política republicana española From Wikipedia, the free encyclopedia
Mercedes Núñez Targa, nada en Barcelona o 16 de xaneiro de 1911 e finada en Vigo o 4 de agosto de 1986, foi unha militante antifascista, loitadora polas liberdades civís contra os réximes de Franco e Hitler. Sufriu a guerra, o cárcere, o exilio e a deportación e sobreviviu aos campos de concentración nazis de Saarbrücken, Ravensbrück e Leipzig-Schönefeld.
Biografía | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (gl) Mercedes Núñez Targa 16 de xaneiro de 1911 Barcelona, España | ||||||||||||||||
Morte | 4 de agosto de 1986 (75 anos) Vigo, España | ||||||||||||||||
Lugar de sepultura | Cemiterio de Pereiró | ||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||
Ocupación | política, escritora | ||||||||||||||||
Membro de | |||||||||||||||||
Pseudónimo literario | Paquita Colomeret | ||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Loitou na guerra xunto ao PSUC e en 1939 foi detida e trasladada á prisión de mulleres de Ventas. Tras ser liberada por un erro burocrático, fuxiu a Francia e tivo un papel moi activo na Resistencia francesa. Foi detida pola Gestapo en 1944 e levada ao campo de concentración de Ravensbrück. Tras sobrevivir varios meses no medio do horror, foi liberada polos aliados en 1945, poucos días antes da data en que estaba prevista a súa execución. En 1968 participou na creación do Partido Comunista de Galicia e en 1975 retornou a España.
Mercedes naceu en Barcelona, no número 5 da rúa de Santa Anna, en Ciutat Vella, no seo dunha familia acomodada. A súa nai, Ángela Targa Guitart, catalá, era filla dun chocolateiro con negocio na Rambla de Canaletes. O seu pai, José Núñez Otero, natural de Bergondo (A Coruña) estableceuse na Rambla das Flores cunha xoiería.[1][2]
Con dezaseis anos, Mercedes, que recibiu unha esmerada educación, comezou a traballar nun laboratorio fotográfico, en contra do criterio paterno. Nos primeiros anos trinta traballou como auxiliar de contabilidade e mecanógrafa en "Películas Cinematográficas Huguet". Durante a República, compatibilizou este traballo co de dáctilo-mecanógrafa no Consulado de Chile en Barcelona, onde foi secretaria de Pablo Neruda ata o traslado deste a Madrid en febreiro de 1935[3]
Desde moi nova interesouse pola corrente reformista dos anos trinta, comprometéndose co mundo cultural e asociativo barcelonés. Foi socia do "Ateneu Enciclopèdic Popular", da asociación higienista e naturista "Amics del Sol" e do "Club Femení d' Esports de Barcelona", primeira entidade deportiva catalana composta exclusivamente por mulleres, do que foi tesoureira e desde o cal participou na organización das Olimpíadas Populares contra convocatoria aos Xogos Olímpicos de Berlín de 1936, que se truncaron debido ao golpe militar do 18 de xullo, que deu paso á Guerra civil española.[4]
Tras a morte do seu pai (abril 1936) ingresou nas Juventudes Socialistas Unificadas (JSU), que, despois do triunfo do Fronte Popular, viviron días de entusiasmo. Xa producido o Alzamento, ingresou no PSUC (Partido Socialista Unificado de Cataluña). En plena guerra, realizou labores administrativas na sede do Comité Central do Partido, na Casa Milá (A Pedrera). Cando as tropas de Franco tomaron Barcelona en xaneiro de 1939, a dirección do Partido Comunista encomendoulle reorganizar o PC na Coruña.[5] Chegou á cidade herculina en marzo de 1939.[3]
Vixiada de preto por axentes da Dirección Xeral de Seguridade, chegados especialmente de Madrid, foi detida o 10 de novembro e trasladada á prisión provincial de Betanzos, onde estivo illada nunha cela, logo á prisión provincial da Coruña e por fin, o 6 de marzo de 1940, ao cárcere de Ventas en Madrid, acusada de colaborar nunha extensa rede clandestina que abarcaba todo o Norte de España co obxectivo de sacar ao estranxeiro a cadros perseguidos polo réxime.[2]
Na prisión de Ventas, milleiros de presas eran hacinadas en condicións infrahumanas. Sendo a capacidade orixinaria de 500 presas, chegou a albergar máis de 6000 reclusas. Cando Mercedes ingresou no cárcere madrileño, era aínda católica practicante e comunista á vez. Nesa mesma prisión perdeu a fe debido ao trato recibido das súas carceleiras, as monxas da Congregación “Fillas do Bo Pastor”. A partir das súas experiencias en Ventas, Mercedes publicou anos despois, no exilio, unha obra autobiográfica -Cárcel de Ventas- na que recolleu nomes e sucesos vividos.[2]
“Ao final do corredor da galería de incomunicadas desemboco no universo extraordinario que é o cárcere de Ventas neste ano de graza de 1940. Unha cantidade importante de mulleres, pálidas, con caras de fame, algunhas delas vestidas con anacos de manta e de tea de colchón, atópanse hacinadas nos corredores, nas escaleiras, nos propios retretes, todo iso invadido por unha multitude de colchóns enrolados, maletas, porróns, talegos, pratos de estaño…” (Cárcel de Ventas, Mercedes Núñez, 1967).
