peixe From Wikipedia, the free encyclopedia
O abadexo,[2][3][4] badexo [2][5] badeixo,[6] Pollachius pollachius, é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos gádidos.[7][8]
Abadexo / Badexo Pollachius pollachius | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Pollachius pollachius | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Pollachius pollachius (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||
|
A primeira descrición da especie foi feita por Carl von Linné en 1758 na 10ª edición do seu Systema Naturae [9], data e obra que marcan o inicio da taxonomía e nomenclatura zoolóxica modernas, baixo o nome de Gadus pollachius.
Os exemplares novos (é dicir, os de tamaño pequeno ou mediano) denomínanse cerretas[3] corbelos,[3] corobinas [10], curubelos,[3] paleotas[11], sarretas[3], serretas,[3] sarretos[12] ou zarretas.[3]
Ten un corpo alongado e esvelto que mide, habitualmente, entre 40 e 80 cm de lonxitude, se ben pode chegar aos 130 cm (dato rexistrado por Svetovidov).[6] Ten unha cor parda olivácea no dorso, que se vai facendo máis pálida nos flancos ata chegar á branca de prata brillante no ventre.[6] Está cuberto de pequenas escamas revestidas de mucosidade.
Os ollos son grandes, de diámetro maior que a a unha vez e media da lonxitude do fociño. A mandíbula inferior é prominente (sobre todo nos adultos) e carece de barbelas no mento.[6] Os dentes son pequenos, agudos e subiguais, existindo en ambas as dúas mandíbulas e no vómer; na mandíbula superior forman como unha carda e na inferior dispóñense en dúas filas dianteiras e unha a cada lado das ramas mandibulares. O bordo posterior do maxilar acaba na vertical que pasa polo bordo anterior do ollo.[Cómpre referencia]
A altitude máxima do seu corpo equivale á cuarta ou quinta parte da súa lonxitude e posúe o contorno transversal redondeado. As aberturas nasais están no terzo superior da lonxitude do rostro e a primeira, redonda e pequena, posúe no seu bordo posterior unha membrana que, rebatida, lle serve de opérculo; a posterior, oval e de maior tamaño, carece de membrana dérmica marxinal.
A primeira aleta dorsal orixínase un pouco antes da vertical que pasa pola abertura anal; é triangular e nos adultos está precedida por un suco. A segunda dorsal ten a base o dobre de longa que a primeira e a primeira aleta anal é a máis longa de todas. As aletas adoitan ser da cor do dorso corporal ou máis claras, semellantes ás manchas dos flancos ou manchadas de cor amarela. A liña lateral do corpo do abadexo destaca pola súa cor escura; nalgúns exemplares pode ser parda, violácea ou agrisada, separada sen transición da cor metálica dos flancos.
A primeira aleta anal é longa, e ten a súa orixe debaixo da metade posterior da base da primeira das tres aletas dorsais. A aleta caudal ten forma de media lúa.[6] A liña lateral é negra e, por riba das aletas pectorais, cuérvase cara ao dorso.[6][13]
Os adultos adoitan posuír unha coloración máis uniforme que a dos novos, aínda que menos intensa e dunha tonalidade máis ocre; no seu dorso poden existir bandas de cor amarela, transversais á dirección dos raios.
Segundo Moreau, nos exemplares novos as dúas primeiras aletas dorsais son dun fondo azulado atravesado por dúas bandas alaranxadas, agás a terceira aleta, que só posúe unha; as anais son vermellas, co bordo pardento, e na axila das pectorais adoita existir unha mancha negra diminuta.
O abadexo pode ser facilmente confundido con outros membros moi próximos da familia dos bacallaus: o fogueiro ou burro (Melanogrammus aeglefinus), ou o fogoneiro ou carboeiro (Pollachius virens), pero existe unha serie de características que os diferencian. O fogueiro ten unha liña lateral recta de cor clara mentres que o abadexo posúe unha liña lateral escura, que se encontra curvada por riba da aleta pectoral. A mandíbula do carboeiro é bastante uniforme, mentres que o abadexo se caracteriza por presentar a mandíbula inferior saínte e sen barbelas no mento, características propias dos gádidos, e por presentar tres aletas dorsais e dúas anais; as aletas pectorais son pequenas, e as abdominais, que son diminutas, están preto da gorxa.
