composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
A luteína (do latín luteus, "amarelo") é un carotenoide natural do grupo das xantofilas. A luteína sintetízana só as plantas e como outras xantofilas encóntrase en grandes cantidades en verduras e hortalizas como espinacas, col rizada e cenorias amarelas. Nas plantas verdes as xantofilas actúan modulando a enerxía da luz e serven como desexcitadores non fotoquímicos da clorofila triplete (unha forma excitada da clorofila), que se produce en exceso a altos niveis de luz durante a fotosíntese (ver ciclo das xantofilas).
Luteína | |
---|---|
β,ε-caroteno-3,3'-diol | |
Outros nomes Luteína; | |
Identificadores | |
Número CAS | 127-40-2 |
PubChem | 5281243 |
ChemSpider | 4444655 |
UNII | X72A60C9MT |
ChEBI | CHEBI:28838 |
ChEMBL | CHEMBL173929 |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C40H56O2 |
Masa molar | 568,87 g mol−1 |
Aspecto | sólido cristalino alaranxado-vermello |
Punto de fusión | 190 °C; 374 °F; 463 K |
Solubilidade en auga | Insoluble |
Solubilidade en graxas | Soluble |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
A luteína obtéñena os animais directa ou indirectamente das plantas,e pode ter funcións antioxidantes e absorbe luz azul. A luteína atópase na xema dos ovos e nas graxas animais. Nos polos, ademais de dar cor ás xemas dos ovos, dálle cor amarela á pel e graxas, e utilízase na alimentación dos polos para ese propósito. A retina humana acumula luteína e zeaxantina. Esta última predomina na mácula lútea, mentres que a luteína predomina no resto da retina. Alí pode ter funcións fotoprotectoras para a retina evitando os danos producidos polos radicais libres producidos pola luz azul. Tamén se encontra no corpo lúteo dos ovarios dos mamíferos.
O principal estereoisómero natural da luteína é o (3R,3′R,6′R)-beta,epsilon-caroteno-3,3′-diol. A luteína é unha molécula lipófila e é case insoluble en auga. A presenza na molécula dunha longa rexión cromófora con dobres enlaces conxugados (cadea de polieno) dálle a súa capacidade de absorber luz. A cadea de polieno é susceptible de degradación oxidativa pola luz ou calor e é quimicamente inestable aos ácidos.
A luteína está presente nas plantas en forma de éster de ácidos graxos, xa que se une a un ou dous ácidos graxos polos seus grupos hidroxilo. Por esta razón, a saponificación (des-esterficación) dos ésteres da luteína para liberar a luteína pode producir luteína nunha proporción molar de 1:1 a 1:2 con respecto aos ácidos graxos saponificados.
A luteína é un isómero da zeaxantina, da que se diferencia só pola situación dun dos dobres enlaces.
Esta xantofila, igual que a zeaxantina, foi utilizada principalmente como colorante natural debido á súa cor vermella-alaranxada cando está concentrada. A luteína absorbe luz azul e, por tanto, ten cor amarela cando está en baixas concentracións e vermella-alaranxada cando está a altas concentracións. A luteína é tamén anxioxénica e inhibe o VEGF.
A luteína utilizouse tradicionalmente na alimentación dos polos para darlle unha cor máis amarela á pel dos polos criados para a produción de carne, que era unha cor máis apreciada polos consumidores. Ademais, a fortificación con luteína tamén orixina unha cor amarela máis forte nas xemas dos ovos, e actualmente darlle esa cor aos ovos pasou a ser a principal razón para engadir luteína ao alimento dos polos. A luteína non se usa como colorante noutros alimentos debido á súa limitada estabilidade, especialmente en presenza doutros colorantes.
A luteína está concentrada na mácula da retina, unha pequena área da retina responsable da visión central. A hipótese que explica esta concentración natural di que a luteína axuda a manter os ollos protexidos do estrés oxidativo e dos fotóns de alta enerxía da luz azul. Varios estudos indicaron que hai unha relación directa entre o consumo de luteína e a pigmentación macular do ollo.[1][2][3][4][5][6][7]
A luteína pode ter un papel no fenómeno entóptico chamado cepillo de Haidinger, que permite aos humanos detectar a luz polarizada.
Varios estudos indicaron que o incremento na pigmentación na mácula diminúe o risco de ter doenzas oculares como a dexeneración macular relacionada coa idade (AMD).[8][9][10] O único ensaio clínico aleatorizado que demostrou un beneficio da luteína na dexeneración macular foi un pequeno estudo no cal os autores concluíron que a función visual mellora coa luteína (soa ou xunto con outros nutrientes) e tamén que eran necesarios maiores estudos.[9]
Hai probas epidemiolóxicas de que existe unha relación entre as concentracións baixas no plasma sanguíneo de luteína e zeaxantina, e un incremento do risco de desenvolver dexeneración macular relacionada coa idade (AMD).
