Póla da filosofía que ten por obxecto de estudo os códigos morais From Wikipedia, the free encyclopedia
A ética (do grego ēthos, "temperamento", "carácter", "costume") é a parte da filosofía que ten como obxecto de estudo os códigos morais. É a ciencia que estuda a moral. É dicir, a ética reflexiona sobre o comportamento humano,[1] as normas morais, a súa fundamentación, a súa validez, a súa universalidade etc. A ética reflexiona sobre o uso de conceptos como bo, malo, o ben, o mal e responsabilidade e sobre o comportamento humano.
Tradicionalmente, a ética ocupouse de analizar, valorizar e desenvolver estas normas. Hoxe en día asígnaselle un carácter teórico e rexéitase o carácter normativo ou pragmático que tiña.
O comportamento moral das persoas é unha forma de conduta e a ética dá razón del. Para isto, toma como obxecto da súa reflexión a práctica moral da humanidade no seu conxunto. A ética hoxe evita emitir xuízos de valor sobre a práctica moral nas distintas sociedades e épocas, senón que tenta explicar a razón de ser desa diversidade e das mudanzas que se producen.
A palabra ética provén do latín ethĭcus, e este do grego antigo ἠθικός transliterado como ēthikós. A forma feminina provén do latín tardío ethĭca, e este do grego ēthikḗ.[2] Segundo algúns autores, débese diferenciar êthos, que significa «carácter», de ethos, que significa «costume», pois «ética» séguese daquel sentido e non é este.[3]
Etimoloxicamente «ética» e «moral» teñen o mesmo significado, xa que a palabra «moral» vén de latín mos que significa «hábito» ou «costume».[4]
A ética xeral establece os criterios para xulgar se unha acción é boa ou mala e para xulgar os motivos e as consecuencias dun acto. A finalidade da ética fai pois dela mesma unha actividade práctica. Non se trata de gañarse un saber para si mesmo, senón de actuar coa conciencia dunha acción social responsable. É considerada actualmente, como a disciplina no fundamento da ética aplicada, da ética individual, da ética social[5] e das diferentes formas de éticas especializadas que nos confrontan os problemas normativos do seu ámbito particular.
Segundo unha corrente «clásica», a ética ten como obxecto os actos que o ser humano realiza de modo consciente e libre (é dicir, aqueles actos sobre os que exerce dalgún modo un control racional). Non se limita só a ver como se realizan eses actos, senón que busca emitir un xuízo sobre estes, que permite determinar se un acto foi eticamente bo ou malo.
A valoración ética dun acto como bo ou malo é diversa da valoración que ese mesmo acto pode ter dende unha perspectiva técnica. Un acto tecnicamente eficaz pode ser eticamente malo, pois a ética non se fixa soamente no cumprimento de obxectivos parciais, mais ten en conta o ben da vida en xeral.
Fernando Savater, no primeiro capítulo do seu libro Ética para Amador («De que vai a ética»), define a ética como «a arte de vivir, o saber vivir, por tanto a arte de discernir o que nos convén (o bo) e o que non nos convén (o malo)».
Iso implica establecer unha distinción entre o que sexa bo e o que sexa malo desde o punto de vista ético, e se o ben e o mal éticos coinciden ou non co que serían o ben e o mal en si.
Na natureza, non é posible atopar comportamentos que poidamos cualificar de bos ou malos, xa que os animais non teñen a capacidade de elixir libremente cal será o seu modo de actuar, pois neles o comportamento está case totalmente determinado polos seus instintos. Do estudo do comportamento animal, segundo vén determinado pola natureza, ocúpase a etoloxía. Pero a ética parte de que os humanos temos capacidade de dirixir racionalmente o noso comportamento, segundo obxectivos que valoramos como bos ou malos, e actuar en consecuencia. Os seres humanos somos os únicos que nos preguntamos pola diferenza entre actuar "ben" e actuar "mal", porque posuímos razón e liberdade para decidir conscientemente o que debemos facer. Aínda que isto non signifique, como é lóxico, que poidamos facer todo canto desexariamos facer, pois a nosa liberdade é limitada.