A súa área de distribución esténdese polo océano Atlántico nororiental, desde as costas de Islandia e Noruega setentrional, polo norte, ata as costas norteafricanas, polo sur.[14] Abunda fronte as costas de Escocia, e é das especies máis costeiras desta familia.
Aínda que o abadexo é un peixe que procede do Atlántico norte, estendeuse por toda a costa galega, sobre todo polas zonas da Coruña, Vigo e Pontevedra. Atópase en abundancia sobre fondos de rocha aínda que non deixa de existir nos de area e noutros fondos chans de análoga natureza. Adoita verse preto da superficie cando hai bancos de peixes ós que persegue con insistencia.
A súa presenza en augas galegas foi citada por primeira vez por Cornide en 1788, como Gadus pollachius.[15] De Buen (1935) tamén o rexistra como G. pollachius, así como Steindachner en Lozano y Rey (en 1960), que o observou na Coruña e Vigo, e o propio Lozano y Rey, tamén en 1960, na Coruña, Pontevedra e Vigo. Xa co nome actual, Pollachius pollachius, cítanos Lens (1978) en Ribeira; Fernández el al. en Galicia (1978), e sobre fondos da plataforma continental desde o alfoz do Miño ata Fisterra (1979); Iglesias (1981), en polígonos de bateas mexilloeiras na ría de Arousa e Iglesias e González Gurriarán (1984) en polígonos de mexilloeiras na ría de Pontevedra.[16]
Demersal ou de zonas intermedias, vive en augas costeiras, os máis novos (curubelos) máis preto da beiramar, ata os 200 m de profundidade.[6][13] Os individuos de gran tamaño viven en fondos altos, rochosos e abruptos en torno a illotes; os animais pequenos prefiren os fondos areosos, cerca do litoral. Conforme van crecendo, desprázanse a augas máis profundas, onde adoitan vivir cerca das rochas.
Os adultos so nadan en cardumes na época da reprodución.[6]. Esta ocorre na primavera no sur de Noruega e no norte do mar do Norte, ao oeste e sur das illas Británicas e na Península Ibérica, a profundidades de entre 100 e 200 m. Os ovos e as larvas son peláxicos; os ovos eclosionan á semana da desova, e as crías peláxicas permanecen preto da costa durante 2 ou 3 anos, a miúdo en cardumes semellantes aos dos fogueiros.[13]
A desova transcorre entre febreiro e maio, cando a auga está a unha temperatura de 8 a 10 °C. Cada femia pon até catro millóns de ovos. Os ovos flotan cerca da superficie á deriva nas capas superiores do mar; as larvas e crías aliméntanse de plancto na proximidade das costas, crecen ata unha lonxitude duns cantos centímetros e adoptan unha dieta de camaróns, cangrexos e outros crustáceos. Os abadexos novos fan migracións para estenderse por toda a costa.
Os abadexos adultos aliméntanse de peixes pequenos, como espadíns, lanzóns, xardas, arenques e sardiñas, que viven en augas de pouca profundidade, e de crustáceos peláxicos (camaróns ect).[13] Os exemplares máis pequenos acostuman alimentarse de crías de bacallau, ás que acometen por sorpresa dende atrás. O seu método favorito de alimentarse é roldar, mirando cara a arriba entre as algas ou no medio de escollos, agardando nesta posición a que a marea lles traia o alimento, e raras veces descende ata o fondo para alimentarse de vermes, crustáceos e moluscos.
A súa carne é boa e fortemente coloreada, pero consérvase mal. As embarcacións comerciais pescan o abadexo con volantas (os grandes) e trasmallos (os corbelos), sendo tamén frecuente a pesca con liñas e corricán.
Considérase unha excelente peza de pesca deportiva, pois pode pescarse doadamente dende a beira con cana e liñas, e cando prende no anzol deféndese e nada buscando refuxio entre as rochas. Pola noite é facilmente atraído polas luces, feito aproveitado polos pescadores de xarda que o pescan por acometividade, con corricán.
