From Wikipedia, the free encyclopedia
Bezhin lug (en galego, O prado de Bezhin) é unha película soviética de 1937, dirixida por Sergei Eisenstein e famosa por ser suprimida e presuntamente destruída antes da súa culminación.
Bezhin lug | |
---|---|
Ficha técnica | |
Director | Sergei Eisenstein |
Produtor | V. Babitsky |
Guión | Isaak Babel Sergei M. Eisenstein Aleksandr Rzheshevski (relato de Ivan Turgenev) |
Intérpretes | Vitya Kartashov Nikolai Jmelyov Piotr Arzhanov Yekaterina Teleshova Nikolai Máslov Boris Zajava |
Música | Gavriil Popov (música orixinal case totalmente perdida, substituída na versión reconstruída por música de Sergei Prokofiev)[1] |
Son | Vladímir Bogdankevich |
Fotografía | Vladímir Nilsen Eduard Tissé[2][3] |
Montaxe | Klavdya Alyeva[3] |
Distribuidora | Mosfilm[3] |
Estrea | 1937 |
Duración | 30 minutos |
Orixe | Unión Soviética |
Xénero | Drama |
Orzamento | 2 millóns de rublos[4] |
Filme anterior | ¡Que viva México! |
Filme seguinte | Aleksandr Nevski |
Na rede | |
Relata a historia dun mozo agricultor que trata de oporse ao seu propio pai, quen ten a intención de traizoar ao goberno soviético por razóns políticas sabotando a colleita anual. A película destaca os esforzos do mozo por deter ao seu propio pai para protexer ao Estado soviético e culmina co asasinato do raparigo e un disturbio.[4][5][6] A película toma o título dunha novela curta de Ivan Turgenev, pero está baseada na vida de Pavlik Morózov, un raparigo ruso que se converteu en mártir político trala súa morte en 1932, despois de denunciar ao seu pai ante as autoridades soviéticas e ser executado, posteriormente, a mans da súa familia. Pavlik Morózov foi inmortalizado en programas escolares, poesía, música e nesta película.[7]
Encargada por un grupo xuvenil comunista, a produción da película transcorreu entre 1935 e 1937, ata que foi detida polo Goberno central soviético, que aduciu que contiña erros artísticos, sociais e políticos;<[8] con todo, algúns tomaron como exemplo a esta película para criticar a inxerencia do goberno no cine, estendendo estas críticas até o propio Iosif Stalin.[9] A raíz do fracaso da súa película, Eisenstein declarou publicamente que o seu traballo fora incorrecto.[10] Varias persoas foron arrestadas durante e despois do subseguinte desastre.[6][11]
Por moito tempo, creuse que a película se perdera durante os bombardeos da Segunda guerra mundial; con todo, nos anos 1960, atopáronse cortes e copias parciais da película. A partir deles, emprendeuse unha recreación da película sobre a base do guión orixinal.[11][12] Rica en simbolismo relixioso, a película e a súa historia convertéronse nun obxecto de estudo.[13][14] A película foi cumpridamente discutida tanto no interior como no exterior da industria cinematográfica debido á súa natureza histórica, as estrañas circunstancias da súa produción e fracaso, e pola beleza das súas imaxes, consideradas como unhas das máis grandiosas no cine.[11][15] A pesar do fracaso da película, Eisenstein continuou a súa carreira: gañou a aclamación e premios soviéticos e converteuse en director artístico do gran estudio Mosfilm.[16]
A película baséase en parte nunha novela curta de Ivan Turgenev, o novelista ruso do século XIX, pero foi adaptada para incorporar a historia folclórica de Pávlik Morózov, un suposto pioneiro glorificado pola propaganda soviética como un mártir.[7] A historia ficticia orixinal de Turgenev titulada Bezhin Lug trataba sobre uns mozos campesiños nos anos 1850, na rexión do Oriol que discutían sobre os signos sobrenaturais da morte, mentres pasaban a noite no prado de Bezhin cun cazador perdido.[17][18] Posteriormente, Eisenstein eliminaría calquera referencia directa á ficción de Turgenev, fóra do título da película.[11] O relato forma parte dunha colección de contos ou novelas curtas recompilados en Memorias dun cazador.
