Manuel Leiras Pulpeiro, nado en Mondoñedo o 25 de outubro de 1854 e finado na mesma vila o 9 de novembro de 1912, foi un médico e escritor galego do Rexurdimento. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1983.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de outubro de 1854 Mondoñedo, España |
Morte | 9 de novembro de 1912 (58 anos) Mondoñedo, España |
Lugar de sepultura | cemiterio vello de Mondoñedo |
Actividade | |
Ocupación | escritor, autor, médico, poeta |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Premios | |
| |
Traxectoria
Era fillo Vicente Leiras Mon, médico de Mondoñedo, e Matilde Pulpeiro García, de Vilaselán. Estudou Latín e Humanidades no seminario mindoniense, ata que con 14 anos trasladouse a Tapia de Casariego e no seu instituto obtivo o título de bacharel en Artes.[2] En 1870 comezou os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, continuando en Valladolid e en Madrid, licenciándose en 1877.[3]
Dende 1878 exerceu a medicina en Mondoñedo, cun gran recoñecemento popular. Participou como médico forense na resolución do crime de Santa Cruz do Valadouro, onde foran asasinados o párroco e os seus criados.[4][5] Gañou sona por atender os doentes sen recursos, sendo coñecido como " o médido dos pobres".[6]
Foi republicano desde a súa mocidade e chegou a ser Presidente do Comité Republicano Federal de Mondoñedo. Deste xeito, en xullo de 1887, formou parte da Asemblea Federal da Rexión Galega que redactou o Proxecto de Constitución para o futuro Estado galego. Na súas declaracións expresou as súas dúbidas sobre o sufraxio feminino, aínda que se sumou o voto favorable.[7] Foi membro do Consello Executivo da Rexión Galega do Partido Republicano Federal entre 1887 e 1893.
O seu talante liberal e anticlerical creoulle numerosas dificultades en Mondoñedo, sé bispal, se ben conseguiu manter as súas conviccións con total firmeza. En 1888 casou polo civil con María del Milagro Antonia Ansia Villar, cando xa tiñan dous fillos, feito fortemente criticado pola prensa local. Ambos tiveron oito fillos.
Rexeitou o nomeamento de membro da Real Academia Galega por coidar non merecelo, pero doou a esta institución moito material etnográfico e léxico (refráns, cantares, adiviñas etc.) por el recollido.[1] Escribiu un só libro, Cantares gallegos (1911), con cantigas de tipo popular e de temática costumista, patriótica e sátira anticlerical, onde eleva á categoría de mito a figura do mariscal Pardo de Cela.
Cantou a Mondoñedo e ás súas terras, a Galicia e ós seus problemas. Os seus restos recibiron sepultura no cemiterio civil de Mondoñedo onde a Sociedade de Fillos de Mondoñedo Residentes na Argentina custou un mausoleo. Este foi inaugurado o 30 de outubro de 1921 con disertacións de persoeiros como Vilar Ponte, Vicente Risco ou Luis Peña Novo, entre outros.[8]
Poucos anos despois da súa morte xuntáronse en Obras Completas (1930) as composicións que deixara inéditas, e en 1970 Xosé Luís Franco Grande publicou a Obra Completa de Leiras, recollendo outros inéditos. En 1998 publicouse Costumes antigos en Galiza, postos en limpo polo seu irmán Ramón Félix Leiras Pulpeiro na versión facsímile do manuscrito en castelán, versión ao galego de Ramón Reimunde.
Distincións
Dedicóuselle en 1983 o Día das Letras Galegas.
O Premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro recoñece o seu labor.
Galería de imaxes
- Manuel Leiras Pulpeiro.
- Escultura en honor de Leiras en Mondoñedo.
- Tumba no cemiterio vello de Mondoñedo.
- Poema de Leiras Pulpeiro en Mondoñedo (cemiterio vello).
- Poema de Leiras Pulpeiro en Mondoñedo.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.