Bacteria gramnegativa
bacteria que non se tingue de azul escuro ou violeta coa tinguidura de Gram From Wikipedia, the free encyclopedia
bacteria que non se tingue de azul escuro ou violeta coa tinguidura de Gram From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha bacteria gramnegativa[1] é unha bacteria que non se tingue de violeta ou azul escuro coa tinguidura de Gram. Isto débese a que, pola estrutura da súa parede, non retén o colorante cristal violeta que se usa en dita tinguidura ao lavala nunha solución decolorante.[2] Xeralmente, na tinguidura de Gram, despois de aplicar o cristal violeta, aplícase un segundo colorante de contraste (safranina ou fucsina), que tingue as bacterias gramnegativas de rosa ou vermello ; en caso de que non se aplique o colorante de contraste as bacterias gramnegativas quedarían pálidas (a diferenza das grampositivas, que quedarían violetas). Esta proba é moi útil na clasificación das bacterias segundo o seu tipo de parede celular.
Na literatura internacional a ortografía deste termo foi vacilante, aparecendo escrito separado ou unido con guión ou completamente fusionado, con maiúscula e con minúscula. En galego recomendouse a forma gramnegativa[1] e hai referencias tamén de Gram-negativa[3] e gram-negativa.[4]
A capacidade patoxénica das bacterias gramnegativas está normalmente asociada con certos compoñentes da envoltura gramnegativa, en particular, a capa de lipopolisacárido (tamén chamado LPS ou endotoxina).[2] Nos humanos o LPS desencadea unha resposta inmunitaria innata caracterizada pola produción de citocinas e a activación do sistema inmunitario. Un resultado común da acción das citocinas é a inflamación, que pode producir tamén toxicidade.
As bacterias gramnegativas presentan estas características:
Xunto coa forma da célula, a tinguidura de Gram é unha ferramenta de diagnóstico rápido e foi usada para agrupar especies e na subdivisión de Bacteria.
De feito, historicamente o antigo reino Monera foi dividido en catro divisións baseadas na tinguidura de Gram: Firmacutes (que máis tarde pasaría a chamarse Firmicutes con outra composición ; son grampositivas), Gracilicutes (gramnegativas), Mollicutes (non se tinguían) e Mendocutes (gramvariable).[5] Desde 1987, a monofilia das bacterias gramnegativas foi posta en dúbida polos estudos de filoxenética molecular realizados.[6] Porén, algúns autores, como Cavalier-Smith aínda tratan as bacterias como un clado monofilético e refírense ás gramnegativas como o subreino "Negibacteria".[7]
Cómpre salientar que a distinción entre bacterias grampositivas ou gramnegativas é ambiguo, xa que se pode referir a tres diferentes aspectos: resultado da tinguidura, organización da envoltura celular, e grupo taxonómico, os cales non necesariamente van xuntos para unha mesma especie.[8] Cando nos referimos ao tipo de envoltura bacteriana, o uso dos termos bacteria monoderma ou diderma é máis apropiado.[8] As didermas poden subdividirse polo menos nos grupos didermas–LPS e didermas–micolato.[9] Hai didermos que son grampositivos, como membros do grupo Deinococcus-Thermus, e os Chloroflexi son monodermos pero teñen unha tinguidura de Gram variable, na maioría dos casos gramnegativa.[10][11]
As proteobacterias son o principal grupo de bacterias gramnegativas, entre as cales están: Escherichia coli (E. coli), Salmonella, Shigella, e outras Enterobacteriaceae, Pseudomonas, Moraxella, Helicobacter, Stenotrophomonas, Bdellovibrio, bacterias do ácido acético, Legionella e moitas outras. Outro notable grupo de gramnegativas son as cianobacterias, espiroquetas, bacterias verdes do xofre e bacterias verdes non do xofre. Tamén é gramnegativa a proteobacteria atopada nas costas galegas Gallaecimonas.
Cocos gramnegativos importantes medicamente son: Neisseria gonorrhoeae (gonorrea), Neisseria meningitidis (meninxite), e Moraxella catarrhalis (síntomas respiratorios).
Os bacilos gramnegativos importantes medicamente son moi numerosos. Algúns producen principalmente problemas respiratorios (Haemophilus influenzae, Klebsiella pneumoniae, Legionella pneumophila, Pseudomonas aeruginosa), urinarios (Escherichia coli, Proteus mirabilis, Enterobacter cloacae, Serratia marcescens), ou gastrointestinais (Helicobacter pylori, Salmonella enteritidis, Salmonella typhi).
Entre as bacterias gramnegativas asociadas con infeccións nosocomiais está Acinetobacter baumannii, multirresistente aos antibióticos e que causa infeccións en unidades de coidado intensivo hospitalarias.
Unha das razóns da gravidade dalgunhas infeccións por bacterias gramnegativas é a súa membrana externa. A parte externa desta membrana presenta un complexo de lipopolisacáridos cuxa porción lipídica actúa como unha endotoxina. Se a endotoxina entra no sistema circulatorio, causa unha reacción tóxica, e o paciente presenta febre, aumenta o seu ritmo respiratorio, e diminúe a súa presión arterial. Isto pode producir un shock endotóxico, que pode ser mortal.
Esta membrana externa protexe á bacteria de varios antibióticos, tinguiduras e deterxentes que normalmente danarían a capa de peptidoglicano. A membrana externa proporciona a estas bacterias resistencia ao lisozima e á penicilina. Porén, hai tratamentos médicos alternativos como lisozima con EDTA e o antibiótico ampicilina, que atacan a membrana externa protectora dalgunhas destas bacterias. Outros fármacos usados son principalmente o cloranfenicol, estreptomicina, e ácido nalidíxico.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.