No Consello de Guerra celebrado o 25 de outubro de 1940 Mercedes foi condenada á pena de doce anos e un día por auxilio á rebelión, situándoa como a responsable do Partido Comunista na Coruña. Obtivo a liberdade condicionada en xaneiro de 1942, por un erro administrativo, mentres esperaba a resolución doutro xuízo baixo a acusación de pertencer ao SRI (Socorro Vermello Internacional) e a organizacións marxistas.[6].Na súa despedida das compañeiras de prisión, unha delas díxolle:[2]
“Explica aos da rúa o que viches aquí (…) Que os da rúa saiban”. (Cárcel de Ventas, Mercedes Núñez, 1967).
Posta en liberdade, obtivo a autorización para fixar a súa residencia en Barcelona. Alí preparou a súa fuxida clandestina a Francia. En xullo de 1942 cruzou os Pireneos, en plena Segunda guerra mundial, baixo a falsa identidade de “Francisca Colomer, esposa Puig”. Dous meses despois foi detida pola policía francesa e encarcerada na prisión de Perpignan, baixo a acusación de “paso clandestino da fronteira” e condenada a un mes de prisión. En outubro de 1942, foi internada no campo de Argelès, de onde saíu ao mes seguinte.[2][4]
En xaneiro de 1943 atopou traballo como cociñeira no Estado Maior das forzas de ocupación nazis en Carcassonne. Incorporouse á Resistencia francesa, formando parte activa da 5ª Agrupación de Guerrilleiros Españois do Departamento de l’ Aude, como enlace, baixo o pseudónimo de “Paquita Colomer”. Máis tarde, obtivo o rango de sarxento dos F.T.P.F. (Francs Tireurs et Partisans de France).[4] En Carcassonne reencontrouse cun amigo de Barcelona, o reporteiro gráfico Agustí Centelles e ambos colaboraron na falsificación de documentos para os guerrilleiros.
En maio de 1944 foi detida xunto con once compañeiros da súa agrupación guerrilleira e foi torturada polo colaboracionista francés René Bach, ao servizo da Gestapo. De Carcassonne foi trasladada ao Fort de Romainville (prisión nazi cerca de París que albergou principalmente a mulleres prisioneiras que eran encarceradas, executadas ou redirixidas aos campos) e un mes despois foi deportada a Alemaña, primeiro ao campo de concentración de Sarrebrück, e despois ao feminino de Ravensbrück, onde chegou o 23 de xuño de 1944.[2]
O campo de concentración de Ravensbrück destinouse, principalmente, a albergar mulleres procedentes de todos os países ocupados polos nazis. Mercedes Núñez escribiu un relato autobiográfico sobre a súa estancia no campo de Ravensbrück titulado El Carretó dels gossos. Una catalana a Ravensbrück. Ao longo das súas memorias, Mercedes Núñez plasmou multitude de retratos de co-protagonistas do seu relato, na Resistencia e nos campos, españois, franceses, polacos, rusos, iugoslavos, alemáns nazis e non nazis. Describiu os sistemas de degradación e humillación, o temor de contraer algún tipo de enfermidade que conducise directamente ao crematorio, os esforzos para inutilizar obuses que nos talleres do campo as prisioneiras máis fortes víanse obrigadas a montar. Mención especial fai a autora das kapos, é dicir, das vixiantes: Núñez Targa as describe como prisioneiras que colaboraban co fin de obter algunhas migallas de “simpatía” por parte dos nazis e isto dependía da súa dispoñibilidade para actuar con dureza, ás veces extrema. De entre as 140.000 mulleres do campo, un centenar foron republicanas españolas. Permaneceu alí corenta días, coñecendo a compañeiras como Neus Catalá, Geneviève Anthonioz-De Gaulle, Lise London...[7]
As deportadas identificábanse por un número cosido no traxe de raias que levaban posto, así como por un triángulo de cor diferente segundo a clasificación da prisioneira. Para as “políticas” como Mercedes, vermello; amarelo para as xudías; azul para as apátridas (cor tamén levada por numerosos deportados españois de Mauthausen), etc.[2]
O 21 de xullo de 1944 foi enviada ao Kommando HASAG. Este lugar foi un complexo industrial situado en Leipzig, onde as prisioneiras eran obrigadas a traballar nunha fábrica de armamento destinado a abastecer ao exército alemán.[6]
Entre as seis mil mulleres do kommando estiveron oito españolas: Constanza Martínez Prieto, Carme Boatell, Mercedes Bernal, Marita, Elisa Ruiz, María Ferrer, chamada Contxita, María Benitez Luque e Mercedes Núñez Targa, chamada Paquita. Neste kommando Mercedes participou nas accións de sabotaxe para facer inservibles os obuses que fabricaban.[7]
“Realmente, cando chegamos ao campo, démonos conta que era imposible facer algo alí, unha vez levadas a traballar á fábrica, si que podiamos tentar algunha cousa. E realmente imos decidir que perdidas por perdidas, tentaríamos facer sabotaxes cos obuses debido á falta de control, a pesar da presenza dos SS e dos obreiros alemáns. Fixemos que se perdesen moitos obuses…” (Entrevista con Montserrat Minobis, nov. 1980).
