Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Michelozzo di Bartolomeo Michelozzi, nado en 1396 e finado o 7 de outubro de 1472, foi un arquitecto e escultor italiano. Considerado un dos pioneiros grandes de arquitectura durante o Renacemento, Michelozzo foi un artista que estivo baixo o mecenado da familia Medici e traballou, sobre todo, para Cosme de Medici. Nos primeiros anos, de novo, foi discípulo de Lorenzo Ghiberti e, posteriormente, colaborou con Donatello.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1396 (Gregoriano) Florencia, Italia |
Morte | 7 de outubro de 1472 (75/76 anos) Florencia, Italia |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura |
Ocupación | escultor, arquitecto |
Movemento | Renacemento |
Profesores | Lorenzo Ghiberti e Filippo Brunelleschi |
Mecenas | Medici |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Fillos | Bernardo Michelozzi |
Descrito pola fonte | Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori, (sec:V3.13, Michelozzo Michelozzi scultore et architetto fiorentino) Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Elixido para a construción do Palazzo Medici Riccardi en Florencia, a miúdo, quedou nun segundo plano fronte a contemporáneos seus como Donatello en escultura e Brunelleschi en arquitectura.
Michelozzo era o fillo de Antonia e de Bartolomeo di Gherardo, chamado Borgognone por ser de orixe francesa[1] que chegara a Florencia desde Borgoña nunha data descoñecida.[2][3] Borgognone traballou no barrio da Santa Croce de Florencia como xastre, e converteuse en cidadán florentino o 9 de abril de 1376. Tivo que ser unha persoa relevante pois para conseguir-la cidadanía, precisábase mercar propiedades por máis de 1.000 florins, unha cantidade moi elevada.[1] Tivo tres irmáns chamados Leonardo (nado en 1389/90), Zanobi (nado no 1391), e Giovanni (nado no 1403). Por 1391, a familia de Michelozzo moveuse ao barrio de San Giovanni, onde viviron o resto da súa vida.[2]
Pouco se sabe da infancia de Michelozzo, a parte de que recibiu unha educación integral en lectura, escritura e aritmética, e que comezou a traballar como gravador para a ceca florentina, onde é citado por vez primeira 28 de maio de 1410 e onde permaneceu até 1448.[1] Como gravador, Michelozzo aprendeu a fundir, a facer o dourado do cobre e bronce, dous dos metais nos que máis comunmente traballaba o ourive medieval e renacentista. Tamén gañou unha inmensa precisión da man e un dominio do deseño escultórico en miniatura e, en 1427, cando xa levaba dous anos de asociación con Donatello, seguía denominándose, ourive.[1]
A principios da década de 1420, Michelozzo pasou a ser membro da Arte di Maestri di Pietra e Legname, un dos gremios de Florencia que representaba aos mestres canteiros, talladores de madeira e escultores. Máis tarde serviu como un dos cónsules do Gremio en 1430.[2]
Durante toda a súa vida, Michelozzo conservou a residencia familiar na Via Larga, que estaba preto do Palacio Medici e ao lado do humanista Bartolomeo Scala. Ademais, Michelozzo posuía unha casa e un xardín en S. Domino a Brozzi.[2] O pai de Michelozzo morreu nalgún momento antes de 1427, e a súa nai finou entre 1433 e 1442.[2]
A partir de 1420, Michelozzo estudou con Lorenzo Ghiberti. Os primeiros proxectos de Michelozzo con Ghiberti foron a Porta Norte do Baptisterio entre os anos 1417 e 1423/4, na que as responsabilidades de Michelozzo "só podían estar no dourado dos paneis, posiblemente na fundición dos catro relevos tardíos... e no marco....A maior parte do seu traballo sobre as portas está mergullado, como o dos demais asistentes, na forza do deseño e da personalidade de Ghiberti".[2]
A partir diso, Michelozzo aprendeu a dirixir unha tenda estreitamente supervisada, a organizala de forma eficiente, a formar e controlar aos asistentes e a manexar astutamente os asuntos comerciais e financeiros. "Estivo exposto ao uso de motivos antigos por parte de Ghiberti, absorbeu a habilidade de Ghiberti para xustapoñer elementos antigos e góticos e, sen dúbida, foi influenciado polo estilo e os conceptos artísticos de Ghiberti".[2] Mentres traballaba baixo Ghiberti, Michelozzo creou a estatua do mozo San Xoán sobre a porta do Duomo de Florencia, fronte ao Baptisterio, xunto coa estatua de prata de Xoán Bautista no altar-frontal de San Giovanni.
