Narón
concello da comarca de Ferrol, na provincia da Coruña From Wikipedia, the free encyclopedia
concello da comarca de Ferrol, na provincia da Coruña From Wikipedia, the free encyclopedia
Narón (xentilicio «naronés/naronesa») é un concello da provincia da Coruña situado entre a ría de Ferrol e o océano Atlántico e pertencente á comarca de Ferrol, sendo na actualidade a área de expansión urbana máis importante da comarca. Narón limita cos concellos de Ferrol, Valdoviño, San Sadurniño e Neda. Segundo o IGE en 2020 tiña 39.056 habitantes (20.177 mulleres e 18.879 homes), o que a converte na oitava vila de Galicia (38.285 no 2010, 35.664 no 2006, 35.083 no 2005, 34.404 no 2004, 33.825 en 2003), sendo o cuarto núcleo de poboación na provincia da Coruña despois da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Narón | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 39.051 (2023) (583,63 hab./km²) | ||||
Xentilicio | naronés, naronesa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 66,91 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 26 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Marián Ferreiro Díaz (2017–) | ||||
Eleccións municipais en Narón | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15570 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15054 | ||||
Páxina web | naron.es |
É un concello mixto, con sete parroquias (Castro, Doso, Pedroso, San Xiao de Narón, Sedes, Trasancos e O Val) eminentemente rurais nas que viven menos da cuarta parte da poboación e cun núcleo urbano de máis de 29.000 hab. formado polos barrios da Gándara, A Solaina, O Alto do Castiñeiro, Piñeiros, O Couto, Freixeiro e Xuvia, destacando pola súa poboación as catro primeiras. Reordenado polo Concello de Narón baixo o nome de Narón ou Cidade de Narón, que agrupa máis das 3/4 partes da poboación de Narón.
Narón ten unha superficie duns 66 km² e debuxa un perímetro irregular. Dende a ría de Ferrol onde desemboca o río Inxerto e seguindo o seu curso hoxe totalmente canalizado ao seu paso pola Gándara (baixo a Estrada de Castelao) ata as vivendas da Virxe do Mar. Cos anos a urbanización da Gándara fixo que se modificasen eses límites naturais en función de acordos entre o concello de Narón e Ferrol. O límite entre os dous concellos segue por Santa Icía ata a estrada de Valdoviño e cun perfil irregular ata o océano Atlántico na praia de Ponzos. A franxa de océano de Narón ten praias virxes como O Casal ou Lopesa que estiveron practicamente inaccesibles ata a construción da senda litoral costa Ártabra, un camiño peonil e para bicicletas. Narón limita con Valdoviño compartindo a praia de Lopesa na zona do Val, onde un pequeno cordal pecha a chaira de Trasancos, e logo nas parroquias de Sedes e Pedroso, onde o Monte de Nenos (367 m, a maior altura de Narón) forma o peche setentrional do concello, e dende onde se ven asombrosas vistas da ría de Ferrol e a terra de Trasancos. Na marxe meridional, dende a desembocadura do Xuvia ata A Gándara só destaca o pequeno Couto que dá nome á parroquia onde se sitúa.
|
|
O clima en Narón é temperado. A temperatura media anual é de 14,2 °C. As precipitacións son de 998 mm por ano.[Cómpre referencia]
Dados climáticos | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura máxima media (°C) | 13,1 | 13,4 | 15,4 | 16,5 | 18,2 | 20,6 | 22,4 | 23,0 | 22,0 | 19,0 | 15,6 | 13,6 | 17,7 |
Temperatura media (°C) | 10,0 | 10,1 | 11,8 | 12,9 | 14,7 | 16,9 | 18,8 | 19,2 | 18,2 | 15,4 | 12,3 | 10,4 | 14,2 |
Temperatura mínima media (°C) | 7,0 | 6,9 | 8,3 | 9,3 | 11,2 | 13,3 | 15,2 | 15,5 | 14,5 | 11,9 | 9,1 | 7,3 | 10,7 |
Precipitacións (mm) | 116 | 95 | 89 | 80 | 71 | 48 | 30 | 41 | 70 | 101 | 129 | 128 | 998 |
Fonte: Clima Narón es.climate-data.org [cando?] [Cómpre referencia] |
A evolución da poboación de Narón está ligada á inmigración que recibiu na segunda metade do século XX, poboación chegada do agro ás cidades, a situación de Narón como periferia de Ferrol.[Cómpre referencia] O aumento moderado da poboación nos últimos anos e o mantemento deste nivel de crecemento está máis ligado á creación de infraestruturas propias no concello, servizos, autoestrada, polígonos industriais e ordenamento urbanístico.[Cómpre referencia] Desde 2014 Narón está preto de acadar os 40.000 habitantes:[1] no 2016 estivo a falta de 574 persoas para acadar ese valor.
