futbolista galego From Wikipedia, the free encyclopedia
José Luis Vara Olveira, nado en Esteiro (Muros) o 5 de outubro de 1958 e finado na Coruña o 23 de abril de 2009, foi un futbolista e adestrador galego, que xogaba como centrocampista. Capitán e xogador máis emblemático do Deportivo da Coruña na década de 1980, militou nove tempadas no club coruñés, disputando un total de 291 partidos oficiais, nos que marcou 80 goles.[1] Nunca puido xogar co Deportivo na Primeira División, pero fíxoo co Betis, no que militou entre 1987 e 1990. Posteriormente pasou polas filas do Orihuela e do Granada, antes de pechar a súa carreira no Xove Lago en 1994.
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 5 de outubro de 1958 Muros, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 23 de abril de 2009 (50 anos) A Coruña, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,84 m | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Como adestrador dirixiu varios clubs galegos entre a Terceira División e a Primeira Galicia e pasou brevemente polo banco do Racing de Ferrol, na Segunda División. Faleceu aos 51 anos de idade, por mor dun cancro.
Nacido na parroquia muradá de Esteiro,[2][3][4] comezou a xogar ao fútbol no club do seu pobo, o Esteirana, onde compartiu equipo entre outros con Tono, Lito, Ricolo ou Pepe da Asturiana.[5][6] En 1975 conquistou coa Esteirana a primeira Copa da Costa da historia do club, tras eliminar nas semifinais ao Ponteceso e derrotar na final ao Malpica.[7][8][5]
Ese mesmo ano fichou polo Deportivo da Coruña Xuvenil, despois de que o adestrador do equipo, Sertucha, o vise xogar coa Esteirana.[3] Hospedouse na pensión que rexentaba a sogra de Sertucha e axiña comezou a destacar no xuvenil, sendo convocado para varios partidos da selección galega xuvenil, adestrada por Carlos Torres.[9][10][11]
A finais da tempada 1976/77 debutou co Fabril na Serie A, proclamándose campión da categoría e logrando así o ascenso á Terceira División. Na seguinte campaña pasou a ser a todos os efectos xogador do filial e afianzouse na titularidade, disputando 35 partidos nos que marcou 7 goles. Na tempada 1978/79 só puido disputar uns poucos encontros, debido a que tivo que incorporarse ao servizo militar obrigatorio, que cumpriu en Ferrol.[12]
A pesar da súa falta de adestramento por mor do servizo militar, o 11 de marzo de 1979 debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña na Segunda División, da man do adestrador Luis Suárez.[13] Foi nunha derrota por 2-0 ante o Castellón en Castàlia, onde substituíu na segunda parte a Albino.[14] Disputou outros dous partidos máis esa tempada, na que o club galego salvou por pouco a categoría.
Na campaña 1979/80 subiu definitivamente ao equipo, e pronto se converteu nun titular indiscutible para o técnico García Verdugo.[15] Disputou 32 encontros durante a campaña e marcou na Copa do Rei ante o Atlético de Riveira o seu primeiro gol co conxunto coruñés. Aínda que non conseguiu ningún tanto en liga, liderou o equipo xunto a Paco Buyo, pero sen poder evitar o descenso á Segunda División B.[15]
Na tempada 1980/81 marcou xa oito goles, converténdose nunha referencia en ataque, xunto a outro futbolista da Costa da Morte, Traba, e ao ferrolán Alfonso Castro. Nun derbi ante o Celta de Vigo en Balaídos recibiu o primeiro dos numerosos cartón vermellos que vería ao longo da súa carreira como profesional, tras unha entrada ao vigués José Carlos Suárez.[16] Na 34ª xornada marcou o primeiro triplete da súa carreira, nunha vitoria por 3-4 sobre o Langreo en Ganzábal, e dúas semanas despois o Deportivo logrou o ascenso matemático, acompañando así ao Celta no seu regreso á categoría de prata.
