especie de cetáceo da superfamilia dos zifioideos From Wikipedia, the free encyclopedia
O zifio de Cuvier,[3] ou cifio de Cuvier,[4] Ziphius cavirostris, é unha especie de cetáceo odontoceto da superfamilia dos zifioideos, familia dos zifíidos, unha das dúas especies viventes da subfamilia dos zifiinos, e único representante do xénero Ziphius.[5][6][7]
Zifio de Cuvier Ziphius cavirostris | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Ziphius cavirostris Cuvier, 1823 [2] |
É o zifio de maior distribución coñecida. O seu estudo moderno iniciouno en 1823 Georges Cuvier a partir dun cranio encontrado anos antes nas costas de Francia.
A especie foi descrita en 1823 polo naturalista francés Georges Cuvier na súa obra Recherches sur les ossements fossiles. Nouv. éd., 5 (1): 1-352.[7][8]
O nome científico Ziphius foi cuñado por Georges Cuvier, que parece que o derivou dunha adaptación do grego antigo ξίφος xíphos "espada", en alusión ao estreito bico destes animais.[9]
O epíteto específico, cavirostris, así mesmo debido a Cuvier, está formado polos elementos do latín científico cavi-, da raíz do adxectivo latino cavus, -a, -um, "oco", "baleiro", e -rostris, do latín rostrum, -i, "fociño", "bico",[10] aludindo ao seu bico oco (no melón).
Ao longo do tempo, ademais do nome que lle deu Cuvier, e que é o actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos numerosísimos sinónimos seguintes:[11]
As principais características que permiten distinguir o zifio de Cuvier doutras especies de cetáceos semellantes son as seguintes:[12][13][14]
Ziphius cavirostris é unha especie que habita en augas temperadas dos océanos e mares de todo o mundo, desde os trópicos até ás rexións polares, entre os 90° N e os 90° S, e entre os 180° W e os 180° E.[15]
A distribución do zifio de Cuvier coñécese sobre todo en base ao gran número de varamentos, e a algunhas observacións. Parece ser un dos zifios de distribución máis cosmopolita, cun ámbito moi extenso nos océanos Atlántico, Pacífico e Índico, encontrándose individuos desde as illas Shetland a máis de 60º N até o arquipélago da Tierra do Fogo, a 55º S, non estando presentes, por tanto, tan só nas augas polares de ambos os hemisferios.[12][13]
Encóntrase en torno a moitas illas oceánicas, e son bastante comúns en mares pechados, como o Mediterráneo ou o do Xapón. Reside todo o ano en augas de Hawai e outras zonas, e non se coñecen migracións.[13]
Nas costas europeas as poboacións máis importantes están no golfo de Biscaia e na conca occidental do Mediterráneo (costas de España, Francia e Italia, pero sinaláronse algúns varamentos en Grecia).
Non se viu no canal da Mancha, e só penetra excepcionalmente no mar do Norte. Raros animais erráticos foron observados nas costas de Suecia e no mar Báltico.[12] A súa presenza en augas próximas a Galicia é pouco frecuente.[14]
Poucas veces se acerca á costa, excepto en canóns submarinos ou en zonas onde a plataforma continental é estreita e as augas costeiras son profundas.[13]
O zifio de Cuvier é unha especie peláxica, gregaria, oceanódromo, que nada a profundidades entre os 0 e os 8 000 m, usualmente entre os 1 000 e os 4 000 m,[15] que se despraza en pequenos grupos de até 25 individuos. Polo xeral evita os barcos, pero ás veces é curioso e amigábel, sobre todo en Hawai. Algúns animais puidéronse observar no momento de saltar por completo fóra da auga, cousa que parece pouco frecuente; no salto sae da auga case verticalmente, e cae cara a atrás de forma torpe.[12][13]
O sopro respiratorio está dirixido lixeiramente cara a diante e á esquerda, pero é baixo e pouco conspicuo; pode verse mellor tras unha inmersión longa.[13] Na inmersión profunda, arquéase e saca a aleta cuadal por riba da auga para mergullarse verticalmente.[12] As inmersións adoitan duraren entre 20 e 40 min, seguramente con de 2 a 3 sopros cada 10 ou 20 seg.[13] A profundidade alcanzada nos seus mergullos parece ser da orde dos 300 m (información obtida a partir das especies encontradas nos contidos estomacais), e a duración da inmersión pode durar até 30 min.[12]
Parece dar tombos na auga, e pode asomar a cabeza cando nada velozmente, e coa aleta dorsal visíbel.[13]
Pouco é o que se sabe da vida do zifio de Cuvier. A madurez sexual alcánzase, en ambos os sexos, cando chegan medir 5,5 m. Non se coñece ningún dato sobre a época do emparellamento nin da duración da xestación,[14] pero o período de nacementos parece ser, no golfo de Biscaia, en primavera. As crías miden, ao naceren, de 2 a 3 m.[12]
O seu réxime alimenticio componse fundamentalmente de cefalópodos de augas profundas,[12] pero tamén pode comer pequenos peixes e algúns crustáceos.[15]
Cada ano, uns 20 individuos son capturados por baleeiros xaponeses. Este é un número relativamente pequeno e non son cazados regularmente.[17]
En 2008 a UICN catalogou o estado do zifio de Cuvier na súa Lista vermella como puco preocupante (LC). Aínda que non se dispón de estimacións globais sobre a poboación total deste cetáceo, considérase que non é inferior aos 100 000 individuos.[1]
A especie ten unha área de distribución moi ampla, e as principais ameazas son os altos niveis de ruídos causado polos humanos, en especial os sonares militares, e as capturas accidentais. A combinación da súa ampla distribución e da súa abundancia relativa, é suficiente para que non ocorra unha diminución global maior do 30 % en tres xeracións.[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.