Polo tanto, os seres humanos, porque somos libres para elixir, temos a capacidade de inventar a nosa propia vida. Agora ben, nesta elección podemos atinar ou equivocarnos; a reflexión ética axúdanos, ou procura axudarnos, a orienta-la nosa vida, e tomar esta clase de decisións.
A ética relaciónase coa antropoloxía, co dereito, coa lei, e coas ciencias empíricas que estudan o comportamento humano, como a socioloxía e a psicoloxía. A diferenza destas últimas, a ética non se limita a describir condutas, mais ten unha pretensión normativa, directiva do comportamento.
Un autor define ética do seguinte modo: «Ética (do grego ethika, de ethos, «comportamento», «costume»), principios ou pautas da conduta humana, a miúdo e de forma impropia chamada moral (do latín mores, «costume»)».[6]
A palabra ética provén do grego êthikos («carácter»). Trátase do estudo da moral e das accións humanas para promover os comportamentos desexables. Unha sentenza ética supón a elaboración dun xuízo moral, no que se aplica unha norma xeral de conduta ó caso particular de que se trate. Cando esa sentenza procede do propio axente, que valora a súa conduta, falamos de conciencia moral.
A ética asume que somos responsables do modo en que as nosas accións afectan ós dereitos e o benestar dos outros, e tamén, en parte ó desenvolvemento do propio carácter.
A ética ten así unha necesaria dimensión social e política. Co noso comportamento ético contribuímos máis ou menos a unha convivencia xusta e pacífica.
Por profesión enténdese unha ocupación que se desenvolve co fin de colaborar co benestar dunha sociedade. Para realizar o devandito labor é necesario que o profesional (persoa que exerce a mesma) actúe con responsabilidade, seguindo os requirimentos que a lei vixente expoña para o desenvolvemento desa actividade.
A ética profesional pretende regular as actividades que se realizan no marco dunha profesión. Neste sentido, trátase dunha disciplina que está incluída dentro da ética aplicada xa que fai referencia a unha parte específica da realidade.
Cabe destacar que a ética, a nivel xeral, non é coactiva (non impón sancións legais ou normativas). Con todo, a ética profesional pode estar, en certa forma, nos códigos deontolóxicos que regulan unha actividade profesional. A deontoloxía forma parte do que se coñece como ética normativa e presenta unha serie de principios e regras de cumprimento obrigatorio.
Cómpre aclarar a diferenza entre ética e moral:
A diferenza radica en que a persoa que vive en calquera comunidade conta cunha serie de normas morais que segundo a mesma comunidade deben ser respectadas. Pero a ética soporta o pensamento individual de cada persoa, é dicir, que a pesar de que as persoas coñecen as normas morais poden, por algunha razón decidir non respectalas.
As orixes de ambas as dúas verbas, mores (orixe latina de moral) e ēthos (orixe grega de ética), tradúcense como "costume". De aí a confusión na súa utilización.
Segundo o centro de reflexión, as teorías éticas poden agruparse en catro bloques:
Todos estes sistemas teñen variantes segundo se se considera que a fonte da moral está no mesmo suxeito ou se vén ditada desde fóra ou segundo se se fala de normas e xuízos absolutos ou relativos. Ademais, adóitase distinguir entre a moral individual e a colectiva, a que se debe adoptar para permitir a convivencia (é o que Jean-Jacques Rousseau chamaba "contrato social").
A ética subdivídese, á súa vez, en diferentes ramas:
A ética descritiva pon de relevo o que a maioría da xente cre que é correcto ou incorrecto, mentres a ética normativa fai fincapé en describir o que as persoas deberían considerar bo ou malo.
