Remove ads
xeógrafa, cartógrafa, exploradora, escritora de viaxes e montañeira estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Fanny Bullock Workman (/ˈwɒrkˌmæn/), nada en Worcester, Massachusetts, o 8 de xaneiro de 1859 e finada en Cannes, Francia, o 22 de xaneiro de 1925, foi unha xeógrafa, cartógrafa, exploradora, escritora de viaxes e montañeira estadounidense, de forma notable no Himalaia. Foi unha das primeiras alpinistas profesionais femininas, e ademais de realizar exploracións escribiu varios libros sobre as súas viaxes. Marcou varios récords femininos de altitude, publicou oito libros de viaxe xunto ó seu esposo e promoveu os dereitos das mulleres e o sufraxio feminino.
Nada no seo dunha familia rica, Workman asistiu a algunhas das mellores escolas femininas da época e realizou varias viaxes a Europa. O seu casamento con William Hunter Workman cimentou a súa situación vantaxosa, e tras dar os seus primeiros pasos no montañismo en Nova Hampshire, Fanny viaxou por diversas partes do mundo xunto a el. Conseguiron capitalizar os seus recursos financeiros e os seus contactos para viaxar por toda Europa, polo norte de África e por Asia. A parella tivo dous fillos, ós que internaron en varias escolas e deixaron a cargo de varias coidadoras durante as súas viaxes. Fanny non se consideraba unha muller de familia e víase a si mesma como unha "Nova Muller" que podía igualar a calquera home. Os Workman comezaron as súas viaxes realizando varias xiras en bicicleta por Suíza, Francia, Italia, España, Alxeria e a India. Percorreron miles de quilómetros, parando a descansar alí onde atopaban un refuxio. Escribiron libros sobre cada unha das súas viaxes, nos que Fanny adoitaba comentar a situación das mulleres en cada lugar que visitaban. Estas primeiras obras narrativas sobre as súas viaxes en bicicleta obtiveron unha mellor recepción do público que os seus libros sobre montañismo.
Ao finalizar a súa viaxe en bicicleta pola India, a parella viaxou ata o Himalaia occidental e ata Karakorum durante os meses do verán, onde comezaron a realizar alpinismo de grande altitude. Volveron ata esta rexión, naquel momento inexplorada, oito veces máis durante os seguintes catorce anos. Malia non dispoñer de equipamento moderno de alpinismo, os Workman exploraron varios glaciares e acadaron os cumios de varias montañas, chegando eventualmente ós 7 000 metros do pico Pinnacle, marcando un récord feminino de altitude naquela época. Organizaron expedicións de varios anos de duración, mais tiveron problemas para manter unha boa relación cos traballadores locais. A súa procedencia de riqueza e privilexio nos Estados Unidos provocou que non conseguisen comprender a postura dos traballadores nativos e tivesen dificultades á hora de conseguir os servizos de portadores fiables.
Tralas súas viaxes ó Himalaia os Workman deron varias charlas sobre elas e recibiron invitacións de varias sociedades intelectuais da época. Fanny Workman converteuse na primeira muller estadounidense en dar unha charla na Sorbona, e a segunda en falar na Royal Geographical Society. Recibiu numerosas medallas de honra de sociedades europeas xeográficas e de montañismo, e foi recoñecida como unha das montañeiras máis importantes da súa época. Naquel momento demostrou que unha muller podía escalar a grandes altitudes da mesma forma que un home, contribuíndo a eliminar a barreira de xénero no alpinismo.
