comerciante e heroína galega From Wikipedia, the free encyclopedia
Mayor Fernández da Cámara Pita, máis coñecida como María Pita,[1] nada en Sigrás (Cambre) contra 1560 e finada no mesmo lugar en 1643, foi unha heroína galega na defensa da Coruña contra o ataque da Armada Británica acontecido no ano 1589.[2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1560 Sigrás, España |
Morte | 21 de febreiro de 1643 (77/78 anos) Cambre, España |
Residencia | A Coruña |
Actividade | |
Ocupación | comerciante |
Familia | |
Cónxuxe | Xoán de Rois Gregorio de Rocamonde Sancho de Arratia Gil Bermúdez de Figueroa |
Fillos | María Alonso de Rois Francisca de Arratia (1590) Juán Bermúdez de Figueroa Francisco Bermúdez de Figueroa (1602) |
Descrito pola fonte | A Biographical Dictionary of the Celebrated Women of Every Age and Country (en) |
Filla de Simón Arnao e María Pita "a vella", ao facerse maior dedicouse a traballar no negocio familiar, unha tenda na Peixería da Coruña.[1]
O 3 de maio de 1589 as tropas inglesas chegaron á Coruña dirixidas polo almirante e antigo corsario Francis Drake. O ataque formaba parte da estratexia da raíña Isabel I de Inglaterra para quitar do trono de Portugal a quen fora seu cuñado e posterior rexeitado pretendente, Filipe II (rei de España dende 1556 e de Portugal dende 1580). Os ingleses, despois de cercar a cidade, abriron unha fenda na muralla e asaltaron a cidade vella. Durante o ataque mataron o marido de María Pita, quen, chea de rabia, arrebatou a lanza da bandeira inglesa e matou con ela ó alférez que dirixía o asalto, o irmán do almirante Francis Drake.[3] Isto desmoralizou a tropa inglesa, composta de 12.000 efectivos e provocou a súa retirada. A tradición di que este feito foi levado a cabo co berro de "Quen teña honra, que me siga".
Rematada a batalla, axudou a recoller os cadáveres e coidou dos feridos. Outras mulleres da Coruña colaboraron na defensa da cidade, como Inés de Ben, ferida na batalla.
Á marxe da súa intervención no cerco, a súa vida estivo chea de vicisitudes, entre as que figuran numerosos preitos. No Arquivo do Reino de Galicia consérvanse até vinte de diferentes contidos: débedas e apropiación de bens, querelas criminais por insultos e agresións e dúas viaxes á Corte de Madrid. Por causa deles foi condenada ao desterro. Fixo a súa primeira viaxe en 1596 para solicitar a recompensa polos seus servizos durante o cerco inglés. A segunda viaxe en 1606 tivo por obxecto confirmar anteriores mercés. Outorgáronselle, por exemplo, unha praza de soldado no presidio coruñés, licenza para exportar mulas a Portugal, a exención da obriga de aloxamento de soldados na súa casa e unha gratificación económica. Nesa segunda viaxe tentou obter novas concesións reais. En 1616 a súa casa viuse afectada por un incendio na Cidade Vella da Coruña.
Faleceu en Cambre en 1643. Aínda que no seu testamento solicitaba ser enterrada no convento de San Domingos da Coruña, non se conserva ningún documento que o acredite nin se puido identificar a súa tumba.
En 1581 contraeu matrimonio con Xoán de Rois, carniceiro, quen morreu no ano 1585. Posteriormente casou con Gregorio de Rocamonde, tamén carniceiro, caído en 1589 durante o cerco inglés. O seu terceiro matrimonio tivo lugar en 1590 con Sancho de Arratia, mestre de navío andaluz, quen morreu no ano 1592. O seu último esposo, Gil Bermúdez de Figueroa, escudeiro da Real Audiencia, morreu en 1613. Tivo catro fillos: María Alonso de Rois, Francisca de Arratia (1590), Juán Bermúdez de Figueroa e Francisco Bermúdez de Figueroa (1602).
Na praza coruñesa de María Pita, fronte o edificio do concello, levantouse un monumento no seu honor. A obra, rematada en bronce, foi concibida por José Castiñeiras Iglesias. Representa a heroína coa lanza con que matou o alférez inglés mentres suxeita coa outra man o corpo sen vida do seu marido, Gregorio de Racamonde. A altura total da obra é de 9,31 metros, composta por unha plataforma de chanzos de 45 cm, un pedestal de 5,56 m e unha escultura de 3,30 metros. O seu peso é de 30 toneladas.[7]
No pedestal atópase un pebeteiro cunha chama prendida durante todo o día e apagada dende as tres ata as sete da madrugada.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.