From Wikipedia, the free encyclopedia
A filosofía das matemáticas é unha área da filosofía teórica, que trata de comprender e explicar os requisitos, o obxecto, o método e a natureza[1] das matemáticas. Como área de estudo pode ser aproximada dende dúas direccións: o punto de vista dos filósofos e o dos matemáticos. Dende o punto de vista filosófico, o obxectivo principal é dilucidar unha variedade de aspectos problemáticos na relación entre as matemáticas e a filosofía. Dende o punto de vista matemático, o interese principal é prover o coñecemento matemático de fundamentos firmes. É importante manter presente que aínda que estes puntos de vista poden implicar diferentes esquemas e intereses, non son opostos, senón máis ben complementarios: «Cando os matemáticos profesionais se ocupan dos fundamentos da súa disciplina, dise que se dedican á investigación fundamental (ou traballo fundacional ou de fundamentos, metamatemática). Cando os filósofos profesionais investigan cuestións filosóficas relativas ás matemáticas, dise que contribúen á filosofía das matemáticas. Por suposto, a distinción entre a filosofía das matemáticas e os fundamentos das matemáticas é vaga, e á maior interacción que hai entre os filósofos e os matemáticos que traballan en cuestións relativas á natureza das matemáticas, mellor».[2]
Como xa se suxeriu, estas aproximacións non son conflitivas. Nas palabras de Imre Lakatos: «Ao discutir os esforzos modernos para establecer os fundamentos do coñecemento matemático un tende a esquecer que eses son só un capítulo no grande esforzo para superar o escepticismo e implantar os fundamentos do coñecemento en xeral. O propósito da miña contribución é mostrar a filosofía matemática moderna como profundamente inserida na epistemoloxía xeral e, xa que logo, só entendible neste contexto ». (énfase de Lakatos[5]).
Dende a antigüidade a filosofía tivo interese en, polo menos, certos aspectos da matemática.[6] nas palabras de Miguel de Guzmán: "Pero hai outros aspectos interesantes da matemática que atraen de modo natural o filósofo. A dinámica interna do pensamento matemático, a lóxica da súa estrutura, simple, tersa, sobria, clara, fan dela un modelo de reflexión fiable que suscita o consenso de todos. Os filósofos interesados en aclarar os misterios do coñecemento humano viron no pensamento matemático un campo ideal de traballo onde pór a proba as súas hipóteses e teorías.".[7] Mario Bunge vai máis lonxe e chega a suxerir que as matemáticas son non só o fundamento da tarefa científica senón tamén do filosófico.[8]
Por moito dese tempo a opinión xeral era a que Carl Friedrich Gauss resumiu: «A matemática é a raíña das ciencias e a aritmética é a raíña das matemáticas. Ela con frecuencia se digna a prestar un servizo á astronomía e a outras ciencias naturais, mais en todas as relacións, ten dereito á primeira fila».[9] Esta preeminencia debíase a unha percepción que, en última instancia, emana de Platón: "Nas matemáticas áchase a orixe e o fundamento da teoría platónica das formas ou ideas. Nesta, a idealización dos entes matemáticos transfórmase na idealización dos entes físicos e psíquicos. A verdade matemática, pola súa invariabilidade no tempo, era o modelo a seguir en todo coñecemento intelectual. O método dedutivo, que partindo de axiomas e definicións chegaba á demostración de teoremas, era o modelo prestixioso de razoamento para todo saber. No diálogo "Menón", Sócrates, a través de preguntas e respostas, fai que un escravo alcance polo seu propio razoamento unha verdade matemática; así, dun xeito popular, expón Platón que as matemáticas están na alma humana, xa que nesta se acha presente o logos que goberna o mundo material mediante as proporcións aritméticas e xeométricas. Só se require a introspección para volvernos conscientes dese saber interno".[10]
Esa posición é xeralmente coñeceda como realismo, platonismo ou realismo platónico e "de maneira moi esquemática, pode sintetizarse na crenza de que os obxectos matemáticos son reais e a súa existencia é un feito obxectivo e independente do noso coñecemento dos mesmos. Existen fóra do espazo e do tempo da experiencia física e calquera pregunta significativa sobre eles ten unha resposta definida. Así, o matemático é, neste senso, como un científico empírico que non pode inventar ni construír senón só descubrir algo que xa existe.[11] Acorde co físico Paul Davies: "Os científicos non empregan as matemáticas simplemente como unha forma conveniente de organizar os datos. Cren que as relacións matemáticas reflicten aspectos reais do mundo físico".[12]
Non obstante, cara a finais do século XIX esta situación comezou a cambiar, proceso que eventualmente culminou, a fins do século XIX e comezos do XX, na chamada crise dos fundamentos:[13][14][15][16][17][18] "A imaxe tradicional das matemáticas (formal e infalible) foi cuestionada a raíz da chamada "crise dos fundamentos das matemáticas", que tivo lugar no século XIX. Dita "crise" orixinouse principalmente por dous descubrimentos: primeiro o das xeometrías non euclidianas e, segundo, o da teoría de conxuntos".[19]
Esa situación foi resumida da seguinte maneira[20]