Na campaña 1981/82 disputou un total de 43 partidos, todos como titular, a pesar de recibir tres cartóns vermellos durante a tempada, un deles de novo nun derbi co Celta. Durante esa campaña chegou ao club Agustín Peralta, co que formou unha destacada parella de centrocampistas durante os seguintes anos.[17] José Luis marcou un total de 15 goles, cifra que superou na seguinte tempada, na que conseguiu 23. Deles, 16 marcounos no campionato de Segunda División, gañando o Trofeo Pichichi da categoría sen xogar de dianteiro,[1] cun gol máis que Mejías e Nery e superando a xogadores como Mágico González ou Butragueño.[18] A pesar do seu gran rendemento individual, esa tempada viviu a maior decepción da súa carreira futbolística, co sucedido na derradeira xornada de liga ante o Rayo Vallecano.[1] O equipo de Arsenio Iglesias levaba meses ocupando postos de ascenso directo e só precisaba un empate ante os madrileños en Riazor para ascender, pero acabou perdendo por 1-2 nun dos días máis negros da historia do club.[19]
Continuou como titular indiscutible nas seguintes campañas, incrementando ano tras ano a súa conta goleadora, ademais de repartir numerosas asistencias a Traba e Vicente Celeiro.[11] Dende 1985 exerceu como capitán do equipo, trala marcha de Peralta. O club galego quedou preto do ascenso nas tempadas 1985/86 e 1986/87, e a pesar de ser o xogador máis emblemático e con máis carisma do club durante esa década, José Luis comezou a recibir críticas dunha parte da decepcionada afección coruñesa, polo que decidiu marchar no verán de 1987.[1][20]
Deixou o Deportivo despois de nove temporadas no primeiro equipo, nas que disputou 291 partidos e marcou 80 goles. No momento do seu adeus era o quinto xogador con máis partidos na historia do club (superado só por Acuña, García e Domínguez) e o seu cuarto máximo goleador (só por detrás do seu compañeiro Traba, de Veloso e de Guimeráns). Na actualidade ocupa o oitavo lugar entre os máximos anotadores da entidade. É tamén o segundo xogador máis expulsado na historia do club, con oito cartóns vermellos, empatado con Naybet e superado só polos nove que recibiu Moreno.[21]
Foi traspasado por 25 millóns de pesetas ao Betis, que naquela altura xogaba en Primeira División. Debutou no equipo e na máxima categoría nun derbi ante o Sevilla no Ramón Sánchez Pizjuán, marcando o primeiro gol do seu equipo, que gañou por 1-2. Foi titular na maioría de encontros e foi o máximo goleador do equipo con sete goles, contribuíndo á salvación do equipo na derradeira xornada. A situación mudou na convulsa tempada 1988/89, na que pasaron tres adestradores diferentes polo banco bético. A participación de José Luis caeu de xeito significativo e o club acabou descendendo a Segunda.
Recuperou protagonismo na seguinte campaña, na que disputou un total de 31 partidos, regresando o equipo andaluz á máxima categoría. Con todo, durante os últimos meses de competición José Luis non puido xogar os partidos que o seu equipo disputaba no Benito Villamarín, afastado polo adestrador por unhas declaracións que realizou contra a súa propia afección.[22]
Para a tempada 1990/91 fichou polo Orihuela Deportiva, que viña de regresar á Segunda División despois de 37 anos de ausencia.[23] Xogou un total de 34 encontros co club valenciano, que contaba con xogadores como Higinio, Subirats ou García Pitarch. e que completou unha destacada actuación na liga, acadando o quinto posto final. Con todo, o club foi descendido polos problemas económicos, que lle impedían pagar os salarios dos futbolistas.[24]
En 1991 fichou polo Granada, da Segunda División B, onde xogou durante os seguintes tres anos. Disputou 104 partidos co club andaluz, co que marcou 14 goles, e disputou sen éxito a promoción de ascenso a Segunda en 1992. No seu último partido co Granada viu o 18º e derradeiro cartón vermello da súa carreira.
