A maragota,[2] Labrus bergylta, é un peixe osteíctio mariño da orde dos perciformes, suborde dos percoideos, superfamilia dos perocideos e familia dos lábridos,[3][4] unha das 4 especies integradas no xénero Labrus, segundo o WoRMS e a FishBase, ou as 17, segundo o ITIS.[5]
Maragota, pinto Labrus bergylta | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Maragota (arriba) e pinto (debaixo) | |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Labrus bergylta Ascanius, 1767 | |||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||
|
Esta especie presenta dúas variedades con distintas coloracións, parda verdosa na maragota e vermella alaranxada con pintas brancas na coñecida popularmente nalgúns portos de Galicia e nos mercados como pinto.[6]
Taxonomía
Descrición
A especie foi descrita en 1767 polo zoólogo noruegués Peter Ascanius, no seu traballo Icones rerum naturalium, ou figures enluminées d'histoire naturelle du Nord, editado en Copenhagen.[3][4]
Sinónimos
Ademais de polo nome válido actualmente, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[3][4]
- Crenilabrus multidentatus Thompson, 1837
- Labrus balanus Fleming, 1828
- Labrus ballan Bonnaterre, 1788
- Labrus ballan Walbaum, 1792
- Labrus ballanus Shaw, 1803
- Labrus berggylta Ascanius, 1767 (ortografía incorrecta)
- Labrus comber Bonnaterre, 1788
- Labrus comber Walbaum, 1792
- Labrus donovani Valenciennes, 1839
- Labrus maculatus Bloch, 1792
- Labrus neustriae Lacepède, 1801
- Labrus nubilus Valenciennes, 1843
- Labrus reticulatus Lowe, 1839
- Labrus variabilis Thompson, 1837
Hábitat e distribución
Hábitat
Labrus bergylta vive en augas costeiras, en fondos de 1 a 20 m, sobre rochas e algas,[7] podendo chegar ás veces até os 50,[8] ou os 60 cm.[7] Os individuos novos a miúdo atópanse na zona intermareal.[9]
Distribución
Pódese encontrar no Atlántico oriental, onde é moi común, desde Noruega até Marrocos,[8] incluíndo Madeira, Azores e Canarias, e no Mediterráneo occidental, con informes dubidosos no Mediterráneo, Adriático e o mar de Mármara, onde adoita confundirse con Labrus merula.[9]
Morfoloxía
As principais características morfolóxicas de Labrus bergylta son as seguintes:[7][10][11][12]
- Corpo ovalado, cuberto de escamas relativamente grandes e duras, xeralmente con menos de 50 (de 42 a 48) na liña lateral. É o lábrido de maior tamaño, podendo acadar os 60 cm de lonxitude e os 3 kg de masa corporal (no caso dos pintos), aínda que os espécimes pescados miden normalmente entre os 30 e os 50 cm.
- A coloración é moi variábel (recórdese o dito sobre a maragota e o pinto no encabezamento deste artigo).
- Cabeza de bo tamaño, con boca pequena con labios grandes, protuberantes. Ambos os maxilares están armados de grandes dentes cónicos separados os uns dos outros.
- A porción branda da aleta dorsal (con até 10 raios) é máis alta cá espiñenta (constituída por uns 21 raios) e ten fórmula de lóbulo de contorno arredondado.
- A porción branda da aleta anal (cuns 10 raios) é máis alta cá espiñenta (con tres raios), e tamén presenta esa lobulación.
- A aleta caudal ten a marxe posterior pouco arredondada, case recta.
Bioloxía
Os datos da súa bioloxía son:[7][10][11][13][14][15][16][17]
Nas costas atlánticas medias estes peixes atópanse escondidos baixo algas ou en buratos. Non son demasiado bravos e si curiosos, o que os fai vulnerábeis aos pescadores submarinos. Son extremadamente sedentarios (non se desprazan máis de 1 000 m ao día), e son moi fieis ao seu territorio, que non abandonan en todo o ano.
Aliméntanse principalmente de pequemos crustáceos e moluscos (mexillóns en especial) que trituran cos seus dentes. Os ourizos tamén forman parte importante da súa dieta, así como as algas e as miñocas. Os grosos labios e os afiados dentes cónicos frontais son unha adaptación para extraeren mariscos das rochas, e compleméntanse con potentes dentes farínxeos situados máis atrás, na garganta, que poden romper as cunchas para accederen á carne do interior.