Esa crise deu orixe a varias tentativas de resolución, o que, á súa vez, deu orixe a tres correntes principais: as escolas intuicionista, loxicista e formalista[21] (esa é a visión xeral ou común, algúns inclúen outras escolas, como o fenomenalismo de Husserl[22]). Argumentablemente esas tentativas foron infrutuosas[23] o que deu orixe a outras escolas, tanto derivadas das anteriores[24]como doutras percepcións básicas, por exemplo, do empirismo. Con todo, e argumentablemente, a situación aínda non se resolveu de todo.[25][26][27]
Ao respecto de todo o anterior hai algunhas interrogantes fundamentais e sistemáticas tales como:
O punto de partida é case sempre a concepción de que as proposicións matemáticas son certas por principio, de maneira atemporal e exacta e que a súa veracidade non depende nin de evidencias empíricas nin de puntos de vista persoais. A tarefa consiste tanto en determinar as condicións da posibilidade de adquirir ese coñecemento, como en cuestionar criticamente este punto de partida.
A visión que sostén que as matemáticas son a combinación estética de suposicións, e despois tamén afirma que as matemáticas son unha arte, foi compartida polo matemático británico G. H. Hardy[30] e tamén metaforicamente polo francés Henri Poincaré.[31] Para Hardy, no seu libro A Mathematician’s Apology, a definición de matemáticas parecíase máis á combinación estética de conceptos.[32]
O platonismo matemático ou realismo matemático afirma que os obxectos matemáticos (números, figuras xeométricas, funcións etc.) non son simples invencións humanas, senón obxectos abstractos que existen por si mesmos, independentemente da mente humana,[33][34] é dicir, que os obxectos e teoremas matemáticos existen en forma illada do mundo material e independentemente do espazo e do tempo. Con este punto de vista, as leis da natureza e os axiomas da matemática teñen unha posición similar e a súa efectividade atopa unha explicación: o seu fundamento constitúeo o verdadeiro mundo dos obxectos matemáticos. O platonismo matemático é unha forma de realismo filosófico, aplicado aos obxectos matemáticos.
En filosofía das matemáticas, o realismo aristotélico sostén que as matemáticas estudan propiedades como a simetría, a continuidad e a orde que poden realizarse literalmente no mundo físico. Por exemplo, o número 4 realízase na relación entre unha morea de papagaios e o universal "ser un papagaio" que divide o montón en tantos papagaios.[35]
Aristóteles considera que os obxectos matemáticos son, a diferenza de Platón, abstraccións de obxectos e realidades materiais dependentes do mundo físico e non podían ter realidade á marxe das cousas empíricas. Non son ou existen per se, senón que nos obxectos individuais como seres en potencia. As matemáticas carecen de universalidade.[36] Na Metafísica, limita a negarse que os obxectos matemáticos sexan substancias, mentres que nas Categorías os chama substancias segundas, xa que a categoría de cantidade é posterior á de substancia.[37] As entidades matemáticas son todos os obxectos potenciais do intelecto que dan unha idea da beleza e un pracer intelectual.[38]
Aristóteles criticou as ideas platónicas afirmando que o verdadeiro ser se atopa non no universal, senón no individual.[39] Esta é a orixe e a base dun realismo filosófico moderado, que sostén que os conceptos universais son realidades na mente e aínda que carecen de existencia independente, teñen o seu fundamento nas cousas existentes.[40] Os defensores máis coñecidos son Alberte Magno e Tomé de Aquino.[41][42] A escola "Sydney School" adoptou unha noción realista neoaristotélica das matemáticas fronte ao platonismo e ao nominalismo.[43][44] Tamén se considerou a Nicolai Hartmann[45] e Penelope Maddy[46] como aristotélicos nas súas filosofías sobre as matemáticas. A aritmética euclidiana desenvolvida por John Penn Mayberry no seu libro The Foundations of Mathematics in the Theory of Sets tamén cae na tradición realista aristotélica.[47]
O formalismo matemático entende as matemáticas como un xogo (no sentido de Wittgenstein[48]) baseado nun certo conxunto de regras para manipular cadeas de caracteres: "…o programa do formalismo matemático consiste en construír a Matemática como un sistema lóxico-formal puro, cunha condición fundamental que é a ausencia de contradición, prescindindo de todo tipo de contido; trátase, pois, dun sistema formal baleiro. Este sistema formal estaría integrado por un ou máis conxuntos de elementos fundamentais, por relacións definidas entre os elementos destes conxuntos e por proposicións reguladoras destas relacións (proposicións que comprenden os axiomas e as demais proposicións deles deducidas: os teoremas).[49] Por exemplo, no xogo de xeometría euclidiana obtense o teorema de Pitágoras combinando certas cadeas (os axiomas) segundo determinadas regras (as do razoamento lóxico).[50][51]
David Hilbert está xeralmente considerado fundador do formalismo moderno.[52] O seu interese era a construción axiomática consistente e completa da totalidade das matemáticas,[53] seleccionando como punto de partida os números naturais e asumindo que mediante o uso de axiomas se obvia a necesidade de definir os obxectos básicos co fin de lograr un sistema completo e consistente (Programa de Hilbert).
