From Wikipedia, the free encyclopedia
Moraxella catarrhalis é unha especie de bacteria con forma de diplococo aerobia gramnegativa non motil, esixente nos cultivos, e positiva na proba da oxidase. M. catarrhalis é un patóxeno exclusivamente humano cunha afinidade especial polo tracto respiratorio superior. Pode causar infeccións no sistema respiratorio, oído medio, ollo, sistema nervioso central, e articulacións humanas. Infecta á célula hóspede ao unirse a ela por medio de adhesinas autotransportadoras triméricas (TAA).
Moraxella catarrhalis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Moraxella catarrhalis' |
M. catarrhalis estaba anteriormente clasificada no xénero Branhamella. A razón de que a situasen en Branhamella foi que os outros membros do xénero Moraxella son bacilos e raramente causan infeccións en humanos. Porén, os resultados dos estudos de hibridación de ADN e as comparacións das secuencias dos ARNr 16S xustificaban a inclusión desta especie no xénero Moraxella, polo que pasou a chamarse Moraxella catarrhalis. Non obstante, aínda se pode atopar algunha literatura médica onde seguen chamándoa Branhamella catarrhalis.
O nome Moraxella do xénero débese a Victor Morax, o oftalmólogo suízo que primeiro describiu o xénero. O nome específico catarrhalis procede de catarrhus, que ten que ver con fluír (referíndose o fluxo nasal e lacrimal que se produce coas inflamacións dos arrefriados).
No primeiro caso de bacteremia asociada con artrite séptica cultivouse M. catarrhalis, o cal deu moita información sobre a morfoloxía das colonias desta especie e da propia bacteria.[1] M. catarrhalis é un diplococo grande con forma de ril gramnegativo. Cultívase en ágar sangue e ágar chocolate despois dunha incubación aerobia a 37 °C durante 24 horas. As colonias son hemisféricas de cor cincenta clara de aproximadamente 1 milímetro de diámetro. Estas colonias son fráxiles e doadas de esmiuzarse e parecen ter unha superficie cerosa.[1]
Ás colonias aplícaselle o test do disco de hóckey.[1] Neste test úsase un bastonciño de madeira para tratar de empuxar as colonias a través da placa de ágar. As colonias que dan positivo neste test poden esvarar ao longo da placa. As colonias non mostran hemólise, e non fermentan a glicosa, sacarosa, maltosa, e lactosa. Poden producir DNase. Dan positivo na proba da oxidase e na redución de nitrato, o cal é moi característico de M. catarrhalis.[1] Moitos laboratorios tamén realizan a proba da butirato esterase e da beta-lactamase, que para M. catarrhalis dan positivo e poden axudar a identificar rapidamente esta especie.[2]
O perfil de proteínas da membrana externa de dierentes cepas de M. catarrhalis son moi similares.[3] As análises destes perfís de proteínas con anticorpos monoclonais indican que unhas poucas proteínas de masa molecular similar de diferentes cepas presentan epitopos con reactividade cruzada.[3] Tamén se identificou unha proteína de superficie de M. catarrhalis de elevada masa molecular, que pode utilizarse como antíxeno para a inmunización.[3]
A maior taxa de colonización de M. catarrhalis parece ocorrer a aproximadamente os dous anos de idade, cunha taxa de colonización moito menor nos adultos. Estas bacterias son coñecidas por producir otite media,[4][5] bronquite, sinusite, e larinxite. Nos pacientes vellos e os grandes fumadores con enfermidade pulmonar crónica M. catarrhalis pode exacerbar os síntomas de broncopneumonía e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.
M. catarrhalis antes era considerada pouco perigosa, pero converteuse nos últimos anos nun patóxeno humano emerxente. Foi identificada como un importante causante de infeccións broncopulmonares por medio de aspiración pulmonar no tracto pulmonar superior.[6] Ademais, causa pneumonía bacteriana, especialmente en adultos co sistema inmunitario comprometido.[3] É unha importante causa de sinusite aguda, sinusite maxilar, bacteremia, meninxite, conxuntivite, irritación purulenta aguda da bronquite crónica, uretrite, septicemia (aínda que é rara), artrite séptica (tamén rara), e larinxite aguda en adultos e otite media aguda en nenos.[1][7]
M. catarrhalis tamén foi asociada con artrite séptica en conxunción con bacteremias.[1] As bacteremias causadas por M. catarrhalis poden variar en gravidade desde unha febre lixeira a unha sepse letal e infección asociada no tracto respiratorio.[8] Tamén foron asociadas a endocardites.[8]
M. catarrhalis pode tratarse con antibióticos, pero xeralmente é resistente á penicilina, ampicilina, e amoxicilina.[8]
As liñas de investigación con este microorganismo son a procura dunha vacina[9] para esta bacteria tan diversa xenotipicamente e determinar os factores implicados na súa virulencia, como a resistencia ao sistema do complemento. O lipooligosacárido considérase un posible factor de virulencia.[9]
Varias cepas de M. catarrhalis son resistentes á ampicilina, o que fai que a ampicilina e a amoxicilina non sexan axeitadas para o tratamento.[6] Aínda que todas as cepas de M. catarrhalis son susceptibles ao cotrimoxazole, eritromicina, sulfadimidina, e tetraciclina, todas as cepas de M. catarrhalis son resistentes ao trimetoprim.[6] Unha das razón da resistencia de M. catarrhalis á ampicilina e trimetoprim é que produce o encima beta-lactamase.[6]
É susceptible ás fluoroquinolonas, á maioría das cefalosporinas de segunda e terceira xeración, eritromicina, e amoxicilina-clavulanato.
Actualmente non hai vacinas contra M. catarrhalis. En 1994 identificouse unha proteína denominada UspA na superficie de M. catarrhalis que podería servir como diana antixénica para anticorpos protectores e podería utilizarse para preparar vacinas.[3]
Outro estudo de 1993 determinou que a inmunización activa de M. catarrhalis no tracto respiratorio permitía controlar a proliferación desta bacteria e levaría ao desenvolvemento de anticorpos séricos.[7] Atopouse que ademais de proteinas da membrana externa que aparecen en todas as cepas, hai tamén unha resposta de anticorpos Ig específicos de subclase a certas proteínas da membrana externa, incluíndo a porina M35. Por tanto, os antíxenos da membrana externa de M. catarrhalis poderían utilizarse tamén para a elaboración de vacinas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.