Reprodúcense na primavera, de marzo a abril. No momento da desova os machos dominan un pequeno territorio a onde acudirán as femias, e constrúen un niño con algas, onde as femias poñen de 500 a 3 000 óvulos, que son custodiados, e fecundados polos machos. Os machos defenden o niño até que os óvulos eclosionan en larvas peláxicas ao cabo de unha ou dúas semanas. Os individuos xuvenís presentan unha coloración críptica, que coincide co seu hábitat, e que varía do verde claro ao verde escuro, e algúns se describiron como de cor verde esmeralda brillante. Son hermafroditas e, ao naceren, son todos femias. Alcanzan a madurez sexual aos dous anos de vida, e o cambio de sexo prodúcese entre os 4 e os 14 anos, cando algúns transfórmanse en machos. Os peixes máis grandes desta especie son case sempre machos.
Interese pesqueiro e comercial
En Galicia, o pinto e a maragota teñen fama de seren peixes espiñentos e, polo tanto, pouco apreciados; porén a maragota substitúe con frecuencia ao abadexo e ao bacallau fresco. Péscase en litorais rochosos e pouco profundos, xeralmente en augas limpas, capturándose ao trasmallo,[15] con liña, con cana polos pescadores deportivos, sendo tamén unha peza moi cobizada polos practicantes da pesca submarina.[18]
Porén, esta especie é popular como peixe para a alimentación humana nas illas Orcadas e en Galway,[19] aínda que non é moi considerado en gran parte do Reino Unido e Irlanda.[14]
Nos últimos anos converteuse nun popular obxectivo de captura para os pescadores deportivos que usan aparellos de pesca lixeiros.[14][20]
Tamén se usa para eliminar os parasitos do salmón de granxa en Noruega,[21] técnica que tamén se está a desenvolver en Escocia.[22][23]
Así mesmo, a especie tamén se pode encontrar nos comercios de peixes de acuario.[13]
En Galicia
A primeira cita da presenza desta especie en augas galegas débese a José Cornide Saavedra, na súa obra Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo[24], publicada en 1788, onde aparece citada como Labrus pavo e L. guaza.[25]
A maragota e o pinto son uns dos principais obxectivos da frota artesanal e dos pescadores deportivos de practicantes da pesca submarina galegos e cuxas capturas anuais conxuntas alcanzan as 300 toneladas.[6]
No ano 2013 publicouse un estudo realizado por membros do grupo de Ecoloxía Pesqueira do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo, que, durante tres anos e baixo a coordinación do investigador Fran Saborido analizaron a bioloxía, a ecoloxía e o comportamento de máis de 1 500 individuos de pinto, maragota e abadexo, nos seus movementos polo Parque Nacional das Illas Atlánticas e, en concreto, no canal das illas Cíes dentro do proxecto Artevigo, con financiamento da Xunta de Galicia e a participación do Instituto Mediterráneo de Estudios Avanzados (Imedea). O proxecto, que deu lugar tamén lugar á tese de doutoramento do investigador David Villegas, permitiu contrastar que contra a estendida crenza de que pinto e maragota son o mesmo coa cor como única diferenza, pertencen á mesma especie (Labrus bergylta) aínda que son diferentes. Ambos son hermafroditas —nacen femias e contra os 10 anos cambian de sexo—, pero teñen diferenzas biolóxicas significativas, entre elas o tamaño ao que se produce o cambio de sexo —36 cm para a maragota e 47,2 cm para o pinto— e o seu patrón de crecemento, xa que o pinto alcanza maior tamaño.[6]
Nomes galegos
O nome máis corrente é maragota compartido co portugués, e que esporadicamente pode aplicarse a outros lábridos, aínda que en xeral con determinante diferenciador. Outros son: bicuda (dito máis da pequena), botúa, ferrola, martela (a pequena), pinto e vello (cfr. francés vieille). Bodión ou budión son tamén sinónimos nalgúns portos, pero que se aplica de xeito máis xeral a outro lábrido, o Labrus merula.[26]
A designación maragota en castelán é probablemente un préstamo galego ou portugués. O étimo non está claro.[27]
Estado de conservación
Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) non hai ameazas importantes coñecidas para esta especie o que, unido a que está moi estendida no Atlántico nordeste, fai que o seu status se cualifique como LC (pouco preocupante).[1]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.