Xefe militar ostrogodo From Wikipedia, the free encyclopedia
Teodorico Estrabón[Nota 1] (en latín, Theodoricus Estrabo) morto no 481 foi un líder militar godo que estivo involucrado na política do Imperio Bizantino durante os reinados dos emperadores León I, o Tracio (reinado entre 457-474), Zenón ( r. 474-475) / (476-491) e Basilisco (r. 475-476).
Fillo do oficial Triario, apareceu por primeira vez no 459, cando recibiu subsidios dos bizantinos. No 471, entrou en conflito co imperio para vingar o asasinato do alano Aspar, con quen tiña relacións familiares (Aspar casou coa súa irmá),[1] e porque as súas afirmacións non foron atendidas por León I. O conflito durou ata o 473, cando León I cedeu as demandas de Estrabón, nomeándoo magister militum e recoñecéndoo como un gobernante independente dos godos de Tracia.
Coa morte de León I en xaneiro, Estrabón axudou ao xeneral Basilisco contra o recentemente nomeado emperador Zenón. Baixo Basilisco, recibiu varios honores e a confirmación do seu nomeamento como magister militum, aínda que pronto entrou en conflito coa figura imperial. No 479, tres anos despois da caída de Basilisco e o ascenso de Zenón, Teodorico enviou emisarios a Constantinopla en busca da paz, pero as súas propostas foron rexeitadas e foi moi criticado e considerado un inimigo público. Co fracaso da embaixada, preparouse para a guerra, pero pronto foi convencido de retomar as negociacións, logrando obter varios beneficios do emperador.
Durante o mesmo 479, apoiou aos rebeldes Procopio Antemio e Marciano, garantíndolles o santuario despois da súa derrota polas tropas imperiais, o que levou a Zenón a revogar o seu nomeamento como magister militum. Isto levou a Estrabón a aliarse con Teodorico, o Amalo (reinado 474-526) e ambos comezaron a saquear Tracia. No 481, Estrabón levou a cabo unha invasión de Grecia, pero morreu durante a expedición, cando caeu do seu cabalo nunha lanza. Sucedeuno no mando o seu fillo Recitacus.
Teodorico Estrabón era fillo de Triario, un oficial bizantino,e apareceu por primeira vez mencionado no 459, cando recibe subsidios dos bizantinos. Sábese que tivo dous irmáns e que, posiblemente, era cuñado do magister militum bizantino, de orixe alana, Aspar;[1] porén, autores como Martindale, opinan que era sobriño da muller de Aspar.[2] Tiña unha muller chamada Sixilda e un fillo chamado Recítaco.[2]
Foi contemporáneo de Teodorico, o Grande, con quen tivo unha gran rivalidade polo mando sobre os ostrogodos. Mentres que Teodorico pertencía á dinastía amala, non se sabe con exacitude no caso de Teodorico Estrabón. Así, mentres Martindale e outros desbotan a posibilidade de parentesco entre eles, Herwig Wolfram e outros autores suxiren que podería ser posible, baseándose no feito de que Aspar nomeou o seu fillo coa irmá (ou tía de Teodorico Estrabón) Hermenerico, nome inspirado no famoso rei amalungo dos grutungos de Oium e pola afirmación de Xoán de Antioquía de que Teodorio, o Amalo e máis Reciítacus eran curmáns.[3][4] Segundo Wolfram, a longa disputa entre Estrabón e Teodorio o amalo, sería a razón pola que o primeiro non fose mencionado como membro da dinastía.
