depósitos intracelulares [13] pero outra parte procede do fluxo de calcio do exterior a través das membranas,[14] por medio de canais de cloruro sensibles ao calcio [15] e de canais catiónicos dependentes de voltaxe permeables ao calcio.[16] Ademais, suxeriuse que un receptor da superficie celular sensible ao calcio extracelular (CaSR) tamén contribúe ao incremento intracelular de calcio.[17]
A organoxénese da epiderme, é dicir, a súa formación, empeza nas células que cobren ao embrión despois da neurulación (formación do sistema nervioso central). Na maioría dos vertebrados, esta estrutura orixinalmente ten unha soa capa, e rapidamente se tansforma nun tecido de dúas capas; unha capa externa temporal peridérmica, que se elimina unha vez que se forma a capa basal ou estrato xerminativo. [18]
A capa interna é un epitelio xerminativo que dá lugar a todas as células epidérmicas. Divídese para formar a capa espiñosa externa (stratum spinosum). As células destas dúas capas, en conxunto chamadas capas de Malpighio, divídense para formar a capa granular superficial (stratum granulosum) da epiderme. [18]
As células do estrato granuloso non se dividen, pero son as que orixinan os queratinocitos. Estas células finalmente dan lugar á capa córnea (stratum corneum), a máis externa da epiderme. Despois do nacemento as células máis externas son substituídas por outras que se orixinaron en capas inferiores.[18]
O desenvolvemento da epiderme é o resultado da influencia de varios factores de crecemento, dous dos cales son:[18]
A epiderme serve como unha barreira que protexe ao corpo dos microbios patóxenos, o estrés oxidante (raios ultravioletas) e compostos químicos) e proporciona unha resistencia mecánica. A maioría destas funcións realízaas o estrato córneo.[10]
A capacidade da pel de reter auga débese principalmente ao estrato córneo e é fundamental para manter a saúde da pel.[21] Os lípidos que están dispostos de forma organizada e formando un gradiente entre as células do estrato córneo forman unha barreira para a perda de auga transepidérmica.[22][23]
A cantidade e a distribución do pigmento melanina na epiderme é a principal razón para unha variación na cor da pel no Homo sapiens. A melanina encóntrase nunhas pequenas partículas chamadas melanosomas, formadas polos melanocitos da pel, que os transfiren aos queratinocitos, que así toman cor. A cantidade de pigmentación varía segundo a rexión do corpo e as poboacións humanas. Na pel das poboacións brancas e orientais os melanosomas forman agregados, pero nas poboacións de pel escura son de maior tamaño e están distribuídos máis uniformemente. O número de melanosomas nos queratinocitos aumenta coa exposición aos raios ultravioleta, pero a súa distribución na pel vese pouco alterada. [24]
O cultivo en laboratorio de queratinocitos para formar estruturas en tres dimensións (pel artificial), que reproduce a maioría das propiedades da epiderme, úsase correntemente como ferramenta para o desenvolvemento de drogas e diversos ensaios.[25][26]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.