Lonxa

edificios utilizados para a venda do peixe capturado aos maioristas From Wikipedia, the free encyclopedia

Lonxa

Unha lonxa ou rula é calquera edificio público onde produtores e compradores grosistas venden e compran distintos produtos, a diferenza dun mercado no que os vendedores adoitan ser distribuidores intermediarios e os compradores adoitan ser particulares. Designa, como tal, a Lonxa Agropecuaria de Silleda, hoxe Central Agropecuaria de Galicia, para compravenda de gando, ou as antigas lonxas de tecidos e especias que durante os séculos XV e XVI se construíron, sobre todo, en Cataluña, Valencia (como a Lonxa da seda de Valencia) ou Aragón.

Thumb
Vista xeral dunha lonxa de peixe

Por veces, tamén pode designar simplemente un local comercial retallista.

En Galicia aplícase especialmente ó edificio mailas instalacións anexas onde se realiza a exposición e primeira venda de peixe e marisco frescos. Cumpre o papel de centro de concentración e comercialización dos produtos pesqueiros en primeira venda [1].

Elementos dunha lonxa

Thumb
Interior dunha moderna lonxa

Dentro da variabilidade que poden presentar segundo o tamaño e actividades que se desenvolvan no seu interior, unha lonxa de peixe adoita comprender as seguintes instalacións:

  • Unha sala ou espazo exterior para a recepción e preparación dos lotes de peixe.
  • A sala de poxas, onde se fai a exposición e venda.
  • Unha sala ou máis nas que se acondiciona o peixe para a súa distribución ó mercado.
  • Plataforma para a carga do peixe nos camións de transporte.

Resulta frecuente que posúan tamén outras instalacións anexas, como poden ser unha fábrica ou almacén de xeo, cámaras frigoríficas para conservar o peixe antes e despois da poxa, cámaras para conservación das partidas retiradas da venda antes da súa destrución, así como oficinas, servizos, vestiarios e outras instalacións auxiliares. As lonxas de maior tamaño tamén inclúen espazos reservados para que certas empresas realicen as necesarias operacións de preparación do peixe (lavado, eviscerado, corte en toradas etc.) e acondicionamento para o transporte (envasado con xeo).

Ó estar construídas a carón do mar, en terreos de dominio público, son propiedade de Portos do Estado que foron transferidas ás comunidades autónomas. En Galicia seguen baixo a administración estatal as lonxas da Coruña, Vigo, Marín e Ferrol (San Cibrao), dependendo tódalas demais do ente autónomo Portos de Galicia. Funcionan como concesións administrativas e xestionadas por confrarías de pescadores, que é o habitual, ou por organizacións de produtores, cooperativas, sociedades anónimas, concellos etc.

A entidade concesionaria cobre os seus gastos de mantemento e persoal mediante o cobro ó vendedor dunha porcentaxe non superior ó 1% sobre o valor de compra do peixe.

Comercialización

Comercialización en orixe

En liñas xerais, a comercialización do peixe nestas primeiras etapas comeza co transporte do peixe desde o barco ata a lonxa. Na Unión Europea é obrigatorio que o pescador venda tódalas súas capturas a traves dunha lonxa autorizada, o que non impide que se poida producir unha desviación de parte das capturas a outras vías de comercialización ilegal.

Esta norma ten certas excepcións, como acontece coas capturas que se venden directamente desde o barco, sen necesidade de descarga na lonxa [2].

A segunda fase é a exposición e poxa dos diferentes lotes de peixe. A poxa pode ser realizada directamente polos titulares da concesión ou indirectamente a través de entidades xestoras autorizadas para realizar esta actividade, as denominadas vendedurías. Unha vez que os lotes de peixe son adxudicados, prohíbese realizar unha segunda poxa nas lonxas (RD 1822/2009). Os compradores nas lonxas só poden ser grosistas de peixe, retallistas radicados na localidade onde se localiza o porto ou industrias alimentarias; só excepcionalmente se pode autorizar a venda directa a particulares, pero en pequenas cantidades de produto (que non superen os 3 kg de peixe ou marisco).

Tradicionalmente, a forma da poxa foi sempre á baixa [3], única fórmula que permitía a normativa ata o ano 2006 [4], data a partir da cal se permitiu utilizar calquera outra fórmula que facilite ós produtores rendabilizar as súas capturas e obter así mellores prezos.