Nesta visión os enunciados matemáticos perden o carácter de verdades; deixan de seren, en última instancia, proposicións "sobre algo". O que importa son as relacións que se establecen entre eles: "Hilbert sostén que a verdadeira importancia na construción dos saberes matemáticos non é o resultado numérico, senón a lei de como estruturar as relacións entre os obxectos matemáticos.... As regras que ligan funcionalmente os obxectos co seu sistema de referencia formarán parte dun Sistema Formalizado Matemático; onde se entende como formalización a un conxunto de leis descubertas no seo da súa mesma estrutura, a que mantén a súa consistencia nas demostracións".[54]
Outro matemático que foi inspirado polo formalismo foi Haskell Curry, xeralmente considerado o fundador da lóxica combinatoria.
A pesar de que esta proposta foi de curta duración, debido ao teorema de incompletude de Gödel, que demostrou que calquera sistema de axiomas que inclúa os números naturais é xa for incompleto ou contraditorio, chegou, de facto, a constituír a posición máis aceptada entre os matemáticos ata o último cuarto do século XX: "Os anos setenta viron decaer a tendencia formalista, representada polo grupo Bourbaki, pseudónimo de varias xeracións de matemáticos franceses".[55]
O dedutivismo é unha variante do formalismo que propón que o traballo do matemático consiste en derivar proposicións a partir da asunción de que certas outras son correctas (se A, entón B).[56] Tradicionalmente asumiuse que esas proposicións básicas (ou axiomas) son ou deberían ser indudablemente correctas. Pero iso non é nin necesariamente correcto nin necesario. Non é necesario porque a matemática non necesita fundacións indubidables,[57] e non é necesariamente correcto porque, de feito, a matemática traballa perfectamente (especialmente na área das matemáticas aplicadas) sobre a base de que os axiomas son presumiblemente correctos e presumiblemente coherentes e que as inferencias que seguen deses presumibles axiomas son presumiblemente posibles (no sentido que se pode crear un modelo matemático a partir delas).[58]
O matemático francés Henri Poincaré foi un dos primeiros en artellar unha visión convencionalista.[59] O uso de Poincaré de xeometrías non euclidianas no seu traballo sobre ecuacións diferenciales convenceuno de que a xeometría euclidiana non debería considerarse unha verdade a priori. Sostivo que os axiomas na xeometría deberían escollerse polos resultados que producen, non pola súa aparente coherencia coas intuicións humanas sobre o mundo físico.
O intuicionismo matemático[60] rexeita tanto a suxestión loxicista como a formalista, propondo que o coñecemento matemático se basea na aprehensión (que antecede calquera linguaxe ou lóxica) dalgúns conceptos matemáticos básicos.[61][62] Este intuicionismo orixínase na proposta de L. E. J. Brouwer[63] de que o saber matemático se basea na intuición primordial[64][65] dos números naturais ( 1, 2, 3... ). Cada un deses números pode, a partir da intuición básica do 1, ser "construído" agregando 1 ao anterior. Isto introduce un elemento temporal.