En xullo de 1994 regresou a Galicia e incorporouse ao Xove Lago, da Terceira División.[25] Disputou seis partidos co equipo da Mariña, ás ordes de José Ramón Arteche, marcando un gol ante o Somozas. Con todo, só tres meses despois da súa fichaxe, deixou o equipo e retirouse da práctica activa do deporte.[26]
Ao remate da súa carreira como futbolista iniciou outra como adestrador, poñéndose en 1995 á fronte do Ordes, que acababa de descender a Preferente. Dirixiu o equipo ordense durante dúas campañas completas e parte dunha terceira, antes de fichar polo Malpica, da Primeira Autonómica. No seu primeiro ano á fronte do equipo bergantiñán acabou cuarto e quedou preto de conseguir o primeiro ascenso a Rexional Preferente da historia do club, obxectivo que conseguiu na seguinte campaña, proclamándose campión por diante do Bergantiños.[27]
En 1999, talo éxito co Malpica, fichou polo Atlético Arteixo, para tentar devolver o equipo á Terceira División, pero só puido ser sexto. A continuación asinou como novo técnico do Bergantiños, tamén de Preferente. Na súa primeira campaña á fronte do equipo de Carballo disputou a final da Copa da Costa, perdendo ante o Dumbría, mentres que na segunda conseguiu ascender á Terceira División, proclamándose campión con sete puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Laracha. Adestrou o equipo durante outras dúas tempadas en Terceira, nas que tivo ás súas ordes entre outros a Dmitri Radchenko, antigo internacional coas seleccións soviética e rusa, e logrou a permanencia en ambos casos. Con todo, en xuño de 2004 deixou o club por desacordos coa directiva presidida por Rogelio Antelo.[28] Ademais, durante a súa etapa en Carballo, adestrou os rapaces da Escola de Fútbol Luis Calvo Sanz, traballo que continuou desenvolvendo durante uns anos trala súa marcha do Bergantiños.
En xullo de 2007 asinou como novo adestrador do Laracha, que acababa de ascender e competiría en Terceira por segunda vez na súa historia. Con José Luis como técnico, Pedro Vila como director deportivo e con xogadores como Alberto Casal, Iago Iglesias ou Rubén Rivera, o Laracha disputou as dúas mellores campañas da súa historia, acadando un quinto e un terceiro posto respectivamente, o que lle deu dereito a disputar dúas fases de ascenso á Segunda B. Con todo, José Luis deixou o club pouco antes de rematar a súa segunda campaña, cando recibiu unha unha chamada de Isidro Silveira, presidente do Racing de Ferrol, que lle ofreceu o posto de adestrador ferrolán na Segunda División.[29]
Chegou ao Racing en abril de 2006, trala destitución de Juan Veiga, co equipo ferrolán ocupando postos de descenso. Ocupou o banco departamental durante as últimas nove xornadas de liga, nas que non conseguiu ningunha vitoria, obtendo só dous puntos e perdendo así a categoría. A directiva racinguista comunicoulle que non continuaría no club na seguinte campaña, polo que regresou ao Laracha, co que sufriu un novo descenso ao remate da 2006/07.
Na tempada 2007/08 adestrou o Cerceda, tamén en Terceira, co que conseguiu un quinto posto, quedando a un só punto da promoción de ascenso. Foi renovado para unha segunda campaña, pero uns días despois viuse obrigado a deixar o club, tras ser diagnosticado cun cancro de páncreas.[30] Non conseguiu superar a enfermidade e o 23 de abril de 2009 faleceu na súa casa da Coruña, aos 51 anos de idade.[30] Foi soterrado no seu Esteiro natal.[31] Un ano despois da súa morte, o Concello de Muros cambioulle o nome ao campo de fútbol de A Salina, en Esteiro, que pasou a denominarse Campo de Fútbol José Luis Vara Olveira.[32]
Casou en 1980 con María Mayo Brea, coa que tivo dous fillos: Adrián e Luis.[33][5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.