Remove ads
antiga moeda británica de 2 xilins From Wikipedia, the free encyclopedia
O florín británico foi unha moeda británica co valor de 2 xilins ou a décima parte dunha libra (24 peniques), emitida pola Royal Mint desde 1849 ata 1967, cunha derradeira tiraxe unicamente para o coleccionismo en 1970.
A introdución do florín formou parte dun experimento de decimalización que naquel momento non chegou máis lonxe que iso. Os floríns orixinais, cuñados en 1849, suscitaron polémica por omitir a mención a Deus nos títulos da raíña Vitoria (1837-1901). Esta tipo, coñecido como "florín sen Deus", foi sucedido en 1851 polo florín gótico, chamado así polo seu deseño e pola súa tipografía. Durante a maior parte da súa existencia, o florín levou no seu anverso algunha variante dos escudos do Reino Unido ou dos emblemas das nacións que o compoñen, unha tradición coa que se rompeu entre 1902 e 1910 con Eduardo VII (1901-1910), cando a moeda pasou a lucir unha figura de Britannia de pé e ao vento.
En 1911, logo do ascenso ao trono de Xurxo V (1910-1936), o florín recuperou o deseño dos escudos e os cetros que tiña a finais da época vitoriana, e mantivo este motivo ata 1937, cando se lle colocaron os emblemas nacionais, motivo que mantivo durante todo o reinado de Xurxo VI (1936-1952). En 1953, tras o ascenso ao trono de Isabel II (1953-2022), o florín cambiou novamente o deseño do seu reverso.
En 1968, antes mesmo do inicio da decimalización, a Royal Mint comezou a cuñaxe das novas moedas de 10 peniques novos. Con todo, o florín foi a derradeira moeda en ser desmonetizada logo da decimalización do sistema monetario británico de 1970, xa que se mantivo en circulación ata 1993 circulando en paralelo á nova moeda de 10 peniques, coincidente non só no seu valor, senón tamén nas súas características métricas e na súa composición.
O nacemento da idea da decimalización do sistema monetario en Gran Bretaña remóntase a 1682, aínda que as primeiras propostas non supuxeron avance ningún a este respecto. O impulso á decimalización veu, entre outros factores, da adopción do sistema decimal na moedas do dólar estadounidense logo da independencia deste país, así como da decimalización do sistema do franco francés, ambos no século XVIII. En 1841 e 1843 xurdiron os primeiros comités en solicitar formalmente a asunción do sistema decimal para a moeda británica.[1]
En 1847, John Bowring presentou unha proposta no Parlamento Británico na que se pedía a introdución da moeda decimal e a cuñaxe de moedas dunha décima e dunha centésima de libra,[3] e o Goberno de Russell anunciou a intención de cuñar esa moeda dun décimo de libra ou 2 xilins, para así coñecer a predisposición da opinión pública, e tamén indicou que no futuro se estudaría a introdución doutras moedas decimais.[4]
Houbo moitas discusións acerca de como debería chamarse a nova moeda —centum, decade e dime foron algunhas das propostas—[5] e finalmente optouse pola forma florin, non pola antiga moeda inglesa dese mesmo nome, senón porque os Países Baixos tiñan o seu florín ou gulden, cun valor e un tamaño similares.[6]
Os primeiros floríns británicos cuñáronse en 1849 a nome da raíña Vitoria. Tiñan un estilo tendente ao Gótico e amosaban un busto da raíña moi nova ollando cara á esquerda,[8] cos escudos cruciformes coroados do Reino Unido no reverso, e nos os emblemas das catro nacións. Este primeiro florín garda moita semellanza coa coroa gótica de 1847.[6][9][10] Non en van, o anverso de ambos foi obra do gravador xefe da Royal Mint, William Wyon, en tanto que dos dous reversos se ocupou William Dyce.[5] Aínda que a devandita coroa de 1847 tiña as súas inscricións en letra gótica, a tipografía do florín era romana.[7][11]