Workman naceu o 8 de xaneiro de 1859 en Worcester, Massachusetts, no seo dunha familia rica de clase alta descendente dos Pais Peregrinos, sendo a menor de tres irmáns. A súa nai era Elvira Hazard, e o seu pai era Alexander H. Bullock, home de negocios e gobernador Republicano de Massachusetts.[1][2][3] Fanny foi educada por varias institutrices antes de asistir á escola Miss Graham's Finishing School en Nova York, e despois pasou un tempo primeiro en París e despois en Dresden.[4] Thomas Pauly escribiu na súa biografía sobre Workman que "xa dende moi cedo a Fanny irritábanlle as restricións da súa posición de privilexio".[1] Consérvase un reducido número de historias escritas por Workman nesta época, que describen o seu interese na aventura.[1] Nunha delas, titulada "A Vacation Episode", describe a unha fermosa e aristócrata moza inglesa que desdeña a sociedade, escapa a Grindelwald, convértese nunha excelente alpinista e casa cun estadounidense. Segundo Michael Plint, esta historia resume gran parte da propia vida de Fanny, incluíndo o espírito viaxeiro, o amor polas montañas e o compromiso cos dereitos das mulleres.[5] No ano 1886 publicou un relato curto na revista New York ambientado na Primeira Guerra India, no que trata a captura e o rescate dunha "moza branca", que segundo unha mención no xornal The Record-Union, estaba "contada nun estilo moi pracenteiro".[6]
En 1879 Fanny volveu ós Estados Unidos e o 16 de xuño de 1882 casou con William Hunter Workman, quen era 12 anos maior ca ela. William procedía tamén dunha familia rica, asistira a Yale e estudara medicina en Harvard.[7][8] En 1884 tiveron unha filla, chamada Rachel.[9] William introduciu a Fanny no alpinismo tralo seu casamento,[4] e pasaron xuntos varios veráns nas Montañas Brancas de Nova Hampshire. Alí fixeron cumio no Monte Washington (1 918 m) en varias ocasións.[3][10] O montañismo nesta rexión do nordés dos Estados Unidos permitiulle a Fanny desenvolver as súas habilidades para o alpinismo xunto a outras mulleres. Ó contrario que os clubs europeos, os clubs de alpinismo estadounidenses das Montañas Brancas permitían membros femininos e animaban as mulleres a que practicasen esta actividade.[11] No seu artigo sobre dinámicas de xénero no alpinismo nesta rexión, Jenny Ernie-Steighner afirmou que esta experiencia formativa moldeou o compromiso de Workman cos dereitos das mulleres, indicando que "ningún outro montañeiro de fama internacional da época, home ou muller, falou abertamente e ferventemente sobre os dereitos das mulleres".[12] Porén, ós Workman desagradáballes a natureza provincial da vida en Worcester, e desexaban vivir en Europa. Trala morte dos pais de ámbolos dous, dos que herdaron considerables propiedades, a parella embarcouse na súa primeira viaxe por Europa, nunha xira por Escandinavia e Alemaña.[7]
En 1889 os Workman trasladáronse a vivir a Alemaña por mor de problemas de saúde de William, malia que segundo Pauly isto podería ter sido un simple pretexto, xa que este recuperouse moi rapidamente unha vez alí.[7] O segundo fillo da parella, Siegfried, naceu ó pouco tempo da súa chegada a Dresden.[7] Porén, Fanny non quería conformarse cos papeis tradicionais de esposa e nai, procurando converterse nunha autora e aventureira,[13] levando unha vigorosa vida que se diferenciaba do ideal de feminidade do século XIX.[14] Como feminista, Fanny considerábase a si mesma un exemplo da idea de que as mulleres podían igualar e superar os homes nos traballos da vida,[14] e segundo Luree Miller personificou os valores da "Nova Muller" da época.[14] Miller indica tamén no seu libro sobre mulleres exploradoras que, xa que a familia ideal daquela época era unha familia numerosa e a información sobre a contracepción non era doada de conseguir, os coñecementos médicos de William foron de gran valor para o ideal de Fanny.[15] Os Workman deixaron os seus fillos ó cargo de coidadoras mentres realizaban longas viaxes.[16] No ano 1893 Siegfried faleceu a causa dunha combinación de gripe e pneumonía. Trala súa morte, segundo Pauly, Fanny "perseguiu de forma agresiva unha identidade alternativa" por medio das súas viaxes en bicicleta, "unha que a liberara das responsabilidades convencionais de esposa e nai e que lle permitise os seus intereses e ambicións".[17]
