A víbora de Seoane[3] ou víbora común[4] (Vipera seoanei) é unha especie de réptil da orde dos escuamados e familia dos vipéridos.
Víbora de Seoane | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||
Vipera seoanei Lataste, 1879 [1] | |||||||||||||||||||||||||||
Mapa de distribución da víbora de Seoane. | |||||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||||
|
Distribución
Habita unicamente no norte de España, en Galicia, Asturias, León, Cantabria, País Vasco e norte de Navarra, no extremo norte de Portugal, na serra do Gerês, nos concellos de Castro Laboreiro, Arcos de Valdevez (freguesía do Soajo) e Tourém, e nunha pequena parte do suroeste de Francia, na metade occidental do departamento dos Pireneos Atlánticos.
En Galicia abunda en todo o país, excepto nos vales máis secos da provincia de Ourense, desde o nivel do mar até as altas montañas.[5] No Courel pode atoparse ata os 1 300 m de altitude.[6]
Taxonomía
A especie foi descrita en 1879 polo zoólogo francés Fernand Lataste, inicialmente como unha subespecie de Vipera berus (a víbora común europea), Vipera berus seoanei, en:
- Lataste, F. (1879): "Diagnose d’une vipère nouvelle d’Espagne". Bulletin de la Société zoologique de France, Angers, 4: 132.[7]
Posteriormente debido ás súas diferenzas con Vipera berus foi recoñecida como especie independente.
Lataste dedicou a subespecie (despois especie) ao seu colega e amigo o naturalista galego Víctor López Seoane.[8]
Subespecies
Recoñécense dúas subespecies:[1]
Descrición
É unha víbora de tamaño mediano, en comparación con outras especies europeas do xénero Vipera. O seu corpo é groso, coa cabeza pequena, de forma triangular ou romboédrica, co fociño plano ou lixeiramente prominente cara a arriba, e cola curta. Pode chegar a medir de 70 a 75 cm de lonxitude total, pero usualmente varía entre os 45 e os 58 cm. En Galicia xeralmente non supera os 50 cm, aínda que excepcionalmente pode chegar aos 60; Galán e Fernández indican que o maior exemplar medido por eles foi un macho que rondaba os 59 cm, encontrado en Vilaboa, no concello de Culleredo.[5]
A coloración do dorso é ocre ou beixe con deseños marróns en ambos os sexos, a da rexión ventral adoita ser gris escura ou negra, con manchas brancas, e a punta da cola amarela ou alaranxada, non sendo raros os individuos melánicos.[10] Porén, é unha especie moi polimórfica, cunha variación individual e xeográfica notábel.
As marcas vertebrais e laterais son moi variábeis, con catro patróns distintos:[11]
- Clásico: é o máis característico (e o máis frecuente nos espécimes que viven en Galicia[5]) A coloración de fondo dorsal e lateral é beixe ou gris clara. No dorso hai unha banda lonxitudinal máis escura con marcas negras alternas ou opostas que poden formar unha banda en zigzag ben desenvolvida.
- Bilineata: a banda lonxitudinal está separada en dúas bandas lonxitudinais dorsolaterais sobre un fondo xeralmente negro e uniforme.
- Cantábrica: existe unha redución ou ausencia total da banda lonxitudinal. O zigzag dorsal á máis estreito e pode ser interrompido formando bandas negras transversais sobre fondo gris.
- Uniforme: está caracterizado por unha coloración de fondo gris escura, homoxénea, sen marcas escuras na cara dorsal.
Os individuos melánicos son máis frecuentes en zonas de montaña. O lado ventral é menos variábel, sendo de cor gris escura ou negra con pequenas manchas brancas nos bordos laterais e posteriores das escamas ventrais.
Variación xeográfica
Vipera seoanei seoanei
A subespecie nominal caracterízase por ter un número reducido de escamas ventrais (137). É moi polimórfica, con importantes variacións no patrón de coloración (inclúe os patróns Clásico, Uniforme, Bilineata e melánico), no nivel de fragmentación das escamas cefálicas e na toxicidade do veleno. Nas poboacións do País Vasco, Cantabria e zonas costeiras e centrais de Asturias, as escamas cefálicas están pouco fragmentadas, os individuos teñen frecuentemente o patrón Clásico e o veleno menos tóxico. Nas poboacións de Galicia as escamas están máis fragmentadas e o patrón Clásico é algo menos frecuente. Nos Picos de Europa existe unha elevada proporción de individuos cos patróns de coloración Bilineata e Uniforme e a toxicidade do veleno é menor que o da outra subespecie.
Vipera seoanei cantabrica
Esta subespecie presenta un número elevado de escamas ventrais (141-143), e as cefálicas están moi fragmentadas, co patrón de coloración Cantábrico e cun veleno de niveis elevados de toxicidade. Localízase no norte da provincia de León, no suroeste dos Picos de Europa e nas montañas da Galicia oriental e do suroeste de Asturias.
