Remove ads
rango militar en España From Wikipedia, the free encyclopedia
Alférez provisional foi un grao militar de España durante a guerra civil española na zona franquista. Denominábase «provisional» porque só se ostentou esa gradación durante a contenda.[1]
A figura de alférez provisional foi creada en setembro de 1936 polo decreto nº 94 da Xunta de Defensa Nacional. O obxectivo era pór solución á escaseza de oficiais no seo das forzas armadas sublevadas e tamén pola necesidade de novos oficiais para as unidades militares de novo cuño.[2] Ao parecer xurdiu por idea do xeneral Emilio Mola Vidal.[3] Quen aspirasen a seren alféreces provisionais debían ter entre 20 e 30 anos e posuíren o título de bacharelato.[4]
Habilitáronse os membros do corpo de suboficiais para ingresaren nos alféreces provisionais.[5] Moitos antigos combatentes das milicias falanxistas e carlistas tamén ingresaron nos alféreces. Por diversos puntos da zona franquista creáronse centros de instrución para os aspirantes a este novo rango.[7] Durante a contenda saíron das academias máis de 28 000-30 000 alféreces provisionais, dos que preto de 3000 morreron en combate. A media de idade destes era de 21 anos e un 50 % eran estudantes universitarios. Amais da preparación militar tamén recibían formación política, relixiosa e moral.[1]
O seu distintivo era unha estrela dourada de seis puntas, deseñada polo xeneral Luis Orgaz, sobre un parche negro.[8]
Tras o fin da guerra moitos dos alféreces provisionais abandonaron as armas e regresaron á vida civil. Porén, outros continuaron a carreira militar. Foi o caso de 8000 alféreces que se converteron en tenentes provisionais e outros 500 convertéronse en capitáns.[6] En 1958 constituíuse en Madrid a Irmandade de Alféreces Provisionais, que acabou por ser a organización de excombatentes franquistas de maior influencia.[9]
O 23 de maio de 1965 inaugurouse en Madrid un modesto monumento «ao Alférez provisional», nunha cerimonia na que estivo presente o ministro de Comercio Alberto Ullastres.[10][11][12] Está situado entre as rúas Méndez Núñez e Felipe IV, xunto á fachada oeste do Casón del Buen Retiro, no barrio de Jerónimos (distrito de Retiro).
O 1 de febreiro de 2016, Celia Mayer, daquela delegada da área de Cultura e Deportes do Concello de Madrid, ordenou retirar o monólito ao Alférez Provisional en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Porén, non llo comunicou á Comisión de Patrimonio do Concello nin á Dirección Xeral de Patrimonio da Comunidade de Madrid. Así o obrigan a lei e a normativa municipal ao ser un monumento protexido por erixirse nunha zona declarada Ben de Interese Cultural.[13] O 18 de febreiro a entón alcaldesa de Madrid Manuela Carmena mandou repor o monumento nas mesmas condicións en que estaba.[14][15]
O 18 de novembro de 2016 Mayer foi citada nos xulgados de praza de Castilla en calidade de investigada por prevaricación, debido a unha querela interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco.[16] Con todo, esta foi finalmente arquivada o 17 de xullo de 2017, cando Carmena xa lle retirara as competencias sobre Memoria Histórica.[17]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.