A vida e morte de Morózov na aldea de Gerásimovka nos Montes Urais non ten conexión coa obra literaria de Turgenev.[11] Morózov era un raparigo de 13 anos de idade que denunciou ao seu pai, un kulak, ás autoridades soviéticas e, como resultado, foi asasinado pola súa familia. Era unha moralidade soviética: oporse ao Estado era egoísta e reaccionario e o Estado era máis importante que a familia.[5] O relato máis popular da historia de Morózov é como segue: nado de campesiños pobres en Gerásimovka, unha pequena aldea a 350 quilómetros ao nordés de Sverdlovsk, Morózov era un comunista dedicado que lideraba aos mozos pioneiros na súa escola e apoiaba a colectivización de granxas decretada por Stalin. En 1932, á idade de 13 anos, Pávlik denunciou ao seu pai, Trofim Morózov, á policía política (OGPU). O pai de Pávlik, presidente do soviet do pobo ou selsoviet, foi acusado de estar falsificando documentos e vendéndoos aos bandidos e inimigos do Estado soviético. O maior dos Morózov, Trofim, foi sentenciado a dez anos nun gulag e, máis tarde, foi executado; con todo, a familia de Pávlik non aprobaba as accións do raparigo.[7] O 3 de setembro dese ano, o seu tío, avó, avoa e un primo asasinárono, xunto ao seu irmán máis novo. Todos eles, excepto o tío, foron detidos pola OGPU, convictos e sentenciados a "a maior medida de defensa social": a pena capital por un pelotón de fusilamento.[7]
A historia de Pávlik Morózov foi desenvolvida en lecturas obrigatorias para nenos, cancións, pezas teatrais, un poema sinfónico, unha ópera completa e seis biografías. Existe moi pouca evidencia orixinal relativa á historia; a maior parte componse de especulacións provistas por testemuñas de oídas. En Bezhin lug, o raparigo é chamado Stepok, partindo da información e tradición histórica orixinal. Entre as ironías da historia atópase que Pávlik Morózov non sería un membro dos mozos pioneiros. Morózov foi chamado un "raparigo perturbado" que non era consciente das consecuencias do que estaba a facer e entregou ao seu pai ás autoridades por abandonar a súa nai por unha muller máis nova, máis que por razóns políticas.[11]
Herbert Marshall afirmou que, para 1931, a interferencia gobernamental no traballo artístico soviético xa estaba ben establecida de varias formas: por pares dos artistas, guiados desde 'arriba'; desde «os diferentes círculos competentes para xulgalo»; e, finalmente, polo Partido Comunista e o propio Stalin. Todo iso, levou ao fracaso da produción de Bezhin lug.[9]
Antes de que a produción da película comezase, o guión de Aleksandr Rzheshevski foi ben recibido por Eisenstein, pero existiron preocupacións iniciais sobre a calidade do argumento e a caracterización involucrada. A comisión para a produción foi emitida pola liga Xuvenil Comunista ou Komsomol en honra aos seus esforzos en apoio do traballo nas granxas colectivas e debíase centrar «na reconstrución socialista do campo».[8][19] A filmación comezou a mediados de 1935 e en outubro dese ano a primeira versión da película foi presentada ao estudio cinematográfico Mosfilm, que estaba a producir Bezhin lug.[8] O estudio solicitou cambios e a produción continuou. En agosto de 1936, coa maior parte da filmación terminada, Borís Shumyatsky, o entón xefe do GUK soviético (Dirección Xeral do Cine) ordenou un alto na produción e que a película fose reescrita.[17] O guión foi novamente revisado e Eisenstein recoñeceu os erros na súa produción despois de que unha versión posterior fose rexeitada polo estudio. Durante a creación de Bezhin lug, Eisenstein non someteu á metraxe da película a unha revisión exhaustiva.[5]