Por outra banda, a clasificación que realiza a ética normativa das accións humanas como adecuadas ou inadecuadas a diferenza da metaética, que estuda a natureza das declaracións moral se, tamén, a diferenza da ética aplicada , a que expón as regras en contextos prácticos e que, polo tanto, ocúpase de campos específicos do comportamento humano e de discutir as respostas debidas #ante estas situacións.
Refírese ao aspecto da ética que ten que ver exclusivamente coa formación e elaboración das normas sociais, pero non co seu seguimento ou cumprimento, porque xa sería o aspecto fáctico da ética.
Diferentes teorías de ética normativa:
A ética aplicada constitúe unha das áreas máis prolíficas e actuais da filosofía contemporánea. Os que fan ética aplicada desenvolven o seu traballo en diversas áreas da sociedade onde a ética ten un papel relevante. Traballan en ámbitos como a bioética, a tecnoética, a ética empresarial, a ética ambiental, a ética legal, a enxeñería ética, a ética da comunicación, a ética do ciberespazo etc. Estes e moitos outros ámbitos, onde leva a cabo un intento de tratar con problemas éticos que xorden na vida cotiá, constitúen o obxecto de estudo da ética aplicada.
A noción de ética aplicada podería parecer redundante, xa que a ética mesma é unha filosofía práctica, unha filosofía da acción. Pero co transcurso do tempo, esta filosofía práctica, que Sócrates exerceu no Ágora, foi poñendo cada vez máis énfase nos seus compoñentes teóricos, ata case reducirse nos últimos séculos a unha reflexión sobre os fundamentos das normas.
A ética aplicada ocúpase dunha parcela da realidade, como:
A bioética é a rama da ética que aspira a prover os principios orientadores da conduta humana no campo biomédico. Etimoloxicamente provén dos grego bios e ethos: "ética da vida", ou ética aplicada á vida humana e non humana. Nun sentido máis amplo, con todo, a bioética non se limita ao ámbito médico, senón que inclúe todos os problemas morais que teñen que ver coa vida en xeral, estendendo desta maneira o seu campo a cuestións relacionadas co medio ambiente e ao trato debido aos animais. a bioética é unha disciplina relativamente nova e a orixe do termo corresponde ao oncólogo estadounidense Van Rensselaer Potter, quen utilizou o termo por primeira vez en 1970 nun artigo publicado na revista da Universidade de Wisconsin "Perspectives in Biology and Medicine" onde o título ostentaba por primeira vez este termo: "Bioética: a ciencia da supervivencia". Posteriormente, en 1971, Potter publica un libro co título de "Bioethics: Bridge to the future" ("Bioética: unha ponte cara ao futuro") No que se recollen varios dos seus artigos.
A ética hackers é unha nova ética xurdida e aplicada ás comunidades virtuais ou cibercomunidades, aínda que non exclusivamente. Un dos seus grandes mentores foi o finés Pekka Himanen. Himanen, na súa obra A ética do hacker e o espírito da era da información (que contén un prólogo de Linus Torvalds e un epílogo de Manuel Castells), comeza por rescatar unha das acepcións orixinais do termo hacker. Segundo Himanen,[Cómpre referencia] un hacker non é un delincuente, vándalo ou pirata informático con altos coñecementos técnicos, aos que prefire chamar crackers), senón que hacker é todo aquel que traballa con gran paixón e entusiasmo polo que fai. Por iso é polo que o termo hacker poida e deba extrapolarse a outros ámbitos como ser, por exemplo, o científico. Así Himanen escribe, «no centro de nosa era tecnolóxica atópanse unhas persoas que se autodenominan hackers. Defínense a si mesmos como persoas que se dedican a programar de maneira apaixonada e cren que é un deber para eles compartir a información e software libre. Non hai que confundilos cos crackers, os usuarios destrutivos cuxo obxectivo é o de crear virus e introducirse noutros sistemas: un hacker é un experto ou un entusiasta de calquera tipo que pode dedicarse ou non á informática.». Segundo Himanen a ética dos hackers é unha nova moral que desafía «A ética protestante e o espírito do capitalismo», (obra escrita hai un século por Max Weber) e que está fundada «na laboriosidade dilixente, a aceptación da rutina, o valor do diñeiro e a preocupación pola conta de resultados. Ante a moral presentada por Weber, a ética do traballo para o hacker fundaméntase no valor da creatividade, e consiste en combinar a paixón coa liberdade. O diñeiro deixa de ser un valor en si mesmo e o beneficio cífrase en metas como o valor social e o libre acceso, a transparencia e a franqueza».