A partir do anterior, o resto da matemática pode (e debe) construírse de forma explícita e rigorosa, o que require un método claro e preciso[66]- só entidades cunha existencia (positiva ou negativa) que fose demostrada de tal xeito, ou por medio de tal método, teñen validez matemática.[67] Parafraseando o dito platonista, poderíase dicir que, dende o punto de vista intuicionista, as verdades matemáticas non se descobren, créanse.[68]
Entre outras consecuencias do anterior atópase a restricción do principio do terceiro excluído:[69][70] saber que unha proposición é falsa implica, para os intuicionistas, poder demostrar esa falsedade.[71][72] Segue que, nun momento dado (por exemplo, o presente) é perfectamente posible que haxa proposicións sobre as que non temos certeza de se son correctas ou non. Isto introduce novamente un elemento temporal na "verdade" matemática. O anterior non é un rexeitamento absoluto do principio. Os intuicionistas utilízano en situacións específicas, por exemplo, no caso de conxuntos ben definidos e finitos.[68])
Outras diferen<as co que se pode considerar matemáticas clásicas atópase na concepción do infinito e a do continuo. Para os intuicionistas un (calquera) ente é válido se e só se pode ser construído por medio dun procedemento especificado e cun número finito de pasos ou operacións (este procedemento pode ser un algoritmo ou algún outro que siga unha regra: por exemplo, lanzar un dado vinte mil veces a fin de xerar calquera número). Mais, que procedimento específico e finito pode xerar o infinito? Calquera procedemento que escollamos só nos dará algún número concreto. Consecuentemente, o infinito intuicionista é só potencial, a diferenza do "infinito oficial" que o concibe como "unha totalidade completa e acabada".[73] se ben esta diferenza é máis ben metafísica, argumentablemente sen consecuencias meirandes para a práctica matemática, é a introdución á diferenza sobre a concepción do continuo, que se ten tales consecuencias.
O concepto intuicionista do continuo[74] rexeita a concepción axiomática clásica (de Cantor e Zermelo etc), baseada na teoría de conxuntos e suxire utilizar unha especie de "principio de escolla" (choice principles[75] que Brouwer chama "secuencias de escollas libres"), baseado na intuición de que, entre dous puntos (ou números) calquera, un matemático pode escoller libremente outro punto ou número, e así indefinidamente: “O continuo lineal non pode esgotarse pola interpolación de novas unidades. E non pode polo tanto pensarse como unha simple colección de unidades.”.[76][77]).
A introdución de secuencias de escollas ten varias consecuencias[78] difíciles de aceptar para a matemática non intuicionista.[79] Como exemplos, a demostración intuicionista do teorema da barra (bar theorem[80]) e o teorema do abano (fan theorem[81]).
Á parte de Arend Heyting, outros matemáticos e lóxicos de nota influídos por esta visión inclúen: Hermann Weyl, que promoveu unha visión construtivista das matemáticas; a aplicación do intuicionismo á topoloxía por Alfred Tarski; os traballos matemáticos de Andrei Kolmogorov e os de Andrei Markov e os desenvolvementos dunha lóxica intuicionista por Saul Kripke.[82]
Entre os filósofos que continúan esta tradición atópase Michael Dummett.[83]
O construtivismo require para a proba da existencia dun obxecto matemático, que este poida ser atopado ou construído. Para esta escola non abonda coa proba por contradición clásica (redución ao absurdo) que consiste en supor que un obxecto X non existe e partindo desta premisa derivar unha contradición. Segundo os construtivistas tal procedemento non permite atopar o obxecto estudado e en consecuencia a súa existencia non está realmente probada.
O finitismo é unha forma extrema de constructivismo, de acordo á que un obxecto matemático non existe a menos que sexa construído partindo dos números naturais nun número de pasos finitos. En contraste, a maioría dos construtivistas admiten un conxunto de pasos infinito numerable. O defensor máis famoso do finitismo foi Leopold Kronecker, que dixo: "Deus creou os números naturais; o resto é obra do ser humano".[84] Aínda que a maioría dos construtivistas modernos teñen un punto de vista máis laxo, pódese buscar a orixe do construtivismo no traballo de Kronecker sobre o finitismo.
O estruturalismo considera as matemáticas principalmente como unha ciencia que se ocupa das estruturas xerais, é dicir, das relacións dos elementos dentro dun sistema.