Entre os anos 1888 e 1893 os Workman realizaron xiras en bicicleta por Suíza, Francia e Italia. En 1891 Fanny converteuse nunha das primeiras mulleres en escalar o Mont Blanc.[18] Foi tamén unha das primeiras mulleres en subir ó Jungfrau e ó Matterhorn, levando como guía a Peter Taugwalder, quen fixera a primeira ascensión a este último monte xunto a Edward Whymper.[4] En 1893 a parella decidiu explorar territorios máis aló de Europa e viaxou ata Alxeria, Indochina e a India.[19] Estas viaxes a sitios máis remotos foron idea de Fanny.[9] A primeira viaxe longa da parella foi unha xira de 4 500 km en bicicleta por España no ano 1895. Nesta viaxe cada un deles levaba consigo uns 9 kg de equipaxe, e realizaron unha media de 72 km por día, acadando algúns días os 130 km. Ao finalizar escribiron en coautoría a obra Sketches Awheel in Modern Iberia, na que describiron as súas vivencias nesta viaxe.[9] Nesta obra describiron a España daquela época como "rústica, pintoresca e cativadora".[20] Na obra Algerian Memories Fanny centrouse na beleza e no romanticismo do rural, evitando realizar comentarios sobre as malas condicións urbanas. Porén, si destacou nesta obra a existencia dun abuso e neglixencia de cara ás mulleres na sociedade alxerina.[20]
A viaxe dos Workman pola India, Birmania, Ceilán e Xava durou dous anos e medio, comezando en novembro de 1897, e cubrindo uns 23 000 km. Naquel momento Fanny tiña 38 anos e William 50. Pedalearon uns 6 400 km dende o extremo sur da India ata o Himalaia no norte. Para asegurarse o acceso ás subministracións, circularon por vías principais preto de liñas de ferrocarril, e nalgunha ocasión víronse obrigados a durmir nas salas de espera das estacións de tren cando non conseguían sitio dispoñible noutro lugar. Levaron consigo pouca subministración, incluíndo té, azucre, galletas, queixo, carne en lata, auga, almofadas, unha manta para cada un, material de escritura, unha caixa de urxencias e un equipo de reparación.[21] Deixaron as bicicletas cando chegaron ó extremo norte da súa viaxe, atravesando a pé pasos de montaña a entre 4 300 e 5 500 metros de altitude.[21][22] A súa viaxe foi dura: adoitaban ter pouca comida ou auga, lidaron con enxames de mosquitos, tiveron que amañar ata 40 picadas por día e durmiron en cuartos infestados de ratas.[23] O libro que escribiron tras esta viaxe destacaba máis a antiga arquitectura que viron no lugar que a cultura local coetánea.[22]
Fanny Workman menciona en My Asiatic Wanderings sobre a India: "Rodei a través de moitas paisaxes encantadoras, nos arboredos de palmas e figueiras de Orissa, Sobre as ladeiras verdes e escarlatas do Terai... Mais nunca rodei 1 200 millas nun país continuamente tan fermoso".[24] Os Workman posuían un nivel de coñecementos de historia da India pouco habitual nos occidentais da época, e leran o Jakata, o Mahabharata e o Rāmāyaṇa antes de partir nesta viaxe. Segundo Miller, estaban ansiosos por aprender sobre a cultura que producira estas obras épicas e pasaron máis tempo estudando a historia antiga do lugar que interactuando cos seus habitantes.[23]
Durante o verán de 1898 a parella decidiu escapar da calor e explorar o Himalaia occidental e Karakorum. Tras isto tiñan a intención de explorar o territorio ó redor do Kanchenjunga en Sikkim, e finalmente viaxar ás montañas fronteirizas con Bután no leste. Porén, as dificultades burocráticas e os problemas atmosféricos abondaron e impedíronlles levar a cabo estes plans.[25] O seu principal problema foi o relativo ós traballadores locais. Contrataron a 45 portadores, equipados de forma básica para a viaxe por montaña, e mercaron provisións, mais os custos aumentaron de forma desproporcionada en canto as novas sobre dous ricos americanos comezaron a circular polas vilas da zona. Non puideron partir ata o 3 de outubro, e para entón o frío estaba achegándose.[25] Os Workman queixáronse nos seus escritos dos portadores que contrataran, cos que era difícil traballar[22] e que rexeitaban camiñar máis de 8 km por día.[25] A tres días de comezar a súa viaxe, os Workman toparon coa neve e os seus portadores rebeláronse e rexeitaron seguir traballando nesas condicións de frío, obrigando a que o grupo ó completo tivese que retirarse a Darjeeling.[22]
