Remove ads
novela de Eduardo Blanco Amor From Wikipedia, the free encyclopedia
Xente ao lonxe é unha novela de Eduardo Blanco Amor publicada en 1972 pola Editorial Galaxia. A segunda edición é de 1976.[2] Galaxia publicou en 2014 unha edición que é o resultado dunha investigación de Xosé Manuel Dasilva, na que reconstrúe definitivamente a versión orixinal que se sometera á censura na década de 1970.[3]
Xente ao lonxe | |
---|---|
Título orixinal | Xente ao lonxe e Aquella gente |
Autor/a | Eduardo Blanco Amor |
Ilustrador/a | Isaac Díaz Pardo |
Cuberta | Isaac Díaz Pardo [1] |
Orixe | España |
Lingua | galego |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1972 |
Formato | 20,3 x 13,5 cm |
Páxinas | 322 |
ISBN | Depósito Legal: Vg 53 - 1972 |
Precedido por | Os biosbardos (1962) |
Seguido por | Farsas para títeres (1973) |
[ editar datos en Wikidata ] |
O propio autor verteuna ao castelán co título de Aquella gente e foi publicada en 1976 pola Editorial Seix Barral, Col. Biblioteca Breve.[4]
Na advertencia de 1972, debido aos cortes da censura dise entre outras cousas:
"Tal como se di no prólogo o que estivo máis presente na conceución e feitío dista novela foi precisamente o ser "un exercicio de lingoaxe". Eis o seu único compromiso: unha cata e cala, unha pregunta sober da nosa lingoa viva e as súas capaciades pra escribir nela dende o noso tempo e, no meu caso persoal, dun certo xeito...[5]"
O Prólogo útil é moi longo e constitúe unha especie de autopoética do autor, expoñendo as súas ideas éticas e estéticas
"Na intención do autor, esta obra anceia ser principalmente, anque non unicamente, unha novela; aínda máis: unha novela realista... esta noveliña pretende ser do xeito máis espreso e, agora si, PRINCIPALMENTE, un exercicio de lingoaxe.[6]"
No final do libro comenta:
"As partes I e II de "Xente ao lonxe" foron escritas ao traveso de grandes intres, no decorrer dos anos 1966 e 1967. -O resto foi saíndo entre 1968 e o 25 de outono do 70, que lle din remate.[7]"
A novela é unha radiografía do Ourense (A. no libro, Auria) de principios do século XX a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa. (O pai de Suso é socialista e a nai e avoa seguidoras da relixión e a igrexa.)
Os protagonistas son os Vilar, o Suso, o pai Aser, súa irmá Evanxelina, un irmán morto moi cedo, unha parteira da cidade de Auria... A portada de 1976 (de Luís Mariño) fai referencia aos sucesos de Oseira, retratados na novela: a xente collía madeira e pedras do mosteiro abandonado desde a desamortización; as autoridades deciden sacar de alí para mandar a algún lugar algunhas pezas do mostreiro; a xente decátase e non permite que leven nada. A Garda civil intervén a petición do bispo, carga e hai nove mortos e 27 feridos. Ocorreu en 1909.
Está considerada unha das grandes creacións da novelística galega do século XX, aínda que nos primeiros anos non foi moi valorada pola crítica, que si resaltaba a súa extensión e orixinalidade.
Xosé Ramón Pena comenta na súa Historia da literatura galega IV:[8]
"É por iso que o cualificativo de «novela total» non nos parece desmesurado en absoluto para referinos á composición que nos veu legar Eduardo Blanco-Amor: con ela, o grande autor ourensán concluíu un ciclo -realizado en galego e en castelán- no que procurou relatar, desde as rúas de Auria, o devir dos seus concidadáns, mais tamén o devir propio: é dicir, o da súa memoria persoal construída a partir da (pretendida) memoria colectiva. Neste sentido, e unha vez que eles mesmos, na súa individualidade, se conforman como personaxes do pobo, si é posíbel reafirmarmos que vén ser o pobo de Auria o gran protagonista dunha senlleira narración, un dos textos mellor conseguidos na historia das letras galegas do século XX."
O Diccionario da literatura galega III dedícalle unha das entradas e conclúe:[9]
"Asemade, Xente ao lonxe é abordable tamén como novela de aprendizaxe ou bildungsroman (centrada nun personaxe xuvenil como Suso, en proceso de formación ó longo do discurso narrativo) e como novela histórica, de maneira que se teñen proposto como definición as denominacións "novela-total" e "novela-síntese"."