Baixo Donatello, con quen traballou até 1433, Michelozzo axudou na construción da sancristía de Santa Trinita, onde "Ghiberti comezara a fusionar as formas do gótico tardío e as antigas". Tanto Donatello como Michelozzo comezaron como escultores cunha dedicación intransixente á antigüidade, e isto quedou patente cando Donatello pediu a axuda de Michelozzo para a decoración do tabernáculo de San Luís de Toulouse. Michelozzo tamén se converteu no socio responsable dos marcos arquitectónicos das esculturas de Donatello como o monumento funerario do antipapa Xoán XXIII. En 1428, xunto con Donatello, Michelozzo erixiu un púlpito ao aire libre nun ángulo da Catedral de Santo Estevo en Prato, deseñado para a exposición pública da súa famosa reliquia, o Cinto de Tomé (Sacra Cintola). Aínda que Donatello é o máis coñecido dos dous,
"...sería un erro subestimar a participación de Michelozzo na obra, xa que onde Donatello aparece como o único deseñador de adornos arquitectónicos, o seu estilo é ben diferente. Subordina completamente o escenario arquitectónico ao da súa escultura e fai da arquitectura, por así dicilo, a súa serva. A fermosa escultura ornamental da Sagrestia Vecchia de Brunelleschi mostra ata onde chegaría Donatello coa súa escultura para proporcionarlle un marco efectivo no modelado extraordinariamente vigoroso da ampla e inclinado contorna das súas portas e medallóns".[4]
Tras abandonar o taller de Donatello en 1433, estudou arquitectura con Brunelleschi, quen o presentou a Cosme de Médicis (coñecido como o Vello) e que se converterá no seu mecenas. Poucos historiadores discutiron a estreita relación de Cosme con Michelozzo, que foi o arquitecto da familia Medici durante case corenta anos. "Michelozzo era máis agradable e accesible aos consellos e desexos de Cosme que o turbulento Brunelleschi, e estaba disposto a seguir os fortes gustos persoais do seu patrón".[2] A súa relación foi mellor descrita por Angelo Fabroni en 1789, quen dixo: "Cosme quería moito a Michelozzo e confiaba nel, non só polos seus talentos naturais (non consideraba a ninguén, nin sequera Brunelleschi, superior nos xuízos arquitectónicos), senón tamén porque das súas boas calidades e digno carácter".[5]
Michelozzo tivo unha estreita relación con Cosme de Medici ao longo da súa vida e, segundo Giorgio Vasari en Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori, foi motivado polo seu gran amor e fidelidade a Cosme que o acompañou ao exilio a Venecia entre 1433 e 1434. Os historiadores citaron isto como un exemplo incomparable de estima entre artista e mecenas. Vasari tamén afirmou que Michelozzo construíu a biblioteca do mosteiro de San Giorgio en 1434 para Cosme, aínda que esta afirmación contradí a descrición e os documentos orixinais da biblioteca, que indican que aínda que a construción da biblioteca fora iniciada por Cosme, a maior parte da súa construción realizouse baixo a dirección do director da Banca Medici, Giovanni d'Orino Lanfredini, entre 1467 e 1478,, polo tanto, moito tempo despois da saída de Michelozzo a Venecia.
O gran Palazzo Medici en Florencia, construído por Cosme, foi deseñado por el e se converteu nun dos exemplares máis nobres da arquitectura italiana do século XV, no que o gran gusto e habilidade do arquitecto combinou a delicada lixeireza do gótico italiano anterior coa enorme maxestade do estilo clásico. Con grande habilidade en enxeñaría, Michelozzo apuntou, e reconstruíu en parte, o Palazzo Vecchio, entón en estado ruinoso, e engadiulle moitas salas e escaleiras importantes. Cando, en 1437, grazas á liberalidade de Cosme, o mosteiro de San Marcos en Florencia foi entregado aos dominicos de Fiesole, Michelozzo foi empregado para reconstruír a parte doméstica e para remodela-la igrexa.