A ética dos hackers é unha ética de tipo axiolóxico, é dicir, unha ética baseada nunha determinada serie de valores. Himanen rescata algúns valores fundamentais, a saber:
Tamén hai que consultar o estudo escrito por Pablo Contreras Em dic Kohfam, identitat hacker: una aproximació antropològica' (Chámome Kohfam, identidade hacker: unha aproximación antropolóxica), III Premio de Ensaio Eusebi Colomer da Fundación EPSON, Barcelona, 2004. Segundo Contreras, as agrupacións hackers dan lugar a unhas configuracións sociais en rede que se caracterizan pola súa capacidade de xerar coñecemento e innovación. Estas configuracións en rede, chamadas "intelixencias-rede" presentan unhas propiedades sociais baseadas na meritocracia, a concepción pública do coñecemento xerado e a redistribución deste entre os membros do grupo. Segundo o autor, a organización social dos grupos hacker é moi similar á utilizada nas sociedades primitivas, con liderados non coercitivas e sistemas de reputación entre pares baseados na ética de hackers como características fundamentais.
Outros aspectos que resaltan desta ética, é unha palabra moi soada, e moi marabillosa: "Ningún problema debería resolverse dúas veces", aludindo a que o tempo dos demais é moi valioso, e cando resolvas algo comunicao a todos os teus compañeiros hackers que poidan resolver outros problemas, aumentando a produtividade.
A deontoloxía profesional ou ética das profesións (por exemplo: ética médica, ética científica, ética xudicial. etc). Unha das diferenzas cando falamos de "ética" e "deontoloxía" é que a primeira fai directamente referencia á conciencia persoal, mentres que a segunda adopta unha función de modelo de actuación na área dunha colectividade. Por iso, coa concreción e deseño de códigos deontolóxicos, ademais de autorregular esta profesión, convídase o seguimento dun camiño moi concreto e na formación ética dos comunicadores.
De maneira teórica, poderiamos diferenciar dous grandes grupos: a ética social e a ética individual. Dentro da ética individual diferénciase, tamén, unha ética interpersoal que é a que rexe o comportamento que temos en relación a outros individuos. Aquí pódese situar a ética profesional, xa que rexe o comportamento do profesional na súa actividade laboral. Os principios que rexen a profesión obtéñense a través de métodos similares aos da ética xeral: dialóxico, inductivo e deductivo.
Para coñecer o fundamento ético e moral dun código ético, requírese o estudo da actividade profesional en si mesma e non é suficiente o labor dun filósofo que descoñeza a profesión.
A ética das profesións móvese no nivel medio das éticas específicas ou "aplicadas". O profesional xógase no exercicio da súa profesión non só ser un bo ou mal profesional senón tamén o seu ser ético. Non acaba de ser considerada unha persoa eticamente aceptable que en todos os ámbitos actuase ben e cumprise cos seus deberes menos no exercicio das súas responsabilidades profesionais. A ética das profesións exponse en termos de principios: o principio de beneficencia, o principio de autonomía, o principio de xustiza e o principio de non maleficencia. O deontolóxico expón os temas éticos en termos de normas e deberes.