O ficcionalismo considera que as proposicións e teorías matemáticas pretenden ser sobre obxectos matemáticos abstractos, como suxire o platonismo, mais non existen cousas tales como obxectos abstractos, e polo tanto as teorías matemáticas non son certas.[85]
O empirismo matemático[86] pode trazarse á obra Un sistema de lóxica de John Stuart Mill ao afirmar que as matemáticas son "a ciencia empírica de validez máis xeral".[87] Para Mill, os conceptos matemáticos proceden do mundo físico e as verdades da matemática son verdades sobre o mundo físico, aínda que dun carácter máis xeral. As verdades matemáticas serían as verdades máis xerais de todas.[88] Mill propuxo que os principios matemáticos e as conclusións da ciencia deductiva (como a xeometría, aritmética, álxebra...) son indutivas. Os axiomas baséanse na observación e na xeneralizacións a partir de experiencias repetidas. Por exemplo, 2 + 2 e 3 + 1 son necesariamente iguais porque un grupo de 4 cosas pode disporse en dous grupos de 2 cousas e nun grupo de 3 cousas e outro de 1. Mill anticipa que este punto de vista "debe esperarse a recepción máis desfavorable".[89] Gottlob Frege reprendeu moitas das ideas de Mill sobre a filosofía das matemáticas na súa obra Os fundamentos da aritmética.[90]
A pesar de que a suxestión de Mill non espertou grande interese entre matemáticos (P Kitcher: "o problema que moitas das súas formulacións son imprecisas (case convidando as coñecedas ironías de Frege) e, en adición, Mill só considera as máis rudimentarias partes da matemáticas"[91]), a idea básica foi eventualmente retomada por dous autores: Stephan Körner[92] e László Kalmár.[93] Para Körner, "as teorías científicas integradas na matemática funcionan e están xustificadas, xunto co seu marco de traballo matemático como constituíntes sincategoremáticos.[94] das proposicións empíricas ". Para Kalmar "os axiomas de calquera rama interesante das matemáticas foron extraídos orixinalmente, máis ou menos directamente, dos feitos empíricos, e as regras de inferencia empregadas nela orixinalmente manifestaron a súa validez universal na nosa práctica do pensamento; III) a consistencia da maioría dos nosos sistemas formais é un feito empírico, (e) aínda cando se demostrou, a aceptabilidade dos métodos metamatemáticos utilizados na proba (por exemplo indución transfinita ata ceerto ordinal construtivo) é de novo un feito empírico".[95]
Esta visión foi expandida por, entre outros, Philip Kitcher, quen busca sistematizala;[96] Carl E. Behrens, que suxire que "ao rehabilitar o empirismo de John Stuart Mill e combinalo co coñecemento cada vez maior da natureza da mente humana, podemos escapar do indefinible universo platónico da conciencia inmaterial e abandonar a busca va pola certeza que cubriu a filosofía dende os tempos dos gregos.[97]
O termo cuasi-empirismo foi introducido por Imre Lakatos[98] a fin de salientar un punto crucial da súa suxestión: "Unha teoría euclidiana pode ser proclamada verdadeira. Unha teoría cuasi-empírica pode (como moito) ser ben corroborada, mais é sempre conxectural. Adicionalmente, nunha teoría euclidiana os postulados verdadeiros básicos no "cumio" do sistema dedutivo (xeralmente chamados axiomas) demuestra, por así decilo, o resto do sistema; nunha teoría cuasi-empírica os postulados básicos (verdadeiros) son explicados polo resto do sistema".
"O cuasi-empirismo postula que para entender e explicar as matemáticas non abonda con analizar a súa estrutura lóxica nin a súa linguaxe senón que hai que estudar a súa práctica real, a maneira en que efectivamente as aplican os matemáticos, as ensinan os profesores e as aprenden os estudantes, a súa historia, as revolucións que ocorren nelas, os paradigmas e os programas que dominan, as comunidades de matemáticos, o tipo de retórica que se emprega nelas e o papel que ten o coñecemento matemático nas distintas sociedades e culturas".[99]
O psicoloxismo na filosofía das matemáticas é a posición en que os conceptos e / ou verdades matemáticas se basean en feitos (ou leis) psicolóxicos ou derívanse deles ou explícanse por eles. John Stuart Mill parece que foi un defensor dun tipo de psicoloxismo lóxico, ao igual que moitos lóxicos alemáns do século XIX como Christoph Sigwart e Johann Eduard Erdmann, así como unha serie de psicólogos, por exemplo, Gustave Le Bon.[100]
Gottlob Frege criticou o psicoloxismo nos seus Fundamentos da aritmética e en moitas das súas obras e ensaios, incluída a súa revisión da Filosofía da aritmética de Husserl. Edmund Husserl, no primeiro volume das súas Investigacións lóxicas, chamado "Prolegómenos á lóxica pura", criticou a fondo o psicoloxismo e procurou distanciarse del. O psicoloxismo tamén foi criticado por Charles Sanders Peirce e Maurice Merleau-Ponty. Non obstante, modernas revisións acusaron as críticas de Frege e Husserl de cometer peticións de principio, ademais de criticar as opinións de ambos sobre a natureza das leis lóxicas, especialmente que sexan necesarias e únicas, xa examinados nos artigos de Quine, que pediu un famoso regreso ao psicoloxismo.[100]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.