Tamén realizou moitos outros edificios para Cosme, a maioría de notable importancia. Entre estes estaban unha casa de hóspedes en Xerusalén para o uso dos peregrinos florentinos, a vila de verán de Cosme en Careggi e o castello fortificado que reconstruíu a partir de 1452 como a Vila Medicea di Cafaggiolo en Mugello. Para Giovanni de Medici, o fillo de Cosme, tamén construíu unha vila moi grande en Fiesole. Entre 1445 e 1451, tamén ampliou Vila San Girolamo, xunto a Vila Medici por orde de Cosme.
Segundo Ludwig Heydenreich, a arquitectura de Michelozzo contrasta con Brunelleschi na súa adhesión máis estreita á "tradición gótica inmediatamente anterior, ao clasicismo gótico que aparece na Loggia dei Lanzi ou no mosteiro de S. Mateo".[4] Tamén indica que tódolos edificios de Michelozzo son "obras de considerable altura... o arquitecto máis independente despois de Brunelleschi".[4]
Michelozzo casou con Francesca, filla de Piero di Ambrogio Galligari, a finais de xaneiro ou febreiro de 1441. No momento do seu matrimonio, ela tiña 20 anos, e el 45. O dote de Francesca foi de 425 floríns, que se pode considerar media para unha familia de bastante relevancia da época. O tamaño do dote, indica un aumento considerable na posición social de Michelozzo.[6]
En 1441, Michelozzo lanzou unha queixa legal para apartarse da responsabilidade das débedas dos seus dous irmáns máis vellos. Andrea di Benozo, representante de Giovanni, Zanobi e Michelozzo, elixiron árbitros para valora-las queixas. Despois de estudar documentos e probas durante seis semanas, os árbitros comprobaron que os dous irmáns eran os causantes da maior parte das débedas de Michelozzo, e foron obrigados a renunciar á súa herdanza en compensación parcial das cantidades que debían.[2]
Do matrimonio de Michelozzo con Francesca resultaron catro nenos e tres nenas, dos cales cinco sobreviviron ao seu pai. Bartolomeo, que chegou a ser escultor, naceu en 1442; Piero en 1443; Antonia en 1445; Niccolo en 1447; Marietta en 1453; Bernardo en 1455; e Lisabetta en 1459. Dous dos seus fillos, Niccolò e Bernardo, foron educados parcialmente polos Medici e quizais viviron no Palazzo Medici durante a súa mocidade. Máis tarde acadaron éxito nos máis altos círculos humanísticos de Florencia. Bernardo converteuse nun membro da casa de Lourenzo il Magnifico como titor de Piero de Medici. En 1500, foi nomeado cóengo florentino e foi empregado por Giovanni de Medici, primeiro como o seu chambelán e despois como o seu secretario.
Como Bernardo, Niccolò estudou con Ficino dende pequeno e participou na Academia Platónica, onde estableceu amizade con outros humanistas florentinos que compartían o seu amor pola antigüidade. Destacou na literatura e na filosofía, e máis tarde chegou a ser secretario de Piero di Cosme continuou no cargo de Piero di Lorenzo. En 1469, Niccolò comezou a súa carreira política como notario na Chanceleria florentina, e a miúdo foi enviado a importantes misións como embaixador da República Florentina entre 1489 e 1494. Trala caída dos Medici, foi encarcerado por un breve tempo, limpando o seu nome en 1496 e converténdose no conselleiro da Arte dei Giucidi e Notai e despois sucedeu a Niccolò Maquiavelli como segundo chanceler da República en 1513.[2]