Segundo Ramón Nicolás:[10]
"Ninguén dubida que Xente ao lonxe é unha das novelas máis ambiciosas escritas en lingua galega no século XX, pola espectacularidade e novidade dunha estrutura de inequívoco saibo cinematográfico e porque nela se espellan as transformacións sociais que sufriu Galicia no tránsito do século XIX ao XX desde ese espazo singular que foi Auria, exhibindo unha galería verdadeiramente impresionante de personaxes e un peso rotundo dunha visión fortemente satirizante."
Para Manuel Rodríguez Alonso:[11]
"A interpretación urbana e progresista de Galicia como unha sociedade onde o laicismo ou o socialismo teñen unha importancia decisivas, a relevancia das personaxes femininas como Evanxelina (que se converte en líder política e sindical, mentres o irmán queda no ámbito da privacidade), o tratamento de temas como a homosexualidade, o dereito da muller a dispor igual ca os homes do seu corpo ou mesmo de situar a cuestión do aborto no ámbito privado da conciencia da muller por non falar da presenza do homosexualismo sen ningún tipo de descualificación fan desta novela unha obra fundamental da literatura galega contemporánea."
Palabras y Mundos fai un bo resumo da obra:[12]
"Un neno: Suso, unha cidade: Auria, unha época: primeiros anos do século XX, unha traxedia: a matanza de Oseira. Estes son os puntos principais dos que parte a novela de Blanco Amor. Unha visión inocente e sinxela da vida dunha cidade a través dos ollos dun cativo que vai descubrindo, co tempo, non só os cambios no seu propio corpo, senón tamén os da súa propia cidade. O longo da novela Blanco Amor amosa como a vida vai mudando os pareceres das persoas, como as vai curtindo e formando, e as fai madurar. O relato así o mostra, e o longo da novela, o cativo madura ata se convertir[sic] nun home de conviccións firmes. Muda o cativo, muda a súa familia e muda tamén a súa cidade."
1ª parte
I. Suso comeza a falar do Perfeuto, o irmán que naceu morto, e de señora Andrea e outras parteiras: Dorinda e Remedios a Cachona, que botaba as cartas. Hai un diálogo entre esta e a Rebordechao con intervención do narrador. Suso conta do repartimento de comida dos venres. Tamén conta o narrador o que no repartimento citado fixo unha vez María dos Accidentes, entre lercha e tola. Suso conta que a señora Andrea viñera da parte dos portugueses da raia, por Chaves, que fuxira antes dos trinta anos cun criado moi novo e que o mataran e logo estivera de encargado na casa grande de Oimbra. E tres ou catro anos despois viñeran as murmuracións de que lle gustaban os rapaces máis novos. Mesmo que andara cun rapaz moinante que tiña unha mona, a Berta, e ían polas feiras. O narrador conta a historia do moinante e a Berta. Suso: todo o contado foi antes de chegar a señora Andrea a Auria, onde chegou cun titiriteiro e alí quedaron morrendo máis tarde o home. Despois disque ela se arrimara con Vicente, o Potras, e o bispo mandounos botar por non estaren casados, el marchou para Vigo e ela non.
II. A señora Andrea sabía moito e como parteira era mellor que o médico (a este non lle ía ningunha muller por vergoña). Logo colleu fama e viñeron tres máis, as mulleres xa ían alí e andaban nelas coma nun caixón. Os mozos falan dos médicos novos para mulleres, que son pouco homes.
III. Con todo a mellor parteira era a señora Andrea, chámana cando non hai outra, ou cando xa é tarde no que se semella ao doutor Barada e cóntanse anécdotas deste. O Suso dáse conta de que está a saírse do conto e volve falar do Perfeutiño comparándoo cos cadelos da Tula, que cando os ían tirar ao río parecían non querer morrer e dábanlle moita pena. El viu o do Perfeuto, oíndo o que os maiores non querían e daba noxo. Había mulleres na casa, a señora Andrea sacou o licor café e augardente e todos se puxeron a beber e cantar ata que se acabaron as botellas. A señora Andrea dixo que se quedaba por se se presentaba hemorraxia. O Suso (5 ou 6 anos) tiña medo. O tío Dámaso marchou co Perfeuto e mandou volver a Evanxelina (a irmá máis vella) que estaba na casa dunha veciña. Chega o pai e a nai bótase a chorar.
IV. Cinco anos despois, veu o Alberte. El non tiña ningunha pena de irmáns. Aos seus meses e cheo de celos a súa nai non deixa de comparalo con el á súa idade. Ademais, ás tardes os pais están no traballo, a Evanxelina na costura e ten que atendelo el, que a esas horas debería estudar. Por enriba o irmán Papuxas tíñao marcado por saber que seu pai era o secretario do gremio, o que botaba os mellores discursos no Centro de Sociedades Obreras (cousa que ao Suso lle parecía moi ben). E chaman á porta, dálle un couce ao canastro e manda o neno ao chan, mete o rapaz no cesto e ábrelle ao Elixio, que era o mellor no instituto.