A produción da película sen estrear custou 2 millóns de rublos e estendeuse por un período de dous anos.[4] Cando se asignaron papeis na produción, Eisenstein preferiu non usar actores profesionais, senón a persoas que representaban "tipos" para actuar nun papel determinado. Dous mil nenos participaron na audición durante a procura do novo actor ideal para a parte de Stepok, o personaxe renomeado de Pávlik.[11] A filmación tivo lugar en moitas localizacións, principalmente en estudios de Moscova e localizacións remotas en Ucraína e o Cáucaso.[11] Durante a produción, Eisenstein tivo a previsión de gardar os cadros non editados de cada toma na película, o que permitiu unha posterior reconstrución nos anos 1960, mesmo cando as copias orixinais foran destruídas.[20]
O Comité Executivo Central do Partido Comunista esixía que Bezhin lug fóra presentado e aprobado antes do seu lanzamento. Múltiples versións da película foron prohibidas polo Comité que as citou como «non artísticas e arruinadas politicamente» e afirmou que Eisenstein «confundiu a loita de clases coa loita entre o ben e o mal».[4] Por unha orde da Dirección Xeral do Cine soviético, a produción da película foi detida de forma permanente o 17 de marzo de 1937.[5] Shumyatsky queixouse de que Eisenstein presentara os conflitos da película en termos algo bíblicos, máis que situar os conflitos no contexto da loita de clases socialista. O propio Eisenstein diría máis tarde que o asasinato de Stepok polo seu pai era unha «reminiscencia do sacrificio de Abraham de Isaac».[15]
Despois do último rexeitamento da película, Shumyatsky tomou a responsabilidade polo fracaso nos medios soviéticos a través dun ensaio que detallaba a historia da película que foi publicado en Pravda. Segundo Shumyatsky, Bezhin lug foi unha difamación contra o campo soviético e un exemplo do formalismo que necesitaba ser eliminado.[5] Shumyatsky agregou que «[Eisenstein estaba] producindo Bezhin lug só porque lle ofrecía unha oportunidade para permitirse exercicios formalistas. En lugar de crear unha obra forte, clara e directa, Eisenstein separou o seu traballo da realidade, das cores e heroísmo da realidade. Conscientemente, reduciu o contido ideolóxico da obra».[21] Shumyatsky perdería o seu cargo gobernamental dous anos máis tarde cando foi acusado de ser un espía británico, arrestado e fusilado.[6] Unha das razóns que Shumyatsky deu para pór fin á produción de Bezhin lug foi que Eisenstein estaba a desperdiciar diñeiro e recursos en producila; á inversa, antes da súa execución, o propio Shumyatsky foi acusado de desperdiciar diñeiro e recursos ao cancelar películas tales como Bezhin lug.[22] Tamén se dixo que a supresión de Bezhin lug foi parte dunha campaña en curso contra o vangardismo na Rusia de Stalin.[17]
Trala orde de deter a produción da película por parte do goberno soviético e Shumyatsky, Eisenstein contraeu vexigas, seguida de gripe, e a película parecía destinada a permanecer sen rematar. Traballou sobre a historia co autor soviético Isaak Babel, pero nunca se publicou ningún material da súa colaboración e a produción de Bezhin lug chegou á súa fin.[8] Os rolos fílmicos inacabados e sen estrear foron destruídos durante un bombardeo da Segunda guerra mundial en 1941.[11] Nunha resposta a Shumyatsky titulada "Os erros do prado de Bezhin" e publicada máis tarde, Eisenstein prometeu que ía a se «desembarazar dos últimos trazos anarquistas de individualismo no meu punto de vista e método creativo».[21][23] Finalmente, Eisenstein cuestionouse «que causou que a catástrofe superase o traballo ao que estivera dedicado durante dous anos? e cal foi o punto de vista errado que, a pesar da honestidade de sentimentos e devoción ao traballo, levou á produción a unha perversión da realidade, converténdoa en politicamente insubstancial e consecuentemente non artística?»[10]
Debido ao feito de que Bezhin lug foi repetidamente editada, refilmada e modificada para satisfacer ás autoridades soviéticas, creáronse varias versións da película.