Teodorico aparece citado por primeira vez, ao redor do 459, cando se refiren a el os emisarios enviados polo rei ostrogodo Valamiro (reinado 447–465) á corte do emperador León I (reinado 457–474). Segundo as informacións, mantiveron relacións de amizade co Imperio bizantino, posiblemente como federados, recibindo unha subsidio anual dos bizantinos, o que abriu espazo a Valamiro para comezar unha guerra.[5]
En 471, Teodorico estaba en Tracia e era o gobernante dos ostrogodos da rexión e cando, ese mesmo ano, se produciu o asasinato ordenado por León I de Aspar, con quen estaba emparentado, os partidarios do asasinado comezaron a provocar disturbios na capital. Así, Estrabón e Ostris intentaron vingalo, pero foron derrotados nos arredores de Constantinopla polos excubitores dirixidos por Zenón e Basilisco.[2] Como resultado, Estrabón regresou no 473 a Tracia, onde reuniu un grande exército, que os historiadores suxiren que estaba formado por uns 10.000 soldados.[6] Os seus seguidores creceron rapidamente en número, e foi aclamado rei.[7] Coa nova titulación, formulou varias esixencias a León I: que o recoñecese como o único rei dos ostrogodos, que se lle entregasen tódolos desertores, que o seu pobo se asentase en Tracia, que se lle entregase o patrimonio institucional e material que Aspar lle legara e ser nomeado magister militum.[8][9] O emperador intentou negarse a aceptar as demandas aceptando soamente o nomeamento como magister militum e esixindo un xuramento de fidelidade como un fiel aliado. Estrabón, para aumenta-la presión e consegui-las súas pretensións, moveu aos seus soldados polas cidades da Vía Egnacia, enviando unha parte deles a atacar Filipos (ou Filipópolis), mentres levaba aos homes restantes a atacar e ocupar Arcadiópolis.[10]
Cando os godos quedaron sen recursos, Teodorico asinou unha paz con León, pola cal os bizantinos estaban obrigados a pagar uns 907 quilogramos de ouro, recoñecer a Estrabón como goberrnante independente de Tracia[1] e concederlle o posto de magister militum praesentialis.[10][11] Nesta nova posición, sentíase que era quen de se enfrontar a calquera, agás aos vándalos, quizais por respecto á boa relación entre eles e Aspar ou por medo a ser enviado a unha "misión suicida" ao norte de África.[6] O seu rápido ascenso provocou, probablemente, a envexa dos ostrogodos panonianos, que abandonaron as súas terras e invadiron o imperio baixo a dirección do rei Teodomiro e do seu fillo Teodorico o Amalo, quen permanecera dende o 461/462 até o 472 como refén en Constantinopla.[12][13] Estes conseguiron un bo trato co poder imperial, polo que se lles permitiu o establecemento en Macedonia.[14]
Coa morte de León I, o 18 de xaneiro de 474, Estrabón foi destituído polo recentemente nomeado Zenón I (reinado 474–475), quen probablemente nese momento intentou provoca-la rivalidade entre Teodorico o Amalo e Teodorico Estrabón.[15] Daquela, Estrabón axudou ao xeneral Basilisco contra o emperador Zenón.O apoio de Estrabón foi fundamental na caída de Zenón e na adhesión de Basilisco (reinado 475–476) ao trono bizantino en xaneiro de 475, polo que Basilisco confirmou o seu título de magister militum praesentialis e deulle outros honores aínda que, pouco despois, logo entraría en conflito coa figura imperial. Estrabón, rebelouse contra el, matando ao magister militum de Tracia Heraclio, a pesar do pago dun rescate, quizais porque estivera implicado no asasinato de Aspar e, finalmente, enfrontouse a Basilisco cando nomeou o seu sobriño Armato como magister militum praesentialis.[10]