Os principios distínguense das normas para ser máis xenéricos que estas. Os principios poñen diante dos ollos dos grandes temas e valores do vivir e do actuar. As normas aplican os principios a situacións máis ou menos concretas, máis ou menos xenéricas. As normas adoitan facer referencia a algún tipo de circunstancia, aínda que sexa en termos xenéricos. Pero tamén os principios fanse intelixibles cando adquiren concreción normativa e fan referencia ás situacións en que se invocan e aplican. En termos xerais un principio enuncia un valor ou meta valiosa. As normas, en cambio, tentando realizar o principio baixo o cal son subsumibles, din como debe aplicarse un principio en determinadas situacións.
Tanto as normas como os principios son universais aínda que o ámbito de aplicación dos principios sexa máis amplo e xeral que as normas específicas que caen baixo este principio.
Desde a perspectiva da ética profesional, o primeiro criterio para xulgar as actuacións profesionais será se alcanza e como se logra realizar estes bens e proporcionar estes servizos (principio de beneficencia). Como toda actuación profesional ten como destinatario outras persoas, tratar ás persoas como tales persoas, respectando a súa dignidade, autonomía e dereitos sería o segundo criterio (principio de autonomía). As actuacións profesionais levan a cabo nun ámbito social con demandas múltiples que hai que xerarquizar e recursos máis ou menos limitados que hai que administrar con criterios de xustiza (principio de xustiza). E, en todo caso, haberá que evitar causar dano, non prexudicar a ninguén que poida quedar implicado ou afectado por unha actuación profesional (principio de non maleficencia).
A metaética é a valoración das teorías éticas e os seus fundamentos das ciencias auxiliares e complementarias a ela como pode ser a lóxica.
Ten por obxecto os enunciados que conteñen os conceptos da linguaxe moral.
No caso concreto da lóxica sérvenos para observar a correcta fundamentación dos "principios" éticos coidando a validez das súas premisas e que destas sigan unha consecuencia congruente e consistente.
A aparición da ética vai ligada á auto conciencia. A maioría de culturas teñen algún mito para explicar esta orixe.
A filosofía desde o comezo ocupouse da ética. Destacan, entre moitos outros, os nomes de Sócrates ou Aristóteles. Outras figuras relevantes ao longo do tempo son, por exemplo, Thomas Hobbes, Kant ou Arthur Schopenhauer.
Desde o inicio da reflexión filosófica estivo presente a consideración sobre a ética. Platón afronta a temática ética en diversos lugares e desde contextos diferentes. Así, por exemplo, no Gorxias busca superar o hedonismo e a lei do máis forte. No Fedón evidencia a importancia do que exista tras a morte para regular o propio comportamento. En A República aborda xuntamente a ética individual (desde a perspectiva dunha xustiza dentro da alma) e a ética pública, cunha complexa teoría do Estado, que atopa complementos e puntos de vista diferentes noutras dúas obras, o Político e as Leis. Na segunda metade da obra Fedro, un dos temas principais é a ética.[7]
A Ética nicomáquea, seguramente o máis importante tratado de ética de Aristóteles, baséase na premisa de que todo ser humano busca a felicidade (ética eudemónica). Para Aristóteles todos os seres naturais tenden a cumprir a función que lles é propia e están orientados a realizar completamente as súas potencialidades. O ben, que é o mesmo que a perfección dun ser ou a realización das capacidades, é cumprir a súa función propia, aquilo que só el pode realizar. Tamén os seres humanos están orientados á realización plena da función que lles é propia. O problema que se suscita, entón, é cal é a función propia do home. E se seica hai máis dun ben propio do home, cal é o ben máis alto e máis perfecto dos que pode alcanzar o ser humano?