Na Ría de Ferrol non se atoparon asentamentos do neolítico antigo (6000-4000 anos antes da era actual) nin anteriores a esas datas. Si se teñen atopado petróglifos nas inmediacións da veciña Ermida de Chamorro (Serantes, Ferrol)[2] e a Pena das Coviñas en Brión. En Río do Pozo teríase atopado a pegada máis antiga atopada en Trasancos. Unha ferramenta de pedra traballada para cortar carne, un chopping tool de datación exacta descoñecida. No Val, no Monte da Lagoa (Pena Grande) nos límites con Ferrol foi identificado un Valado Prehistórico, causewayed enclosure ou henge.
En 1867 Leandro de Saralegui Medina falaba da existencia dos restos de dous dolmens preto de Ferrol. Un deles destruído no século XVIII para aproveitar as pedras na construción e o outro preto de Chamorro (Serantes) do que só quedaban dous chantos de 2,90 m e 3,56 m, tamén destruído.
Os asentamentos máis antigos na terra de Trasancos da que formaban parte o actual Narón, Ferrol, San Sadurniño, Valdoviño e Neda son 65 mámoas (4000 a 2000 anos antes da era actual):
Para contar a historia de Narón habería que falar da cultura propiamente megalítica ou das mámoas, que arrinca dun Neolítico final (do 3.000 ao 2.700 a.C).
As mámoas foron inicialmente concibidas como lugares destinados a enterramentos, e concentrábanse tanto en vales coma en outeiros, tanto no interior como na costa. O aspecto de montiños que teñen desde lonxe é o que lles dá nomes como Monte de Nenos ou Montiños de Moura.
Aínda que a actividade agrícola provocou a súa destrución nas áreas dedicadas ao cultivo, quedan en Narón dous campos de mámoas. Un primeiro conxunto con catorce túmulos, situado no cumio do monte de Nenos, e outro nos límites co concello de San Sadurniño. Os dous datan da Idade de Bronce. No Monte de Nenos está unha canteira prehistórica das pedras para os dolmens.
Tódalas mámoas foron violadas e ningunha foi escavada. Nos enxovais das cámaras acháronse armas, machados ou puntas de frecha. Narón non ten museo de arte prehistórica e os achados feitos desta época son de particulares.
Os castros identificados no que hoxe é Narón son quince[3][4][5]:
En Ferrol foron identificados uns 15 castros, en Neda 5, en Valdoviño 20, en San Sadurniño 5, en Ares 5 e en Fene 9.
Na época da Romanización, a vida cotiá dos castros non sofre variación. Tampouco o medio nin as institucións políticas sufriron grandes cambios, xa que a romanización apenas tivo incidencia nas nosas terras. O que si é certo é que do seu paso polo noso territorio quedaron algúns sinais importantes. En Lóngaras, A Gándara, atopouse un cuncheiro que foi escavado polo arqueólogo municipal André Pena Graña. Entre as cunchas de ostras apareceron anacos de cerámica romana datada no século I antes da era actual e século I despois da era actual. En Covas (Ferrol) consérvase a explotación aurífera de Covarradeiras.
No ano 844, entre xuño e agosto, as naves normandas chegaron ao Mar da Xoiva (Ría de Xuvia). Saquearon e queimaron o mosteiro prerrománico de San Martiño. Os duques e condes de Ramiro dirixiron unha expedición á Terra de Faro (proximidades da cidade da Coruña) onde derrotaron aos piratas logrando que marchen a Lisboa e Sevilla onde continuaron os saqueos. Duascentas naves saquearon as vidas dos veciños. Aínda que Galicia sufriría varios ataques máis, sería esta a única invasión normanda documentada nas crónicas de Trasancos.
San Martiño de Xuvia cítase por primeira vez nun documento con data 15 de maio do 977. Foi unha doazón ao mosteiro feita por Visclávara Vistráriz, señora de Trasancos e descendente do que fora duque e bispo de Xuvia.
