Unha parede (do latín: paries, -ĕtis[1]) é unha obra levantada verticalmente, que forma o exterior dun edificio ou serve para cerrar un espazo ou para dividilo[2] A súa forma adoita ser prismática e as súas dimensións horizontal (longo) e vertical (alto) son sensibelmente maiores ca o seu espesor (largo).
- Para a freguesía portuguesa véxase: Parede, Cascais.
Trátase dun termo bastante amplo. En construción, se ten función estrutural ou para sustentar os elementos estruturais superiores, adoitamos falar máis ben de muro. En caso de ser de pouco grosor e non soportar carga, sería sinónimo de tabique, normalmente dividindo pezas ou interior dunha casa, nave etc. (chamado caneiro cando o tabique é de madeira)[3]. O contrario sería a parede mestra, aquela parede grosa que soporta o teitume.
Un valado ou valo sería tamén unha parede, construción vertical non moi alta, de pedra ou outro material coa que se cerra ou delimita un espazo. A palabra inglesa wall (muro, parede) ten a mesma orixe ca a galega valo[4].
Materiais e acabados
Unha parede pode estar construída de diversos materiais, porén, actualmente os materiais máis empregados son ladrillo e o cartón xeso, sendo menos frecuentes a madeira e os seus derivados. En determinadas zonas do planeta aínda seguen a empregar técnicas ancestrais como as paredes de pedra, adobe ou tapal[5]. En climas máis benignos, as paredes puoden elaborarse con materiais máis lixeiros, ou estar conformadas por todo tipo de plantas (como a cana de bambú). Na casa tradicional galega as paredes de carga ou muros adoitaban construírse en pedra, pola abundancia deste material no país; porén os tabiques internos de división da casa adoitaban ser de madeira ou de madeira/xeso antes da chegada do ladrillo. No caso dos cerramentos téxtiles, como os das carpas ou as tendas de campaña, suporía o límite do concepto "parede", pois aínda que seguirían cumprindo as funcións de separación e protección, carecerían da cualidade de rixidez inherente ao concepto de parede.
Se a parede só cumpre a finalidade de división, normalmente emprégase ladrillo cerámico, macizo (no caso de fachadas) ou oco (en particións interiores). Na actualidade, para divisións interiores non estruturais emprégase con moita frecuencia tamén o cartón xeso, a xeito de paneis ancorados a unha armazón interior, que pode ser de listón de madeira (caso das Balloon frame norteamericanas) ou máis comunmente de perfís pregados de aceiro. Tamén é posíbel substituír a placa de cartón xeso por pranchas de madeira ou dalgún derivado da madeira, coma taboleiros de partículas, aglomerados, OSB etc. Tamén é posíbel atopar paredes de cristal, tanto en fachadas coma en divisións interiores.
As paredes adoitan ter tratamentos superficiais de acabado. As de ladrillo revístense con morteiros de cemento, cal ou xeso, que posteriormente se pintan. As paredes de cartón xeso só necesitan de pintura, mentres que as de madeira normalmente se protexen con vernices.
Outros significados
Por extensión a palabra parede úsase en xeoloxía e alpinismo para lle chamar a calquera corte vertical, ou moi dereito, na cara dunha montaña. Úsase tamén a verba parede en anatomía para designar calquera superficie que cerra ou limita unha cavidade ou órgano, como por exemplo as paredes do estómago[6]
Galería de imaxes
- Buraco nunha parede de cachotaría.
- Antiga parede de madeira.
- Home a pintar a parede dunha casa.
- Parede con letreiros en Cedeira.
- Parede recuberta de pedra na Cidade da Cultura de Galicia, Santiago de Compostela.
- Parede (muro) de chachotaría de granito revocado en cal en Teixido, Cedeira.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.