Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A deusa da mitoloxía grega Eurínome pertence á primeira xeración de Titáns. O seu nome significa "amplo goberno". Era unha oceánide, filla de Océano e Tetis.
Antes de que Cronos se fixera co poder do universo, Eurínome gobernaba no Olimpo xunto ó seu esposo Ofión. Pero como el gabábase de ser o creador do universo, Eurínome deulle unha patada na boca, arrincoulle os dentes e botouno a unha cova subterránea. Outra versión di que foron desprazados por Cronos e Rea cando aquel derrocou a Urano e que foron desterrados -ou refuxiáronse- ó fondo do mar; ou, segundo outras fontes, ó Tártaro.
Foron acollidos por Tetis, e Eurínome salvou a vida e coidou a Hefesto cando este foi botado do Olimpo por Zeus, a causa da súa fealdade (ou por Hera, a súa nai, avergoñada pola súa coxeira). Outra tradición di que Zeus botou a Hefesto do Olimpo por defender a Hera nunha discusión co deus.
Uníndose a Zeus foi a nai das tres Cárites (ou Grazas), Aglaia, Eufrósine e Talía, e tamén -segundo algúns autores- do deus río Asopo.
[Zeus... enxendrou] "...de Eurínome, filla de Océano, as Cárites, Aglaia, Eufrósine e Talía".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 3, 1.)
"Eurínome, filla de Océano, de moi agradable aspecto, deulle [a Zeus] as tres Grazas, de fermosas meixelas, Aglaia, Eufrósine e a encantadora Talía".(Hesíodo: Teogonía 907-910)
"O río Asopo era fillo de Océano e Tetis, ou de Pero e Poseidón, segundo di Acusilao, ou de Zeus e Eurínome, segundo outros" .(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 12, 6)
Eurínome tivo un templo en Figalia (Arcadia). Pausanias conta que a estatua da deusa tiña as pernas de peixe e o tronco e cabeza de muller.
"Uns doce estadios máis arriba de Figalia hai uns baños termais, e non lonxe destes o Límax vai dar ó Neda. No lugar onde conflúen as súas correntes hai un santuario de Eurínome, sagrado desde antigo e de difícil acceso pola aspereza do lugar... O pobo dos figaleos cre que Eurínome é un sobrenome de Ártemis. Os que herdaron antigas tradicións din que Eurínome é unha filla de Océano... Cada ano no mesmo día abren o santuario de Eurínome, pero o resto do tempo está establecido entre eles non abrir. Nesta ocasión fan sacrificios tanto públicos como privados. Non me foi posible chegar a tempo da festa, nin vin a imaxe de Eurínome, pero escoitei ós figaleos que estatua está atada con cadeas de ouro e que é unha figura de muller ata as coxas, e desde aquí un peixe. O peixe permitiría recoñecer nela á filla de Océano, que vive nas profundidades do mar xunto con Tetis. Pero é imposible con probabilidade rezoable que Ártemis teña tal figura".(Pausanias: Geografía de Grecia VIII, 41, 4-6)
Robert Graves recolle así o mito pelasgo da creación [1] no que se refire a Eurínome:
Eurínome a Creadora alzouse núa do Caos e separou os mares do firmamento, sen atopar terra firme. Bailando sobre as ondas levantou o vento do norte e, dándose a volta, agarrouno e fretouno entre as mans, ata que apareceu a serpe Ofión. Seguiu bailando para quentarse, de forma salvaxe, e Ofión, excitado, enrodelouse nas súas pernas e copulou con ela, quedando preñada [2]. Tomando a forma dunha pomba puxo un ovo (o Ovo Universal). Ofión enrodelouse sete veces ó redor do ovo que, unha vez chocado, abriuse en dous e del foron xurdindo todo o que existe, os seus fillos: o sol, a lúa, os planetas, as estrelas, e a terra coas súas montañas e ríos, árbores e tódolos seres vivos [3].
O primeiro home foi Pelasgo, que naceu da Terra na Arcadia, e logo naceron máis. Eurínome ensinoulles a construír cabanas, a alimentarse de landras e a vestirse.
A deusa tamén creou as sete potencias planetarias, e encomendou o seu coidado a un titán e unha titánide: o Sol baixo o control de Tía e Hiperión; a Lúa, para Febe e Atlas; o planeta Marte, para Dione e Crío; Mercurio, para Metis e Ceo; Xúpiter, para Temis e Eurimedonte; Venus, para Tetis e Océano; e Saturno para Cronos e Rea.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.