O florín de 1849, cuñado en prata de 925 milésimas, tiña un peso de 11,3 gramos —definíase como 4⁄11 de onza troy—[12] e un diámetro de 28 milímetros.[5] A lenda do anverso era o nome da raíña, VICTORIA REGINA, e no reverso amosaba con meridiana claridade o seu valor facial, coas lendas ONE FLORIN / ONE TENTH OF A POUND.[7][13]
Para evitar confusións no incipiente experimento de decimalización, a moeda de media coroa —equivalente a 2 xilins e 6 peniques, ou un oitavo de libra—, que era moi próxima ao florín en tamaño e valor, non se emitiu entre 1850 e 1874, data esta na que se retomou a súa cuñaxe por petición do sector bancario, e as enquisas de popularidade revelaron que ambas as moedas desempeñaban senllos papeis útiles no comercio. Tanto o florín como a media coroa seguiron emitíndose xuntas ata a decimalización.[13][14]
É probable que a emisión desta primeira moeda dun florín causase grande impacto na poboación, entre outras cousas porque por primeira vez en case 200 anos unha moeda británica amosaba un retrato coroado do monarca. E aínda máis chocante debeu resultar a inscrición do anverso, VICTORIA REGINA, na que se omitía o habitual D. G. (Dei Gratia, "pola graza de Deus").[5][7] Esta circunstancia deu lugar a que a moeda de 1859 pasase a coñecerse como o "florín sen Deus". Ademais, a omisión das devanditas iniciais xerou unha nova controversia, xa que algúns sospeitaron que o Master of the Mint da Casa da Moeda de Londres, o irlandés católico romano Richard Lalor Sheil, conspiraba así para derrocar o réxime protestante. Mais na realidade a inscrición sen mención a Deus fora suxerida por Alberte, o príncipe consorte, marido da raíña Vitoria. Sheil declarou na Cámara dos Comúns que a inscrición fora un erro, o que levou a que o florín se redeseñase para a súa seguinte emisión en 1851, aínda que sobre a base dos mesmos modelos creados por Wyon e Dyce.[8][15]
Este florín revisado tamén aumentou o seu diámetro, dos 28 aos 30 milímetros, aínda que sen variación do peso, e todas as súas inscricións están escritas en caracteres góticos. Ademais, a súa data está expresada en numeración romana. O busto de Vitoria e a heráldica permaneceron practicamente inalterados, mais a lenda do anverso si que cambiou notablemente, para recoller a mención a Deus, VICTORIA D G ("pola graza de Deus") BRIT REG F D ("defensora da fe"), ONE FLORIN ONE TENTH OF A POUND.[15]
Malia o establecemento dunha comisión real para o efecto, o proxecto da decimalización perdeu pulo; só houbo un tímido apoio a unha moción de 1855 na Cámara dos Comúns que aplaudía a creación do florín e avogaba pola súa expansión a máis moedas de carácter decimal.[16] O florín "gótico" emitiuse anualmente ata 1887, coas únicas excepcións de 1861 e 1882.[17] Desde 1864 ata 1879, cuñáronse algúns exemplares de floríns con números de cuño gravados á dereita do broche do busto de Vitoria.[18] Tamén nalgunhas ocasións, a partir de 1867, a abreviatura BRIT ("británica") transformouse en BRITT, seguindo a práctica latina de duplicar unha consoante final para o plural. Deste xeito perseguíase incluír as colonias e outros territorios do imperio, ao pasar de "Raíña de Gran Bretaña" a "Raíña dos británicos".[13]