V. Un narrador conta o da cadela Tula e os cans que levaba tras dela. Suso e Elixio falan dos nenos, o Elixio da súa tía Rosario (a Coella). Segue unha conversa no casino sobre as mulleres, os partos. O Suso e o Elixio falan de como se fan os nenos. O Suso segue contando o da Tula, aquela noite e á mañá seguinte.
VI. Segue a conversa do Suso e o Elixio, interrompida polo Alberte que cae do berce e rompe a chorar.
VII. Chega a irmá, a Evanxelina, descrición dela e das merendas que fai coas amigas na galería. Ela apúntase nas Juventudes. Continúan as merendas e a conversa.
VIII. Chega a nai e o rapaz descobre os seus celos. Despois o pai e fálase da prensa. Hai unha digresión sobre a limpeza e o costume de se lavar. Cóntase do Heriberto e o seu xornal “El Vértigo”.
IX. A importancia de palabras como “solidariedade” ou “esquirol”. Suso soña que mata o Alberte
2ª parte
I. Disertación sobre os socialistas, mal vistos pola xente de ben de Auria, os cales lle botaban en cara ao Aser que o seu fillo non fose á escola laica aínda que fora el o que máis loitara para conseguila. Carta da Evanxelina cando os mestres da escola laica xa levan dous anos e o Suso aínda non vai. Un compañeiro conta o lío do frere Papuxas ao bater no Suso. O pai do compañeiro fala do caso con outro señor.
II.Visita do Suso e o Paquito da Vendolla á escola laica. Di que a cousa de non ir el é a avoa. O cura don Venancio ameaza a avoa Domitila se o neto vai á laica.
III. Suso comeza a ler os xornais que ten o pai. Como vai máis adiantada a Evanxelina explícalle cousas e el vai aprendendo de política. Dous homes conversan diante do paso dos internados na Inclusa.
IV. O pai ofrécelle entrar na escola laica co enfado da nai. O Alberte xa ten máis de dous anos
V. Reunión política o sábado. Asisten desde hai tempo o Elixio e a Evanxelina que falaban moi ben e a el tamén o deixaban estar sen falar. Ao pouco de empezar bótano fóra e vai escoitar ao cuarto dos pais. Iso lémbralle que hai anos desde alí escoitou falar a señora Andrea de Nemesia a Cebola que empreñou de Manolito Boente e pediulle que a axudase a abortar. Conversa entre a señora Andrea e Manolito ao que fai asinar un papel mentres as dúas mulleres escoitan sen el o saber: faise responsable el de todo.
VI. Discútese a entrada na escola laica do Suso e a propia nai pon fin á conversa dicindo que ela mesma o levará alí. Cando adormece entra a nai a aloumiñalo e escoita disputar a Evanxelina e Elixio, son noivos?
3ª parte
I. Información de como se produciu o traslado do baldaquino do mosteiro de Oseira a Auria e da reacción provocada por eses feitos.
II. Intervención pública de Evanxelina que remata coa intervención das forzas da orde e hai detidos
III. Remate do sucedido en Oseira. Reacción dos socialistas en Auria. Meten na cadea ao Aser. Citación xudicial á Evanxelina.
IV. O Suso é citado polo Xosé María Cordeiro, oficial maior do xulgado, para falar de seu pai. Fai unha digresión cara ao pasado para falar do que sabe del. Na xuntanza, despois de falarlle da burguesía e outras cousas xerais, infórmao da difícil situación do pai polas cousas das que está acusado.
V. Suso consegue ver a Evanxelina que está coa señora Andrea escondida. Pero esta non se parece en nada á que coñecía, é unha señora máis nova e con xoias, moi arranxada e que fala doutro xeito, toda unha dama de alta sociedade internacional. Leva dobre vida. Evanxelina está embarazada do Elixio e non quere ter o fillo de alguén que despreza, que é un medio home. A señora Andrea decide facer uso daquel papel asinado no aborto da Nemesia, o asinante é agora o xuíz que leva o caso de Aser e vaille facer chantaxe.
4ª parte
I. Suso xa é un home, traballa nunha imprenta e a Evanxelina é boa costureira. O pai foi desterrado seis meses a Trives, acompáñano a nai e o Alberte. O pai non anda ben de saúde.
II. Detallada descrición dos preparativos e do desfile do primeiro de maio en Auria.
III. Seguen a festa despois do desfile polas tabernas, polo ambiente de homosexuais e visitan as casas das prostitutas entrando o Suso cunha delas. Remata o 1º de maio.