Os Workman tiveron que enfrontar problemas laborais continuamente, precisando de portadores locais para levar o seu equipo xa que eles sós non eran capaces de transportar o equipo suficiente para unha expedición de varios meses. Tiñan que transportar tendas Mummery, sacos de durmir, cámaras fotográficas, instrumentos científicos e unha gran cantidade de comida.[26][27] Os portadores que contrataron eran escépticos de toda esta aventura.[27] Os nativos case nunca escalaban as montañas da zona e non estaban afeitos a recibir ordes dunha muller, o que dificultaba a posición de Fanny.[27] Os Workman tentaron resolver estes problemas con condescendencia e arbitrio. Kenneth Mason mantén na súa historia de montañismo no Himalaia, escrita en 1955, que "os Workman foron, nas súas viaxes, vítimas dos seus propios defectos. Foron demasiado impacientes e poucas veces tentaron comprender a mentalidade dos portadores e por iso non conseguiron sacar o mellor deles".[28]
Os problemas de traballo asolaron tódalas súas expedicións porque, segundo Miller, "case os únicos viaxeiros vitorianos, os Workman non tiñan ningunha simpatía ou incluso sentido común para entender ós nativos, irrompendo nas súas vilas remotas con trens de seguidores esixindo servizos e subministracións".[29] No seu capítulo sobre Workman, Miller argumenta que a parella, sendo estadounidense, non tiña o mesmo sentido da casta ou clase que os exploradores británicos: "os Workman, como a maioría dos seus compatriotas, somerxíanse nos seus proxectos de cabeza, agardando que a súa enorme enerxía fose suficiente para superar tódolos obstáculos. Os británicos criticáronos xustamente polo seu insensible e incompetente comportamento cara ós indios".[30]
"Respiramos a atmosfera daquel gran mundo-montaña, bebemos das arremuiñadas augas dos seus glaciares, e démonos un festín para os nosos ollos coa incomparable fermosura e maxestosidade dos seus elevados picos, e, segundo pasaba o tempo, os seus encantos reafirmaron o seu poder de novo e convocáronos con irresistibles cantos de serea para volver unha vez máis a aquelas rexións, dunha grandeza tal que satisfai inconmensurablemente o sentido do fermoso e do sublime". —Fanny e William Workman, The Call of the Snowy Hispar (Tradución do orixinal)[26] |
Trala súa viaxe inicial ó Himalaia, os Workman quedaron fascinados co alpinismo e o montañismo. Durante un período de 14 anos viaxaron oito veces ata esta zona, que naquel entón estaba case inexplorada por completo e sen cartografar.[9][31] Fixeron estas viaxes sen os beneficios do equipamento lixeiro moderno, da comida seca conxelada, da protección solar ou da comunicación por radio. En cada unha das súas expedicións exploraron, realizaron sondaxes e fotografaron o terreo, para posteriormente escribir informes dos seus descubrimentos e xerar mapas da zona.[31] A parella compartía e alternaba as responsabilidades: un ano Fanny organizaba a loxística da viaxe mentres que William traballaba nos proxectos científicos, e o seguinte ano intercambiaban os papeis.[32]
Trala súa primeira viaxe ó Himalaia e os problemas sufridos alí cos traballadores locais, os Workman contrataron a Matthias Zurbriggen, o guía de alpinismo máis experimentado naquela época.[33] En 1899, xunto a 50 portadores locais e a Zurbriggen, os Workman comezaron a explorar o glaciar Biafo en Karakorum, mais as perigosas crevasses e o mal tempo obrigáronos a dirixirse no seu lugar ó glaciar Skoro La e ós picos non escalados dos seus arredores. Chegaron ó cumio Siegfriedhorn, un pico de 5 700 m de altitude que Fanny nomeou polo seu fillo, o que supoñía un récord de altitude feminino naquel momento.[9][34] A continuación acamparon a uns 5,200 m e escalaron un pico máis alto de 5 930 m, nomeándoo Monte Bullock Workman.[a][36] Dende alí divisaron unha montaña ao lonxe, comentando sobre as fermosas vistas. Aquela era o K2, a segunda montaña máis alta da Terra, sendo Fanny Workman a primeira muller en vela en persoa.[37] Finalmente subiron os 6 400 m de Koser Gunge, dándolle a Fanny o seu terceiro récord sucesivo de altitude.[38] A escalada foi desafiante, e para realizala víronse obrigados a contratar a novos portadores, a establecer un novo campo base e a pasar a noite a uns 5 500 m de altitude. Pola mañá, escalaron unha parede de 370 m, sufrindo os golpes do vento. Durante o último treito cara ó cumio, os dedos de Fanny estaban tan entumecidos que non era capaz de manter o seu piolet e un dos portadores abandonounos. Segundo Pauly: "propulsados cara a cima pola adrenalina e a desesperación, o cuarteto demorouse só o suficiente para comprobar cos seus instrumentos que a temperatura era de dez graos Fahrenheit [−12 °C] e a súa elevación era 21 000 pés [6 400 m]".[36] Segundo Pauly, Fanny era unha escaladora "pausada, incansable e intrépida".[36] Os Workman non contaban naquel entón con equipamento especializado como pitóns ou mosquetóns, e Pauly argumentou que foi capaz de escalar tales alturas grazas "a súa intrépida persistencia e a súa inmunidade ao mal da montaña".[36]
