From Wikipedia, the free encyclopedia
Os radiolarios ou Radiolaria son un grupo de protozoos ameboides de entre 0,1 e 0,2 mm de diámetro que se caracterizan por producir un complicado esqueleto mineral, que tipicamente consta dunha cápsula central perforada que divide a célula en porción interna (endoplasma) e porción externa (ectoplasma) e uns pseudópodos especiais como variñas chamados axopodios. Forman parte do zooplancto dos océanos, e os seus restos esqueléticos cobren enormes extensións dos fondos oceánicos.
Debido á rápida evolución das súas especies, son importantes fósiles de diagnóstico, que se encontran nos estratos desde o Cámbrico ata os nosos días. Algúns radiolarios fósiles importantes son Actinomma, Heliosphaera e Hexadoridium.
Os radiolarios teñen moitos pseudópodos con forma acicular chamados axopodios, dispostos radialmente e sostidos por grupos de microtúbulos, que favorecen a flotación da célula. O núcleo da célula e a maior parte dos orgánulos están na porción interna do citoplasma ou endoplasma (dentro da cápsula esquelética central), e a porción externa ou ectoplasma está chea de vacúolos escumosos e gotas de lípidos, que tamén lle dan capacidade de flotación. Os vacúolos rompen cando o mar está axitado e o radiolario cae a zonas máis profundas, onde volve a formar os vacúolos e ascende outra vez. O alimento capturado polos pseudópodos pasa ao interior do ectoplasma para ser dixerido. A miúdo conteñen tamén algas simbióticas, especialmente zooxantelas, as cales lles proporcionan a maior parte da enerxía que necesitan. O endoplasma contén o núcleo (un ou varios), os orgánulos e gránulos de pigmentos e lípidos.
Parte desta organización obsérvase tamén nos heliozoos, pero estes non teñen a cápsula esquelética central e só producen escamas ou espiñas simples.
Algúns radiolarios coñécense pola semellanza que teñen con poliedros regulares, como as especies con forma icosaédrica como Circogonia icosahedra representada na figura.
Os radiolarios pertencen ao supergrupo Rhizaria xunto cos Cercozoa e Foraminifera[1]. Tradicionalmente os radiolarios foron divididos en catro grupos: Acantharia, Nassellaria, Spumellaria e Phaeodaria. Porén, hoxe os Phaeodaria considérase que son cercozoos [2][3]. Nassellaria e Spumellaria producen esqueletos silíceos e agrúpanse hoxe xuntos no grupo Polycystina. A pesar dalgunhas opinións iniciais en contra deste agrupamento, este está apoiado en evidencias de filoxenias moleculares. Os Acantharia producen esqueletos de sulfato de estroncio e están moi relacionados co peculiar xénero Sticholonche (Taxopodida), que carece de esqueleto interno e foi durante moito tempo considerado un heliozoo. Os Radiolaria poden, por tanto, ser divididos en dúas grandes liñaxes: Polycystina (Spumellaria + Nassellaria) e Spasmaria (Acantharia + Taxopodida)[4][5]. Outras clasificacións distinguen as clases Polycystinea, Acantharea e Sticholonchea.
Hai varios grupos de orde superior que foron detectados en análises de datos ambientais. Especialmente, grupos relacionados con Acantharia [6] e Spumellaria[7]. Destes grupos só se coñecen datos moleculares e son polo momento completamente descoñecidos en canto á súa morfoloxía e fisioloxía. A diversidade dos radiolarios é probable que sexa moito maior do que se coñece actualmente.
A relación entre os Foraminifera e os Radiolaria tamén está sendo moi debatida. As árbores moleculares apoian a proximidade entre os dous grupos, formando un grupo maior chamado Retaria [8]. Pero non se sabe seguro se son liñaxes irmás ou se os foraminíferos deberían ser incluídos dentro dos radiolarios.
Os radiolarios máis antigos coñecidos datan do principio do período Cámbrico, e aparecen nos mesmos estratos ca a primeira fauna con pequenas cunchas, e poderían mesmo ser máis antigos, do final do Precámbrico. Estes primeiros radiolarios teñen significativas diferenzas cos posteriores, cunha diferente estrutura reticular de silicio e poucas ou ningunhas espiñas na testa ou esqueletos.[9] O 90% das especies de radiolarios están extinguidas. Os esqueletos ou testas, dos antigos radiolarios utilízanse para a datación xeocronolóxica, moi útil para a prospección de petróleo e na determinación da paleoclimatoloxía.[10]
O biólogo alemán Ernst Haeckel realizou debuxos moi detallados de radiolarios, o que axudou a popularizalos nos salóns de afeccionados á microscopía da época vitoriana, xunto cos foraminíferos e diatomeas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.