IV. Carta da Evanxelina a unha amiga da infancia en que dá conta de todo. Ela fuxiu fóra de Galicia e tivo o neno, está en Asturias moi ben coidada e agora o Xosé María Cerdeira ofrécelle casamento. O pai foi xulgado por un tribunal militar e terá que botar catro anos na cadea de Burgos, a nai está moi mal e non o pode superar. O Suso está en Madrid de tipógrafo e traballa moito nas xuventudes do gremio. O pobre Alberte, con cinco anos, está nos ósos e con disentería.
Técnica e tematicamente é unha obra complexa pois ten un enfoque polifónico, de perspectiva múltiple, ao mesturar diferentes narradores: desde un obxectivo en terceira persoa até varios (protagonistas ou testemuñas de determinados feitos) en primeira. O principal é Suso, neno de 12 anos que vai madurando ao longo da obra e narra desde a madureza pero adaptando o estilo á idade que se refire.
A obra segue unha técnica cinematográfica de travelling. Primeiro hai unha panorámica de A. na que se ven moitos personaxes e xente. Plano xeral, céntrase no problema da escola laica e achégase a Suso na súa evolución. Primeiro plano na terceira e cuartas partes, coa intervención da familia e o mundo obreiro. Redúcense os personaxes. Son capas concéntricas dun mesmo froito. Utilízase a analepse. O exterior máis dilatado e menos representativo e o interior máis estreito e máis rico.[13]
No tema mestura a historia da familia de Suso, o nacemento do sindicalismo en Auria e numerosas historias secundarias.
Son catro partes nas que o personaxe de Suso Vilar actúa de fío condutor, de focalizador. A primeira céntrase no mundo da infancia, a segunda na confrontación entre o mundo laico e o relixioso, a terceira na matanza de Ursaria (Oseira), e a cuarta na madureza do Suso. Remata cun final esperanzador na voz de Evanxelina.
A obra desenvólvese nas dúas primeiras décadas do século XX. 1909 é a data dos sucesos de Oseira, que enchen unha parte da novela ao final, e faise alusión ás consecuencias que tivo a desamortización de Mendizábal.
Toda a acción xira arredor da cidade de A. ou Auria, nome co que aparece Ourense na narrativa de Blanco Amor. Na última parte tamén cobra importancia o lugar de Ursaria (Oseira).
Son 170 personaxes -perfectamente individualizados pola fala-, un amplo abano de tipos humanos e historias entrecruzadas e relatadas con eficaz técnica expresionista, cunha concepción cinematográfica do relato, que vai acoutando progresivamente o seu campo de visión desde a panorámica social ao primeiro plano individual. É unha alegación en favor dos desherdados.[14]
Son tres os principais personaxes da familia Vilar:
Fóra da familia destaca a señora Andrea.
Pódese falar dun protagonismo colectivo no que a poboación está dividida en:[13]
Mesmo Auria (Ourense) pode considerarse tamén protagonista colectiva: a súa sociedade, os gremios, e ata o barrio das prostitutas.
En 1970 convocouse o Premio Galicia de novela, outorgado polo Centro Gallego de Buenos Aires e onde resultou gañadora Xohana Torres coa súa novela Adiós, María. Outras novelas que acudiron ao certame foron O silencio redimido (de Silvio Santiago), O mesón do birollo (de Fariña Jamardo) e Xente ao lonxe (de Blanco Amor). No xurado do certame figuraba o presidente da RAG, Sebastián Martínez Risco, Freyre de Andrade, Leandro Carré Alvarellos, ambos os dous propostos pola RAG, Xosé María Álvarez Blázquez, proposto por editorial Castrelos e mais por Isidoro Millan, a proposta da editorial Galaxia.
A novela de Blanco Amor non resultou gañadora xa que, segundo un membro do xurado (Carré Alvarellos) a obra de Blanco Amor é “un relato férido, esfalazado; unha godalleirada, que por respecto aos lectores non consideramos axeitado pra sere acetado neste Certame”. O autor acabou moi anoxado e molesto coa resolución deste certame e a elección da novela premiada, e declarou: “Los mismos académicos que me habían votado por unanimidad para ocupar un sillón en la Real Academia Gallega la rechazaron de plano, la novela, porque era una novela procaz, es decir una novela mal hablada” [15]...“No, no fue finalista. Ni siquiera la consideraron. Envié cinco ejemplares, dos de ellos pegados, y me los devolvieron en las mismas condiciones. Creían que algunas cosas eran obscenas. Pero yo no las había escrito para las Hijas de María.” Despois de todo isto, Blanco Amor empezou a sentirse perseguido por todo este asunto.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.