Cando Zenón regresou a Constantinopla no 476 e derrotou a Basilisco, non se mencionou a Estrabón como defensor da cidade, quizais porque marchou á Mesia para loitar contra os ostrogodos panonianos:[16] segundo as fontes, Teodorico o Amalo, que estaba asentado na Mesia, contactara con Zenón e ofrecéralle apoio militar a cambio de beneficios.[17] Para o historiador Malco, con todo, a verdade é que Estrabón axudaría á caída do usurpador Basilisco.[18] En calquera caso, a restauración de Zenón non provocou unha reconciliación con Estrabón, quizais porque o primeiro foi axudado e mantivo a Armato, o antigo inimigo do rei, no seu cargo de magister militum praesentialis. A pesar diso, no 477/478, Estrabón enviou emisarios á capital na procura dun acordo. Os emisarios godos, para xustificar a conclusión dun acordo, afirmaron que Teodorico o Amalo, que tanto prexudicara as provincias dos Balcáns, era recoñecido como xeneral e amigo bizantino. Zenón, vendo imposible manter o apoio dos dous exércitos[19] e mirando cara a atrás nas súas accións fronte aos bizantinos, declarou a Estrabón como un antigo inimigo que saqueara Tracia e como antigo partidario do usurpador Basilisco e negoulle calquera acordo, dado que quería un cargomilitar e non só a paz.[20] A maiores, foi declarado inimigo público polo senado e o exército bizantino, e os seus partidarios foron desterrados polo emperador.[21]
No entanto, como Estrabón agrupaba ao seu redor outras tribos godas da rexión obrigou a Zenón a reabrir as negociacións. O emperador propuxo unha alianza e pediulle que enviara ao seu fillo como refén a Constantinopla e que vivise con independencia en Tracia co que xa adquirira cos seus saqueos anteriores, obrigándose a non saquear máis. Estrabón rexeitou os termos, alegando que os seus recursos eran insuficientes para el e os seus seguidores e que xa non podía retirarse coas súas tribos. Zenón decidiu entón ir á guerra, organizando unha expedición con tropas reunidas do Ponto, Asia e Oriente, que sería comandada por Ilo.[22] Mais, por razóns descoñecidas, o mando foi concedido a Marciniano,[23] quen demostrou ser incapaz de manter a disciplina dos seus soldados, forzando ao emperador a enviar unha embaixada a Teodorico o Amalo en Mesia.[22]
Segundo acordou a embaixada, Teodorico o Amalo marchou cara ao sur coa promesa de que, ao chegar a Tracia, atoparíase co magister militum preto dos pasos da cordilleira balcánica para recibir o reforzo de 2.000 cabaleiros e 10.000 infantes aos que se engadiría, posteriormente, outros 6.000 cabaleiros e 20.000 infantes de Adrianópolis e, a maiores, prometeuse que, de ser necesario, Perinto e outras cidades veciñas estarían preparadas para enviar máis tropas. Malia as promesas recibidas, Teodorico non conseguiu axuda bizantina. Cando se achegou ao monte Sondis, atopouse co exército de Estrabón, e ambos se enfrontaron en pequenas batallas. Entón Estrabón achegouse ao campo inimigo a unha distancia segura e pronunciou unha arenga, segundo a cal, o Amalo, era o culpábel de facer que os ostrogodos pelexasen entre eles, beneficiando así aos bizantinos.[24] Tal discurso animou a moitos guerreiros contrarios, así como ás súas mulleres, a desertar, forzando a conclusión do conflito.[25]
Na primavera ou principios do verán do 478, ámbolos dous líderes ostrogodos enviaron emisarios a Constantinopla. Por unha banda, Teodorio o Amalo esixiu concesións de territorios para o seu pobo, nun intento de expandir os dominios dos seus godos ao sur de Mesia máis aló de tódolos pasos de montaña dos Balcáns; tamén esixiu subministracións de grans para abastecer ao exército ata o momento da colleita e que os recadadores de impostos (domésticos) debían regresar de contado para rexistrar o que recibiran. Pola outra, Estrabón esixía que se renovasen os acordos selados con León I no 473, que o subidio que viña recibindo dende tempo atrás debía manterse e pagado retroactivamente[25] e que algúns dos seus familiares quen estaban ao coidado de Ilo e os isaurios debían ser liberados. Non se sabe cal foi a resposta que Zenón lle deu a Estrabón, se é que deu algunha. En canto a Teodorico o Amalo, o emperador, advertiulle de que se non rompía o xuramento de paz, recibiría inmediatamente 907 quilos de ouro e 4.530 de prata, ademais dun subsidio anual de 10.000 sólidos e unha alianza matrimonial coa filla de Olibrio ou outra dama da corte.[26][27]