Mediante esta poxa á baixa, un operario da lonxa vai cantando o prezo e baixándoo pouco a pouco ata que o comprador interesado dá o mío e corta a poxa, marcando co seu nome a caixa ou caixa que compoñan o lote comprado.

Actualmente, as lonxas están informatizando as súas instalacións e aplicando un sistema de poxa electrónica que está erradicando a poxa por voceo. No novo sistema os prezos márcanse nunha gran pantalla e os compradores realizan a compra mediante un mando a distancia. A informatización abrangue tamén outros procedementos administrativos (pesado, clasificación, facturación), documentais (etiquetaxe, rexistros de venda e rastrexabilidade) e estatísticos (movementos, capturas, prezos etc.).

Comercialización en destino

Thumb
Poxa de marraxo (Isurus oxyrinchus) no porto pesqueiro de Vigo

A terceira e última fase consiste na comercialización cara ao consumidor, tamén denominada comercialización en destino, para diferenciala da realizada nas fases anteriores que comprendían a comercialización en orixe. As posibles modalidades de distribución poden ser, ben directamente a través das peixeiras que venden o peixe ou marisco nas prazas de abasto ou nas peixerías, ben a mercados centrais desde os que se distribúe ós retallistas, ou ben a establecementos industriais que se dedican á transformación e posterior comercialización de produtos da pesca elaborados.

Os responsables da lonxa deben identificar o produto para que se poida garantir a rastrexabilidade durante tódalas fases seguintes. Esta identificación realízase mediante a etiquetaxe regulamentaria e a emisión dunha nota de venda que conterá, entre outros datos, a identificación do comprador e vendedor, o lugar e data de venda, a denominación comercial e científica da especie obxecto da venda e a cantidade e prezo por quilogramo.

Controis oficiais

Thumb
Sanmartiños expostos á venda

As lonxas, como calquera outra industria alimentaria, deben estar en posesión de autorización sanitaria de funcionamento (número de rexistro sanitario) e están sometidas a control oficial veterinario para comprobar que cumpren as condicións hixiénicas e estruturais que esixe a normativa vixente, como a limpeza, desinfección, desinsectación e desratización, mantemento, control de auga e temperaturas, xestión de residuos e outros requisitos sanitarios.

Confrarías

Os pescadores están afiliados en confrarías de pescadores, corporacións de dereito público sen ánimo de lucro, que representan os seus intereses ante a Administración, que recorre a elas como órganos de consulta e colaboración.

As confrarías naceron como sociedades gremiais de axuda mutua coas que os mariñeiros pretendían prever os imprevistos causados por naufraxios, catástrofes ou situacións similares. Como adoitaban organizarse ó redor de congregacións relixiosas tomaron normalmente o nome da virxe ou santo ós que pedían protección, denominacións relixiosas que aínda conservan.

As lonxas de Galicia

En Galicia están rexistradas 61 lonxas, segundo o censo de 2010 da Consellería do Mar [5], distribuídas ó longo de toda a costa: 34 na Coruña, 6 en Lugo e 21 en Pontevedra. Estes valores numéricos non se corresponden co volume de vendas xa que, por exemplo, as lonxas da Coruña e de Ribeira acumulan o 77% das vendas da provincia da Coruña; as lonxas de Burela e Celeiro, o 99,85% das de Lugo; e a de Vigo, ela soa, o 76% das da provincia de Pontevedra.

Segundo datos de 2008 [6], as poxas en primeira venda representaron en Galicia un total de 123.215 toneladas de peixe e mariscos nas catro grandes lonxas de Vigo, Coruña, Marín e Ferrol, máis que tódolos demais portos xuntos, que sumaron 108.216 toneladas. O total, 231.431 toneladas, representa o 34,04% do total español (679.908 toneladas).

As características e volume de venda das diferentes lonxas varían dentro de amplas marxes:

  • Cinco lonxas superaron a cifra de 20.000 toneladas anuais e os 30 millóns de euros de volume de comercio: Vigo, A Coruña (que representan entre as dúas máis do 40% do total de descargas nos portos da comunidade galega), Ribeira, Burela e Celeiro. Nestas lonxas recíbese boa parte das capturas de pescada nos caladoiros da Unión Europea.
  • Doce lonxas superaron a cifra das 1.000 toneladas.
  • E as 44 lonxas restantes non alcanzaron estas cifras de venda. Entre elas atópanse as que reciben barcos de baixura e as que se especializaron nos produtos procedentes do marisqueo.

Léxico

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.