Son unha parte importante das pesqueíras de Inglaterra e o Atlántico norte onde se extrae como pesca adicional nas do bacallau e o fogueiro. As capturas anuais europeas son dunhas 15 000 t.[13]
A súa pesca está en perigo pola sobrepesca, tanto de adultos como de xuvenís. En Galicia, a venda total nas lonxas ascendeu a 302 113 kg en 2009.[17]
É un dos reis da caldeirada, no seu punto xusto de cocción. Pódese preparar tamén á romana e grellado, formando parte adoito das zarzuelas de peixe. Clasifícase dentro dos peixes brancos, polo seu baixo contido en graxa.
Abadexo é voz de orixe castelá, de onde pasou ás demais linguas peninsulares e deu no portugués badejo, en galego abadexo ou badexo, en asturiano abadexu e traducido ao catalán como capellà (de todas formas haiu que facer notar que o capellà catalán non é o mesmo peixe que o castelán abadejo, que é exclusivamente atlántico, senón o nome doutras especies de gádidos de menor tamaño, como Gadus luscus, G. minutus e G. capelanus Risso.[18] É un diminutivo de abad (abade, crego), e a súa relación semántica pódese explicar de dúas formas. A primeira, como variación do curadiño,[18] que significaba "bacallau seco" e era o nome que recibía o bacallau en tempos de Cervantes, segundo consta no Quixote (I, 2): «A dita, acertou a ser venres aquel día, e non había en toda a venda senon unhas racións dun peixe que en Castela chaman abadexo, e na Andalucía bacallao, e noutras partes curadiño, e noutras troitela». A segunda posibilidade é que abadexo sexa unha evolución semiculta galego-luso-leonesa do baixo latín abbadagium, que era como se chamaba a contribución en especie que se pagaba aos abades e aos relixiosos. A primeira das dúas posibilidades é a que parece ter máis aceptación.
A primeira documentación da voz abadexo está no Vocabulario do Humanista de Palmireno, de 1569, onde figura como sinónimo de molva e está considerada palabra castelá (s.v. aselli). Ata a publicación do estudo sobre esta obra considerábase como primeira data de documentación a de 1582, nunha obra de santa Tareixa. Pola definición de abadexo que fixo o naturalista malagueño García de la Leña vese que a súa información é libresca: Abadexo ou bacallao: peixe común, coñecido baixo de moitos nomes; algúns distínguennos e téñennos por peixes distintos, por ser menos grosos e máis parduscos que o bacallau, en ter a cabeza máis delgada e longa, e outras pequenas diferenzas. Linneo pono co nome latino de "Gadus pollachius". Viera e Clavijo identifican o abadexo co Gadus pollachius de Linneo, e sinalan que "vulgarmente chamase tamén abade". A documentación da voz dende o século XVI é moi extensa, como consta no Diccionario Histórico.
A difusión actual da palabra é moi grande, ó ter correspondentes en todas as linguas peninsulares. Porén, na gran parte do litoral non é coñecida a especie ou o nome se aplica a outras especies. É voz común e xeral en todo o Cantábrico e en Galicia, mentres que en Andalucía só se coñece na costa gaditana.
Nas Canarias recóllese abae como nome deste gádido, aínda que tamén designa en varios puntos ao Serranus alexandrinus, o Serranus cabrilla (cabriña) ou o Serranus guaza (cherna común). O –e final da palabra revela a súa orixe portuguesa, malia iso nesta lingua perdeuse e a denominación deste e outros gádidos é badejo, que é un castelanismo.
En Galicia, xunto con badexo e as súas diversas variantes de tipo fónico, tamén ten certa difusión o nome cerreta ou serreta para designar os abadexos novos, ó igual que en todo o Cantábrico. Trátase dunha voz derivada do galego cerro (pronunciado serro nas Rías Baixas, que significa "espiñazo" e que procede do latín cĭrrus, do mesmo significado.[19] Tamén en Galicia os abadexos novos reciben outro nome: curubelo, que se presenta en numerosas variantes como corobelo, corubelo ou corbelo. A pesar de que algunhas destas formas podería facer cavilar que se trata dun derivado de corvo, non parece que sexa esta a orixe, senón que máis ben crese que é unha corrupción dunha forma antiga "curadelo", que é o equivalente galego do nome castelán sinalado por Cervantes curadiño, que designaba primeiro o peixe curado e máis tarde o peixe vivo.[20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.