En 1887, como parte do redeseño da moeda británica para celebrar o xubileu de ouro ou quincuaxésimo aniversario do ascenso ao trono de Vitoria, estreouse un novo deseño para o anverso das moedas de ouro e de prata, obra de Joseph Edgar Boehm, que amosaba a raíña xa como unha muller de idade. As moedas con este novo deseño coñecéronse como "moedas do xubileu". No reverso deste novo florín suprimíronse as flores e substituíronse por cetros entre os escudos, cunha estrela da Xarreteira no centro.[20]
A nova cabeza da raíña nas moedas do xubileu resultou ser moi impopular, en parte debido á coroa que portaba, que se considerou ridiculamente pequena.[21] O florín do xubileu compartiu o seu reverso cun efémero dobre florín, cuñado entre 1887 e 1890,[22] que Gertrude Rawlings describiu en 1898 como un "atizador do lume ou unha bandexa de té".[23] O deseño do reverso foi creado e gravado por Leonard Charles Wyon —que tamén se encargara do gravado do anverso—, aínda que é probable que estivese influído polas moedas de ouro de Carlos II (1660-1685),[24] deseñadas por John Roettiers.[5]
O diámetro deste florín reduciuse a 29,5 milímetros. Todas as súas inscricións están en letras latinas e en números arábigos. A lenda do anverso é VICTORIA DEI GRATIA e a do reverso FID DEF BRITT REG, sen que apareza a indicación do valor facial. O florín do xubileu cuñouse anualmente entre 1887 e 1892.[19][25]
Florín da "cabeza velada" de 1899, creado por Thomas Brock.[26] |
Dada a falta de aceptación popular do busto das moedas do xubileu, en febreiro de 1891 estableceuse un comité para recomendar novos deseños. Para o anverso escolleuse un deseño de Thomas Brock e o comité recomendou varias opcións para os reversos.[27] Este órgano consultivo avogou por que se utilizase un busto diferente no florín e na media coroa, para axudar a diferenciar ambas as moedas entre si, mais a recomendación non foi aceptada e o florín utilizou o mesmo anverso da "cabeza velada" ou "cabeza vella" que se introduciu para toda a moeda de prata e de ouro en 1893. Para mellorar a súa distinción con respecto á media coroa diminuíuse novamente o seu diámetro, ata os 28,5 milímetros.[5] A lenda do anverso é VICTORIA DEI GRA BRITT REGINA FID DEF IND IMP e no reverso, de novo deseño e que amosa tres escudos separados por unha rosa, un trevo e un cardo —en referencia a Inglaterra, Escocia e Irlanda— lese a inscrición ONE FLORIN / TWO SHILLINGS.[28][29] Este reverso foi creado por Edward Poynter. O derradeiro florín de Vitoria foi cuñado ininterrompidamente desde 1893 ata 1901, o ano da morte da raíña.[26]
Logo da chegada ao trono do fillo de Vitoria, Eduardo VII, redeseñáronse ambas as faces do florín, e dese redeseño encargouse o daquela gravador xefe da Royal Mint, George William de Saulles. O florín de Eduardo VII emitiuse anualmente entre 1902 e 1910, mantendo os 11,3 gramos de peso e os 28,5 milímetros de diámetro do florín anterior. O anverso amosa a cabeza do monarca cara á dereita, rodeado pola inscrición EDWARDVS VII DEI GRA BRITT OMN REX FD IND IMP, en tanto que o reverso amosa un sorprendente deseño no florín, consiste nunha representación de Britannia en pé, ao vento, que sostén un escudo coa súa man esquerda e un tridente coa dereita, xunto coa inscrición habitual, ONE FLORIN / TWO SHILLINGS, e a data no exergo.[30] Este reverso foi cualificado como "moi pouco habitual e orixinal" polo Coincraft's Standard Catalogue of English and UK Coins.[31] Peter Seaby, na súa historia da moeda británica, describiu esta figura da Britannia como "de pé sobre algún barco antigo e mítico que dificilmente podería navegar baixo o seu peso", aínda que lle atribuía "unha composición agradable.[32]
