Os subtipos do VIH son as agrupacións máis pequenas en que se clasifican as distintas clases do virus da inmunodeficiencia humana (VIH) segundo a súa secuencia xenética. Existen dous grandes tipos do virus da inmunodeficiencia humana, o VIH-1 e o VIH-2 (en inglés, HIV-1 e HIV-2), que á súa vez están divididos en varios grupos e estes en subtipos. Un dos atrancos que se encontraron no tratamento do VIH foi a súa grande variabilidade xenética.[1] O VIH-1 está relacionado con virus que afectan a chimpancés e gorilas que viven en África occidental, mentres que o VIH-2 está relacionado con virus que afectan ao mono mangabey (Cercocebus atys).[2] O virus HIV-1 subdivídese en grupos, dos cales os do grupo M son os máis predominantes e principais responsables da pandemia de SIDA. O grupo M pode ser á súa vez subdividido en subtipos baseándose nos datos da súa secuencia xenética. Coñecer os subtipos é importante, porque algúns deles son máis virulentos ou máis resistentes ás diferentes medicacións. Igualmente, o VIH-2 está dividido en grupos, pero é menos virulento e menos transmisible ca o VIH-1, aínda que co tempo acaba producindo tamén SIDA, e está menos estendido polo mundo.

Máis información Virus da inmunodeficiencia humana, Clasificación científica ...
Virus da inmunodeficiencia humana

Árbore filoxenética dos virus da inmunodeficiencia simia (SIV) e dos virus da inmunodeficiencia humana (HIV).
Clasificación científica
Grupo: VI (Virus ARN monocatenario retrotranscrito)
Familia: Retroviridae
Xénero: 'Lentivirus'
Especies
  • Virus da inmunodeficiencia humana 1
  • Virus da inmunodeficiencia humana 2
Pechar

Tipos de VIH

VIH-1

O VHH-1 (ou HIV-1) é a cepa máis común e patoxénica do virus. Os científicos divídeno nun grupo principal, o grupo M, e dous ou máis grupos menores. Cada grupo crese que representa unha transmisión independente do virus da inmunodeficiencia simia (VIS ou, en inglés, SIV) aos humanos (pero os subtipos dentro de cada grupo non, xa que se orixinaron nos humanos).[2]. Encóntranse un total de 39 ORFs en cada un dos seis posibles marcos de lectura presentes na secuencia xenómica completa do VIH-1,[3] pero só uns poucos deles son funcionais.

Grupo M

"M" significa "maior" (major). É o grupo máis común con diferenza do VIH, xa que aparece no 90% dos casos de VIH/SIDA. O grupo M subdivídese en clados, chamados subtipos, que se denominan tamén con letras. Existen tamén "formas recombinantes circulantes" ou CRFs que se orixinaron por recombinación entre virus de diferentes subtipos cando varios subtipos infectan á vez a unha mesma persoa, que se denominan con números e letras. Por exemplo, CRF12_BF, é un recombinante entre os subtipos B e F.

Os subtipos do grupo M atopados son:

Estes subtipos poden ser divididos máis en sub-subtipos aos que se lle dan números, como A1 ou A2. Porén, esta lista non é definitiva, xa que é probable que se descubran máis tipos.[10]

Thumb
Prevalencia no mundo dos subtipos de VIH-1 en 2002.

Grupo N

"N" é a inicial de non, xa que significa "non-M, non-O". Este grupo descubriuse en 1998 e só foi atopado no Camerún. Desde 2006, só se identificaron 10 infeccións polo virus do grupo N.[11]

Grupo O

"O" significa Outlier (~atípico). Xeralmente non se detecta fóra de África centrooccidental. É máis común no Camerún, onde un estudo de 1997 encontrou que un 2% das mostras positivas de VIH eran do grupo O.[12] Este grupo causou algunha preocupación porque non podía ser detectado polas versións iniciais dos tests de detección do VIH-1, pero desenvolvéronse outros máis avanzados que detectan tamén os grupos O e N.[13]

Grupo P

En 2009, informouse do descubrimento dunha nova secuencia do VIH que tiña grande semellanza cun virus de inmunodeficiencia simia recentemente descuberto en gorilas salvaxes (o SIVgor) e menor co virus de inmunodeficiencia de chimpancés (SIVcpz). O virus fora illado dunha muller camerunesa residente en Francia diagnosticada de infección por VIH-1 en 2004. Os científicos que informaron desta nova secuencia situárona nun novo grupo proposto chamado P "pendente da identificación de máis casos en humanos".[14][15][16]

VIH-2

O VIH-2 (ou HIV-2) é un virus principalmente localizado en África, e está pouco estendido fóra dese continente. Os primeiros casos fóra de África apareceron na década de 1980.[17] Moitos test para o VIH-1 tamén detectan o VIH-2.[18]

En 2010 coñecíanse 8 grupos do VIH-2, denominados do A ao H. Deles, só os grupos A e B son epidémicos. O grupo A está estendido principalmente en África occidental, principalmente central, pero tamén máis ao sur como en Angola, e noutras partes como Mozambique, Brasil, India, e está moi limitado en Europa e os EEUU. O grupo B está principalmente confinado en África occidental.[19][20]

O VIH-2 está relacionado principalmente co virus da inmunodeficiencia simia endémico da especie de mono mangabey Cercocebus atys atys (SIVsmm), unha especie de mono que habita os bosques do litoral de África occidental. As análises filoxenéticas mostran que os virus máis estreitamente relacionados coas dúas cepas epidémicas do VIH-2 (grupos A e B) son o SIVsmm os monos mangabey do bosque Tai, situado en Costa do Marfil.[19]

Hai outros seis grupos de VIH-2 (do C ao H), que foron cada un deles atopados só nunha persoa. Todos eles parecen derivar de transmisións independentes desde o mono mangabey aos humanos. Os grupos C e D atopáronse en dúas persoas en Liberia, os grupos E e F descubríronse en dúas persoas en Serra Leoa, e os grupos G e H detectáronse en dúas persoas de Costa do Marfil. Cada unha destas cepas do VIH-2, das cales os humanos son probablemente hóspedes, está máis estreitamente relacionado con cepas do SIVsmm de poboacións de monos mangabey que viven no mesmo país no que foron encontradas as infeccións en humanos.[19][20]

Mutacións resistentes aos fármacos

Debido a mutacións xenéticas orixínanse illados do VIH-1 e VIH-2 con resistencia ás drogas antirretrovirais, que foron analizados. A base de datos Stanford HIV Drug Resistance Database e a International AIDS Society publicaron listas dos máis importantes deles; o primeiro ano a lista incluía 80 mutacións comúns, que despois se elevaron a 93. Está dispoñible na Stanford HIV RT and Protease Sequence Database.

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.