pintor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Gumersindo Pardo Reguera, nado en Valgos (A Ribeira, Cervantes) o 24 de xaneiro de 1847 e finado na Coruña o 28 de abril de 1916, foi un farmacéutico e pintor galego. Retratou á burguesía coruñesa cun estilo realista, minucioso e veraz.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de xaneiro de 1847 Valgos, España |
Morte | 28 de abril de 1916 (69 anos) A Coruña, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | pintor, farmacéutico |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Dicionario biográfico de Galicia Diccionario bio-bibliográfico de escritores |
A súa primeira actividade laboral foi como delineante de estradas e camiños. Xa casado, fixo a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose cun dos dous premios extraordinarios do ano 1880 (entre 1.399 alumnos). Despois estableceuse en Lugo, colaborando na vacinación contra a varíola. Foi catedrático de Química na Universidade de Granada. Deixou Granada e retornou á Coruña para ser profesor na Escola de Artes Industriais e na de Belas Artes. Abriu despacho de farmacia no número 96 da rúa Real e actuou como perito en xuízos por envelenamento.[1]
Foi concelleiro da Coruña representando aos monárquicos e formou parte da comisión de facenda. Pertencente á directiva do Colexio Farmacéutico Provincial, representou ao colectivo en Madrid, na asemblea nacional de 1899.[2]
Afeccionado á arte, comezou a pintar pasados os corenta anos de idade, retratando a Ramón Pérez Costales e a Manuel Pereiro Caeiro. Participou na Exposición Nacional de Belas Artes en 1895, e na de 1904 logrou mención honorífica. Retratista de corte moi realista, compartiu esta actividade na Coruña con Román Navarro. No paisaxismo ten semellanzas con Dionisio Fierros. Foi membro de número e secretario da Real Academia Galega de Belas Artes, e correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.[3]
Exerceu unha importante influencia sobre, o daquela neno, Pablo Ruiz Picasso, amigo do seu fillo, Antonio Pardo, durante a época no que o malagueño residiu na Coruña.[5]
Finou por unha uremia na Coruña o 28 de abril de 1916[6] e foi enterrado no Cemiterio de Santo Amaro. A súa obra consérvase na Deputación da Coruña, que garda un retrato do rei Afonso XIII,[7] no Museo Provincial de Lugo,[8][9] na Colección Afundación[3] e noutras coleccións particulares.
Con motivo do centenario do seu pasamento, fixéronse dúas exposicións da súa obra, comisariadas por Rubén Ventureira Novo, a primeira no Museo de Lugo, do 11 de agosto ao 20 de novembro de 2016, e a segunda no PALEXCO da Coruña, do 17 de febreiro ao 26 de marzo de 2017.[10]
Casou con Filomena García Reboredo e foi pai de catro fillos: Elena, Antonio, Mercedes e Gumersindo Pardo García.[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.