político e economista galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903[1] e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República Española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de xuño de 1903 Ourense, España |
Morte | 17 de agosto de 1936 (33 anos) A Caeira, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra |
País de nacionalidade | Galiza |
Actividade | |
Ocupación | político, economista |
Partido político | Partido Galeguista |
Familia | |
Cónxuxe | Amalia Álvarez Gallego |
Dende moi neno adicouse ó estudo do francés e da contabilidade. Estudou peritaxe mercantil na Escola de Comercio da Coruña por libre, ó mesmo tempo que impartía clases ós máis novos nun colexio de Ourense. Asiduo lector da Revista Nós pronto comezou a escribir en La Zarpa de Basilio Álvarez. Foi nas follas deste xornal onde se deu a coñecer como un gran comunicador.
Máis adiante, participou nunhas oposicións en Madrid a unha das dez prazas de xefe de Facenda do estado conseguindo o número un en 1924. Por este motivo José Calvo Sotelo ofrécelle un posto no seu Comité de Intervención de Cambios; porén Alexandre rexeitou a oferta e volveu a Galiza para traballar na delegación de facenda de Ourense. Tras aprobar outras oposicións marchou a Pontevedra a ocupar o posto de Xefe de Contabilidade con tan só 23 anos. Pronto tomou contacto co faladoiro que presidían Castelao e Antón Losada Diéguez no Café Méndez Núñez e viuse envolto nas actividades dos dous galeguistas. Ámbolos dous introducírono na política e noutros campos, como a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, onde coñeceu a Amalia Álvarez Gallego (filla de Xerardo Álvarez Limeses), coa que casou o 20 de outubro de 1930 no Convento de San Xoán de Poio e coa que tivo cinco fillos.
En 1930 convértese no primeiro director da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. En 1928 e 1929 recibira unha bolsa da Deputación de Pontevedra para viaxar a Barcelona e Guipúscoa para estudar o funcionamento das Caixas de Aforros.
En 1932 participou na asemblea pro-estatuto que se celebrou en Santiago de Compostela e resultou elixido membro da comisión redactora. Tivo un papel moi activo na redacción do estatuto e na Asemblea de municipios que se creou para debatelo. En 1933 foi elixido membro do Comité da Autonomía presidido por Bibiano Fernández Osorio-Tafall. O 20 de outubro de 1934 publicouse unha orde ministerial impoñéndolle un destino administrativo forzoso na delegación de facenda de Cádiz. Retornou no outubro do ano 1935 a Galiza ó obter unha praza na delegación de facenda de Vigo.
En 1936 participou na campaña electoral, á que acode como candidato da Fronte Popular pola provincia de Ourense mentres tomaba posesión dun cargo na delegación de facenda de Pontevedra. Tralo golpe de estado foi detido o 20 de xullo de 1936 acusado de traizón e condenado a morte nun xuízo celebrado o 13 de agosto dese mesmo ano. A sentenza executouse o 17 de agosto na Caeira (Poio). Na madrugada antes do seu fusilamento escribiu varias cartas, a derradeira delas dicía así:
Madrugada do 1.936
Querido Vitín:
P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós. -ás 5 e 1/4[2].
Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquera caso foi con desexo do teu ben.
Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname.
Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai.
Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.
Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de Alexandre.
No mencionado xuízo sumarísimo, Alexandre Bóveda verbalizou unhas palabras que o erixirían definitivamente como un emblema histórico do galeguismo:
A miña patria natural é Galiza. Ámoa ferventemente. Xamais a traizoaría, aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa até máis alá da miña morte. Se entende o Tribunal que por este amor entrañábel debe de me ser aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrifício máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e máis faría se puidese. Se non podo, até gostaría de morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado[3].
Xosé Sesto, tras a execución, colocou a bandeira baixo a chaqueta de Bóveda.
Está enterrado no camposanto de Santo Amaro.
Alexandre Bóveda é un dos mitos do galeguismo. Foi convertido en mártir pola defensa da liberdade e dos seus ideais. Na data da súa morte celébrase actualmente o Día da Galiza Mártir.
En 2019 a súa familia incorporouse á Querela arxentina contra os crimes do franquismo.[4]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.