A cor de fondo é gris ou parda agrisada, máis clara nos individuos da zona de transición coa meseta leonesa. Nas zonas de altitude elevada hai unha forte proporción de espécimes melánicos, ás veces superior ao 30%. Estas características fana moi parecida á víbora común europea (Vipera berus) polo que durante moito tempo, e ata 1983 pensouse que estas poboacións pertencían á especie común europea.[5]
Estudos recentes afirman que o veleno de V. seoanei cantabrica é tres veces máis tóxico que o das poboacións setentrionais e orientais da forma nominal. Porén, nas poboacións occidentais de V. seoanei seoanei, a toxicidade tamén resulta moi elevada, e un exemplar recollido en Santiago tiña un veleno tan tóxico como o das poboacións típicas de V. seoanei cantabrica.[12]
Bioloxía
Hábitat
O hábitat característico de V. seoanei é homoxéneo en toda a súa área de distribución, ocupando bosques abertos e húmidos de Quercus robur e Quercus pyrenaica, zonas de encontro entre bosques e prados e zonas con abundante vexetación basal que permitan a actividade de termorregulación.
En Galicia frecuenta todo tipo de hábitats, desde prados húmidos até dunas costeiras, pasando por eiras, lindeiros de fragas, piñeirais, toxeiras (Ulex) e queirugais (Erica), silveiras (Rubus), brañas etc. Parece ser máis frecuente en zonas de humidade elevada, e incluso pode acharse dentro da auga; porén tamén pode vivir en zonas máis secas, como ladeiras rochosas ou areais.[5]
O seu medio preferido son os cómaros con pedras e vexetación, situados en áreas onde se mesturan os prados con zonas de mato, silveiras e eiras, e quizais sexa o ofidio galego que aparece con máis frecuencia en zonas de mato mesto, pois algúns exemplares encontráronse en pequenos claros dentro de grandes extensións de uces (Erica australis) ou toxos (Ulex europaeus).[5]
Actividade
É preferentemente diúrna, aínda que no verán permanece inactiva nas horas centrais do día.[5] Adoita hibernar entre outubro ou novembro até finais de febreiro ou principios de marzo, en grupos de até 15 individuos.[10] A miúdo poden verse concentracións de víboras nun mesmo lugar á saída do refuxio invernal, nos últimos días do inverno; esta é a explicación dos famosos "niños de víboras".[5]
Reprodución
A especie é vivípara, con ciclo reprodutivo das femias que pode ser bienal[13] ou anual,[14] a época de celo comeza a finais de marzo ou principios de abril, e os apareamentos sucédense até maio, volvéndose observar unha certa actividade sexual nos machos nos meses de setembro e outubro. Durante o celo prodúcense combates rituais entre os machos, de carácter absolutamente incruento. A xestación dura de 85 a 121 días, segundo a temperatura. Os partos teñen lugar entre mediados de agosto e o mes de outubro, parindo as femias entre 3 e 10 crías (normalmente 5 ou 6). Ao naceren as crías, que son idénticas aos adultos, miden entre 150 e 180 mm de lonxitude e teñen un peso de entre 4 e 6 g.[5][10] Aos dous anos de vida miden ao redor de 30 cm, e o crecemento continúa até os 5 anos, facéndose inapreciábel a partir desa idade.[5]
Alimentación
Comen fundamentalmente micromamíferos (roedores) e, en menor proporción, anfibios, outros réptiles (lagartos) e, ocasionalmente, aves. Os individuos xuvenís cazan predominantemente anfibios e réptiles e, entre os mamíferos, sobre todo musarañas.[10]
Na comarca da Coruña os micromamíferos constitúen o 83 % da dieta, os lagartos o 7 % e os anfibios o 10 %.[5]
Depredadores
A víbora de Seoane é depredada por aves rapaces como a aguia cobreira (Circaetus gallicus) e o miñato común (Buteo buteo), e por mamíferos como o raposo (Vulpes vulpes), a londra (Lutra lutra), o gato montés (Felis silvestris), a xeneta (Genetta genetta) e o ourizo cacho (Erinaceus europaeus). Os xuvenís tamén poden ser atacados por outras cobras, como as Coronella.
Ameazas, accións de protección e estado da poboación
Ameazas
O principal factor que ameaza á especie, en España, é a destrución dos seus hábitats debido á intensificación da agricultura, coa destrución das marxes dos bosques e muros de pedra, a eliminación de sebes vivas en pasteiros e a plantación extensiva de Pinus e Eucalyptus e, sobre todo en Galicia, os incendios forestais. A persecución directa e os atropelos nas estradas son factores de ameaza adicionais para esta especie. En Francia as poboacións están illadas e algunhas ameazadas pola urbanización do seu hábitat. En Portugal as poboacións están illadas, e a zona de ocupación e calidade dos hábitats están en continuo declive.
Accións de protección
A especie aparece na lista do Anexo III da Convención relativa á conservación da vida silvestre e do medio natural de Europa de 1979, coñecida entre os conservacionistas como Convención de Berna.
Ademais, encóntrase en diversos espazos protexidos (como, por exemplo, o Parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, e o lindeiro Parque Nacional de Peneda-Gerês, en Portugal).
Estado de conservación
En 2009, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualificou o estado de conservación da especie como "LC" (pouco preocupante).[15]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.