Cando Cosme comezou a construír o Palazzo Medici en 1444, pasou por riba de Brunelleschi e escolleu como arquitecto a Michelozzo. Do mesmo xeito que o exterior do Palazzo Comunale de Montefiascone, o do Palazzo Medici segue a tradición do palacio baixomedieval toscano, pero sen os símbolos máis rechamantes do poder cívico, que serían incompatibles co papel de Cosme como primus inter pares e pater patriae. O exterior do palacio non está articulado polas ordes vitruvianas e os seus grandes arcos da planta baixa non están aliñados coas ventás dos pisos superiores. En cambio, Michelozzo incidiu no contraste entre as texturas superficiais, como o contraste entre "a rústica natural da planta baixa, as caras planas dos perpiaños do piano nobile e a mampostería lisa do piso superior". O exterior tamén se diferencia do palacio de Montepulciano polo seu tamaño, o seu carácter máis urbano e a súa enorme cornixa clasicista. "Na súa sucesión de dentillas, ovos e dardos e consolas, Michelozzo seguiu directamente o Templo de Serapis en Roma".[7]
A influencia de Brunelleschi en Michelozzo é evidente no deseño do palacio, especialmente nas fiestras bíforas baixomedievais, a simetría e o dominio do eixe de entrada e a combinación de elementos tradicionais e modernos. Os soportais e o entaboamento do patio do palacio tamén seguen o modelo da loggia do Spedale degli Innocenti que é, sintomticamente, o edificio máis antigo e menos vitruviano de Brunelleschi.[7]
Un dos proxectos arquitectónicos máis coñecidos de Michelozzo, o palacio, levou ao desenvolvemento dun novo tipo arquitectónico: o palacio renacentista florentino. Entre as moitas innovacións de Michelozzo na fachada destacan: "o uso de bugnato digradante (grandes perpiaños de corte biselado que se van facendo máis lixeiras a medida que ascenden nos pisos superiores), as columnas clásicas e os capiteis estriados nas fiestras bíforas, a gran cornixa clásica que coroa o edificio e as pequenas que dividen as plantas, as enormes proporcións rectangulares do bloque e a regularidade da disposición das fiestras, que, porén, son asimétricas no que se refire ás portas".[2]
Este foi un dos primeiros e máis influentes proxectos arquitectónicos de Michelozzo en Florencia. Construído a expensas de Cosme de Medici, o proxecto comezou nalgún momento entre os anos 1437 e 1438. A reconstrución incluíu a igrexa, a sancristía, o claustro, as vivendas monásticas e a biblioteca. San Marco foi chamada a primeira igrexa renacentista, aínda que parece ser un compromiso entre a tradición do Trecento e o espírito renacentista. As paredes brancas sen frescos difiren da tradición colorística do Trecento e foron esenciais para os conceptos arquitectónicos de Michelozzo e a preferencia por superficies grandes e sen adornos, sutilmente articuladas por elementos estruturais necesarios en pietra serena gris.[2] Como moitos dos seus proxectos, San Marco foi construído cunha rapidez incrible. A diferenza de Brunelleschi, Michelozzo puido rematar o que comezou, en gran parte pola eficacia de Michelozzo e, tamñen, pola dispoñibilidade do axeitado financiamento de Cosme durante todo o proceso.
A primeira parte acometida por Michelozzo foi "a reconstrución do antigo refectorio, onde se construíu unha bóveda baixa, sostida por consolas moi parecida ás da sancristía da Santa Trinitá, para soster as celas superiores. As obras da igrexa comezaron en 1438 e, probablemente, foi rematada tres anos despois, ou con total seguridade para 1443, cando foi consagrada polo Papa Uxío. Usando o perímetro da antiga igrexa do Trecento, Michelozzo engadiu unha ábsida poligonal, de forma similar á de Bosco ai Frati, que estaba iluminada por tres longas fiestras de arco de medio punto realizadas con pietra serena que aínda se poden ver no piso superior do convento. O arco apuntado da entrada descansaba sobre dúas pilastras con grandes capiteis corintios clásicos rematados por un dado decorado coas bólas características do escudo dos Medici (tamén aínda visibles).