In dei nomine amen. Inuicctissimo almo atque Pannonie nato olimpo in regno Martino nempe uocato cuius baselica siccta est in ualle Trasanquos fluminis Iuuie ripa, [...] in quo loco domino nostro pontifex et uenerabilis Argimirus tenuit mire ducato per ordinationem Ranimiri prinipis,[...]"
Nos séculos XI e XII o mosteiro de Xuvia gaña importancia ata o século XIII en que o mosteiro de Sobrado pasa a ser o máis importante do país.
No século XIII fúndase Ferrol, Neda e A Graña.
No século XVIII créanse os Reais Arsenais de Esteiro e con eles complexos fabrís industriais, muíños para fariñas, moenda de trapos para facer pasta de papel de estraza e común, e triturar pedra para curtir. O muíño de mareas das Aceñas, dous muíños de vento e o muíño de Amenadás entre outros.
Ata o ano 977, no que aparece na colección diplomática do mosteiro de San Martiño de Xuvia o primeiro documento, a historia de Trasancos escribíase nas epígrafes doutras terras. Coa lectura do manuscrito, asinado por Visclavara Suarit, sabemos que San Martiño é o eixo de toda a vida trasanquesa, non só como difusor cultural a través da escritura senón como centro político, económico e relixioso.
Os condes e duques, señores destas terras, manteñen aínda os antigos títulos de príncipes, pervivindo así ao longo dun milenio institucións do pasado. Estes príncipes teñen uns infantes aos que lles conceden as "villae". Á súa vez estes cabaleiros viven das rendas que perciben dos labregos e das taxas que lles impoñen aos homes libres da súa xurisdición. Trasancos acolle o máis importante clan de Galicia, que ten residencia no mosteiro de San Martiño. É a dinastía dos Petriz ou Froilaz, máis tarde condes de Trava, que contribuíron a consolidar este mosteiro, xunto ao de San Salvador de Pedroso, entre os máis influentes de Galicia. Nos primeiros anos do s. XIII, a terra de Trasancos sofre profundos cambios, e fúndanse as vilas de Neda e Ferrol.
Este feito trouxo fondas implicacións en todos os eidos e a ruptura da autarquía política e económica tradicional. Houbo tamén neste momento loitas internas entre fidalgos para chegar a establecerse como comedeiros dos mosteiros, e creouse un ambiente social violento e enrarecido. Chegan, así, anos escuros e caos económico, a desastrosa Batalla do Salgado contra os árabes e os primeiros gromos de peste negra. Con isto San Martiño vai perder unha poboación que no século XVI non se recuperara.
Polo ano 1418 rómpese en Trasancos o equilibrio social entre liñaxes, da que se deriva a Primeira Revolta Irmandiña, dirixida por Roi Xordo. Cando labregos e fidalgos de San Martiño intentarían frustradamente sorprender a Nuno Freire de Andrade en Ferrol. O sangue irmandiño decorreu polo Eume e o Xuvia, e quedou Trasancos baleiro.
O século XIV vería outra revolta máis e outra nova derrota. Avanzando o XIV e XV, e coa reforma dos Reis Católicos, o protagonismo dos mosteiros de Xuvia e Pedroso acabará definitivamente. O noso concello articúlase no século XVI nunha serie de coutos ou xurisdicións de novo cuño, relacionadas cunha serie de casas tradicionais. O couto de Trasancos era xurisdición de Antonio de Castro. Tamén existían San Xiao de Narón, dependente da vila de Ferrol, San Mateo de Trasancos, O Val e o Couto de Pedroso, que comprendía catro parroquias. Coa merca da xurisdición dos coutos monásticos, os fidalgos impoñen as bases da preeminencia territorial. Os labregos trasanqueses con terras propias víronse despoxados delas mediante roubos ou vendas impostas pola fidalguía. A partir de entón só as poderán obter por un alugueiro curto de entre seis e oito anos.
O vello rigor das freguesías é recuperado a mediados do século XVIII, tras douscentos anos de decadencia, de maneira que a comarca acada un activo papel económico e cultural que será pioneiro en Galicia. Outro factor importante que fai prosperar as nosas terras é a creación en varias freguesías dunha rede de complexos fabrís industriais. Con elas obtíñanse diferentes fariñas, tratadas en muíños que aínda hoxe conservamos e que configuran a paisaxe dun inmobiliario arqueolóxico e industrial valorado nos nosos días.