En canto puido, Fanny Workman publicou informes das súas fazañas, como por exemplo nun artigo da revista Scottish Geographical Magazine.[39] Describindo a súa viaxe de forma extensa na obra In the Ice World of the Himalayas, Fanny procurou incluír datos e resultados de experimentos científicos, promovendo o seu propio barómetro modificado como un instrumento superior, mais os críticos especializados non quedaron impresionados e destacaron a súa falta de coñecementos científicos.[40] A crítica popular foi máis favorable co libro, cun crítico en particular afirmando que "Non dubidamos ó dicir que o Doutor e a Señora Workman escribiron un dos libros de viaxes máis destacados dos últimos anos".[41]
En 1902 os Workman volveron ó Himalaia e convertéronse nos primeiros occidentais en explorar o glaciar Chogo Lungma, comezando dende Arandu.[28][38] Contrataron a 80 portadores para levar catro toneladas de subministración, mais a súa exploración viuse limitada polas continuas neves e por unha treboada que durou 60 horas.[42] En 1903 camiñaron ata o glaciar Hoh Lumba xunto ó guía Cyprien Savoye. Tamén intentaron escalar a montaña próxima que eles denominaron pico Pirámide.[b] Acamparon a primeira noite a uns 4 900 m e a segunda a uns 5 700 m. Os problemas de saúde dun portador obrigounos a acampar a terceira noite a 5 900 m en lugar dos 6 100 m que tiñan planeado, e eventualmente tiveron que deixalo atrás. Escalaron un pico de 6 878 m, o que supuxo un novo récord feminino de altitude. William e un portador escalaron cara ao cumio en forma de agulla, o obxectivo da expedición. Porén, abandonou o intento de facer cumio a uns poucos metros de chegar, ao decatarse de que en caso de continuar non serían capaces de descender posteriormente ata unha altitude segura antes de verse afectados polo mal de montaña.[43] Á volta destas viaxes os Workman deron varias charlas por toda Europa, en inglés, alemán ou francés segundo requirise a ocasión. Nunha das charlas en Lión, tiveron unha audiencia de 1 000 persoas, e outras 700 tiveron que quedar fóra.[35] En 1905 Fanny converteuse na segunda muller en comparecer na Royal Geographical Society,[c][38][44] e a súa charla tivo unha mención no xornal The Times.[45]
Os Workman volveron a Caxemira en 1906, converténdose nos primeiros occidentais en explorar o macizo Nun Kun. Para esta viaxe a parella contratou a seis portadores procedentes dos Alpes xunto a 200 portadores locais, e volveron a contar con Savoye como guía.[46] Isserman, Weaver e Molenaar explican na súa historia sobre o montañismo no Himalaia que os Workman detestaban os portadores locais pero víanse obrigados a contratalos.[47] Planearon unha secuencia de catro campos dende os 5 382 m ata os 6 400 m. Malia ter de novo problemas cos portadores, os Workman pasaron a noite a maior altitude que ningún montañeiro antes, a uns 6 181 m no cumio Z1 de Nun Kun, ó que eles chamaron "Campo América".[48][49] William escribiu o seguinte sobre Fanny:
Concentraba a súa atención na meta á vista, habitualmente ignorando as dificultades e incluso os perigos que podían aparecer no camiño cara ó logro. Marchaba cara adiante cunha determinación de triunfar e unha coraxe que lle reportou o éxito no que un esforzo menos decidido tería fallado. Cría en aproveitarse das vantaxes de tódalas oportunidades. Non era unha derrotista, e nunca era a primeira en suxerir dar a volta fronte a circunstancias desalentadoras.Tradución do orixinal[32]
O mapa que cartografaron durante esta viaxe foi de baixa calidade. Segundo indica Mason, a parella non posuía un bo sentido da dirección topográfica, polo que as súas medicións eran imprecisas e inútiles para a axencia Survey of India.[50]
En 1906, ós 47 anos de idade, Workman escalou o pico Pinnacle de 6 930 metros (segundo a súa propia medición 7 091 m), un pico subsidiario do macizo Nun Kun no Himalaia occidental. Este foi o seu maior logro no ámbito do alpinismo. Isserman, Weaver e Molenaar destacaron que "o feito de que escalase a montaña nun principio, sen os beneficios do equipamento moderno e co estorbo das súas voluminosas saias, é un testemuño da súa habilidade e da súa determinación".[51] O récord feminino de altitude que marcou con esta ascensión durou ata que Hetti Dhyrenfurth ascendeu no ano 1934 o Sia Kangri C (7 273 m).[51] Crendo que ámbolos dous superaran a marca dos 7 000 m, Fanny e William considerábanse a si mesmos os principais expertos da escalada a grandes altitudes.[46]