A versión máis orixinal e mellor coñecida céntrase en Stepok, un mozo nun pobo de granxas colectivas, membro da organización local de Mozos Pioneiros Comunistas, como outros mozos da localidade. O seu pai, Samojin, era un agricultor que planeaba sabotar a colleita do pobo por motivos políticos mediante a queima da pradaría principal, pero Stepok organiza aos outros Mozos Pioneiros para vixiar os cultivos.[6][24] Samojin vólvese cada vez máis frustrado polas accións e o éxito do seu fillo. Finalmente, Stepok delata os crimes de Samojin ás autoridades gobernamentais soviéticas e é, á súa vez, asasinado polo seu propio pai por traizoar á súa familia.[4][5] Os outros Novos Pioneiros irrompen na igrexa local, cantando e profanándoa en resposta á morte de Stepok.[6][13] As imaxes da película cambian durante a destrución da igrexa, cos habitantes do pobo transformados no que estaban a destruír; para ó final da toma en conxunto, os aldeáns anoxados aparecen como figuras anxelicais e proféticas, semellantes a Cristo.[13]
Unha posterior reedición da película comeza con imaxes dos hortos e o ceo azul que amosan un obelisco de pedra co nome de Turgenev nel. Posteriormente, revélase que a nai de Stepok foi golpeada até a morte polo seu pai. Nunha cabana escura, Samojin quéixase de que o seu fillo ten unha maior lealdade ao soviet que á súa propia familia, mentres Stepok entra desde a luminosidade do día no exterior. O seu pai cita a Biblia: «Se o fillo traizoa ao seu pai, matádelo como a un can!». Samojin é arrestado por incendio premeditado e Stepok marcha cun funcionario comunista. Os cómplices de Samojin refúxianse na igrexa local e son pronto detidos e case linchados, pero son salvados da ira dos aldeáns por Stepok. Os aldeáns transforman a igrexa na sede dun club, ridiculizando de maneira simbólica á relixión ou ao clero.[11]
Nalgunhas versións, a destrución da igrexa foi substituída cunha escena de aldeáns loitando contra o lume ocasionado polos boicoteadores. Na película, o lume foi iniciado cando os incendiarios lanzaron xirasois secos e acenderon mistos na área de almacenamento de combustible da comunidade. Nalgunhas tomas, Stepok escoita por casualidade o plan do seu pai e escapúlese na noite para denuncialo; noutras, a funcionaria do Partido Comunista local aleita á pequena irmá de Stepok; noutras máis, o pai de Stepok di despois de disparar contra o seu fillo: «Eles afastáronte de min, pero eu non te entregarei a eles. Non entrego á miña propia carne e sangue». Trala morte de Stepok, a mesma funcionaria comunista antes mencionada lévao e reúnese con outros nenos nunha marcha funeraria que se di evolucionará nunha marcha vitoriosa.[11]
A película, como sosteñen Shumyatsky e Eisenstein, é rica en iconografía relixiosa e a loita simbólica entre o ben e o mal.[4][15] Ademais, Birgit Beumers escribe
Os campesiños aquí son profetas de barba gris; os mozos son os apóstolos de ombros anchos do Renacemento; as rapazas gordas son Madonas terreais; o campesiño que destrúe o iconostasio é un Sansón bíblico; o mozo groso de camisa, alzado baixo a cúpula cara os raios solares ubicuos que volven os seus cabelos dourados, é o mozo Xesucristo ascendendo ó Trono Celestial.[13]
En varias versións non publicadas, Bezhin lug foi "Dedicado á brillante memoria de Pavlik Morozov, un pequeno heroe do noso tempo".[11]
Bezhin lug de Eisenstein tivo un amplo legado de respostas e críticas desde a súa produción orixinal. Por mor das declaracións de Shumyatsky en Pravda que diminuíron a reputación de Eisenstein na Unión Soviética ao momento máis baixo da súa carreira, outros pronto sopesáronas.[16]
