Remove ads
militar e político galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Severiano Martínez Anido, nado en Ferrol o 21 de maio de 1862 e finado en Valladolid o 24 de decembro de 1938, foi un militar galego do exército español, e tamén pintor.
Entre 1880 e 1884 estudou na Academia de Infantaría de Toledo, ata que co grao de alférez provisional o destinaron a Xirona. En 1886 marchou á fronte africana, onde participou co Exército español nas primeiras fases da guerra de África (1886-1896). Nese ano ofreceuse voluntario a marchar a Filipinas, onde combateu co exército español na guerra de Filipinas (1897), logrando o grao de comandante.
Despois duns anos de servizo na Península, regresou en 1909 á fronte de Marrocos, onde ascendeu a coronel en 1910. Debido á súa proximidade ao rei Afonso XIII, o monarca nomeouno director da Academia de Infantería de Toledo en 1912. En 1914 chega ao grao de xeneral, de brigada, co que volve de novo a África ata 1916 e despois de novo tomando posesión do seu destino en Tetuán en 1917.
Durante o mes de xaneiro de 1917, foi comisionado para visitar as posicións británicas e francesas en Ruán e Verdún. Realizou a visita xunto de Miguel Primo de Rivera, con quen estreitara unha forte amizade nas campañas marroquís. Ambos militares quedaron impresionados cos bombardeos, as avanzadas de tanques, o uso de gases tóxicos e a eficiencia dos hospitais de campaña. Durante a súa estadía conxeniaron co mariscal Petáin, que lles fixo de guía en Verdún.[1]
Ás poucas semanas nomeárono gobernador militar de Donostia. En 1918 ascendeu a xeneral de división. Ao ano seguinte foi designado para o goberno militar de Barcelona coa misión de reprimir as manifestacións e tensións nacionalistas e obreiras.[2] Meses despois pasa á rama civil, cando o tamén galego Gabino Bugallal, daquela ministro de Graza e Xustiza, o nomeou gobernador civil de Barcelona.
A súa actuación destacou pola extrema dureza da represión policial, especialmente, contra o anarcosindicalismo[3] durante os anos do pistoleirismo.[4] En marzo de 1922, Primo de Rivera foi nomeado capitán xeneral de Cataluña. Co financiamento da patronal catalá fomentaron a actuación do Sindicato Libre, e máis en particular dos seus pistoleiros, que protagonizaron numerosos atentados e execucións extraxudiciais de líderes obreiros.[5]
Entre estes atentados destacou o que malferiu ao cenetista Ángel Pestaña o 25 de agosto, en Manresa. Así mesmo, planificou un simulacro de atentado contra si mesmo coa idea de reforzar o seu prestixio. Na organización do simulacro, tres anarquistas foron asasinados pola policía na madrugada do 23 ao 24 de outubro. Un cuarto anarquista, que sobreviviu, revelou o complot. Ao día seguinte foi destituído o xeneral Arlegui, xefe da policía barcelonesa. O 25 de outubro, en solidadariedade co seu colaborador, Anido dimitiu.[6]
Aínda que membros destacados do exército e da burguesía catalá trataron de interceder e o propio rei ameazou ao primeiro ministro, Sánchez Guerra, con non asinar a dimisión, esta fíxose efectiva. Pouco despois Anido foi nomeado gobernador militar de Cartaxena e máis tarde comandante xeral de Melilla. Na praza norteafricana fíxose cargo da loita contra Abd el-Krim e promoveu un asalto á Baía de Al-Hoceima, pero o goberno non aceptou a súa proposta e dimitiu.[7] Este feito sería unha das razóns que acabou por decidir a Primo de Rivera ao golpe de estado do 13 de setembro de 1923.
Anido foi a man dereita de Miguel Primo de Rivera durante a ditadura que este encabezou entre setembro de 1923 e xaneiro de 1930. Durante a primeira fase da ditadura, o Directorio MIlitar (1923-25), ocupou o cargo de subsecretario do ministerio da Gobernación, habilitado coa capacidade do ministro, en 1924 como delegado do Directorio militar e encargado da Xunta Central de Abastos, e xa ao ano seguinte finalmente co cargo de ministro da Gobernación (1925), cargo co que ademais ocupou a vicepresidencia do goberno de Primo.
Ata o 30 de xaneiro ocupou o ministerio, simultaneándoo coa carteira de Defensa cando o seu titular, Juan O'Donnell, estaba enfermo, e tamén substituíndo a Primo de Rivera nas súas ausencias. Nesta época, ademais, logrou o grao de xeneral.
Anido conservou tal ascendencia sobre Primo de Rivera que foi o encargado de convencelo para que dimitise. Na madrugada do domingo 26 de xaneiro Primo remitiu unha carta aos dez capitáns xenerais e outros altos mandos militares preguntándolles se seguía conservando a confianza do exército. En caso de que as respostas fosen negativas, comprometíase a dimitir. En efecto, entre as respostas predominaban aquelas que mostraban un tépedo apoio ao ditador: Anido reuniuse con el na tarde do 27 de xaneiro, logrando convencelo de que a dimisión era a única saída honorábel. Así mesmo, Anido foi un dos membros da terna que Primo propuxo ao rei na súa substitución.[8]
Coa caída de Primo, en xaneiro de 1930, marchou ao exilio a Francia. O goberno saído da proclamación da Segunda República Española expulsouno do Exército Español. En 1933 venceu nas eleccións a conservadora CEDA e, sen reintegrarse ao exército nin volver do exilio, puido percibir unha pensión militar. Durante estes anos dedicouse por enteiro á pintura.
Ao estourar a Guerra civil española volveu a España, alistouse no bando nacionalista e foi nomeado presidente do Patronato Nacional Antituberculoso. En outubro de 1937 nomeárono xefe dos servizos de Seguridade interior, Orde pública e Fronteiras, dependente directamente de Francisco Franco. En febreiro de 1938 Franco nomeouno ministro de Orde Pública,[9][10] dende onde se encargou de organizar boa parte da represión militar e xudicial do bando nacionalista, con tanta crueldade[11] que membros da Falange Española quixeron apartalo do cargo, se ben outros historiadores sinalan a Martínez Anido como unha persoa humana e moderada coa represión.[12] Con todo, faleceu ao remate dese ano 1938 dun repente.
Foi pai do debuxante e ilustrador Robert Martínez Baldrich.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.