De Saulles creou o novo florín deste xeito para o distinguir con claridade da moeda de media coroa, xa que a Casa da Moeda recibira queixas ao respecto. É probable que De Saulles se basease no deseño do dólar de comercio británico de 1895, tamén creado por el.[33] A modelo para o deseño de Britannia foi Susan Hicks-Beach, a filla de Michael Hicks-Beach, o primeiro conde de St Aldwyn, que ocupaba o posto de Master of the Mint ("mestre de ceca").[32] As moi posteriores series de moedas de investimento e de colección da serie Britannia, emitidas pola Royal Mint, teñen un reverso moi semellante ao do florín de Eduardo VII.[34]
Florín de 1819.[35] |
Os floríns emitidos a nome de Xurxo V, que amosan no anverso a figura do novo monarca ollando cara á esquerda, foron deseñados por Bertram Mackennal e cuñáronse todos os anos do seu reinado, coa excepción de 1910 e 1934.[36] O deseño inicial do reverso (1911-1926) desenvolveuse internamente na Casa da Moeda sobre a base do do dobre florín de 1887, moi similar ao do florín do xubileu.[35][37] Nin o peso nin o diámetro da moeda sufriron variacións mais, por mor da suba do prezo da prata, a composición da aliaxe modificouse en 1920, pasando da ata entón común de 925 milésimas de prata a unha nova aliaxe de só o 50 % de prata, completado co 40 % de cobre e o 10 % de níquel.[38] En 1922 modificouse novamente a 50 % de prata e 50 % de cobre, e finalmente en 1927 a 50 % de prata, 40 % de cobre, 5 % de níquel e 5 % de cinc.[39] Estes cambios sucesivos na aliaxe a partir de 1920 debéronse a que a Royal Mint intentaba atopar unha composición con base de prata que seguise a ser atractiva á medida que se ía desgastando co uso.[40] As inscricións desta primeira versión do florín de Xurxo V son GEORGIVS V D G BRITT OMN REX F D IND IMP no anverso e ONE FLORIN no reverso, xunto co ano de emisión.[39]
En 1927 o deseño do florín sufriu unha nova modificación, obra de George Kruger Gray, que non supuxo unha gran alteración do deseño dos escudos e os cetros do reverso, aínda que si que se eliminaron as coroas dos escudos, que foron incorporadas aos cetros. No centro do deseño figura a inicial "G", do nome do rei. A lenda do anverso pasou a ser GEORGIVS V DEI GRA BRITT OMN REX e a do reverso FID DEF IND IMP, xunto coa data e a denominación do valor facial, ONE FLORIN. O busto do monarca no anverso tamén foi levemente modificado en 1927.[36][41]
Ao longo de 1936, o único ano en que reinou Eduardo VIII, seguíronse a cuñar todas as moedas utilizando os deseños anteriores, correspondentes ao seu pai, Xurxo V, á espera que se preparasen os cuños cos deseños propios do novo monarca. Finalmente, non chegou a pórse en circulación moeda ningunha a nome de Eduardo VIII. No entanto, existe algún exemplar dunha cuñaxe de proba do florín, que debería ter recibido a aprobación aproximadamente no momento en que o rei abdicou, en decembro de 1936. Aínda que existía a tradición de alternar o lado cara ao que mira o busto do monarca en cada reinado, e Xurxo V ollaba cara á esquerda, Eduardo consideraba que ese perfil era o máis favorecedor, polo que o busto na proba do florín ao seu nome, deseñado por Thomas Humphrey Paget, mantén a mesma orientación, rodeado pola lenda EDWARDVS VIII D G BR OMN REX. Pola súa banda, o reverso, obra de Kruger Gray, amosa unha rosa coroada no centro flanqueada por un cardo e un trevo, cun E debaixo do cardo e un R baixo o trevo, todo rodeado polas lendas FID DEF IND IMP e TWO SHILLINGS 1937.[42][43][44]
O florín de Xurxo VI, producido sen interrupcións entre 1937 e 1951, é moi semellante ao previsto na cuñaxe de proba a nome do seu irmán Eduardo VIII, no que tamén se omitía a denominación "florín", en favor de "2 xilins", algo que permanecerá durante o resto da existencia desta moeda.[36]
