From Wikipedia, the free encyclopedia
A enerxía eólica é a enerxía que se obtén do vento. Esta fonte de enerxía vén sendo aproveitada dende a antigüidade por diversos medios, en particular muíños en terra e velas no mar. A verba eólico vén do latín Aeolicus, pertencente ou relativo a Eolo, deus dos ventos na mitoloxía grega.
Nos derradeiros anos do século XX Galicia pasou a ser un lugar cun parque eólico (de muíños para producir enerxía eléctrica) de gran tamaño relativo.
Na actualidade, a enerxía eólica é utilizada principalmente para producir enerxía eléctrica mediante aeroxeradores. A finais de 2007, a capacidade mundial dos xeradores eólicos foi de 94.1 xigavatios.[1] Mentres a eólica xera arredor do 1% do consumo de electricidade mundial,[2] representa arredor do 19% da produción eléctrica en Dinamarca, 9% en España e Portugal, e un 6% en Alemaña e Irlanda (datos do 2007).
É un recurso abundante, renovábel, limpo e axuda a minguar as emisións de gases de efecto invernadoiro ao substituír termoeléctricas a base de combustibles fósiles, o que a converte nun tipo de enerxía verde. O seu principal inconveniente é a súa intermitencia.
A enerxía do vento está relacionada co movemento das masas de aire que se desprazan de áreas de alta presión atmosférica a áreas adxacentes de baixa presión, con velocidades proporcionais ao gradiente de presión.
Os ventos son xerados a causa do quecemento non uniforme da superficie terrestre por parte da radiación solar, entre o 1 e 2% da enerxía proveniente do sol convértese en vento. De día, as masas de aire sobre os océanos, os mares e os lagos mantéñense frías con relación ás áreas veciñas situadas sobre as masas continentais.
Os continentes absorben unha menor cantidade de luz solar, polo tanto o aire que se encontra sobre a terra expándese, e faise máis liviá e elévase. O aire máis frío e máis pesado que provén dos mares, océanos e grandes lagos ponse en movemento para ocupar o lugar deixado polo aire quente.
Para poder aproveitar a enerxía eólica é importante coñecer as variacións diúrnas e nocturnas e estacionais dos ventos, a variación da velocidade do vento coa altura sobre o solo, a entidade dos refachos en espazos de tempo breves, e valores máximos ocorridos en series históricas de datos cunha duración mínima de 20 anos. É tamén importante coñecer a velocidade máxima do vento. Para poder utilizar a enerxía do vento, é necesario que este alcance unha velocidade mínima de 12 km/h, e que non supere os 65 km/h.[3]
A enerxía do vento é empregada mediante o uso de máquinas eólicas (ou aeromotores) capaces de transformar a enerxía eólica en enerxía mecánica de rotación utilizable, xa sexa para accionar directamente máquinas operatrices, como para produción de enerxía eléctrica. Neste último caso, o sistema de conversión, (que comprende un xerador eléctrico cos seus sistemas de control e de conexión á rede) é coñecido como aeroxerador.
A baixa densidade enerxética, da enerxía eólica por unidade de superficie, trae como consecuencia a necesidade de proceder á instalación dun número maior de máquinas para o aproveitamento dos recursos dispoñíbeis. O exemplo máis típico dunha instalación eólica está representada polos parques eólicos (varios aeroxeradores implantados no territorio conectados a unha única liña que os conecta á rede eléctrica).
Un muíño é unha máquina que transforma o vento en enerxía aproveitábel, que provén da acción da forza do vento sobre unhas aspas oblicuas unidas a un eixo común. O eixe xiratorio pode conectarse a varios tipos de maquinaria para moer gran, bombear auga ou xerar electricidade.
A referencia máis antiga que se ten é un muíño de vento que foi usado para facer funcionar un órgano no século I.[4] Os primeiros muíños de uso práctico foron construídos en Sistan, Afganistán, no século VII. Estaban compostos dun eixo vertical con follas rectangulares.[5] Aparatos feitos de 6 a 8 velas de muíño cubertos con telas foron usados para moer maínzo ou extraer auga.
A minieólica podería xerar electricidade máis barata que a da rede nalgunhas zonas rurais do Reino Unido, segundo un estudo de Carbon Trust[6]. Segundo ese informe, os miniaeroxeradores poderían chegar a xerar 1,5 teravatios hora (TWh) ao ano no Reino Unido, un 0,4% do consumo total do país, evitando así a emisión de 0,6 millóns de toneladas de CO2[7].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.