Workman defendeu vigorosamente o seu récord de altitude do pico Pinnacle perante tódalas outras reclamacións, especialmente a de Annie Smith Peck, que no ano 1908 afirmara ter marcado un novo récord coa súa ascensión do Huascarán no Perú, do que ela afirmaba era de 7 000 m de altitude. Porén, a súa información sobre a altura deste pico era errónea e esaxerara varias distancias que non fora capaz de medir.[52] Workman era tan competitiva que lle pagou 13 000 $ a un equipo de inspectores franceses do Service Géographique de l'Armée para que medisen a elevación desta montaña peruana, que finalmente quedou en 6 768 m, o que confirmaba o seu propio récord.[9][53] Segundo Pauly, "ironicamente, a súa determinación de probarse como igual a calquera home a altas elevacións culminou nun ataque devastador contra outra muller estadounidense que tratou de superala".[13] Determinada a ser a mellor muller no seu ámbito, Workman gardaba meticulosamente un rexistro dos seus fitos, para utilizalos como probas dos seus logros. Pauly chegou a conclusión de que "se Fanny Workman recibe algunha vez o recoñecemento que merece pola súa determinación feminista para sobresaír neste naquel entón deporte masculino, será seguramente recordada tanto pola súa insistencia no mantemento preciso de rexistros coma polas altitudes ás que chegou".[13]
En 1908 os Workman volveron ó Karakorum e exploraron o glaciar Hispar de 61 km de lonxitude na rexión Hunza Nagar. Foron dende Gilgit ata Nagir atravesando o paso do Hispar (5 300 m) e cara ó glaciar Biafo de 60 km de lonxitude ata Askole.[28] A súa travesía total destes glaciares era outro récord, sendo Fanny a primeira muller en atravesar un glaciar deste tamaño no Himalaia.[53] Os Workman foron os primeiros en explorar os múltiples glaciares da zona, e os mapas creados polos seus portadores italianos serviron para cartografar a rexión por primeira vez.[54] Rexistraron os efectos fisiolóxicos da grande altitude, estudaron os glaciares e os pináculos de xeo e tomaron medidas meteorolóxicas, incluíndo datos de altitude rexistrados con barómetros aneroides e termómetros de punto de ebulición.[55]
A súa exploración do glaciar Rose e do glaciar Siachen de 72 km de lonxitude en Baltistan ó redor de Masherbrum nos anos 1911 e 1912 foi o logro máis importante da súa carreira, xa que naquel momento era o glaciar subpolar máis longo do mundo, ademais de ser o glaciar menos explorado e accesible naquel momento.[51] Durante dous meses a parella explorou o glaciar, escalou varias montañas e cartografou a zona. Pasaron todo este tempo a máis de 4 600 m, chegando ó máis alto do Indira Col, ó que nomearon.[56] Nesta expedición un dos seus guías italianos caeu nunha crevasse e faleceu. Segundo a propia Fanny, ela "librouse de compartir o seu funesto destino de forma milagrosa".[57] Os compoñentes restantes do grupo quedaron visiblemente afectados pero decidiron continuar coa expedición.[57] Fanny liderounos a través do paso Sia La (5 700 m) preto da cabeza do glaciar Siachen e atravesando unha rexión previamente inexplorada ata o glaciar Kaberi. Esta exploración e o libro resultante considéranse algúns dos seus maiores éxitos.[58] Fanny describiu no seu libro Two Summers in the Ice-Wilds of Eastern Karakoram como ela organizara e liderara esta expedición: "O doutor Hunter Workman acompañoume, nesta ocasión, ao cargo xunto comigo do commissariat e como fotógrafo e glaciólogo, pero eu fun a líder responsable desta expedición, e cos meus esforzos, en gran medida, dependeu o éxito ou fallo desta."[59] Nun altiplano a 6 400 m de altitude, Fanny despregou un xornal que poñía "Votes for Women" ("Votos para as Mulleres") e o seu esposo tomou unha fotografía icónica do feito.[9][60] Nesta expedición acompañáronos guías e exploradores alpinos entre os que se atopaban Grant Peterkin e Surjan Singh,[61] cuxa contribución asegurou que, ó contrario que moitos outros dos mapas que os Workman axudaran a crear, o seu mapa do glaciar Siachen se mantivese indiscutido durante moitos anos.[62]
