filósofo e lóxico chinés From Wikipedia, the free encyclopedia
Mozi (chinés tradicional e simplificado: 墨子; pinyin: Mòzǐ; Wade-Giles: Mo4-tzu3; xaponés: Bokushi; lit. "Mestre Mo"), nome de nacemento Mo Di 墨翟, nado cara o -470 e finado arredor do -391, foi un filósofo e lóxico chinés do período dos Reinos Combatentes, fundador do Moísmo, unha das Cen Escolas de Pensamento.[1] O texto antigo titulado Mozi 墨子 ("Mestre Mo") contén materiais atribuídos a Mozi e os seus discípulos.[1]
Nome orixinal | (zh) 墨子 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 470 a. C. Reino de Lu, Dinastía Zhou |
Morte | 391 a. C. (78/79 anos) |
Residencia | Estado de Song |
Actividade | |
Campo de traballo | Ética, filosofía social, filosofía política, lóxica e epistemoloxía |
Ocupación | filósofo, enxeñeiro militar, enxeñeiro |
Período de actividade | (Con vida en: 400 a. C. ) |
Alumnos | Qin Guli e Tian Jiu |
Descrito pola fonte | Gujin Tushu Jicheng (pt) Registos do Historiador (pt) Armenian Soviet Encyclopedia, vol. 8 (en) , (p.59) |
Mozi fundou o moísmo, unha escola en aberta polémica tanto co confucianismo coma co daoísmo.[1] A filosofía de Mozi poñía a énfase no amor universal, a orde social, a vontade do ceo, a colaboración e o mérito. Durante o período dos Reinos Combatentes, os moístas estiveron activos en diversos reinos, mais entraron en declive co ascenso ao poder da dinastía Qin no -221, xa que o emperador Qin Shi Huang favorecía á escola lexista. Durante esta época, moitos dos textos clásicos moístas foron destruídos na chamada queima dos libros e enterramento dos eruditos. O moísmo continuou a perder importancia cando o confucianismo se converteu na doutrina oficial da dinastía Han, chegando a desaparecer case completamente ao remate da dinastía Han do Oeste.[2] Mozi é mencionado no Qianzi wen 千字文 ("Clásico dos mil caracteres"), que o describe a súa tristeza ao contemplar a tinguidura dunha tea de seda branca, simbolizando a súa concepción da austeridade como simplicidade e castidade.
O seu concepto de amor ou ai 愛 foi desenvolvido en aberta oposición á idea confuciana do amor benevolente. Mozi intentou superar o que el consideraba un excesivo apego ás estruturas familiares e aos clans, propio da sociedade chinesa, cunha noción de amor universal ou jian'ai 兼愛. Neste sentido, polemizou cos confucianos, para os que preocuparse de distinta maneira polas persoas segundo o seu grao de parentesco, amor ou amizade era o comportamento natural dos seres humanos. Mozi, pola contra, pensaba que deberiamos preocuparnos de todo o mundo por igual, mais que adoptar diferentes actitudes segundo a persoa. O amor debe ser incondicional, outorgado sen agardar reciprocidade, con independencia da nosa relación cos individuos, pois todos somos iguais a ollos do ceo. Xa que logo, o poder debería asignarse segundo un sistema meritocrático, sen importar o parentesco; teñen que gobernar os que son dignos de facelo, a imitación dos reis sabios da antigüidade. Esta noción de amor sería retomada polo budismo chinés, que empregaría o termo ai 愛 para referirse a un dos desexos fundamentais.
É moi probable que Mozi fose un membro da clase dos artesáns, que logrou ascender a un posto oficial. Naceu no reino de Lu (actual Tengzhou, provincia de Shandong), aínda que durante un tempo desempeñouse como ministro do reino de Song.[3] Do mesmo xeito ca Confucio, Mozi mantivo unha escola para aqueles que desexaban converterse en oficiais de corte dalgún dos Reinos Combatentes.[3]
Mozi foi un renomeado carpinteiro, coñecido pola súa habilidade na construción de artefactos. A pesar de non exercer ningún cargo oficial, moitos gobernantes contrataron os seus sevizos como experto en fortificacións. Malia ser educado no confucianismo durante a mocidade, sempre considerou que as súas doutrinas eran demasiado fatalistas, coa súa énfase nas celebracións e ritos funerarios, que limitaban a vida e a produtividade da xente común. Os seus seguidores, sobre todo técnicos e artesáns, estaban organizados nunha orde disciplinada, e tiñan que estudar os textos de Mozi, tanto filosóficos como técnicos.
Segundo a imaxe tradicional do filósofo, desempeñábase con paixón polo ben da xente, sen preocuparse polas ganancias persoais ou, incluso, pola súa propia vida. As súas contribucións á sociedade foron alabadas por moitos, incluído Mencio, discípulo de Confucio.
A filosofía de Mozi enfatiza a introspección, a autoreflexión e a autenticidade fronte á obediencia aos rituais. Segundo a súa experiencia, as persoas adoitan aprender sobre o mundo a través da adversidade. Xa que logo, ao meditar sobre os propios éxitos e fracasos, podemos obter un coñecemento de nós mesmos alleo á conformidade cos rituais. Así, Mozi promoveu unha vida de ascetismo e autocontrol, así como a renuncia aos luxos materiais e espirituais.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.