Mosteiro de San Clodio de Leiro

construción relixiosa en San Clodio, Leiro From Wikipedia, the free encyclopedia

Mosteiro de San Clodio de Leiromap

San Clodio é un mosteiro medieval situado na parroquia de San Clodio, no concello de Leiro (Comarca do Ribeiro). En 1931 foi declarado Monumento Histórico Nacional.

Datos rápidos Tipo, Localización ...
Mosteiro de San Clodio de Leiro
Tipomosteiro
Localización
 42°22′03″N 8°06′54″O
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
Provinciaprovincia de Ourense
ConcelloLeiro
ParroquiaSan Clodio
Construción
Fundación1225
Patrimonio cultural
Ben de interese cultural
Data8 de maio de 1981
IdentificadorRI-51-0004494
[ Wikidata ]
Pechar

Historia

As súas orixes posiblemente se remonten ao século VI, cara ao ano 554 (segundo recolle o padre Yepes na súa Crónica da orde de san Bieito), relacionándose cos feitos ocorridos durante a persecución ariana en tempos de Requila, concretamente o martirio e morte do abade de san Claudio de León e varios monxes. O resto da comunidade fuxiu e buscou refuxio no val do río Avia, onde fundaron un novo mosteiro. Aínda todo isto, á vista das fontes, resulta difícil manter a existencia dunha fundación anterior ao século X.

Thumb
Entrada actual á recepción do hotel.

A tradición data a súa fundación no ano 928 por parte de don Álvaro e dona Sabita como mosteiro patrimonial e dúplice, dedicándose aos santos Clodio, Lupercio e Vitoria.

A mediados do século XII, 1151 ou 1158, acolleuse á orde de San Bieito a través da importante figura do abade Pelaxio, dentro da beneditinización promovida durante o reinado de Afonso VI o dominio da zona por Raimundo de Borgoña e a presidencia do bispo Dalmacio, monxe cluniacense, na Iria Flavia entre 1094 e 1095. No Capítulo Xeral de 1225 adscribiuse, a través do mosteiro de Melón, á orde cisterciense.

En 1510, dentro da reforma do clero regular impulsada polos Reis Católicos, o mosteiro foi cedido á Congregación cisterciense de Castela por un abade dimisionario, confirmándose a incorporación na década de1530. Neste mosteiro escribíronse os derradeiros documentos do clero regular en lingua galega durante os Séculos Escuros, trátase dun foro e unha licenza datados en 1532.[1] En 1779 tiña no seu poder catro freguesías e catorce coutos.

Coa desamortización destinouse a cuartel da Milicia Nacional, sendo na práctica abandonado. A vida monacal recomezouse en 1891 por parte de monxes beneditinos ata a súa conversión actual en hotel de luxo[2].

Descrición

No mosteiro non fican restos anteriores ao século XVI, en que foi totalmente reconstruído, a excepción da fachada da igrexa primitiva, que é unha das únicas tres cistercienses que se conservan en Galiza (as outras son as da Armenteira e Meira), e as trabes románicas.

Thumb
Ábsidas románicas da igrexa.
Thumb
Fachada da igrexa.
Thumb
Contrafortes do exterior da nave da igrexa.
Thumb
Porta de aceso ao templo.
Thumb
Seteira románica da ábsida do templo. Capiteis con animais e motivos vexetais.

Igrexa

A Igrexa é unha das poucas igrexas conservadas do Císter. Construída entre 1220 a 1250, é de planta basilical, de tres naves de catro tramos cada unha e cun cruceiro que non se marca nin en planta nin en alzado, e cabeceira composta por tres ábsidas semicirculares de distintas alturas, das cales a central está máis destacada.

Nun principio cubríanse as naves con cubertas de madeira a dúas augas (consérvanse as antigas vigas románicas), substituíndose coa incorporación á Congregación de Castela por bóvedas nervadas que alteraron os piares e a iluminación proveniente das ventás e rosetóns. Na actualidade o primeiro tramo recto da ábsida central cóbrese con bóvedas nervadas de crucería cuadripartita e o resto con bóvedas de canón apuntado e forno. Os arcos triunfais, igual que os forneiros e os faixóns das naves laterais, son apuntados.

Os capiteis do templo e as resolucións decorativas enlázano cos mosteiros de Melón ou Oseira e outros galegos, e falan de mestres errantes.

No exterior a cabeceira mantén os seus volumes, destacando a capela central. As ventás desta capela presentan arcos moldurados, e nas laterais redúcense a un simple arco liso sobre as xambas. Os beirados amosan canzorros moi sinxelos con motivos xeométricos.

A fachada do século XIII presenta tres rúas separadas mediante contrafortes, e en dous corpos mediante unha sinxela imposta, e tres arquivoltas aboceladas e un arco escarzano do século XVI sobre o que pende a moldura dun antigo rosetón (hoxe transformada en ventá rectangular) e outros dous nas naves laterais, transformados en óculos sen trazaría. O conxunto remata no suroeste cunha torre rectangular dun só piso.

Os claustros

Thumb
Claustro reglar ou procesional.
Thumb
Claustro reglar ou procesional, planta baixa detalle das bóvedas de cruceria.
Thumb
Claustro oriental ou doméstico.

Conserva dous claustros, o occidental mestura dos estilos gótico e clasicista, e o oriental de claro estilo renacentista, obra da escola de Rodrigo Gil de Hontañón.

Ao occidental ou procesional chégase a través dun vestíbulo, á esquerda do cal se abre a actual recepción do hotel. É de planta cadrada, con vinte e oito arcos de medio punto e bóveda de crucería de estrela, de nervios profusamente moldurados, con claves colgantes. O piso superior mostra similares arcos de medio punto sobre impostas lisas con ventá rectangular e un óculo ovalado. Construíuno no século XVII o mestre Pedro de la Sierra, discípulo de Simón Monasterio. Adórnase cun camelio, un adelfo e un reloxo de sol.

O oriental ou doméstico estrutúrase nun primeiro piso con trinta e dous arcos de medio punto sobre esveltas columnas, ás veces con medallóns nas enxutas, e un segundo piso as máis das veces con linteis sobre zapatas apoiadas en columnas.

A fachada

Na fachada renacentista do mosteiro sitúanse tres escudos na parte superior do balcón: o escudo da Abadía, o de España, coa aguia bicéfala, e o da Congregación cisterciense de Castela á que pertencía o mosteiro cando se construíu a fachada.

Situación actual

Na actualidade atópase completamente restaurado e alberga un hotel monumento de catro estrelas, sendo visitables gran parte das súas estancias. A restauración foi financiada pola Xunta de Galicia nas súas tres cuartas partes e pola cadea hoteleira Hotusa, que ofrece 25 cuartos e diversas salas. Ademais, estanse a recuperar as vides e terras do seu redor.

Os claustros pódense visitar practicamente todo o día; a igrexa abre os domingos para a misa, aínda que se pode visitar se se solicita na recepción.

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.