A ábsida era a Capella Maggiore, cuberta con bóveda de vara. A nave era un único espazo aberto sen naves, adornada con ediculos ou aras (tres a cada lado), e cuberta cun teito de vigas de madeira. a nave e a Cappella Maggiore era un muro alto (tramezzo) con dúas portas. Na posterior remodelación da igrexa eliminouse o muro e trasladáronse as portas á ábsida poligonal onde agora se atopan. As súas pilastras estriadas están coroadas con capiteis compostos idénticos aos da Capela Barbadori en S. Felicita de Brunelleschi, e sobre o arquitrabe con molduras clásicas, o friso está decorado, como os capiteis de Bosco ai Frati, coas bólas Medici.[2]
Encargado por Ludovico Gonzaga, señor de Mantua e xeneral das tropas florentinas, o coro foi creado en conmemoración do pai de Gonzaga e "para a celebración de misas pola súa alma".[7] Cosme xa encargara a Michelozzo a construción do vestíbulo e do atrio da igrexa para continuar coa idea de Brunelleschi dun forum all'antica. Ao deseñar a Santissima Annunziata, Michelozzo seguiu o modelo do templo de Minerva Medica de Roma, facendo o plano interior redondo, creando unha cúpula que era tan semiesférica como o Panteón, e detallándoo cun exterior de dez lados con capelas profundas e semicirculares. Tamén optou por un tambor e unha cúpula sen nervios. Aínda que a Santissima Annunziata foi o intento de Michelozzo de superar a Brunelleschi no seu terreo, "unha comparación dos dous planos abonda para mostrar o absolutamente superior que é o de Brunelleschi".[7]
No número de maio de 1966 da revista The Burlington Magazine, Howard Saalman escribiu que:
"A linguaxe dos detalles do Ex-Dormitorio e da Ex-Biblioteca apunta a Michelozzo. Se Vasari ten razón e Michelozzo traballou en Santa Croce (e non hai motivo para dubidalo a pesar da falta de documentación) pois Michelozzo e o seu círculo probablemente se ocuparon de todo o traballo como en San Marco, SS. Annunziata e noutros lugares".[8]
Michelozzo engadiu varias partes á igrexa e claustro de Santa Croce, incluíndo "a loggia fronte ao ex-dormitorio e biblioteca (columnas octogonais con capiteis foglie d'acqua) que orixinalmente se estendía polo claustro ata a loggia elevada no lado sur da igrexa, percorrendo o flanco oriental da capela de San Giuliano (Mellini)...que dividiu o primeiro claustro en dúas partes antes da súa destrución no século XIX".[9]
Ademais, a capela de Cerchi na "planta baixa da ala da Ex-Biblioteca no extremo adxacente ao Ex-Refectorio está evidentemente inserida en muros periféricos máis antigos que sobreviviron ao incendio de 1423. A linguaxe dos detalles (pilastras que flanquean o oco no pequeno coro cadrado, capiteis das bóvedas lunetas do salón fronte ao coro -que se superpoñen a fiestras máis antigas nas paredes laterais) é o do círculo de Michelozzo".[9]
Desde 1461 ata 1464, construíu as Murallas de Ston na República de Ragusa (actual, Dubrovnik), a muralla medieval máis grande de Europa.[10] As súas achegas resultaron moi efectivas nas casernas cónicas e alargadas de Minceta, a principal torre defensiva, e son consideradas como unha innovación de Michelozzo, precedente, vinte anos máis tarde, das casernas elípticas realizadas en Rocca de Ostia por Baccio Pontelli.
A pesar da declaración de Vasari de que morreu aos sesenta e oito anos, parece que viviu ata 1472. Está enterrado no mosteiro de San Marcos, en Florencia.
Michelozzo foi un dos arquitectos máis influíntes, aínda que descoñecidos, do inicio do Renacemento. Os seus deseños abriron o camiño para o rápido desenvolvemento do modelo de Palazzo na Italia central. Desenvolveu, tamén, a igrexa sen naves e converteuse no pioneiro dunha tipoloxía de planta para un edifico sagrado que é o máis importante da época moderna. TTamén, transformou o edificio secular de tal xeito que a súa adaptabilidade ao uso das formas tradicionais permitiulle desenvolver boas solucións de compromiso para rexións afastadas, como Lombardía e Dalmacia.
No seu coidadoso tratamento do ornamento arquitectónico, "Michelozzo foi quen de adoptar ideas e darlles boa conta, así como de transmitir outras novas. Os estilos de Manetti, Bernardo Rossellino, Giuliano da Maiano e mesmo de Giuliano da Sangallo son inimaxinables sen o apoio e a influencia das formas artísticas de Michelozzo ademais das de Brunelleschi e, máis tarde, de Donatello".[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.