O anverso, deseñado por Thomas Humphrey Paget, amosa unha efixie do monarca cara á esquerda coa lenda GEORGIVS VI D G BR OMN REX, en tanto que o reverso representa unha rosa coroada cun trevo e un cardo a cada lado, cun G e un R debaixo, respectivamente, e coa inscrición FID DEF IND IMP TWO SHILLINGS. Esta lenda do reverso mantívose ata 1948, e a partir de 1949 eliminouse a expresión IND IMP, en recoñecemento á independencia da India. A partir de 1947 modificouse o seu contido metálico, ao desaparecer a prata, do mesmo xeito que no resto das moedas británicas en circulación, e pasou a estar cuñada en cuproníquel, cun 75 % de cobre e un 25 % de níquel.[46][47] Este cambio na aliaxe debeuse á necesidade de Gran Bretaña de devolverlle aos Estados Unidos a prata que lle debía en virtude da lei Lend-Lease, de 1941.[48]
O peso do florín permaneceu inalterado en 11,3 gramos e o seu diámetro en 28,5 milímetros, malia o cambio na aliaxe.[46]
Logo do falecemento de Xurxo VI, o florín cuñouse a nome da súa filla, Isabel II, durante todos os anos entre 1953 e 1967, e novamente en 1970, nunha emisión con acabamento proof —fondo espello e relevo mate— exclusivamente para a súa venda aos coleccionistas. O anverso é obra de Mary Gillick e amosa unha cabeza da raíña ollando cara á dereita, rodeada inicialmente pola lenda ELIZABETH II DEI GRATIA BRITT OMN REGINA —só en 1953— logo cambiada a ELIZABETH II DEI GRATIA REGINA —no resto dos anos—.[50] Esta modificación fíxose para recoñecer a evolución da Commonwealth británica, que daquela contiña varias repúblicas.[51] O reverso, deseñado por Edgar Fuller e Cecil Thomas, representa unha rosa de Tudor no centro rodeada por cardos, trevos e porros, coa frase latina abreviada FID DEF, así como o valor facial e a data.[50] Estes deseños foron seleccionados por un comité consultivo da Royal Mint, logo dun concurso público.[52] As iniciais dos artistas aparecen a ambos os lados do porro galés, na parte inferior do reverso. Cando se publicou na prensa o reverso deste novo florín non houbo consenso acerca de cal era a súa parte superior; o numismático H. W. A. Linecar sinalou que o segundo L da palabra SHILLINGS marcaba a parte inferior da moeda.[53]
Consonte o plan de decimalización da moeda británica, a partir de 1968 introduciuse a moeda de 10 peniques novos, de carácter decimal, coas mesmas características métricas e a mesma composición que o florín.[54] Xa que logo, a derradeira data de cuñaxe do florín foi 1967. Ambas as moedas comezaron a circular indistintamente e co mesmo valor antes do chamado Día Decimal, o 15 de febreiro de 1971.[55]
Os floríns tiveron aínda unha ampla circulación logo do Día Decimal, en conxunto coa moeda de 10 peniques. En 1978, logo dun estudo acerca da moeda, o Goberno de Thatcher anunciou a súa intención de emitir unha nova moeda de 10 peniques de tamaño reducido.[56][55] Este novo penique de pequeno tamaño entrou en circulación en 1992 e pouco despois o florín foi desmonetizado, o 30 de xuño de 1993. O florín, primeira moeda británica de carácter decimal, foi tamén a derradeira moeda á que se lle retirou a condición de curso legal, das que estaban en circulación antes da decimalización.
Estas son as tiraxes anuais da moeda dun florín ou 2 xilins, desde a súa creación en 1849 ata ó cesamento da súa produción en 1970:[57]
Vitoria
Eduardo VII
Xurxo V
Xurxo VI
Isabel II
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.