Antíxeno
molécula con capacidade de inducir unha resposta inmune / From Wikipedia, the free encyclopedia
En inmunoloxía, un antíxeno é unha molécula con capacidade de inducir unha resposta inmune (para producir un anticorpo ou outra acción inmunitaria) no organismo hóspede.[1] Ás veces os antíxenos forman parte do propio hóspede nos casos de enfermidades autoinmunes.[2] Por tanto, un antíxeno é calquera substancia, propia ou allea, que pode ser recoñecida polo sistema inmunitario adaptativo e desencadear unha resposta inmunitaria.
Os antíxenos únense a diversos receptores celulares e a anticorpos. Na resposta inmune cada anticorpo é producido especificamente polo sistema inmunitario para unirse ao antíxeno despois de que as células presentadoras do antíxeno do sistema inmunitario entran en contacto con el; isto permite que haxa unha identificación/correspondencia precisa do antíxeno e o inicio dunha resposta á medida. O anticorpo dise que "se corresponde" co antíxeno no sentido de que pode unirse a el debido a adaptación realizada nunha rexión do anticorpo; debido a isto, prodúcense moitos anticorpos diferentes, cada un con especificidade para unirse a diferentes antíxenos aínda que todos comparten a mesma estrutura básica. Na maioría dos casos, un anticorpo adaptado só pode reaccionar e unirse a un antíxeno específico; porén, nalgúns casos os anticorpos poden establecer reaccións cruzadas e unirse a máis dun antíxeno. En realidade, os anticorpos só reaccionan cunha parte pequena do antíxeno chamada epítopo. Como os antíxenos son xeralmente grandes, adoitan ter moitos epítopos.
Ademais, un antíxeno é unha molécula que se une a receptores específicos do antíxeno, pero non poden inducir necesariamente unha resposta inmunitaria no corpo por si mesmos.[3] Os antíxenos xeralmente son péptidos (cadeas de aminoácidos), polisacáridos (cadeas de monosacáridos/azucres simples) ou lípidos. En xeral, os sacáridos e lípidos (a diferenza dos péptidos) considéranse antíxenos pero non inmunóxenos, xa que non poden desencadear unha resposta inmune por si sós. Ademais, para que un péptido induza unha resposta inmunitaria (activación de células T por células presentadoras de antíxenos) debe ser o suficientemente grande, xa que os péptidos demasiado pequenos tampouco desencadean unha resposta inmune. O termo antíxeno describía orixinalmente unha molécula estrutural que se unía especificacmente a un anticorpo. O seu significado foi ampliado despois para referirse a calquera molécula ou fragmento molecular linear que pode ser recoñecido por receptores do antíxeno moi variables (receptor da célula B ou BCR ou receptor da célula T ou TCR) do sistema inmunitario adaptativo.
O antíxeno pode ser unha molécula do propio corpo ("antíxeno propio") ou do ambiente externo ("non propio"). O sistema inmunitario xeralmente non reacciona contra os antíxenos propios en condicións homeostáticas normais debido á selección negativa realizadas sobre as células T no timo, pero identifica e ataca invasores con moléculas "non propias" procedentes do mundo exterior ou substancias modificadas/nocivas presentes no corpo en condicións de estrés.[4]
As células presentadoras do antíxeno presentan os antíxenos en forma de péptidos unidos a moléculas do complexo maior de histocompatibilidade da súa superficie. A célula T ou linfocito T (un subtipo de glóbulo branco sanguíneo) do sistema inmunitario adaptativo, é a que recoñece selectivamente os antíxenos así presentados. Dependendo do antíxeno e do tipo de molécula de histocompatibilidade, poden ser activados diferentes tipos de células T. Para o seu recoñecemento polo receptor da célula T (TCR), o péptido debe ser primeiro procesado, rompéndoo en pequenos fragmentos dentro da célula presentadora e despois presentado formando un complexo cunha molécula do complexo maior de histocompatibilidade (MHC).[5] Por tanto, o antíxeno non pode desencadear a resposta inmune sen a axuda dun adxuvante inmunolóxico.[3] De xeito similar, o compoñente adxuvante de vacinas desempeña un papel esencial na activación do sistema inmunitario innato.[6][7]
Un inmunóxeno é un antíxeno (ou aduto) que pode desencadear unha resposta inmunitaria humoral (innata) ou mediada por células.[8] Inicia primeiro unha resposta inmunitaria innata, que despois causa a activación dunha resposta inmunitaria adaptativa. Un antíxeno únese a inmunorreceptores moi variables (o receptor da célula B ou o receptor da célula T) unha vez que estes foron xerados. Os inmunóxenos son aqueles antíxeno, denominados inmunoxénicos, que poden inducir unha resposta inmune.[9]
A nivel molecular, un antíxeno pode caracterizarse pola súa capacidade de unirse a unha rexión Fab variable dun anticorpo. Diferentes anticorpos teñen o potencial de discriminar entre os epítopos específicos presentes na superficie do antíxeno. Un hapteno é unha pequena molécula que cambia a estrutura dun epítopo antixénico. Para inducir unha resposta inmunitaria, necesita unirse a unha gran molécula portadora como unha proteína (ou complexo de péptidos). Os antíxenos son normalmente portados por proteínas e polisacáridos, e menos frecuentemente, lípidos. Isto inclúe partes (cubertas, cápsulas, paredes celulares, flaxelos, fimbrias e toxinas) de bacterias, virus, e outros microorganismos. Entre os antíxenos non propios non microbianos están o pole, clara de ovo e proteínas de tecidos e órganos transplantados ou que se encontran sobre a superficie de células sanguíneas transfundidas. As vacinas son exemplos de antíxenos en forma inmunoxénica, que se administran deliberadamente a un individuo receptor para inducirlle a formación de células con memoria (que lembran o antíxeno) no sistema inmunitario adaptativo que actuarán contra aos antíxenos de patóxenos que poden invadir o receptor en novas ocasións.