ensaiador da Casa da Moeda de Filadelfia From Wikipedia, the free encyclopedia
Jacob Reese Eckfeldt, nado en Filadelfia en marzo de 1803 e finado na mesma cidade o 9 de agosto de 1872, foi ensaiador de metais na Ceca de Filadelfia, da Casa da Moeda dos Estados Unidos.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Marzo de 1803. Filadelfia, Pensilvania. |
Morte | 9 de agosto de 1872 (68/69 anos) Filadelfia, Pensilvania. |
País de nacionalidade | Estadounidense. |
Relixión | Luteranismo. |
Actividade | |
Ocupación | Ensaiador da Casa da Moeda de Filadelfia |
Empregador | Casa da Moeda dos Estados Unidos |
Familia | |
Cónxuxe | Emily M. Levering (1835). |
Fillos | Frederick Eckfeldt. Jacob Bausch Eckfeldt. John Wiegand Eckfeldt. |
Pai | Adam Eckfeldt |
Descrito pola fonte | Appletons' Cyclopædia of American Biography, (sec:Eckfeldt, Jacob Reese) |
Nado en Filadelfia en marzo de 1803, Jacob R. Eckfeldt era o fillo maior de Margaretta e Adam Eckfeldt (1769-1852), cuñador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos en Filadelfia.[1][2][3][4]
Desde rapaz destacou o seu interese polo coñecemento da física e a mecánica, e recibiu a súa educación prinicpalmente na academia clásica do Dr. Wylie e o Sr. Engles, de moita sona naquel tempo.[2][3]
O seu primeiro traballo foi na administración dunha fábrica de algodón en Trenton, na que permaneceu varios anos, e posteriormente seguiu o seu pai na súa dedicación ao servizo do Goberno e ingresou na Casa da Moeda de Filadelfia, na sala de separación de metais, ás ordes do daquela refinador e fundidor Joseph Cloud.[2] Ao longo da súa traxectoria na institución foi ascendendo ata que o presidente de Andrew Jackson lle encomendou o cargo de ensaiador xefe,[1] o 30 de abril de 1832,[5] en substitución do anterior titular, John Richardson, que chegaba á súa idade de xubilación.[3] Eckfeldt exerceu este cargo durante catro décadas, ata a súa morte.[2]
No exercicio do seu cargo, Eckfeldt beneficiouse das innovacións que outro funcionario da Casa da Moeda, Franklin Peale, levara a Filadelfia logo da súa viaxe a Europa en 1833 para visitar, entre outras, a Monnaie de Paris e a Royal Mint de Londres, e tamén das balanzas e outros instrumentos de precisión creados por Saxton.[6]
A partir do éxito das minas de ouro nos estados sureños e do aumento do comercio en Nova Orleáns, o Congreso aprobou en 1835 a creación de tres sucursais da Casa da Moeda dos estados Unidos no sur —a Ceca de Charlotte (Carolina do Norte), a Ceca de Dahlonega (Xeorxia) e a Ceca de Nova Orleáns (Luisiana)—[7] o que obrigou a Eckfeldt a impartir formación a tres ensaiadores que foron designados para eses lugares.[6]
Durante o seu mandato, Jacob R. Eckfeldt informou de problemas con certos lotes de soberanos británicos que foran enviados á Casa da Moeda para a súa recuñaxe, e sinalou que eses lotes en particular estaban por baixo dos estándares da Casa da Moeda. As autoridades inglesas negárono por "imposible", xa que a Royal Mint de Londres "non comete erros", mais a investigación resultante confirmou as conclusións ás que chegara Eckfeldt. En resposta, o Parlamento británico ordenou un exame minucioso do peso e a lei das moedas de todo o mundo, que determinou que as moedas producidas nos Estados Unidos eran máis uniformes que as doutras nacións, achado que enxalzou a reputación mundial de Eckfeldt como ensaiador.[1]
A principios do verán de 1870 Eckfeldt sufriu unha grave doenza que lle xerou unha afección cardíaca. Dado o seu estado de saúde, o 26 de abril de 1872 acudiu por derradeira vez ao seu posto de traballo na Casa da Moeda de Filadelfia.[8]
Jacob Eckfeldt foi bautizado e confirmado na igrexa luterana e posteriormente uniuse á presbiteriana. Ademais, participaba asiduamente na Sociedade Bíblica e en diversas actividades de beneficencia.[9]
O 19 de outubro de 1835 casou con Emily M. Levering (1810-1895),[5] con quen tivo tres fillos: Frederick, John Wiegand e Jacob Bausch.[5] Este último traballou na Ceca de Filadelfia ás ordes do seu pai en 1865.[3][4]
Eckfeldt finou en Filadelfia, vítima da doenza que padedcía os últimos anos, o 9 de agosto de 1872.[1][3][5] O seu corpo foi soterrado no cemiterio luterano de Saint Paul, en Ardmore, condado de Montgomery, Pensilvania.[10]
Foi elixido membro da Sociedade Filosófica Americana en xaneiro de 1843.[1][9]
O día seguinte do seu pasamento, a Ceca de Filadelfia organizou un acto de homenaxe no que participaron entre outros, o director da US Mint James Pollock, e o daquela cuñador xefe da Ceca de Filadelfia, Archibald Loudon Snowden.[12]
A figura de Jacob R. Eckfeldt foi honrada tamén coa dedicatoria do reverso da medalla emitida en 1873 pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, creada por William Barber.[5]
Ao longo da súa traxectoria, Eckfeldt foi autor de dous traballos monográficos relacionados co seu ámbito profesional:[3][5][13][14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.