escritora austríaca From Wikipedia, the free encyclopedia
Elfriede Jelinek, nada o 20 de outubro de 1946 en Mürzzuschlag (Estiria, Austria), é unha escritora austriaca en lingua alemá. O ano 2004 recibiu o Premio Nobel de Literatura polo "fluír musical de voces e contravoces en novelas e obras dramáticas, que cun apaixonamento verbal característico, desenmascaran o absurdo e a forza coercitiva dos clixés sociais".
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Elfriede Jelinek naceu en Mürzzuschlag. Súa nai, Olga Jelinek (de solteira Olga Buchner), que procedía dunha familia da alta burguesía vienesa, mantivo economicamente a familia durante moito tempo co seu traballo de contable. Seu pai, Friedrich Jelinek, era un químico de orixe hebreo-checa. A súa profesión, clasificada entre as "útiles para a guerra", liberouno das persecucións durante os anos do nacionalsocialismo, baixo as que sucumbiron varios membros da familia. Foille asignado un posto de traballo na industria militar estratéxica. Friedrich Jelinek, co que a escritora tivo unha relación difícil, psiquicamente enfermo dende a década de 1950, viviu pechado na súa casa nos anos 60 e faleceu, completamente perturbado, en 1969 nunha institución para enfermos mentais.
Elfriede comezou o ensino nunha escola católica de monxas, que ela considerou extremadamente restritiva (ensaio In die Schule gehen ist wie in den Tod gehen, Ir a escola é coma dirixirse cara á morte). A súa conduta fixo que, por consello das monxas, fose examinada por especialistas en psiquiatría infantil da clínica da universidade de Viena, malia que clinicamente o seu comportamento non tiña nada de enfermizo. A nai de Elfriede planeaba para a filla unha carreira como neno prodixio da música, e xa durante a escola primaria recibiu clases de piano, guitarra, frauta, violín e viola. Con trece anos entrou no conservatorio de Viena, onde estudou órgano, piano, frauta e, máis tarde, composición. Paralelamente acabou os estudos de grao medio.
Despois de pasar a selectividade sufriu a primeira crise psicolóxica, aínda que acabou algúns semestres de Historia da Arte e estudos teatrais na universidade de Viena, ata que en 1967 os seus ataques de angustia a obrigaron a deixar os estudos e illarse durante un ano na súa casa. Nesa época comezou a escribir, e os seus primeiros poemas foron impresos por revistas e pequenas editoriais. Ese mesmo ano apareceu o seu libro de poemas, Lisas Schatten. A primeira novela, bukolit (Elfriede escollera, na tradición do grupo de Viena, escribir en minúsculas) de 1968, non saíu do prelo ata 1979. Despois da morte de seu pai, empezou a recuperarse. Implicouse nos movementos relacionados co maio do 68 e viviu algúns meses nunha comuna de esquerdas con Robert Schindel e Leander Kaiser. En 1971 pasou o exame de órgano no conservatorio. O seu traballo literario da época estaba marcado pola ruptura coas teorías de Roland Barthes, expresada no ensaio "die endlose unschuldigkeit". En 1972 viviu con Gert Loschütz en Berlín, pero volveu un ano despois a Viena. En 1974 ingresou no Partido Comunista de Austria (KPÖ), implicándose na loita electoral e en actos culturais de esquerdas. Ese ano casou con Gottfried Hüngsberg, que naquel tempo escribía música cinematográfica para Rainer Werner Fassbinder.
Dende o seu casamento viviu alternativamente entre a capital austríaca e Múnic. O éxito literario chegoulle en 1975 coa novela "die liebhaberinnen" (As amantes), caricatura dende o punto de vista marxista-feminista dunha novela popular. Sobre todo nos anos 70 escribiu numerosas obras para a radio. "Ausgesperrten" apareceu nos anos 80 como obra radiofónica, novela e finalmente foi levada ó cine.
O primeiro grande escándalo relacionado coa figura de Jelinek ocorreu en 1985 coa estrea de "Burgtheater". A obra trataba o tema da insuficiente revisión do pasado nacionalsocialista de Austria, centrándose na figura da actriz Paula Wessely. Aínda que o contido crítico do texto foi recibido só como unha crítica aos colaboracionistas, a fama de Jelinek como escritora disposta a manchar a imaxe do seu propio país, comezou a establecerse. En 1983 apareceu a novela A pianista ("Die Klavierspielerin"). Nas recensións da obra adoitou destacarse só o significado biográfico do texto, pasando por alto outros aspectos relativos ó enfrontamento de Jelinek coa sociedade establecida. Lust, que amosaba as diferenzas da autora coas relacións de poder patriarcais no campo da sexualidade, foi o seguinte punto de confrontación da escritora coas convencións. A novela foi recibida como "pornografía feminina" e causou un grande escándalo.
En 1991 deixa o KPÖ e entra en relación coa revista científica de orientación marxista "Das Argument". Despois das críticas á peza teatral Raststätte e de ataques persoais á autora en propaganda do partido de extrema dereita FPÖ, Jelinek anunciou en 1995 a súa retirada da escena pública e prohibiu que as súas obras foran representadas en Austria. En 1998 volveu estrear en Austria "Ein Sportstück", pero no ano 2000 renunciou de novo á vida pública, durante a formación do goberno azul e negro constituído por conservadores e ultranacionalistas. Outros textos de Jelinek fan referencia á situación política do seu país naqueles anos: "Das Lebewohl. Ein Haider-Monolog" foi representado nunha praza de Viena durante unha manifestación. A montaxe teatral "Ich liebe Österreich" (Amo a Austria) criticaba a política de asilo do goberno, no contexto da campaña publicitaria encetada por este co lema "Bitte liebt Österreich" (Por favor, ama a Austria).
No ano 2003 de novo unha obra súa, "Das Werk", foi representada en Austria. No mesmo ano foino tamén "Bambiland". O 2004 foi creado o centro de estudos Elfriede Jelinek, que acolle documentación e información sobre a autora, e está situado no instituto de xermanística da universidade de Viena. En 2005, estreouse "Babel", unha reflexión sobre a guerra de Iraq e as torturas no cárcere de Abu Ghraib. O outubro de 2006 foi posta en escena "Ulrike Maria Stuart". A primeiros do 2007 Jelinek comezou a publicar na súa páxina web os primeiros capítulos da súa novela "Neid"[1].
Nunha entrevista co Magazine littéraire (2007) Jelinek repetiu a lista dos temas fundamentais da súa obra: a infancia oprimida, a polémica contra a "Natureza" e a "Inocencia", o odio pola herdanza Nazi do seu país. Nesa entrevista consideraba que boa parte da literatura austríaca xira arredor do "furado negro" Hitler.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.