Como noutras das súas obras, Aristóteles releva as opinións dos seus contemporáneos respecto diso e comproba que todas parecen estar de acordo en que o obxectivo supremo do home é vivir ben e ser feliz, aínda que hai moitos desacordos respecto de en que consiste a felicidade e o bo vivir. Para Aristóteles a vida feliz (plena) é a que permite realizar a actividade superior (contemplación), cunha suficiente autonomía (bens materiais, saúde), e en compañía dun número suficiente de amigos (cf. Ética nicomáquea I).
Só son morais as accións nas que se pode elixir e decidir que facer. En cambio, non son morais nin inmorais as accións padecidas, compulsivas ou forzosas. O que é moral é a acción que depende da vontade, se se actúa de modo correcto. Cando se actúa correctamente? A forma correcta de actuar depende do ámbito de acción (dianoético ou intelectual, ético ou moral) e en parte está pautada polos costumes da comunidade á que se pertence (se a comunidade é eticamente sa, algo que supón Aristóteles para o mundo grego quizais de modo acrítico) e apréndese coa educación. Cando se actúa de acordo con estas pautas, vívese ben e ése virtuoso.
Por outra banda, os filósofos estoicos e epicúreos propuxeron teorías morais baseadas en principios opostos: a virtude e a vida con moderación (estoicismo), e a procura do pracer (epicureísmo).
É un momento no que a ética asume elementos das doutrinas clásicas da felicidade (o fin do actuar humano consiste en obter o ben que nos fai felices) e úneos á doutrina cristiá (vista como revelación divina), especialmente segundo a normativa que recollen os mandamentos. O fin último do actuar humano é a caridade, que se consegue ao vivir desde o Evanxeo, e que permite ao home acceder á visión de Deus (no ceo), onde o ser humano alcanza a súa máxima plenitude e o ben supremo.
Diversos autores falan de ética e segundo perspectivas diferentes. É oportuno lembrar dous grandes nomes, san Agostiño de Hipona e santo Tomé de Aquino (especialmente na segunda parte da Suma de teoloxía, na que se recollen numerosos elementos da ética de Aristóteles).[8]
Posteriormente, e tras as pegadas das ideas de Tomé de Aquino, desenvólvese no ámbito católico o que logo será coñecido como principio de dobre efecto.
Os filósofos éticos modernos traballan coa mirada posta, sobre todo, no mundo antigo (estoicos, epicúreos, Platón, Aristóteles), aínda que con algúns elementos herdados da Escolástica medieval. Descartes ten algúns elementos de ética no seu famoso Discurso do método. Dentro do racionalismo, é Baruch Spinoza quen elaborou de modo máis amplo e sistemático unha proposta ética. No ámbito do empirismo, David Hume traballou en diversos momentos para comprender os motivos profundos das accións humanas.
A gran revolución ética moderna realízase a través de Immanuel Kant, que rexeita unha fundamentación da ética noutra cousa que non sexa imperativo moral mesmo (deontoloxismo formal), pois se a moral se orienta a buscar a felicidade non podería dar ningunha norma categórica nin universal. Os filósofos idealistas desenvolveron esta moral do imperativo categórico. Fan fronte así ao utilitarismo, ao afirmar que o principio de utilidade non é o único criterio de corrección das accións.
A ética do século XX coñeceu achegas moi importantes por parte de numerosos autores: os vitalistas e existencialistas desenvolven o sentido da opción e da responsabilidade, Max Scheler elabora unha fenomenoloxía dos valores. Autores como Alain Badiou tentaron demostrar que esta principal tendencia (nas opinións e nas institucións), a cuestión de «a ética» no século XX, é en realidade un «verdadeiro nihilismo» e «unha ameazante denegación de todo pensamento».[9]
Recentemente, e desenvolvendo unha análise en profundidade das orixes e fundamentos da ética, apareceron diversos estudos sobre o papel das emocións no desenvolvemento dun pensamento ético antifundacionalista, como indicou Richard Rorty. Nas últimas dúas décadas, o filósofo escocés MacIntyre establece novas ferramentas de análise histórica-filosófica de distintas versións rivais da ética.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.