Porén, as promesas non tiveron o efecto esperado e o emperador preparouse de novo para a guerra. Mais pronto renunciou ao seu plan e, coa inminencia dunha revolta militar, retirou aos seus soldados ao cuartel de inverno. Este feito, foi aproveitado polo Amalo para invadir partes de Tracia nas proximidades das Montañas Ródope saqueando a zona. Co cambio de situación, Zenón enviou unha embaixada a Estrabón para garanti-la paz.[28] Tamén prometeu renova-las condicións establecidas baixo León I e ampliounas: liberou a tódolos seus parentes que estaban baixo o poder bizantino e garantiulles a restitución das súas propiedades, proporcionou subministracións a 13.000 soldados seus, garantiulle o mando de dúas escolas palatinas, permitiulle mante-las súas propiedades, concedeulle un dos cargos de magister militum substituíndo ao Amalo e permitiulle manter os títulos que Basilisco lle outorgara anteriormente.[29][30]
Tamén, no 479, Estrabón apoiou ao usurpador no imperio de Occidente, Procopio Antemio, e ao seu fillo Marciano, quen fomentaron a insurrección contra Zenón, por mor dunha reclamación á sucesión de Leoncia, esposa de Antemio e irmá de Ariadna, a emperatriz bizantina. Cando tivo noticias do comezo da revolta dos usurpadores, dirixiu as súas tropas cara a Constantinopla, con todo, non chegou a tempo para axudar aos rebeldes, que foron rapidamente derrotados. Cando foi interrogado polos emisarios imperiais, afirmou que levara aos seus soldados á capital para axudar a Zenón, mais ninguén confiou na súa palabra e o acordo selado o ano anterior rompeuse[31] e Zenón revogou o seu nomeamento ao posto do magister militum. Pesie a todo, Estrabón garantiulle o refuxio aos usurpadores e, de contado, aliouse con Teodorico o Amalo para atacar e devastar a Tracia entre ámbolos dous.[32] Como resposta, Zenón aliouse cos hunos que foron enviados contra eles para ocupalos durante a tempada de campaña (primavera e verán),[31] pero foron derrotados polos ostrogodos.[33]
Sobre esta idea, tamén hai pareceres contrapostos, pois se ben nas fontes clásicas ao menciona-los acontecementos do 480/481, aparece indicado que o emperador Zenón se aliou non cos hunos senón cos búlgaros, e hai autores como Bury[33] que aceptan esa orixe e consideran que eses guerreiros serían de feito búlgaros, ou como Herwig Wolfram, quen posteriormente afirmou que esta sería a primeira aparición destes pobos no territorio que lles pertencería no futuro.[34] Por outra banda, os autores da The prosopography of the later Roman Empire, así como o historiador Hyun Jin Kim, consideran que a mención aos búlgaros amosa unha confusión entre búlgaros e hunos e serían, polo tanto, hunos.[32][35]
No entanto, no 481, mentres as tropas imperiais estaban ocupadas loitando contra o Amalo en Dyrrachium (actual Dürres), Estrabón marchou contra a capital con algúns hunos. O seu primeiro asalto ás Murallas de Teodosio fracasou, sendo repelido por Ilo. Logo renovou as operacións en Sikha (Gálata; un barrio de Constantinopla), do outro lado do Corno de Ouro, pero foi derrotado de novo. Finalmente, mudouse ás pequenas cidades portuarias de Hestias e Sostenius (actual, İstinye, na parte asiática) á beira do Bósforo nun intento de cruzar as súas forzas cara a Asia Menor, pero foi detido pola mariña imperial. Probablemente despois de recibir un suborno, regresou a Grecia pola vía Egnatia por Tracia, quizais co obxectivo de unirse ao Amalo en Dyrrhachium.[31]
No camiño, mentres comandaba un exército de 30.000 soldados nunha invasión de Grecia, faleceu cando caeu do seu cabalo sobre unha lanza[32] na cidade de Tirida (tamén denominada de xeito poético: a corte de Diomedes -en latín: Stabulum Diomedis-),[34] preto de Filipos.[36] Foi sucedido no mando polo seu fillo Recítaco[37] quen continuo coas liorta co emperador Zenón, que remataron no 483[38], cando foi asasinado, presumiblemente, por inspiración de Teodorico o Amalo.[37]
