Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Mikel Laboa Mancisidor, coñecido como Mikel Laboa, nado en Pasaia o 15 de xuño de 1934 e finado en Donostia o 1 de decembro de 2008, foi un cantante e compositor vasco. Estivo considerado como o patriarca da música vasca, influenciando as xeracións máis novas. A maior parte das súas cancións son en éuscaro.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2018.) |
(2007) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de xuño de 1934 Donostia, España |
Morte | 1 de decembro de 2008 (74 anos) Donostia, España |
Actividade | |
Lugar de traballo | Donostia |
Ocupación | guitarrista, compositor, cantante, cantautor |
Período de actividade | 1958 - |
Xénero artístico | Folk rock e música tradicional |
Instrumento | Guitarra e voz |
Premios | |
| |
Nado en Pasaia, era fillo dun concelleiro socialista en Donostia, durante a guerra civil marchou vivir a Lekeitio, durante un ano, e logo volveu a Donostia. Durante os anos 50 estudou medicina e psiquiatría en Pamplona. Durante a súa etapa de estudante interesouse pola música, influenciado por artistas como Atahualpa Yupanqui ou Violeta Parra. Laboa identificaríase a si mesmo co rol de artista político na liña dos anteriores ou de Tom Waits. Debutou no Teatro Gayarre de Pamplona en 1958, cun repertorio en castelán, e non é ata 1963 cando comeza a interpretar cancións en éuscaro, no teatro Argensola de Zaragoza.
Despois de viaxar a Cataluña e coñecer a experiencia político-musical de Els Setze Jutges funda en 1965 xunto con outros artistas vascos o grupo cultural Ez Dok Amairu, que buscou revitalizar en diversos ámbitos a cultura vasca, moi aletargada durante a ditadura franquista, e que fixo especial fincapé na recuperación e dignificación do éuscaro. Dentro dese grupo e no plano musical Laboa emerxe, xunto con Benito Lertxundi, como máximo expoñente da denominada nova canción vasca.
O seu disco Bat-Hiru, de 1974, foi elixido Mellor Disco Vasco da Historia nunha votación popular do Diario Vasco hai uns poucos anos[Cómpre referencia]. Algunhas das súas cancións convertéronse xa en pezas populares que forman parte do folclore vasco, especialmente o Txoria txori (O Paxaro (é) paxaro), a súa canción máis coñecida.
En 1975 presenta o espectáculo Ikimilikiliklik na Bienal de Venecia. En 1978 retírase da actividade muscial e non regresa ata 1984. Nos últimos anos da súa carreira colaborou co músico de jazz Iñaki Salvador e traballou co Orfeón Donostiarra e grupos orquestrais do País Vasco. Participou na banda sonora do filme de Julio Medem La pelota vasca. La piel contra la piedra. O 11 de xullo de 2006 precedeu a Bob Dylan nun concerto pola paz que se celebrou en Donostia.
A súa música pódese definir como unha combinación de tradición, poesía e experimentalismo, ó estilo dos cantautores das décadas dos 60 e 70, pero dotado dun forte toque persoal e unha voz moi particular. A súa obra combina vellas cancións populares reinterpretadas cun estilo máis moderno, poesías musicadas de autores como Bertolt Brecht, e composicións propias. Mención á parte merecen os seus Lekeitioak, cancións experimentais a base de gritos e sons onomatopeicos onde analiza as posibilidades de voces, berros, funguidos e rosmidos na composición musical.
Os títulos dos seus álbums están numerados. Este costume comezou en 1974 coa publicación do seu dobre LP Bat-Hiru (1-3). O 2, con cancións de Brecht, fora prohibido pola censura franquista. Logo seguiron o dobre LP Lau-Bost (4-5) e o 6. Os seus Lekeitios comprenden os discos 7 a 11, aínda que só se publicou un recompilatorio dos mesmos pola escasa comercialidade. Segue o 12, pero Laboa saltou o número 13 como homenaxe ó grupo Ez dok Amairu, xa que ese nome significa Non hai trece. Segue o 14, e o 15 e 16 foron discos en directo. Sen contar o seu recompilatorio, recentemente publicou o disco 17.
Casou en 1964 con Marisol Bastida e tivo dous fillos. Na súa carreira como médico traballou na unidade de neuropsiquiatría infantil do Padroado San Miguel de Donostia durante unha vintena de anos.
Aos 74 anos, logo de arrastrar diversos problemas de saúde, morreu como causa dun debilitamento xeral. Foi incinerado[2].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.