castelo altomedieval no Monte do Gato From Wikipedia, the free encyclopedia
A Torre de Teodomiro, tamén denominada como o Castelo de Teodomiro,[1] foi un castelo altomedieval situado no monte do Gato. Coñecida unicamente a través de fontes documentais, foi declarada Ben de Interese Cultural no ano 1994. É, por tanto, un ben singular en Galiza.[2]
Torre de Teodomiro | |
---|---|
ben de interese cultural | |
Parroquia | Fervenzas, Rodeiro |
Concello | Aranga, Oza-Cesuras |
Provincia | A Coruña |
Comunidade autónoma | Galiza |
Coordenadas | 43°11′59″N 8°07′13″O |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | (século VI) |
Estado actual | vestixios |
Ben de Interese Cultural | |
Declaración | Resolución DGBAA |
Data | 17 de outubro de 1994 |
Categoría | Monumento |
Código | RI-51-0008825 |
Mapa de localización | |
Véxase tamén | |
Castelos de Galiza | |
[ editar datos en Wikidata ] |
En 2021 acháronse os seus posíbeis restos arqueolóxicos.
A fundación desta fortificación produciríase na Alta Idade Media, na época do reino suevo de Galiza. Segundo o Cronicón de Walfrido foi o rei suevo Teodomiro quen arredor do ano 550 encargou a súa construción no Monte Cato. Recibía o nome de Castrum Feacium, topónimo que hoxe dá nome á inmediata parroquia de Feás, e situábase fronte ao camiño que ligaba Betanzos con Curtis, Sobrado ou Lugo, isto é, nun contexto viario estratéxico.[3]
Posteriormente houbo unha ocupación medieval dos condes de Présaras.[1]
En 1892, Manuel Martínez Santiso na súa Historia de la Ciudad de Betanzos facía referencia á fortaleza e informaba de que xa non ficaban restos.[4] En 1918, o historiador e arqueólogo Ángel del Castillo cría que non había «xeito nin de reducir a súa situación nin de probar a súa existencia».[5] Na Geografía General del Reino de Galicia, publicada en 1928, Uxío Carré Aldao mencionábaa dentro da parroquia de Fervenzas (Aranga).[6]
No ano 1994 foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC), malia non existir na altura indicio ningún sobre a localización nin estruturas.[1] Recibiu esta declaración por mor dun decreto estatal que protexía tódolos castelos independentemente do seu estado.[2] Tamén foi incluída no Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Aranga, que se aprobou en 2013. Aínda que sen xeolocalizar, situouse na parroquia de Fervenzas.[7] A falla de indicios sobre os seus restos provocou a intención de analizar a súa baixa como Ben de Interese Cultural.[1]
Diferentes autores seguiron a se referir á fortaleza ao escribir sobre Fervenzas.[8][9] Francisco Pato Fandiño, na súa obra de 2018 sobre a parroquia de Santa María de Ois (Coirós), consideraba posíbel que se localizase no lugar denominado Cruz do Campo Xaneiro,[10] onde converxen as parroquias de Ois, Fervenzas, Bandoxa e Rodeiro (estas dúas últimas do concello de Oza-Cesuras).[11] En abril de 2021, o arqueólogo Antón Malde, seguindo a toponimia e empregando as modernas técnicas de análise xeográfica, achou «fortes indicios» dos restos algo máis ao sur, no lugar do Castelo de Arriba (Rodeiro). A radiografía do terreo, o cal estaba totalmente cuberto de vexetación, permitiulle apreciar o que semellaba unha «muralla elipsoidal e probabelmente un corpo central».[3]
Ao mesmo tempo, as empresas Greenalia e Galernegy, que pretenden instalar até 40 muíños eólicos na mesma zona do castelo altomedieval, alén de omitiren a existencia dunhas mámoas no seu estudo arqueolóxico, tampouco facían referencia ao BIC.[3][12] Perante esta situación, o BNG reclamou no Parlamento protección para a fortificación, así como medidas concretas para a súa conservación e posta en valor.[13] Representantes da dirección xeral de Patrimonio, nunha xuntanza coa acabada de constituír plataforma Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, amosábanse remisos a explorar o terreo e mesmo chegaban a soster que a declaración como BIC fora un «erro», en referencia á posíbel descatalogación.[14][15]
Após o achado, Malde presentou o proxecto técnico á Dirección Xeral de Patrimonio co fin de solicitar permiso para realizar unha prospección arqueolóxica mediante a cal poder levar a cabo a identificación e delimitación do ben.[16] Esta prospección foi promovida pola asociación de veciños San Vicente de Fervenzas.[15] Días despois o propio conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, confirmou a autorización no Parlamento ao responder unha pregunta da deputada Mercedes Queixas (BNG) sobre a cuestión.[2][17][18] Os traballos de campo permitiron ao arqueólogo confirmar a existencia dun recinto fortificado altomedieval que se correspondería, segundo tódolos indicios, coa Torre de Teodomiro.[19][20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.