From Wikipedia, the free encyclopedia
A mácula lútea (do latín "mancha amarela") ou mácula da retina ou, simplemente, mácula, é unha área pigmentada de forma oval que se encontra preto do centro da retina do ollo humano, que é a zona con maior agudeza visual do ollo. Ten un diámetro duns 5,5 mm. A mácula subdivídese en varias áreas, chamadas: umbo, foveola, zona avascular foveal, fóvea, parafóvea, e perifóvea.[1] Despois da morte ou da extirpación do ollo a mácula ten cor amarela, unha cor que non é visible no ollo vivo a non ser que se observe con luz na que se filtrou a cor vermella.[2] A mácula anatómica, de 5,5 mm de diámetro, é moito maior ca a mácula clínica, de só 1,5 mm, a cal se corresponde coa fóvea anatómica.[3][4][5] A mácula clínica pode verse desde a pupila mediante unha oftalmoscopia ou fotografía da retina. A mácula anatómica defínese histolóxicamente por ter dúas ou máis capas de células ganglionares.[6]
Mácula da retina | |
---|---|
Sección do ollo humano coa mácula preto do centro. | |
Latín | macula lutea |
Gray's | pág.1015 |
MeSH | Macula+Lutea |
Preto do centro da mácula está a fóvea, que é unha pequena depresión que contén a maior concentración de células cono de toda a retina e é responsable da visión de máxima resolución central. O ollo intenta enfocar as imaxes na fóvea para ter unha maior resolución, por exemplo para ler. O umbo é o centro da foveola, a cal está localizada no centro da fóvea.
Como a mácula ten pigmentación amarela absorbe o exceso de luz azul e ultravioleta que entra no ollo, e actúa como un protector solar natural (análogo a unhas lentes de sol) para esta área da retina. A súa cor amarela débese ao seu contido en luteína e zeaxantina, que son carotenoides coloreados do grupo das xantofilas, derivados da dieta. A zeaxantina predomina na mácula, mentres que a luteína predomina noutras partes da retina. Hai algunhas evidencias de que estes carotenoides protexen a rexión pigmentada dalgúns tipos de dexeneración macular.
As estruturas da mácula están especializadas na visión de gran agudeza. Dentro da mácula está a fóvea e a foveola, que conteñen unha alta densidade de conos, que son os receptores para a alta agudeza visual.
Aínda que a perda de visión periférica pode pasar desapercibida durante algún tempo, os danos na mácula orixinan unha perda da visión central, o cal é inmediatamente obvio. A destrución progresiva da mácula é unha doenza denominada dexeneración macular e pode ás veces levar á formación dun burato macular. Estes buratos maculares raramente son causados por traumas, pero se se produce un golpe forte poden rebentar os vasos sanguíneos que van á mácula e destruíla.
Os sinais visuais que envía a mácula ocupan unha porción substancial da capacidade visual do cerebro. Algunhas formas de perda de campo visual poden ocorrer sen que estea implicada a mácula. Por exemplo, unha proba de campo visual pode demostrar unha hemianopsia homónima sen afectación da mácula.
No caso de isquemia occipitoparietal debido á oclusión de elementos da arteria cerebral posterior, os pacientes poden mostrar cegueira cortical que non afecta á mácula. Este efecto débese á circulación colateral ofrecida aos tractos maculares pola arteria cerebral media.[7][8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.