En 2013, informouse en JAMA dos resultados do Estudo 2 de enfermidades oculares relacionadas coa idade (AREDS2, do inglés Age-related Eye Disease Study 2). O estudo AREDS2 foi un estudo que duron cinco anos deseñado para comprobar se a formulación AREDS orixinal que se vira que reducía a progresión de dexeneración macular relacionada coa idade nun 25% podería ser mellorada engadindo algúns dos seguintes compoñentes: ácidos graxos omega-3; luteína e zeaxantina; retirando o beta-caroteno; ou reducindo o cinc.[11] No AREDS2, os participantes tomaron unha destas catro formulacións AREDS: a formulación AREDS orixinal, a formulación sen beta-caroteno, o AREDS baixo en cinc, e o AREDS sen beta-caroteno e baixo en cinc.[11] Ademais, tomaban unha de catro suplementacións ou combinacións adicionais, entre as que estaban a luteína e zeaxantina (10 mg e 2 mg), ácidos graxos omega-3, luteína/zeaxantina e ácidos graxos omega-3, ou placebo.[11] O resultado foi que non se observaba un beneficio adicional global ao engadir ácidos graxos omega-3 ou luteína e zeaxantina á formulación.[11] Porén, o estudo atopou beneficios en dous subgrupos de participantes: os que non tomaron beta-caroteno, e os que tiñan pouca luteína e zeaxantina na súa dieta.[11] A eliminación do beta-caroteno non freaba os efectos protectores da formulación contra o desenvolvemento de dexeneración macular avanzada relacionada coa idade en estado avanzado, o cal era importante porque as altas doses de beta-caroteno foran ligadas cun alto risco de padecer cancro de pulmón en fumadores.[11] Recomendouse substituír o beta-caroteno por luteína e zeaxantina en futuras formulacións.[11]
Hai tamén evidencias epidemiolóxicas de que o incremento do consumo de luteína e zeaxantina diminúe o risco de desenvolver cataratas.[12][13] Aínda que algunhas metaanálises non obtiveron resultados tan claros sobre estes beneficios.[14] O consumo de máis de 2,4 mg de luteína/zeaxantina diariamente procedente dos alimentos ou de suplementos foi correlacionado significativamente cunha redución da incidencia das opacidades do cristalino, como revelaron os datos recollidos durante un período de 13 a 15 anos no Nutrition and Vision Project (NVP).[15]
Un estudo de 2010 publicado na revista Journal of Food Science, discutiu a mellora nas prestacións visuais e a diminución na sensibilidade á luz en suxeitos que tomaban 10 mg de luteína e 2 mg de zeaxantina ao día.[16]
A luteína é unha parte natural da dieta humana ao consumírense froitas e verduras. Para os individuos que teñen un consumo insuficiente de luteína hai alimentos fortificados con luteína e suplementos dietéticos. Actualmente non hai un consumo diario recomendado para a luteína, pero observáronse efectos positivos con consumos de 6–10 mg/día.[17] O único efecto secundario claramente observado do exceso de luteína é o bronceamento da pel (carotenodermia).
A diferenza funcional entre a luteína (forma libre) e os ésteres da luteína non se coñece ben. Suxírese que a biodispoñibilidade é máis baixa para os ésteres da luteína, pero o debate aínda continúa.[18]
Como aditivo alimentario, a luteína ten o número E E161b e adoita extraerse dos pétalos da planta asterácea Tagetes erecta.[19] O seu uso está aprobado na Unión Europea.[20]
Algúns alimentos considéranse boas fontes deste composto:[12][21][22][23]
Produto | Luteína/zeaxantina (microgramos por 100 gramos) |
---|---|
Tropaeolum (flores amarelas, só luteína) | 45.000 |
col rizada (crúa) | 39.550 |
col rizada (cociñada) | 18.246 |
Taraxacum (follas, crúas) | 13.610 |
Tropaeolum (follas, só luteína) | 13.600 |
nabo (follas, crúas) | 12.825 |
espinaca (crúa) | 12.198 |
espinaca (cociñada) | 11.308 |
acelga (crúa ou cociñada) | 11.000 |
nabo (follas, cociñadas) | 8.440 |
verza (cociñada) | 7.694 |
agrón (crú) | 5.767 |
chícharo (crú) | 2.593 |
leituga romana | 2.312 |
cabaciña | 2.125 |
col de Bruxelas | 1590 |
pistacho (noces) | 1.205 |
brócoli | 1.121 |
cenoria (cociñada) | 687 |
millo | 642 |
ovos (duros cocidos) | 353 |
aguacate (cru) | 271 |
cenoria (crúa) | 256 |
kiwi | 122 |
O mercado da luteína é un dos que máis crece dentro do sector dos carotenoides e está segmentado nos sectores farmacéutico, nutracéutico, alimenticio, de alimentos para mascotas, e de alimentos para animais e peixes. Estanselle a dar novas aplicacións en cosmética e como antioxidante.[24]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.