Foi liberada o 14 de abril de 1945 polas tropas aliadas americanas da 2ª División de Infanteiría. Mercedes atopábase na enfermeiría do campo, con escarlatina e tuberculose, destinada á cámara de gas.[2]
Mercedes non podía regresar a España. Era unha apátrida para o réxime franquista. Regresou a Francia en maio de 1945 e ingresou no Hospital Bichat de París. Estaba enferma e débil. Dous meses despois desprazouse a Carcassonne para participar como testemuña da acusación no xuízo seguido contra René Bach, o seu torturador ao servizo da Gestapo, que foi condenado á morte e fusilado en setembro dese mesmo ano.
Meses despois coñeceu a Medardo Iglesias, capitán republicano da Garda de Asalto en Madrid. Medardo estivera internado nos campos de África do Norte desde que chegou a Orán a bordo do Stanbrook. Casaron en 1947. Viviron xuntos en Drancy e a súa casa converteuse en lugar de encontro de numerosos militantes clandestinos, represaliados e intelectuais. Mercedes padeceu importantes secuelas producidas pola deportación. Como consecuencia das mesmas anos despois extirpáronlle un pulmón. A pesar de contar coa opinión desfavorable dos médicos, decidiu ter ao seu fillo, Pablo, nacido en 1949.
Nunca cesou na súa actividade militante: atendeu aos emigrantes españois, participou en congresos sobre deportación, colaborou en diversas publicacións españolas e francesas, coordinou o programa De Ribadeo a Tuy en Radio España Independente, estación pirenaica. Colaborou con "Amical de Mauthausen e outros campos", asociación creada en 1962 na clandestinidade. En 1968 participou activamente na creación do Partido Comunista de Galicia formando parte do seu primeiro Comité Central.[6]
Escribiu o libro-testemuño sobre o cárcere de Ventas, publicado en París en 1967 e comezou a narrar as súas experiencias no campo nazi de Ravensbrück, que foi publicado en 1980 en catalán co título El carretó dels Gossos (A carreta dos cans).[2]
Tras a morte do ditador, en 1975 Mercedes e Medardo regresaron a España e establecéronse en Vigo.
Nos anos vigueses (1975-1986) a súa militancia centrouse na tarefa de dar a coñecer en Galicia e Cataluña, especialmente en centros de ensino, a súa visión dos campos de concentración nazis. Participou tamén en charlas e debates en radio e televisión. Tamén a prensa escrita recolleu o seu testemuño.[6][5] En 1983, Mercedes foi nomeada delegada en Galicia da Amical de Mauthausen e outros campos (asociación que agrupa aos exdeportados republicanos dos campos de concentración do nazismo, así como aos familiares e amigos, tanto dos superviventes como dos deportados asesinados nos campos[8]) e encargouse de elaborar un censo de máis de 200 galegos mortos nos campos de concentración nazis.[1]
Mercedes mantivo amizade con Antía Cal e Antón Beiras, así como con Carlos Núñez, un dos nomes propios do comunismo vigués, que coñecera nos anos do exilio en París.[9] Faleceu en Vigo o 4 de agosto de 1986, sen conseguir das autoridades galegas e estatais o recoñecemento aos deportados.[6]
O seu fillo, Pablo Iglesias Núñez, dedicouse sempre a difundir a traxectoria da súa nai. Co paso do tempo Pablo gardou múltiples obxectos e documentos da súa nai: retal que coseu no cárcere de Ventas, os certificados de pertenza á Resistencia francesa durante a ocupación nazi, a carta da súa detención por parte da Gestapo e o seu traslado ao campo alemán de mulleres de Ravensbrück,[10] a tea en forma de triángulo e cunha « S» coa que foron marcados os prisioneiros españois tachados de comunistas polos nazis, a medalla da Lexión de Honra de Francia que lle concedeu De Gaulle ou a Médaille Militaire.[11]
Ademais de numerosos artigos (colaborou con diversas publicacións como Mujeres Antifascistas Españolas, L’Humanité, Información Española, Mundo Obrero, Treball, Nuestra Bandera, Nova Galicia, etc.)[4], Mercedes Núñez escribiu dous libros -nos que narrou as experiencias do seu paso pola prisión franquista e o campo de concentración- que coñeceron varias redicións e traducións:[2]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.