From Wikipedia, the free encyclopedia
Václav Havel, pronunciado ['va:ʦlaf 'ɦavɛl], nado en Praga o 5 de outubro de 1936 e finado o 18 de decembro de 2011 na mesma cidade, foi un escritor, dramaturgo e político checo. Foi o último presidente de Checoslovaquia e o primeiro presidente da República Checa.
Naceu no seo dunha familia acomodada de Praga, propietaria dun estudio cinematográfico e doutras empresas. Trala instauración dun goberno comunista en Checoslovaquia en 1948, a posición da súa familia viuse cuestionada e Hável non puido seguir estudos universitarios. Traballou como asistente nun laboratorio de química e despois como tremoísta ata que logrou establecerse como dramaturgo a partir de 1960, tras estudar literatura por correspondencia. En 1967 licenciouse finalmente en Arte Dramática. Neses anos cadou sona como autor poético con obras como Zahradni slavnost (1963) e Vyrozumeni (1965) e pertenceu literariamente a un grupo de escritores nucleado ao redor da revista Tvar.
Durante a Primavera de Praga de 1968, Hável xa era ben coñecido como dramaturgo e apoiou dende debates públicos e emisións de radio o programa de reformas impulsado por Alexander Dubcek. Opúxose publicamente á invasión soviética de Checoslovaquia que seguiu a estes feitos, e como consecuencia converteuse nun dos obxectivos centrais da represión post-primavera praguense. En 1969 tivo que deixar Praga e instalarse en Trutnova. Durante os anos seguintes foi encarcerado en diversas ocasións polas súas publicacións en defensa dos dereitos humanos, contra a censura e na defensa da democracia. En 1977 foi un dos promotores do movemento Carta 77, polo que foi acusado de sedición e condenado a prisión en 1979. Esta experiencia fixo medrar a súa sona dentro e fóra de Checoslovaquia como disidente. Excarcelado en 1984, Hável continuou dedicado ás actividades políticas e en 1989 foi elixido como líder do grupo opositor Foro Cívico, en paralelo ao proceso de perestroika que se estaba desencadeando na Unión Soviética. En 1986 foi galardoado co Premio Erasmus.[1]
Firme defensor da resistencia non-violenta, tornouse unha icona da Revolución de Veludo no seu país, en 1989. O 29 de decembro de 1989, na calidade de xefe do Fórum Cívico, foi elixido presidente de Checoslovaquia polo voto unánime da Asemblea Federal; mantívose no cargo despois das eleccións libres de 1990, as primeiras no país dende a segunda guerra mundial.
A pesar das crecentes tensións, Havel apoiou a preservación da federación entre checos e eslovacos que finalmente conduciron á disolución da Checoslovaquia. O 3 de xullo de 1992, o parlamento federal non logrou elixilo único candidato a presidente debido á falta de apoio dos deputados eslovacos. Havel dimitiu oficialmente como presidente de Checoslovaquia o 20 de xullo de 1992. O 1 de xaneiro de 1993 fíxose efectiva a partición de Checoslovaquia. Cando se creou a República Checa, presentouse candidato ao cargo de presidente e venceu as eleccións o 26 de xaneiro de 1993.
Durante este primeiro mandato como presidente checo, apoiou a integración de Chequia na OTAN e iniciou o proceso para o futuro ingreso do país na Unión Europea. En 1996 a Havel diagnosticáronlle un cancro de pulmón e quedou viúvo. Malia iso, presentouse á reelección como presidente do país en 1998 e venceu as deleccións. Logo de agravarse o seu estado de saúde, deixou o posto de presidente o 2 de febreiro de 2003, e sucedeuno o seu grande adversario, Václav Klaus. Durante os últimos anos da súa vida dedicouse a dar conferencias e á escrita literaria.
Predecesor: Gustav Husák |
Presidente de Checoslovaquia 1989 - 1992 |
Sucesor: Jan Stráský, en funcións |
Predecesor: non houbo |
Presidente da República Checa 1993 - 2003 |
Sucesor: Václav Klaus |
Václav Havel casara con Olga Splichawba-Havlova, que faleceu en 1996. Ao ano seguinte casou coa actriz Dagmar Veskronova-Havlova.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.