Sistema inmunitario innato
From Wikipedia, the free encyclopedia
O sistema inmunitario innato, tamén chamado sistema inmunitario inespecífico e primeira liña de defensa contra patóxenos,[1] comprende as células e os mecanismos que defenden ao hóspede das infeccións orixinadas por outros organismos dunha forma non específica e herdada nas células da liña xerminal (non adquirida ao longo da vida). Isto significa que as células do sistema innato recoñecen e responden aos patóxenos dun modo xenérico, pero a diferenza do sistema inmunitario adaptativo, non lle confiren unha protección inmunitaria a longo prazo ao hóspede.[2] Aínda que os receptores das células da inmunidade innata teñen unha especificidade de tipo xeral, nunca é comparable coa especificidade que ten, por exemplo, un anticorpo producido na inmunidade adaptativa para o seu antíxeno. Os sistemas inmunitarios innatos proporcionan unha defensa inmediata contra a infección, e encóntranse en todos os tipos de plantas e animais.
O sistema inmunitario innato pénsase que constitúe unha estratexia de defensa evolutivamente máis antiga ca a adaptativa, e é o sistema inmunitario dominante das plantas, fungos, insectos, e dos organismos multicelulares primitivos.[3]
As principais funcións do sistema inmunitario innato dos vertebrados inclúen:
- Recrutamento de células inmunes cara aos sitios de infección, por medio da produción de factores químicos, como mediadores químicos especializados, chamados citocinas.
- Activación da cascada do complemento para identificar as bacterias, activar células e promover a eliminación de células mortas ou inmunocomplexos.
- Identificación e eliminación de substancias estrañas presentes en órganos, tecidos, sangue e linfa, por glóbulos brancos especializados.
- Activación do sistema inmunitario adaptativo por medio dun proceso chamado presentación de antíxenos.
- Actuación como unha barreira física e química ante os axentes infecciosos.