actor xaponés (1939–2021) From Wikipedia, the free encyclopedia
Sadaho Maeda (前田 禎穂, Maeda Sadaho), nado en Fukuoka o 23 de xaneiro de 1939 e finado en Kimitsu o 19 de agosto de 2021,[1] foi un actor xaponés, máis coñecido como Sonny Chiba. Foi un dos primeiros actores do cinema das artes marciais que acadou a fama, primeiro no Xapón e despois internacionalmente.[2] Unha das súas máis coñecidas actuacións foi en Kill Bill Volume 1, interpretando a Hattori Hanzo.
Chiba foi o terceiro de seis fillos da familia dun piloto de probas militares.[3] Cando era neno, manifestou tanto no teatro como na ximnasia, e nesta última disciplina foi tan serio como para gañar un lugar no equipo olímpico xaponés nos últimos anos da súa adolescencia ata que se retirou por unha lesión nas costas.[4] Mentres era estudante universitario, comezou a practicar artes marciais co recoñecido mestre Karate Kyokushin Masutatsu "Mas" Oyama (a quen máis tarde retratou nunha triloxía de filmes), o que o conduciu a converterse en cinto negro (primeiro dan) o 15 de outubro de 1965. Obtivo o seu cuarto grao o 20 de xaneiro de 1984.[5]
Nalgún momento arredor de 1960[6] foi descuberto nunha procura de talentos chamada "New Face" polo estudo cinematográfico Toei, e comezou a súa carreira na pantalla pouco despois como Shinichi Chiba. A súa carreira como actor iniciouse na televisión, protagonizando dous programas de superheroes de Tokusatsu, primeiro substituíndo a Susumu Wajima como personaxe principal Kotarô Ran/7-Color Mask en Nana-iro kamen e posteriormente, na segunda metade da serie, a Gorō Narumu en Allah no Shisha. O seu debut no cinema e primeiro papel como protagonista foi nos filmes de ficción científica de 1961 Invasion of the Neptune Men. Máis tarde ese ano, Chiba apareceu no primeiro filme de Kinji Fukasaku, Wandering Detective: Tragedy in Red Valley, que marcou o comezo dunha longa serie de colaboracións entre os dous. Durante a seguinte década, foi contratado principalmente para filmes de suspense. O filme que lanzou a Chiba internacionalmente foi The Street Fighter (1974), estreado en occidente dobrado en inglés, por New Line Cinema. O filme e as súas secuelas convertérono no rei das artes marciais xaponesas durante as dúas seguintes décadas.[7][8] O fundador de New Line Cinema Robert Shaye foi quen deu a Chiba o nome inglés "Sonny",[9] que adoptou principalmente para os seus proxectos non xaponeses.
Os seus proxectos posteriores incluíron traballos como Bullet Train (1975), Karate Warriors (1976), Doberman Cop (1977) e The Assassin (1977). Tamén de cando en vez volveu ao xénero de ficción científica, en filmes como Uchu kara no messeji (1978). Chiba traballou aínda máis na década de 1980, participando en ducias de longametraxes e incursións na televisión e con papeis en aventuras de alto perfil como o popular filme de Hong Kong baseado nun cómic The Storm Riders (1998), protagonizado xunto a Ekin Cheng e Aaron Kwok.
Cando tiña cincuenta anos volveu traballar co nome de Shinichi Chiba como coreógrafo de escenas de artes marciais. Nos inicios do século XXI, Chiba interpretou longametraxes e series de televisión no Xapón, con papeis en Deadly Outlaw: Rekka de Takashi Miike e Battle Royale II dos directores Kenta e Kinji Fukasaku, que efectivamente superaron o abismo entre as lendas cinematográficas de culto de diferentes épocas. A duradeira carreira de Chiba na pantalla recibiu unha homenaxe cando apareceu nun papel clave como Hattori Hanzo, dono dun restaurante de suxi e samurai artesán de espadas retirado, na épica de vinganza sanguenta do director Quentin Tarantino Kill Bill en 2003.
Chiba protagonizou máis de 125 filmes de Toei Studios e gañou numerosos premios no Xapón polos seus traballos.[10] En novembro de 2007 anunciou a retirada do nome artístico Shinichi Chiba para pasar a ser coñecido no Xapón como J.J. Sonny Chiba (JJサニー千葉 Justice Japan Sanī Chiba?) como actor e como Rindō Wachinaga (和千永倫道 Wachinaga Rindō?) como director.[11]
En 1972 casou con Yoko Nogiwa. A parella tivo unha filla actriz (Juri Manase),[12] mais divorciáronse en 1994.
En 1996 casou con Tamami. A parella tivo dous fillos, os actores Mackenyu (前田真剣佑 Maeda Makkenyū?), nado o 16 de novembro de 1996, e Gordon Maeda (郷敦?), nado en 1998.[13]
O seu irmán máis novo, Jirō Yabuki, tamén coñecido como Jiro Chiba, foi tamén actor.[14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.