Platero y Tú
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Platero y Tú foi un grupo vasco de rock and roll, formado a finais dos anos 80 e disolto en 2001. Ten influencias de grupos como Leño, AC/DC ou Status Quo, e de guitarristas como John Fogerty, de Creedence Clearwater Revival. O seu estilo afastábase do rock radical vasco que triunfaba no momento. As súas cancións falan de bares, drogas e amor. Debe o seu nome á obra de Juan Ramón Jiménez, Platero e mais eu.
Platero y Tú formouse en Bilbao a finais da década de 1980. Juantxu e Uoho empezaron tocando nun grupo chamado Qué, o cal gravou unha demo de catro temas.[1] Tras a disolución desta, seguiron a ensaiar xuntos e Jesús García Castilla uniuse máis tarde como batería. Un día de decembro de 1989, Juantxu convidou a Fito, veciño seu, ao local para ver un dos ensaios. Estiveron a tocar cancións de Leño e acabou por entrar no grupo como voz e guitarra.[2] O seu primeiro concerto foi como grupo convidado dun concurso de rock en Plentzia (Biscaia) o 17 de febreiro de 1990.[3]
Co diñeiro das primeiras actuacións gravaron nos estudos Arion de Pamplona a súa primeira maqueta en xullo de 1990. Tomaron o nome de Platero y Tú, que acabaría por ser o definitivo. A maqueta, Burrock'n roll, que editaron ese mesmo ano con moi poucas copias, agora é unha verdadeira peza de coleccionista.
En 1991 a produtora barcelonesa Welcome Records contacta con eles para gravaren o primeiro disco, Voy a acabar borracho, nos estudos Lin. Porén, a promoción non foi o bastante boa e apenas foron coñecidos fóra de Bilbao. Aínda así, valeulles para que os coñecese a multinacional DRO. Esta reeditou Burrock`n Roll en 1992 como o segundo álbum, no que reconfiguraron a lista de cancións e melloraron a produción.
Entre febreiro e marzo de 1992 gravaron o terceiro disco, Muy deficiente, con algúns dos temas clásicos dos seus concertos, como "El roce de tu cuerpo". Ademais contaron coa colaboración de Rosendo no tema "Sin solución". Con este disco fan unha xira que rolda o centenar de concertos.
O cuarto disco, Vamos tirando, gravado nos estudios Box e publicado en 1993, deulles proxección a nivel estatal. O disco ten unha versión de "R&R Batzokian", do grupo Hertzainak, e mais un tema en directo, "Mírame". Tamén se editou ese ano En directo a todo gas, un disco en vivo xunto coas bandas, Zer Bizio? e Sedientos.
En 1994 gravaron o quinto disco, Hay poco rock & roll, de novo con DRO nos estudos Box, coas colaboracións de Robe e Evaristo na canción "Juliette". Conseguiron o seu primeiro disco de ouro en España ao superar as 50.000 copias vendidas, e acabaría alcanzando o disco de platino.[4] Neste álbum é claro o agravamento do son, talvez influenciados polas críticas que os acusaban de 'refinarse' no anterior traballo. Así, volveron ao son máis directo da súa primeira época.
Os anos 1995 e 1996 pásanos de xira e gravando o sexto álbum, A pelo, esta vez en vivo, co que conseguiron outro disco de ouro. Ademais, editouse un VHS con imaxes dos concertos.
No verán de 1996 comezou a xira conxunta con Extremoduro. Nela alternábanse no escenario, tocaban xuntos, e facíanse versións mutuamente. Entre outras actuacións, estiveron na primeira edición do festival Viña Rock en Villarrobledo (Albacete), e terminaron a xira con dous concertos no Palacio de Deportes de Madrid. O éxito da banda consolidounos a nivel estatal, e a produtora decidiu remasterizar o seu primeiro álbum. Tamén sacan o CD promocional "Cantalojas", con catro temas gravados en directo o 2 de outubro de 1996 na Sala Sol de Madrid en colaboración con Cadena 100.
No sétimo disco, 7, de 1997, notouse un cambio profundo nas cancións, máis maduras tanto na música como nas letras. Afastouse algo do rock dos inicios, o que foi criticado por algúns seguidores.[5] Volve participar Robe no tema "Si miro a las nubes", e de novo conseguen o disco de ouro.[4] 7 marca un punto de inflexión na historia do grupo e os seus compoñentes embárcanse noutros proxectos: Fito grava o seu primeiro disco con Fito & Fitipaldis e Uoho empeza a colaborar máis activamente con Extremoduro.
En 2000 gravan en "La casa de Iñaki" o oitavo e último disco, Correos, de novo coa colaboración de Robe en "Humo de mis pies". Volven obter disco de ouro e esta vez a promoción do disco chegou á televisión. Durante a xira publicouse o álbum Poesía básica baixo o nome de Extrechinato y Tú, proxecto que Fito e Uoho idearan xunto a Robe cinco anos antes, no que musicaron poemas de Manolo Chinato.
En agosto de 2001 dan un dos seus últimos concertos como Platero y Tú nas festas de Bilbao, con Marea de grupo convidado. O último concerto foi o sábado 27 de outubro de 2001 na sala La Riviera de Madrid, onde terminaron a xira '01.[5] O ano seguinte, Fito confirmou nunha entrevista ante a prensa que abandonaba Platero y Tú, e como consecuencia, disolveuse a banda.[6]
Dende entón, Fito continúa gravando como Fito & Fitipaldis. Uoho entra de xeito definitivo en Extremoduro, o que compaxina co seu labor como produtor doutros grupos. Mongol e Maguila forman La Gripe.
En 2007, Uoho embárcase nun novo proxecto, Inconscientes. Xunto a Robe, creou a discográfica Muxik. Durante a xira de promoción do disco interpretaron algúns temas de Platero y Tú. Ademais, contaron coa colaboración de Juantxu nalgúns deles.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.