Cando son comparados Teodorico o Amalo con Teodorico Estrabón, pode verse que este último estaba nunha situación máis favorable. O Amalo, a pesar de ser fillo e sobriño de reis e pertencer á notoria dinastía dos Amalos, tiña unha situación política moi inestable. Dende a fragmentación do Imperio Huno de Atila (reinado entre 434 e 453), o seu grupo de ostrogodos, baixo o mando do seu pai Teodomiro (reinado do 465 ao 474) e os seus tíos Videmiro (reinado do 451 ao 473) e Valamiro (reinado do 447 ao 465) establecéronse en Panonia co consentimento de Marciano (reinado do 450 ao 457),[39] pero tivo que loitar constantemente contra unha coalición de tribos veciñas hostís formada por suevos, esciros, sármatas, etc. pola supremacía no curso medio do Danubio.[12] No último destes conflitos, na decisiva batalla de Bolia cara ao 469/470, o historiador Xordanes afirma que Teodomiro e o seu irmán Videmiro puideron inflixir unha importante derrota a estas tribos.[40] A historiografía actual cuestiona esta interpretación afirmando que é unha invención, e a hipótese máis acaída hoxe, segundo o historiador Hyun Jin Kim, é que esa invasión levada a cabo por Teodomiro e Teodorico sobre o imperio no 473 estivera probablemente motivada, por unha derrota fronte á coalición bárbara en Bolia e a necesidade de obter subministracións e novas terras.[41]
Por outra banda, Teodórico Estrabón, foi un afortunado soldado[42] e grazas ás súas relacións familiares con algúns dos principais líderes imperiais, principalmente o ministro e gobernante de facto do Imperio bizantino Aspar, puido entrar rapidamente no ao servizo do imperio proporcionando, incluso, parte do persoal militar que guarnecía a capital bizantina.[43] Tal protagonismo atópase precozmente no 459 no episodio dos embaixadores de Valamiro que informaron ao seu rei, ao regresar da corte de León I, da sorte e éxito que experimentaron os ostrogodos tracios, o que espertou a envexa do outro grupo de ostrogodos e motivou, á súa vez, a invasión ostrogoda de Pannonia. Estrabón soubo apropiarse do seu prestixio e da súa experiencia de mando para conformar o rumbo do seu pobo a raíz dos numerosos contratempos políticos ocorridos na corte. O historiador Peter Heather, analizando os acontecementos do 477/478, afirma:
Teodorico [o Amalo] comezou prometendo atacar aos godos tracios, pero non levou a cabo máis que algunhas escaramuzas no 476 e 477, mentres apelaba a Zenón para obter axuda imperial. O emperador dubidou e incluso considerou tratar de facer un trato con Estrabón no seu lugar, especialmente porque este atraera a algúns desertores góticos de Panonia. Se isto soa estraño, hai que lembrar que Teodorico aínda non era o gobernante vencedor de toda Italia, senón un novo líder que arriscara aos seus homes nunha gran aposta. E co paso do tempo, polo menos algúns destes homes convencéranse de que Estrabón era unha mellor aposta.[11]
Segundo a opinión de Peter Heather, se Estrabón non morrese fatalmente no incidente de lanza, moi probablemente sería el o triunfante nos conflitos ocorridos durante os anos 470 e 480:
Apoiando a propaganda do Amalo, Xordanes rexéitao [a Estrabón] cunha soa frase, alegando que, ao non ser membro da dinastía dos Amalos, tiña unha importancia insignificante. Isto é evidentemente falso. Mentres Teodorico o Amalo, quizais pola súa inexperiencia, estaba ocupado asinando sucesivos acordos cuestionables con Zenón entre 475 e 478 [...] Estrabón mantivo unha visión fresca a longo prazo e atraeu con éxito a algúns dos seguidores godos do seu rival. Cun pouco máis de sorte, puido ser facilmente Estrabón o que sairía triunfante do enfrontamento entre os dous Teodoricos, xa que antes e despois [...] eses godos eran receptivos aos líderes alleos á familia Amala sempre que fosen eficaces.[44]
Estrabón aparece citado como un personaxe importante na novela histórica Raptor de Gary Jennings. No libro, ten as extremidades amputadas polo personaxe principal, Thorn, o mariscal de Teodorico o Grande. Poucos anos despois, morrería antes dunha inminente batalla con Teodorico, cando o levantaron sobre unha padiola e caeu sobre a punta da lanza dun soldado.[45]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.