Algunhas das críticas da película centráronse en que era demasiado abstracta ou formalista, facendo eco das opinións de Shumyatsky. Ilya Vaisfeld califió a película e os métodos de Eisenstein como «profundamente hostís ao socialismo» e criticou a Eisenstein por presentar aos inimigos baixo unha luz posiblemente favorable. Segundo Nikolai Otten, o fracaso de Eisenstein debeuse a que filmou un escenario emocional, pensando que o liberaría do control do estudio. Boris Babitsky, director do estudio Mosfilm que produciu a película, asumiu a responsabilidade do fracaso da produción e por non controlar o traballo de Eisenstein ou deter a filmación máis cedo; posteriormente, Babitsky foi arrestado por iso. Ivan Pýriev sentiu que Eisenstein non quería ser unha «persoa soviética», dando isto como unha razón para o fracaso da película. David Maryan, outro director de cine, culpou a Eisenstein por menosprezar a outros, non compracéndolle os logros dos demais e por ser un solitario. A condición política de Eisenstein foi atacada tamén debido á película. G. Zeldovich, da Dirección Xeral do Cine, cuestionou se Eisenstein debía ter liberdade para traballar con estudantes de cine debido á súa falta de fiabilidade política.[11]
Non todos os comentarios e análises de Bezhin lug foron abertamente negativos. Nos anos posteriores á detención da produción da película, organizacións e estudios de cine nas principais cidades rusas, incluíndo a Moscova, Leningrado e Kíiv, levaron a cabo seminarios para examinar as leccións da película, con algunhas das sesións de días de duración. Un antigo alumno de Eisenstein, Piotr Pavlenko, defendeu o traballo de Eisenstein posterior á película. Grigori Aleksandrov, un cineasta que traballara previamente con Eisenstein, foi denunciado por «elevarse por encima da comunidade» debido a que non denunciou ao seu socio. Esfir Shub suxeriu que como Eisenstein non estivo presente na Unión Soviética durante o Primeiro Plan Quinquenal, non era capaz de presentar correctamente leccións políticas modernas.[11] A escena onde os aldeáns profanan a igrexa do pobo en resposta pola morte de Stepok, que foi eliminada en versións posteriores da película, foi chamada "unha das mellores escenas no cine" e unha posterior demostración da imaxinaría bíblica representada na película. Entre tales imaxes da secuencia da profanación atópase unha dunha nena nun espello, enmarcada como a Virxe María, e unha estatua dun Cristo crucificado sostido coma se tratara dunha pietà.[15] Ivor Montagu comparou a loita de Eiseinstein pola película co conflito de Galileo coa Inquisición.[9] A pesar das duras críticas que enfrontou, o Politburó permitiu que Eisenstein continuase a súa carreira. Así, este creou a película Aleksandr Nevski en 1938.[25]
Nos anos 1960, sóubose que a esposa de Eisenstein, Pera Attasheva, gardara empalmes da película da montaxe que foi usado para Bezhin lug.[12] A partir de 1964, foi creada unha reconstrución da película e fixada a unha partitura musical de Sergei Prokofev polo director de cine ruso Sergei Yutkevich con axuda do académico Naum Kleiman, especializado no traballo de Eisenstein.[11] A película foi editada de acordo ao guión orixinal para preservar a continuidade do corte orixinal; tamén se crearon novos intertítulos do guión e engadiuse unha introdución falada. Actualmente, a película existe como un "diaporama de cine mudo" de 35 minutos.[12][26] En 1988, a película foi o centro dunha retrospectiva na Escola de Artes Tish na cidade de Nova York. Titulada "Jay Leyda: A Life's Work", enfocouse en Leyda, un profesor da escola e o único estadounidense que estudara con Eisenstein no Instituto Nacional de Cinematografía de Moscova; Leyda fora un aprendiz de director e fotógrafo no estudio.[27] Das películas soviéticas dos anos 1920 e 1930, Bezhin lug é a máis citada en traballos académicos relacionados coa cinematografía.[14]
Aínda que a produción da película nunca foi completada e nunca foi distribuída unha versión completa, a película foi posteriormente considerada unha celebración das motivacións políticas e informantes soviéticos.[11] A pesar dos problemas que enfrontou Bezhin lug, Eisenstein recibiría o Premio Stalin en 1939 debido ao inmenso éxito de Aleksandr Nevski. En 1941, converteuse no director artístico dos estudios Mosfilm.[16]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.