medalla británica outorgada a presas sufraxistas From Wikipedia, the free encyclopedia
A Medalla da Folga de Fame é unha medalla de prata que estivo vixente entre agosto de 1909 e 1914,[1] concedida pola dirección da Unión Social e Política das Mulleres (WSPU) a mulleres sufraxistas presas que se declararon en folga de fame mentres cumprían condena nas prisións do Reino Unido por actos de militancia na súa campaña a favor do sufraxio feminino. Moitas destas mulleres foron alimentadas á forza e as súas medallas individuais reflicten ese feito cun distintivo.[2]
Medalla da Folga de Fame —Hunger Strike Medal— | |
---|---|
Medalla concedida en 1912 a Myra Sadd Brown | |
Outorgada pola Unión Social e Política de Mulleres do Reino Unido | |
Tipo | Recoñecemento. |
Graos | Barra esmaltada adicional na fita no caso de alimentación forzada. |
Elixibilidade | Presas sufraxistas. |
Outorgada por | Participación en folga de fame durante a estadía en prisión. |
Descrición | Medalla redonda de prata pendurada dunha fita. Anverso: HUNGER STRIKE. Reverso: nome da receptora. Pasador: FOR VALOUR |
Estadísticas | |
Establecida | Agosto de 1909 |
Premiados | 95 coñecidas. |
O 5 de xullo de 1909, a artista e sufraxista escocesa Marion Wallace Dunlop iniciou unha folga de fame na prisión de Holloway. Dunlop fora condenada a un mes de prisión por facer un graffiti cun fragmento da Declaración de Dereitos de 1689 na parede da Cámara dos Comúns.[3] As autoridades penitenciarias considerábana unha presa criminal, en tanto que ela se consideraba como unha presa política e comezou a súa folga en mostra de obxección a esta clasificación. A súa folga durou 91 horas, e só terminou porque a prisión a liberou para evitar a súa morte.[2]
Aínda que esta primeira iniciativa de folga de fame foi unha idea autónoma de Wallace Dunlop e que o fixo sen informar a dirección da WSPU, moitas outras mulleres en condición similar fixeron súa a reivindicación e comezaron tamén as súas respectivas folgas de fame.[2]
Así as cousas, a dirección da Unión Social e Política de Mulleres decidiu instituír unha serie de medallas de campaña de estilo militar para elevar a moral e fomentar a lealdade e o compromiso continuos coa causa do sufraxismo feminino.[2]
A Medalla da Folga de Fame foi entregada por primeira vez pola dirección da WSPU nunha cerimonia que tivo lugar a principios de agosto de 1909 en St. Jame's Hall,[4] de mans de Pethick-Lawrence; a súa receptora foi Mary Allen.[5] Máis tarde, as medallas entregaríanse nun almorzo de recepción á saída do cárcere.[2]
As medallas son de prata e de forma redonda, e colgan dunha fita coas cores púrpura, branca e verde características da WSPU. Esta fita está prendida nun pasador tamén de prata que porta a inscrición FOR VALOUR ("Por valor"), imitando a inscrición da Cruz Vitoria, a máis presitixiosa das condecoracións británicas. No anverso da medalla figura a lenda HUNGER STRIKE ("Folga de fame"), en tanto que no reverso aparece gravado o nome da perceptora, rodeado por unha coroa de loureiro.[6][7]
As medallas foron deseñadas por Sylvia Pankhurst,[2] e fabricadas pola compañía Toye & Co. A súa produción custoulle á WSPU unha libra esterlina por unidade.[8][9]
As barras de prata dispostas na fita da medalla outorgábanse polos respectivos períodos de folga de fame levados a cabo e levaban gravada no reverso a data do arresto da receptora e da súa declaración en folga de fame. Pola súa banda, as barras esmaltadas de cores púrpura, branca e verde representaban as veces que a perceptora fora sometida a alimentación forzosa, e tamén portaban as referidas datas no seu reverso.[7][8] A modo de exemplo, na barra da medalla concedida á escultora Edith Downing está gravada a inscrición "Fed by Force 1/3/12", así como a data en que foi encadeada, o que posteriormente conduciu á súa folga de fame e alimentación forzada.[2][6]
As medallas de folga de fame presentábanse nun estoxo de cor morada e cun forro interior de veludo verde. Pola parte interrna da tapa inseríase unha peza de seda branca co nome da muller galardoada impreso en ouro e coa seguinte dedicatoria:[8][9]
“ | Entregada a [nome] pola Unión Social e Política de Mulleres, en recoñecemento á súa valente acción, mediante a cal, soportando ata o derradeiro extremo a fame e as penurias, se reivindicou un gran principio de xustiza política. | ” |
O Museo de Londres conserva a medalla concedida á líder sufraxista Emmeline Pankhurst, que se declarou en folga de fame durante unha condena de dous meses de prisión en 1912 por guindar unha pedra a unha fiestra da residencia do primeiro ministro, no número 10 de Downing Street.[2]
A medalla outorgada a Helen MacRae, no seu estoxo orixinal, foi vendida nunha poxa pública levada a cabo pola compañía Lockdales Auctioneeren en 2015, na que se lle adxudicou a un coleccionista privado por 12.300 libras.[10] O director daquela poxa, James Sadler, dixo: "Estes son dos artigos historicamente máis salientables cos que tratamos".[11]
En 2019 vendeuse tamén nunha poxa, por 12.500 libras, a medalla achada nun caixón que lle fora concedida á sufraxista Elsie Wolff Van Sandau, quen fora arrestada por romper unha fiestra en Covent Garden o 4 de marzo de 1912 e que fixo folga de fame en prisión.[12][13]
A medalla pertencente á sufraxista Selina Martin, poxada en Nottingham en 2019, que se estimaba que chegase a alcanzar entre 15.000 e 20.000 libras,[14] foi adquirida finalmente pola Galería Nacional de Victoria, Australia, por 27.000 libras.[15] Outro museo, o Te Papa Tongarewa, de Wellington, Nova Zelandia, comprou a medalla de Frances Parker en 2016,[16][17] e a Old Parliament House australiana conserva a medalla concedida a Charlotte Blacklock.[18]
A medalla concedida a Kate Williams Evans foi adxudicada nunha poxa en 2018 por 48.640 libras, e posteriormente pasou a formar parte da colección do Museo Nacional do País de Gales.[19]
Pola súa banda, a medalla correspondente a Rosamund Massy está soterrada dentro do plinto da estatua de Emmeline Pankhurst en Victoria Tower Gardens, Londres, desde a erección deste monumento en 1930.[20]
En setembro de 2023, a Biblioteca de Mulleres de Glasgow decidiu comprar a medalla de Maud Joachim, xa que fora concedida pola primeira folga de fame da WSPU en Escocia.[21] A campaña de recadación de diñeiro acadou un grande éxito e a medalla pasou a estar na biblioteca en outubro dese mesmo ano.[22]
Aínda que non hai un rexistro exhaustivo das medallas concedidas, en abril de 2024 o número de concesións documentadas era de 95. Non é descartable que poidan coñecerse novas medallas en calquera momento, xa que polo menos 60 mulleres cumpriron os requisitos para tal recoñecemento durante as datas en que a medalla estivo vixente.[23]
Nesta listaxe amósanse os nomes das sufraxistas receptoras da Medalla da Folga de Fame e, no caso de se coñeceren, tamén as datas da súa concesión:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.