Os Workman non asistiron ó casamento da súa filla con Alexander MacRobert en 1911,[63] xa que naquel entón estaban embarcados na súa exploración do Karakorum.[64] Tras esta viaxe, no 1912 a parella centrouse na escritura e nas charlas, principalmente por mor do inicio da Primeira guerra mundial en 1914.[65] Fanny Workman converteuse na primeira muller estadounidense en impartir unha charla na Sorbona de París.[9] Foi tamén unha das primeiras mulleres admitidas como membro da Royal Geographical Society, distinción que gañou grazas a que as súas publicacións incluían observacións científicas sobre a glaciación e outros fenómenos.[13] Obtivo medallas de honra de 10 sociedades xeográficas europeas, e foi eventualmente escollida como membro do American Alpine Club, da Royal Asiatic Society, do Club Alpino Italiano, do Deutscher und Österreichischer Alpenverein e do Club alpin français.[9] Fanny amosábase moi orgullosa destes logros, listándoos nas páxinas de título dos seus libros.[31]
Fanny Workman caeu enferma en 1917 e faleceu tras un longo período de enfermidade no ano 1925 en Cannes, Francia. As súas cinzas soterráronse en Massachusetts, e foron posteriormente soterradas de novo xunto as do seu esposo baixo un monumento no Rural Cemetery de Worcester, cunha inscrición que di "Exploradores Pioneiros do Himalaia". No seu testamento legou 125 000 $ a catro colleges: Radcliffe, Wellesley, Smith e Bryn Mawr,[2][9][65][66][67] doazóns coas que demostraba o seu perdurable interese no avance dos dereitos da muller e a súa convicción de que as mulleres eran iguais ós homes.[68]
Fanny e William exploraron xuntos varias partes do mundo e foron coautores de oito libros de viaxes nos que describiron as xentes, a arte e a arquitectura dos lugares polos que viaxaron. Os Workman eran conscientes da súa contribución ó xénero da literatura de viaxes, realizando comentarios sobre outros escritores do xénero nas súas propias obras.[41] As súas narracións sobre alpinismo tratan escasamente sobre as culturas desas remotas e pouco habitadas rexións, inclúen descricións líricas das paisaxes ou do anoitecer dirixidas á súa audiencia máis xeral, mais inclúen tamén explicacións detalladas de diversas características xeográficas, como glaciares, dirixidas á súa audiencia científica.[69] Fanny e William engadiron elementos científicos ós seus escritos para chamar a atención de organizacións como a Royal Geographical Society. Fanny consideraba que a ciencia axudaría á súa lexitimidade a ollos da comunidade montañeira, malia supoñer unha redución do número total de lectores.[46] En xeral as súas obras sobre viaxes en bicicleta obtiveron unha mellor acollida de público que as das súas exploracións de alpinismo.[70] Fanny escribiu a maioría destes libros de viaxes ela mesma, nos que realizou extensos comentarios sobre os problemas sociais das mulleres dos lugares ós que viaxaba.[13][19]
Stephanie Tingley escribiu na súa entrada enciclopédica sobre a literatura de viaxes de Workman que esta contén unha crítica feminista implícita sobre as dificultades que experimentaban as mulleres e o seu status social inferior nas sociedades que atopaba.[71] Promotora aberta e de fortes conviccións dos dereitos da muller, Workman utilizou as súas viaxes para demostrar as súas propias capacidades e para destacar as desigualdades que sufrían outras mulleres.[19] Porén, os seus libros de viaxes están escritos nunha perspectiva de primeira persoa plural ou de terceira persoa singular, polo que resulta difícil atribuír de forma decisiva as visións ou voces ben a William ou ben a Fanny.[71] Segundo Tingley, as obras dos Workman son colonialistas no sentido de que describen as xentes que coñeceron e observaron como "exóticas ou pouco habituais, nos peores casos primitivas ou incluso subhumanas".[71] Non obstante, en ocasións clarifican que as persoas que atopaban víanos a eles dunha forma semellante, demostrando que eles mesmos se decataron en varias ocasións dos seus propios prexuízos.[71]
"O obxectivo de situar o meu nome completo en conexión coa expedición [ó glaciar Siachen] ... non é porque desexo en absoluto impulsar a miña imaxe, mais soamente porque nos logros das mulleres, agora e no futuro, debería darse a coñecer e deixar constancia escrita de que unha muller foi a iniciadora e líder especial desta expedición. Cando, posteriormente, a muller ocupe a súa posición recoñecida como traballadora individual en tódolos campos, así como nos da exploración, non se precisará tal énfase do seu traballo; mais ese día non chegou aínda por completo, e actualmente correspóndelle ás mulleres, polo beneficio do seu sexo, deixar rexistro do que fan, como mínimo." |
Tódolos libros indican a Fanny Bullock Workman e a William Hunter Workman como coautores.