En 1820 as Cortes de Cádiz crean sobre o papel os concellos de Trasancos e Pedroso pero non será ata 1837 cando na casa da Pena de Embade comece o Concello de Narón, o concello tiña entón 5.018 veciños.Coincidindo coa creación dos concellos prodúcese unha masiva compra de terras polos grandes latifundistas. Isto ocasiona unha deterioración progresiva e un endebedamento dos labregos, co que desaparece a pequena propiedade. A mediados do século XIX, a industria do Concello de Narón renóvase totalmente, xurdindo os laminados de cobre e os teares. A desamortización fai que as terras pasen a mans de caciques e os labregos teñen que emigrar.
Ao inicio do século XX Narón como outros concellos de Galiza estaba nas mans de caciques. Os postos municipais eran herdados de pais a fillos. O 13 de marzo de 1918 día da Feira do Trece en Sedes prodúcese a chamada Revolta das Pedradas. Traballadores das fábricas de Xuvia protestan polas condicións de traballo, ás súas queixas súmanse os labregos protestando polos impostos. Un concelleiro pagaba 1,92 pesetas de impostos e un labrego 110 pesetas. A todo isto sumábase o malestar pola chegada do ferrocarril. Os labregos tiñan medo de que trouxese produtos que os deixasen sen poder vender os seus. Das protestas diante do negocio do alcalde Xosé Fernández Lemos pásase ao lanzamento de pedras. O alcalde fai chamar á Garda Civil que dispara contra os labregos. A Benemérita mata a seis labregos, fire a moitos e leva presos. Esa mesma tarde o Concello de Narón facía público un comunicado.
"vandálico atropelo do que foi vítima o señor alcalde na súa propiedade por parte duns cantos bandidos que enarborando a bandeira da fame trataban de saquear o seu establecemento"
Os traballadores dos estaleiros solidarízanse cos labregos e van en manifestación a pé ata a Feira do Trece. Os labregos organizáronse en sindicatos e cooperativas. Xurdiron así as cooperativas de Pedroso, Sedes, San Mateu, O Val ou Castro.
En 1933 o concello xa en mans republicanas fixo un monumento na Feira do Trece onde foran asasinados os labregos, durante a guerra civil foi destruído. Ese mesmo ano Bartolomé Freire puxo a funcionar en Narón un pequeno almacén de ferralla co tempo o negocio medraría, chegando a ser a actual Megasa.
En 1960 trasládase a Xuvia a Casa do Concello. O estaleiro Astano a finais dos anos 60 en mans do Banco Pastor e a principios dos 70 co INI da o salto á construción de grandes petroleiros. Unha nova onda de inmigrantes coas súas familias chega a Narón. En 1968 inaugúrase a Ponte das Pías, os barrios da Gándara e Santa Icía medran como periferia de Ferrol. A crise do petróleo e a entrada de España na CEE no 1985 condenan o sector naval á reconversión. A reindustrialización de Ferrolterra pasa por un polígono industrial que se constrúe nas marismas da Gándara. Durante anos o polígono está baleiro. Pequenas empresas de servizos e comerciais comezan a ocupar os terreos. O 13 de setembro de 1991 o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive voa unhas torres de alta tensión nas Pontes deixando durante 48 horas a toda a comarca sen enerxía eléctrica.
En 1992 Alcampo abre no polígono industrial da Gándara o seu hipermercado, o futuro de Narón pasa por outro tipo de empresas. Asumida a realidade comercial da Gándara o polígono esgota a superficie, as empresas comezan a instalarse na estrada de Cedeira no que agora se chama polígono das Lagoas. Nos anos 90 o constante crecemento de Megasa e o esgotamento do carbón da mina das Pontes fan que centos de camións enchan a estrada de Castela transportando chatarra, aceiro e carbón. A noite do 13 de xaneiro de 1998 á 1:15 o Discoverer Enterprise esnaquizaba a ponte das Pías. Durante os meses que duraron as obras de reparación da ponte, os concellos de Ferrolterra volveron ter as comunicacións do século XIX. O tren inaugurado en 1913 ocupa o papel de transporte de proximidades que nunca tivo. A Ponte das Pías reconstrúese ampliada agora con catro carrís, dous en cada sentido. Narón, como periferia de Ferrol padeceu o narcotráfico e a inseguridade cidadá. O 14 de setembro de 1996 a maior manifestación de Narón con cinco mil persoas contra o narcotráfico recorreu o Concello saíndo dende Freixeiro [11].
