cantante galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Evaristo Páramos Pérez, nado en Guillarei (Tui) o 13 de xuño de 1960, é un cantante de música punk galego-vasco. É coñecido principalmente por ter sido o vocalista de La Polla Records, grupo activo de 1979 a 2003 e de 2019 a 2021, e que xunto a outras bandas coetáneas, foi englobado dentro do chamado Rock Radical Vasco. Actualmente é o vocalista da banda Tropa do Carallo.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Evaristo Páramos Pérez 13 de xuño de 1960 (64 anos) Guillarei, España |
Actividade | |
Ocupación | cantante, actor, escritor |
Membro de | |
Xénero artístico | Punk rock |
Páxina web | evaristoparamos.com |
Fillo dunha pontevedresa e un ourensán, naceu na parroquia de Guillarei, en Tui, trasladándose aos tres anos á localidade alavesa de Agurain.[1]
En 1979 creou, xunto con "Sumé", "Txarly", "Maleguin" e "Fernandito" o grupo La Polla Records, considerado anos máis tarde,un dos grupos máis importantes da historia do punk en España. Ao principio tocaban en garaxes e bares, realizando a súa primeira actuación nun bar do seu pobo. En 1983 lanzaron o seu primeiro EP titulado ¿Y ahora qué? baixo a discográfica independente Oihuka, con só catro cancións. Pouco despois, en 1984, sacaron un disco máis completo co título Salve. As súas letras están cargadas de fortes críticas contra o capitalismo, o fascismo, o nacionalismo, o autoritarismo, o catolicismo, a política, a alienación, a moda e outros factores da sociedade, o que caracterizou toda a súa carreira.
O grupo gravou un total de 13 discos de estudio e tres en directo e conta con moitos dos grandes himnos do punk en castelán como "No somos nada", "Ellos dicen mierda" ou "Salve" En 1994 tiveron que cambiar de nome por unha sentenza xudicial tras unha denuncia dun antigo técnico de son e pasáronse a chamar simplemente "La Polla".
A banda mantivo a súa actividade ata o ano 2003, coa separación definitiva do grupo, pouco despois da morte de Fernandito.
Paralelamente a La Polla, Evaristo formou no 2002, xunto cos compoñentes de RIP, o grupo The Kagas, co que publicaron o disco Nuevos héroes del rock. Dous anos despois, cando La Polla xa se retirara dos escenarios, Evaristo e RIP volveron xuntarse baixo o nome de The Meas, para gravar o disco Buscándose la vida. Estes dous grupos foron experimentos temporais que non realizaron máis que uns poucos concertos.
En 2002, a editorial Txalaparta publicou o seu libro Por los hijos lo que sea, que contén unha serie de pensamentos filosóficos e relatos sobre o divino e o humano.
Trala desaparición de La Polla, Evaristo non tardou en formar unha nova banda, Gatillazo, coa que sen publicar ningún disco, alá polo 2004, comezou a dar concertos. O seu primeiro disco homónimo viu a luz en 2005, e a este seguírono outros cinco: Dianas legales en 2007[2], Sex Pastels en 2008, Sangre y mierda en 2011[3], Siglo XXI en 2013[4] e Cómo convertirse en nada en 2016.[5]
O 17 de novembro de 2014, Evaristo publica o seu segundo libro, titulado Cuatro estaciones hacia la locura.[6] En 2016, publica unha segunda parte deste libro, titulada Cuatro estaciones en la locura.[7]
O 26 de maio de 2018, tras actuar nun festival de Xerez da Fronteira, foi identificado pola Garda Civil, co obxectivo de denuncialo por supostamente insultar á policía. A actuación policial tivo un notable eco nas redes sociais e o líder de Podemos, Pablo Iglesias comentou que o ocorrido "fala da putrefacción da nosa democracia".[8]
En 2019 formou parte do regreso aos escenarios de La Polla Records, gravando un novo disco e realizando varios concertos, ata que no 2021 o grupo disolveuse definitivamente.[9] A continuación formou unha nova banda, Tropa do Carallo, xunto a Abel Murua, Tripi e Alberto Salgado.[10]
Identifícase como "galego-vasco" e é un recoñecido seguidor do Celta de Vigo, vestindo a súa camisola en moitos dos seus concertos.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.