Xunto a Annie Smith Peck, Workman foi recoñecida a comezos do século XX como unha das alpinistas máis famosas do mundo.[72] A súa rivalidade demostrou que as mulleres podían escalar os terreos máis remotos e difíciles do planeta. As mulleres levaban practicando o alpinismo de forma regular nos Alpes dende os anos 1850, mais no Himalaia o montañismo estivera ata entón dominado na súa maioría por homes de clase alta procedentes de Inglaterra.[73] Ningunha outra muller escalou o Himalaia ata tempo despois da Primeira guerra mundial, e para entón as melloras no equipamento e organización supuxeron un cambio na natureza dos riscos e dificultades deste tipo de expedicións.[74]
Workman, apaixonada feminista e promotora do sufraxio feminino, procurou conseguir que os seus lectores entendesen como as súas contribucións e logros reflectían o potencial de tódalas mulleres.[69] Nos seus textos Workman describiuse a si mesma como "cuestionando ou violando as normas da propiedade vitoriana feminina".[59] Demostrou que as mulleres eran o suficientemente fortes para prosperar fóra do fogar grazas á súa facilidade para soportar actividades físicas extenuantes, coma rodar grandes distancias en bicicleta en lugares cálidos e húmidos ou na práctica do montañismo a baixas temperaturas e grandes altitudes.[59] Workman presentou un reto nun ámbito ata entón só masculino. O seu obituario no Alpine Journal aludiu ós desafíos ós que tivo que enfrontarse, afirmando que "sentía que sufría de 'antagonismo sexual'".[75] O autor desta peza engadiu: "é posible que algún sentimento inconsciente nos deixe afirmar que a novidade da intrusión dunha muller no dominio da exploración tanto tempo reservado ó home, pode nalgúns termos ter existido ... e tendeu a alzar ... unha atmosfera, digamos de indiferenza?"[75] Porén, no seu estudo sobre o montañismo na época Vitoriana, Ann Colley suxeriu que a discriminación por xénero era máis aberta a baixas altitudes e na vida diaria que nas grandes altitudes, coma as do Himalaia. Colley afirmou: "Lonxe de tan insignificante opinión emanando das presións sociais, nas alturas, por riba da liña de neve ou en rexións distantes, as mulleres escaladoras podían experimentar a igualdade e o poder máis plenamente ... Se así o desexaban, podían ser tan deportivas ou competitivas coma os homes".[76] Na súa entrada sobre Workman no Dictionary of Literary Biography, Tingley cualifica a Workman como "agresiva, determinada, e inflexible muller viaxeira estadounidense do cambio de século", e di dela que foi "unha das primeiras mulleres en traballar como alpinista e topógrafa profesional e en escribir sobre as expedicións que realizou xunto ó seu esposo ós confíns máis remotos do Himalaia. Foi unha defensora aberta do sufraxio feminino e deixou claro que se consideraba un modelo a seguir para outras mulleres viaxeiras e montañeiras".[8]
Como resultado das doazóns que Workman deixou no seu testamento, o Wellesley College ofrece unha bolsa de estudos anual de 16 000 $ co nome de Fanny Workman para estudos de grao en calquera disciplina.[77] Pola súa banda, Bryn Mawr estableceu a Bolsa de Viaxe Fanny Bullock Workman, outorgada a candidatos a doutoramento en filosofía nas disciplinas de arqueoloxía ou historia da arte.[78]
O gran número de libros e artigos publicados polos Workman son segundo Mason "aínda útiles", especialmente polas súas fotografías e ilustracións, malia que os seus mapas son "enganosos e non sempre fiables".[79] Segundo Beth Kraig, malia que os Workman sobresaíron nas descricións de condicións meteorolóxicas, da glacioloxía e de como as grandes altitudes afectan á saúde e ó estado físico dos humanos, foron malos topógrafos.[2] Os Workman foron dos primeiros montañeiros en decatarse de que o Himalaia era o lugar do desafío definitivo para o alpinismo, e as súas exploracións contribuíron a que o montañismo evolucionase dende un entretemento enérxico ata un deporte serio, competitivo e regrado.[80] Segundo Isserman, Weaver e Molenaar, "ninguén podía dubidar de que os Workman eran intrépidos exploradores e escaladores, mais tamén foron agresivos autopromotores que no seu ímpeto por acadar recoñecemento e honras esaxeraron nalgunhas ocasións a orixinalidade e importancia dos seus logros".[38] Na súa consideración final estes autores indican que "rexistraron máis millas e escalaron máis picos que ninguén ata aquela data; produciran cinco volumes de exploración suntuosamente ilustrados e amplamente lidos; e por simple virtude do seu sexo, por suposto Fanny marcou un precedente no Himalaia de incalculable valor. Mais os Workman non eran grandes montañeiros. Como moito eran vigorosos e competentes clientes que seguían con destreza ós pasos gañados a pulso dos seus guías italianos".[66] Non obstante, Pauly escribiu que "os poucos recontos recentes sobre Fanny Workman tenderon a desprezar ou menosprezar os seus logros, mais os seus coetáneos, descoñecedores dos logros que aínda estaban por chegar, tiñan ós Workman en alta estima".[81] Os Workman foron tamén os primeiros estadounidenses en explorar o Himalaia en profundidade, rachando desta forma o monopolio que mantiñan os británicos sobre o montañismo nesa cordilleira.[66]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.