Constrúese a autoestrada AP-9 que chega a Ferrol por unha nova ponte sobre a ría pasando por Narón, con dous novos ramais: un ata Xuvia e o outro ata A Gándara onde xa está o centro comercial Odeón. A autoestrada en Freixerio enlaza co novo polígono de Río do Pozo xurdido co obxectivo de trasladar Megasa fóra de Xuvia, proxecto rexeitado pola empresa e que deixaría durante anos o polígono baleiro como pasara co da Gándara. En sucesivas ampliacións Río do Pozo chega a ter máis de dous millóns de metros cadrados e segue medrando cruzado pola AG-64 a Autovía Ferrol-Vilalba. A estrada de Castela volve ser unha estrada residencial. Esgotada a superficie para construír en A Gándara e Santa Icía o Concello traslada a casa do concello ao Alto do Castiñeiro. Narón é unha cidade con centro urbano.
O topónimo «Narón» sería da raíz preindoeuropea “nar-“ que significa auga, curso de auga. San Xiao de Narón por onde pasa o río Salgueiro deu nome ao concello ao ser onde se reunía o concello no século XIX, dende 1837 na Pena de Embade[12]. En 1960 construíuse en Xuvia a Casa do Concello deseñada polo arquitecto ferrolán García Lastra. Xa no século XXI a Casa do Concello trasládase ao Alto do Castiñero sendo dende entón o centro administrativo do concello.
Ata a constitución do Concello de Narón en 1837 o territorio que hoxe ocupan Narón, Ferrol, San Sadurniño, Valdoviño e Neda era coñecido como «Trasancos»: os que queiman o monte para cultivar. En lingua antigoeuropea: “Trs-“ = "queimar", "tostar", lat. torreo, "facer rozas para cultivar"[13].
O 15 de outubro de 2001 André Pena Graña atopou no castro de Santa Comba unha lousiña circular do tamaño e da forma dunha fusaiola duns catro centímetros de diámetro coa seguinte inscrición a Reva datada no século I da era actual: REBE TRASANCI AVG[VST]E[14].
O concello conta cunha grande oferta cultural, no ano 2008 inaugurouse un dos maiores teatros e centros culturais de toda Galiza: O Pazo da Cultura de Narón, ademais de contar xa cunha biblioteca no Alto e cun museo etnográfico na parroquia de Sedes sobre a vida labrega nesta comarca do país, Aldea Nova.
Narón está irmandado co concello de Cerro, A Habana (Cuba).[19] En 2017 o concello iniciou xestións par irmandar Narón con Caracas.[20]
É unha cidade inconclusa que aínda mantén características da súa orixe como cidade dormitorio de Ferrol, que vivía tamén do sector naval, e que pouco a pouco se vai convertendo no principal motor industrial e de lecer de Ferrolterra, situándose coma un dos concellos economicamente máis fortes de Galiza.
En Narón hai tres zonas industriais importantes:
O concello conta con vías rápidas de alta capacidade, xa que a autoestrada AP-9 atravesa o núcleo urbano, conta con dous ramais que unen o parque empresarial do Río do Pozo coa autoestrada e a circunvalación de Narón dende A Gándara ata Xuvia. Pasa ademais a autovía Ferrol - Vilalba e a vía de FEVE Ferrol - Xixón ten varios apeadoiros no concello.
A cidade de Narón é unha cidade que sofre dunha grave desorde urbanística e que logo de varias décadas, co novo plano urbanístico vai emendando ese problema pouco a pouco. Exemplo disto son as liñas de alta tensión que ata hai pouco pasaban polo medio de populosos barrios, as vías de RENFE e FEVE que exercen de barreira e numerosas rúas sen saída e de escasos equipamentos . Porén, grazas ao gran crecemento en número de vivendas, a cidade vai gañando en calidade de vida, aínda que prazas e parques son aínda unha utopía e segue a dominar o cemento .
Hoteis [Cómpre referencia] | |
---|---|
Categoría | Cantidade |
3 hoteis | |
1 hotel | |
3 hoteis |
O concello de Narón ten un dos servizos de recollida de lixo e reciclaxe máis antigos existentes en Galiza,[Cómpre referencia] primeiro coa recollida de papel e vidro que foi ampliando cos anos ata a construción pola mancomunidade de municipos da planta de compostaxe de Mougá[21]. O proxecto fracasou por unha mala recollida selectiva do lixo.[22] O concello de Narón está adherido ao servizo prestado por Sogama. En Río do Pozo hai unha planta de transferencia de lixo de Sogama que tamén é empregada por Ferrol. En Río do Pozo tamén existe un Punto Limpo compartido con Neda onde se poden achegar cascallos, electrodomésticos, plásticos, mobles ou chatarra. O concello recolle de xeito separado papel-cartón, aceite usado e pilas. Tamén hai algúns colectores para a recollida de roupa á marxe do servizo municipal. Os envases son recollidos en colectores amarelos e faise cargo deles Sogama. O Concello de Narón aprobou en xaneiro de 2013 unha nova normativa ambiental que obriga a separar o lixo para a súa reciclaxe.
Cosma é a concesionaria do servizo de augas en Narón. A auga que se consome en Narón provén do encoro das Forcadas[23] situado en Valdoviño e propiedade[24][25] do concello de Ferrol que fornece ademais de Ferrol e Narón, a Fene, Mugardos, Ares e Valdoviño. A auga potabilízase en Catabois. O ciclo da auga remata na EDAR de Cabo Prioriño (Ferrol)[26] e na EDAR de Punta Avarenta (Ares).
O concello de Narón forma parte da área de saúde de Ferrol, zona norte da provincia da Coruña. O principal centro sanitario é o Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos de Ferrol. A atención sanitaria primaria é o Centro de Saúde de Narón que está situado xunto á Casa do Concello. Hai dous consultorios máis: o do Val e o de Pedroso.
O principal centro de ensino de Narón é o IES As Telleiras e o de formación profesional Terra de Trasancos, ambos en Freixeiro.
Existen varias áreas recreativas coma a do muíño de Pedroso, que conta tamén con cámping, ademais do da Picota, no Couto, en obras, e a Presa do Rei en Xuvia; e un parque urbano ás beiras do río Freixeiro, onde se está a construír unha das meirandes urbanizacións de toda a comarca, que incluirá o terceiro centro comercial do municipio. Os outros centros comerciais son Odeón e o CC Narón xunto á Casa do Concello. O CC Odeón é o maior centro comercial da comarca; nel hai ximnasio e numerosos restaurantes e cafetarías, así como doce salas de cine e xunto a el o maior hotel de Narón.
Narón ten un equipo de fútbol na terceira división, o Narón Balompé Piñeiros, e o Rally Cidade de Narón do certame galego. Ademais, en Narón practícanse moitas disciplinas deportivas.
O alcalde de Narón é, dende xaneiro de 2009, Xosé Manuel Blanco (Terra Galega) gobernou apoiado por BNG e PSdeG. Nas eleccións municipais de 2015 acadou 10 concelleiros, a un da maioría absoluta. No seu primeiro mandato, ao igual que o seu antecesor no cargo, Xoán Gato, mantivo un pacto de goberno co Partido Popular, cuxa voceira no Concello, Ángeles Díaz Pardo, era a primeira tenente de Alcaldía.
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde xuño de 2018) |
Eleccións municipais, 24 de maio de 2015[27] | Histórico de alcaldes do Concello[28] | ||||
---|---|---|---|---|---|
Partido | Votos | % | Concelleiros | Nome | Período |
Terra Galega | 6 408 | 38,51 % | 10 | Marián Ferreiro Díaz | 23 de setembro de 2017-actualidade |
PPdeG | 3 639 | 21,87 % | 5 | Xosé Manuel Blanco | 2009-setembro 2017 |
PSdeG | 1 489 | 8,95 % | 2 | Xoán Gato Díaz | 13/12/1985-21/01/2009 |
BNG | 1 353 | 8,13 % | 2 | Antonio Martínez Aneiros | 19/04/1979-13/12/1985 |
EU | 1 008 | 6,06 % | 1 | Antonio Sánchez Berbis | 23/12/1974-16/04/1979 |
ENE | 888 | 5,34 % | 1 | Nemesio Quintia Luaces | 27/11/1974–23/12/1974 |
Coalición de goberno: Terra Galega e BNG[29] | Marcial Calvo Hermida | 10/09/1954–27/11/1974 | |||
Manuel Prado Fernández | 24/01/1947–06/09/1954 |
En setembro de 2012 a edil de Converxencia Galega María Porto incorporouse ao goberno de Xosé Manuel Blanco para facerse cargo das áreas de Relacións Institucionais, Novas Tecnoloxías e Turismo[30][31]. En setembro de 2017, Marián Ferreiro Díaz substituíu a Xosé Manuel Blanco que renunciou ao cargo por motivos de idade[32].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.